Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Snapchat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Snapchat

Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónStanford, Estados Unidos de América Estados Unidos
Persoas claveEvan Spiegel e Robert Murphy
Industriasoftware, Internet, mensaxería
Na rede
https://www.snapchat.com/
Facebook: 100064277281615 Twitter: Snapchat Instagram: snapchat Youtube: UCFlFU7Px-ez8S69KvOwzUvg TikTok: snapchat Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Snapchat é unha aplicación móbil gratuíta desenvolvida por Evan Spiegel e Robert Murphy que permite enviar fotografías, vídeos e mensaxes de texto que se autodestrúen aos dez segundos, como máximo. Estes contidos son coñecidos como Snaps.

A aplicación pódese descargar dende a App Store para dispositivos Apple e dende a Play Store para dispositivos Android. Na Play Store está catalogada dentro do nivel de madureza medio[1] e na App Store para 12+.[2]

Snapchat foi lanzada en setembro de 2011 na App Store. Evan Spiegel e Robert Murphy, estudantes na Universidade Stanford, quixeron dar un xiro ás modas das fotografías retocadas e con filtros para crear un espazo onde se puidesen compartir imaxes incómodas e divertidas.[3]

En 2013, Facebook ofreceu 3000 millóns de dólares pola aplicación, a oferta máis cara que a empresa tería feito ata a data.[4] O 31 de decembro de 2013, un usuario violou a seguridade deSnapchat e relacionou 4,6 millóns de números de teléfonos dunha base de datos cos seus nomes de usuario. A compañía, mediante un comunicado no seu blog, asegurou dous días despois que ningunha outra información ou contido audiovisual se filtrou.[5]

Funcionamento[6]

[editar | editar a fonte]
Evan Spiegel, fundador de Snapchat

Unha vez descargada a aplicación, o rexistro é obrigatorio para usala. Para rexistrarse é necesario completar o correo electrónico, un contrasinal e a data de nacemento, ademais de aceptar as condicións de uso e confirmar a lectura da política de privacidade. Tamén se ha de escoller un nome de usuario e, se se quere, pódese rexistrar o número de teléfono. Para evitar contas fantasma, incluíuse tamén un filtro antirrobots.

Ao abrirse a aplicación aparece a pantalla principal, que permite facer fotos ou vídeos, engadir texto ou debuxos a estes, activar ou desactivar o flash e cambiar entre a cámara frontal e a traseira. Pulsando o botón cadrado (esquina inferior esquerda) ou deslizando a pantalla á dereita aparecen o historial de Snapchat e o acceso ao menú de axustes. Pulsando no botón de tres raias horizontais (esquina inferior dereita) ou deslizando a pantalla á esquerda, accedemos á lista de amigos e ao menú de agregar amigos.

Dende os axustes pódense cambiar o número de teléfono ou o correo electrónico asociados, pero non se pode modificar o nome de usuario. Este menú tamén permite xestionar a privacidade (quen pode enviarche Snaps ou quen pode ver a túa Historia), elixir o número de mellores amigos ou activar e desactivar funcións como os sons das notificacións, os filtros, o flash frontal, a repetición e o texto especial. Se se rexistrou o número de teléfono, a aplicación permite acceder á axenda de contactos e agregar amigos dende esta lista. Tamén se poden buscar amigos polo nome de usuario.

As fotografías e os vídeos fanse dende a pantalla de inicio co botón circular. Para facer unha fotografía, abonda con pulsar o botón; para facer un vídeo hase de manter pulsado o devandito botón. Unha vez realizados, pódese desbotar a fotografía ou o vídeo pulsando na X, debuxar sobre eles pulsando o lapis (desprégase unha barra que permite cambiar a cor coa que se debuxa), cambiar o tempo durante o que se mostrará a fotografía (dende 1 a 10 segundos) ou activar e desactivar o son do vídeo, gardar a fotografía na memoria interna do móbil, engadila á historia ou enviar a algúns amigos (ábrese un menú cos amigos agregados onde se seleccionan). Tamén se pode agregar texto pulsando en calquera parte da pantalla ata 31 caracteres (pulsando na T pódese cambiar o formato do texto) e engadir filtros (sepia, azul, branco e negro, velocidade, temperatura e hora) deslizando a pantalla a dereita ou esquerda.

Para visualizar os Snaps recibidos, hai que manter pulsado sobre o contacto no historial de Snapchat. Se hai varios Snaps acumulados, pódese saltar ao seguinte pulsando noutra parte da pantalla sen soltar o primeiro punto de presión. As fotografías veñen marcadas por un cadrado vermello e os vídeos por un morado. Se hai algún Snap sen visualizar, os cadrados aparecerán recheos da mesma cor; se non, estarán en branco.

Cando se envían Snaps, pódese facer un seguimento do estado entre enviado, entregado e visto e a hora na que a última acción aconteceu. Utilízase o mesmo código de cor que para os Snaps recibidos, pero o cadrado toma a forma dunha frecha no caso dos enviados.

Dende o historial, deslizando un nome cara á dereita, accedemos a un chat privado co contacto seleccionado. Neste chat aparecen tamén as fotografías e os vídeos que haxa pendentes, pero unha vez visualizados desaparecerán da lista. As mensaxes de texto tamén desaparecen unha vez que a persoa que os recibe os le, pero pódense manter na memoria pulsando sobre eles (a liña da esquerda e a letra aparecerán máis grosas para indicar que se gardou). Dende o botón amarelo pódese agregar unha fotografía ao texto, xa sexa nova ou importada da galería do teléfono. Se os dous contactos manteñen apertados o botón amarelo (vólvese azul cando a función está dispoñible), iníciase un chat de vídeo. As mensaxes de texto veñen notificadas coa cor azul.

É posible realizar unha captura de pantalla nas fotografías, vídeos ou chats recibidos, pero o remitente recibirá unha notificación de que se realizou a devandita captura.

Geofilters

[editar | editar a fonte]

En xullo de 2014 foron engadidos os geofilters, filtros persoais para un lugar ou evento determinado, funcionando co GPS do dispositivo móbil. Na Galiza están dispoñíbeis os seguintes geofilters:

Concello Número de GF
A Coruña 1
Lugo 2
Ourense 2
Pontedeume 2
Pontevedra 3
Santiago de Compostela 2
Vigo 2

Ferrol e Ponferrada son as únicas das grandes cidades nas que se fala galego que non teñen geofilter.

Actualizacións importantes

[editar | editar a fonte]

Para dispositivos Apple[7]

[editar | editar a fonte]
  • Versión 2.0.0: engadiu as características de mellores amigos, encontrar contactos, enviar a grupos e engadir texto.
  • Versión 2.1.0: engadiu a función de encontrar amigos de Facebook.
  • Versión 3.0.0: engadiu as funcións de gardar Snaps na galería do teléfono e de ver perfís de Snapchat.
  • 3.1.0: engadiu a función de debuxo, a de recuperación de contrasinal e a cámara ultrarrápida.
  • 4.0.0: optimizou a aplicación para iPhone 5 e engadiu as funcións de vídeo, rotación da pantalla, filtro "quen pode enviarche Snaps", integración da axenda do teléfono, enfocar e captura máis rápida.
  • 4.0.2: corrixiu que o reprodutor de música cortárase ao usar Snapchat.
  • 5.0.0: engadiu as funcións deslizables e a dobre pulsación para contestar.
  • 5.0.1: apareceu Snapkidz.[8]
  • 5.0.2: incluíu vídeo de alta calidade.
  • 5.0.5: engadiu a opción de activar ou desactivar o son das notificacións.
  • 6.0.0: engadiu a Historia e a función de "enviar a todos".
  • 6.0.2: engadiu o filtro "quen pode ver a miña historia".
  • 6.1.0: incluíu as novidades de filtros visuais, texto especial, repetir, flash frontal e aumentar os mellores amigos ata 7.
  • 7.0.0: engadiu chat e chat de vídeo.
  • 7.0.2: engadiu as opcións de eliminar historial e eliminar chats.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]