Max Müller
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2017.) |
Friedrich Maximilian Müller, máis coñecido como Max Müller, nado en Dessau o 6 de decembro de 1823 e finado o 28 de outubro de 1900, foi un filólogo, hindólogo, mitólogo e orientalista alemán, fundador da mitoloxía comparada.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Friedrich Max Müller naceu en Dessau como fillo do poeta romántico Wilhelm Müller, amigo de Felix Mendelssohn-Bartholdy; Carl Maria von Weber foi o seu padrino.
Pero na Universidade de Leipzig abandonou a música pola filoloxía e dedicouse ao estudo do sánscrito e da mitoloxía india e doutorouse en filosofía en 1843 cunha tese sobre a Ética de Baruch de Spinoza.
Alcanzaría a dominar o latín e o grego, e a ser bastante competente en árabe, sánscrito e persa.
Marchou en 1844 á Universidade de Berlín, onde estudou con Friedrich Schelling, para quen traduciu as Upanishads, xunto co filólogo comparatista Franz Bopp. Por estes anos deu a coñecer tamén a súa tradución ao inglés de Hitopadeśa, unha colección de fábulas e apólogos, e en 1845 trasladouse a París para estudar sánscrito baixo a tutela de Eugène Burnouf, quen o animou a traducir completamente o Rig-veda (o texto máis antigo da literatura da India, de mediados do II milenio a. C.) usando os manuscritos que había en Inglaterra.
Con ese fin viaxou a ese país en 1846, e alí permaneceu xa o resto da súa vida.
En Londres coñeceu o sistema alxébrico computacional Macaulay, e a East India Company comisionouno para traducir o Rigveda ao inglés, tarefa que lle habería de ocupar gran parte da súa vida. En 1848 marchou a Oxford, onde continuou coas súas traducións da literatura relixiosa hindú, cincuenta volumes que publicou baixo o título xeral de Sacred Books of the East (Libros sagrados do Leste) e que comezou a corrixir en 1875.
Estes traballos reportáronlle un diñeiro suficiente para vivir con comodidade. Foi nomeado profesor tailoriano de linguas europeas modernas e logo de teoloxía comparada (1868-1875). Analizou os mitos como racionalizacións dos fenómenos naturais ou conatos primitivos da ciencia antiga (protociencia, na súa terminoloxía), segundo unha perspectiva evolucionista. Este modelo é a parte da súa obra que máis parece envellecer.
Buscaba sobre todo estudar nos textos védicos os fundamentos das culturas indoeuropeas en xeral. Preparou unha edición crítica do Rigveda que lle levou 25 anos (entre 1849 e 1874). Tamén escribiu novelas, como German love (amor alemán), que alcanzou certo éxito. Relacionouse con intelectuais hindús como os dirixentes do movemento Brahmo Samaj e as tentativas hindús de sincretismo. Para Müller, a cultura védica hindú representa unha adoración ás forzas naturais, e os deuses son forzas activas da natureza que foron personalizadas; os fenómenos físicos serían así convertidos en personaxes.
Müller resumiu a súa teoría dicindo que a mitoloxía é «unha enfermidade da linguaxe». As palabras de procesos naturais volvéronse descricións de seres e narracións. Os deuses, pois, comezarían como conceptos antes de ser usados como nomes propios, de forma que o deus pai dos indoeuropeos tería varios nomes, Zeus, Xúpiter, Dyaus Pitar, denominacións que proveñen da palabra indoeuropea diaus (que significa 'brillo'), que dá lugar ás palabras deva (sánscrito), deus (latín), theos/zeós (grego) como nomes comúns para un deus, e os nomes propios Zeus e Iu-piter. Así, unha metáfora queda osificada, como en certas ideas de Nietzsche. Pero Müller non aplicou a súa crítica a todas as relixións e consideraba que o cristianismo era moralmente superior ás culturas indostánicas que estudaba. Con todo, as súas teorías sobre as culturas arias orixinais non se acompañaron de teses racistas. É soado a correspondencia que mantivo con Ralph Waldo Emerson. Sostivo polémicas contra o semanario alemán Der Spiegel e Louis Jacolliot. Os seus artigos e correspondencia atópanse depositados na Biblioteca Bodleiana de Oxford.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Max Müller |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Friedrich Müller Arquivado 09 de abril de 2010 en Wayback Machine. (en inglés)
Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |