Morte de Adolf Hitler
A morte de Adolf Hitler tivo lugar o 30 de abril de 1945 no seu Führerbunker en Berlín. Hitler suicidouse dun disparo de pistola,[1][2][3] mentres que a súa muller Eva Braun suicidouse con el por medio da inxestión de cianuro.[4] Esa mesma tarde, seguindo instrucións previas de Hitler, os seus restos foron levados fóra do búnker pola saída de emerxencia, e tras botarlles gasolina foron queimados no xardín da chancelería do Reich.[5] Os rexistros soviéticos indican que os seus restos queimados foron recuperados e enterrados sucesivamente en varios lugares[6] ata 1970, cando foron exhumados de novo, incinerados e as súas cinzas foron espalladas.[7]
Os diversos recontos do feito difiren na causa da morte. Un indica que faleceu só por inxerir un veleno[8] mentres que outro indica que faleceu disparándose a si mesmo mentres inxería unha cápsula de cianuro.[9] Os historiadores contemporáneos rexeitaron estes recontos por ser ou ben propaganda soviética[10][11] ou un intento de compromiso para reconciliar as distintas conclusións.[9][12] Segundo unha testemuña o corpo tiña sinais de ter recibido un disparo a través da boca, mais isto probouse como pouco probable.[13][14] Existe tamén unha controversia con respecto á autenticidade dos fragmentos de mandíbula e cranio que foron recuperados.[15][7] No ano 2009 investigadores estadounidenses levaron a cabo unha análise de ADN no cranio que os oficiais soviéticos crían que era de Hitler. As probas e o exame dos restos revelaron que o cranio pertencía a unha muller de menos de 40 anos de idade, e os fragmentos de mandíbula recuperados non foron analizados.[16][17][18]
Precedentes
[editar | editar a fonte]A comezos do ano 1945 a situación militar da Alemaña nazi estaba ó bordo do colapso total. Polonia estaba baixo o dominio das forzas da Unión Soviética, que estaban a prepararse para cruzar o río Oder entre Kostrzyn nad Odrą e Frankfurt an der Oder co obxectivo de capturar Berlín, a 82 km ó oeste.[19] As forzas alemás sufriran unha derrota perante os Aliados na ofensiva das Ardenas, coas forzas británicas e canadenses cruzando o Rin cara ó corazón industrial de Alemaña no Ruhr.[20] O exército estadounidense capturara Lorena no sur e estaba avanzando cara a Maguncia, Mannheim e o Rin.[20] En Italia, as forzas xermanas estaban retirándose cara ó norte baixo a presión das forzas americanas e da Commonwealth como parte da ofensiva da primavera a través do río Po cara á base dos Alpes.[21] Paralelamente a estas accións militares, os Aliados reuníronse na Conferencia de Ialta entre o 4 e o 11 de febreiro dese ano para debater a conclusión da guerra en Europa.[22]
Hitler retirouse ó seu Führerbunker en Berlín o 16 de xaneiro de 1945. Para os líderes Nazis estaba claro que a batalla de Berlín sería a última da guerra por Europa.[23] Ó redor duns 325 000 soldados do Grupo B do Exército Alemán foron arrodeados e capturados o 18 de abril polas forzas Aliadas, deixando o camiño libre para que os estadounidenses chegasen a Berlín. Cara ó 11 de abril os americanos cruzaron o Elba, a uns 100 km ó oeste da cidade.[24] O 16 de abril as forzas soviéticas no leste cruzaron o Oder e comezaron a batalla de Seelow, a última liña defensiva que protexía Berlín polo seu lado.[25] Tres días despois, o 19 de abril, os alemáns retiráronse da batalla, sen deixar ningunha fronte. A artillaría soviética comezou un bombardeo de Berlín o 20 de abril, día do aniversario de Hitler, e para a noite do 21 os tanques do Exército Vermello chegaron á periferia da cidade.[26]
Nunha reunión á tarde do día 22 cos seus mandos, Hitler sufriu un colapso nervioso cando foi informado de que o xeneral das SS Felix Steiner desobedecera as súas ordes de acudir ó rescate de Berlín co seu destacamento.[27] Hitler lanzou unha diatriba pola traizón e incompetencia dos seus comandantes, culminando nunha declaración, a primeira como tal, de que a guerra estaba perdida. Anunciou que ficaría en Berlín ata o final, e que se dispararía el mesmo.[28] Máis tarde ese mesmo día, preguntoulle ó médico das SS Werner Haase cal era a forma máis fiable de suicidarse. Haase suxeriulle o "método veleno e pistola", combinando unha dose de cianuro cun disparo na cabeza.[29] Hermann Göring envioulle entón un telegrama a Hitler pedíndolle permiso para asumir o liderado do Reich de acordo co decreto de 1941 no que Hitler o nomeara como o seu sucesor.[30] O secretario de Hitler Martin Bormann convenceuno de que Göring estaba ameazándoo cun golpe de Estado,[31] e como resposta Hitler informou a Göring de que sería executado a non ser que renunciase a tódolos seus mandos. Ese mesmo día destituíuno e ordenou o seu arresto.[32]
O 27 de abril Berlín quedou arrodeada e separada do resto de Alemaña. As comunicacións seguras por radio coas unidades defensivas perdéranse e os mandos presentes no búnker dependían de liñas telefónicas para enviarlles instrucións e ordes, así como da radio pública para recibir novas e información.[33] Ó día seguinte conseguiron recoller un informe da BBC fornecido por Reuters, e Hitler recibiu unha copia da mensaxe.[34] O informe afirmaba que o Reichsführer Heinrich Himmler ofrecera a súa rendición ós Aliados occidentais, que rexeitaran a oferta. Himmler déralles a entender ós Aliados que tiña a autoridade para negociar a rendición, e Hitler considerou esta oferta como traizón. Na tarde dese día a súa ira e rancor converteuse nun ataque de rabia contra Himler.[35] Ordenou o arresto de Himmler e o representante deste no cuartel xeral, Hermann Fegelein, foi executado dun disparo.[36]
Para entón o Exército Soviético tiña avanzado ata a Potsdamer Platz, e todo indicaba que estaban preparándose para atacar a chancelería. Este informe, xunto coa traizón de Himler, apurou a Hitler a tomar as últimas decisións da súa vida.[37] Pasada a media noite do 29 de abril, Hitler casou con Eva Braun nunha pequena cerimonia civil nunha sala de mapas do Führerbunker.[3] Tras un modesto almorzo xunto a súa nova muller, Hitler levou a secretaria Traudl Junge a outra habitación e ditoulle a súa última vontade e testamento. Asinou estes documentos ás 4:00 horas e foise á durmir. Segundo algunhas fontes Hitler ditou o testamento inmediatamente despois da voda, pero tódalas fontes concordan na hora en que as asinou.[3][38]
No curso do día 29 de abril Hitler recibiu a nova da morte do seu aliado Benito Mussolini, que fora executado por partisanos italianos. O corpo de Mussolini e o da súa amante Clara Petacci foran colgados dos talóns, cortados e tirados ó chan, denigrados polos italianos. É probable que estes eventos reforzasen a motivación de Hitler de non permitir que "se fixese un espectáculo" del nin da súa muller, tal e como rexistrara previamente no seu testamento.[39] Esa mesma tarde Hitler expresou a súa dúbida sobre as cápsulas de cianuro que recibira das SS de Himmler.[40] Para verificar a potencia das cápsulas, ordenoulle ó doutor Werner Haase que as probase co seu can Blondi, provocándolle a morte ó animal.[41]
Suicidio
[editar | editar a fonte]Hitler e Braun viviron xuntos no búnker como marido e muller por menos de 40 horas. Cara á 1:00 do 30 de abril, o xeneral Wilhelm Keitel informou de que tódalas forzas das que Hitler dependía para acudir ó rescate de Berlín foran ou ben arrodeadas ou ben forzadas á poñerse á defensiva.[42] Máis tarde esa mañá, cos soviéticos a menos de 500 m do búnker, Hitler reuniuse co xeneral Helmuth Weidling, comandante da Área de Defensa de Berlín, quen lle dixo que con toda probabilidade a gornición quedaría sen munición esa mesma noite e que a batalla por Berlín chegaría ó seu fin inevitable nas seguintes 24 horas.[42] Weidling pediulle permiso a Hitler para intentar unha escapada a través das liñas inimigas, petición que lle denegara anteriormente. Hitler non respondeu e Weidling volveu ó seu cuartel xeral en Bendlerblock. Ó redor das 13:00 horas recibiu o permiso de Hitler para intentar a escapada esa mesma noite.[43] Hitler, dúas secretarias e o seu cociñeiro persoal almorzaron xuntos. Hitler e Braun despedíronse entón do persoal do Führerbunker e dos seus ocupantes, incluíndo a Bormann, Joseph Goebbels e a súa familia, as secretarias e varios oficiais militares. Sobre as 14:30 Adolf e Eva Hitler entraron no estudio persoal deste.[43]
Varias testemuñas declararon posteriormente que escoitaron un forte ruído de disparo ó redor das 15:30. Tras uns poucos minutos, o axudante de cámara de Hitler, Heinz Linge, e máis Bormann abriron a porta do estudio.[44] Linge afirmou que notara inmediatamente un olor a améndoas queimadas, unha observación común na presenza de cianuro de hidróxeno.[44] O asistente de Hitler e SS-Sturmbannführer Otto Günsche entrou no estudio e atopou os corpos sen vida no sofá. Eva estaba desplomada coas pernas cara a arriba á esquerda de Hitler. Günsche afirmou que Hitler "... estaba sentado ... afundido, con sangue caéndolle do témpano dereito. Disparárase coa súa propia pistola, unha Walther PPK 7.65".[1][44][45] A arma estaba ós seus pés[44] e segundo o SS-Oberscharführer Rochus Misch, a cabeza de Hitler estaba apoiada na mesa que tiña en fronte del.[46] O sanque que lle caía da cabeza deixara unha gran mancha no brazo dereito do sofá e formara unha poza na alfombra. Segundo Linge, o corpo de Eva non tiña feridas visibles, e a súa cara amosaba que falecera por envelenamento con cianuro.[44] Günsche e o SS-Brigadeführer Wilhelm Mohnke afirmaron "inequivocamente" que tódolos de fóra do búnker e os que estaban de garda nel "non tiveron ningún acceso" ó cuarto privado de Hitler no momento da súa morte", entre as 15:00 e as 16:00 horas.[47]
Günsche saíu do estudio e aununciou que o Führer estaba morto. Os dous corpos foron levados escaleiras arriba cara ó nivel do chan e sacáronos pola saída de emerxencia do búnker ata o xardín traseiro da chancelería do Reich, onde lles botaron gasolina.[48] Segundo o testemuño de Rochus Misch, alguén gritou "Apurádevos arriba, están queimando o xefe!"[46] Tras uns primeiros intentos infrutuosos de prender a gasolina, Linge volveu dentro do búnker e colleu un rolo de papel que Bormann encendeu e tirou por riba dos corpos. Mentres estes comezaban a arder, o pequeno grupo de persoas que alí se atopaba, incluíndo a Bormann, Günsche, Linge, Goebbels, Erich Kempka, Peter Högl, Ewald Lindloff e Hans Reisser, alzaron os brazos en forma de saúdo.[48][49]
Aproximadamente ás 16:15, Linge ordenoulle ó SS-Untersturmführer Heinz Krüger e ó SS-Oberscharführer Werner Schwiedel que enrolasen a alfombra do estudio de Hitler para queimala. Schwiedel afirmou posteriormente que ó entrar no estudio viu unha poza de sangue do tamaño dun "prato grande", ó carón do sofá, e recolleu a carcasa do cartucho da pistola.[50] Os dous homes retiraron a alfombra, subírona polas escaleiras e levárona fóra ó xardín, onde foi queimada.[51] Durante aquela tarde os soviéticos bombardearon a zona ó redor da chancelería de forma intermitente. Varios gardas da SS trouxeron latas de gasolina adicionais para queimar máis os corpos. Linge decatouse de que o lume non desfixera os restos por completo, xa que os corpos foron queimados ó aire libre e a distribución da calor era variable.[52] A queima durou dende as 16:00 ata as 18:30,[53] e Lindloff e Reisser deixaron e taparon os restos nun pequeno furado de bomba ó redor das 18:30.[54]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]O primeiro indicio que recibiu ó mundo exterior sobre a morte de Hitler procedeu dos propios alemáns. O 1 de maio a estación de radio Reichssender Hamburg interrompeu a súa programación habitual para anunciar que farían unha emisión importante en breve. Tras unha dramática música funeraria de Wagner e Bruckner, o grande almirante Karl Dönitz, nomeado sucesor de Hitler no seu testamento, anunciou que Hitler estaba morto.[55] Dönitz dirixiuse ó pobo alemán pedíndolles o loito polo seu Führer, que "falecera como un heroe defendendo a capital do Reich".[56] Coa esperanza de salvar o exército e a nación por medio dunha negociación da rendición parcial ós británicos e americanos, Dönitz autorizou ás tropas o cesamento da loita no oeste. Esta táctica tivo certo éxito, xa que permitiu que ó redor duns 1,8 millóns de soldados alemáns evitasen ser capturados polos soviéticos, máis resultou nun alto custo de baixas xa que as loitas continuaron ata o 8 de maio dese ano.[57]
Na mañá do 1 de maio, 13 horas tralo suceso, Stalin recibiu a nova do suicidio de Hitler.[58] O xeneral Hans Krebs déralle esta información ó xeneral soviético Vasily Chuikov nunha reunión ás 04:00 horas, cando os alemáns tentaron negociar uns termos de rendición aceptables.[59][60] Stalin demandou a rendición incondicional e pediu unha confirmación de que Hitler estaba morto, quería que atopasen o cadáver de Hitler.[61] A primeiras horas da mañá do 2 de maio, os soviéticos capturaron a chancelería,[62] e no Führerbunker o xeneral Krebs e o xeneral Wilhelm Burgdorf suicidáronse por medio dun disparo na cabeza.[63]
Máis tarde ese mesmo día, os restos de Hitler, Braun e dous cans (posiblemente Blondi e a súa cría, Wulf) foron descubertos nun cráter de impacto dun proxectil por unha unidade da axencia de intelixencia soviética SMERSH que tiña a misión de atopar o corpo de Hitler. Stalin desconfiaba da nova da morte de Hitler, e puxo restricións á publicación de información pública ó respecto.[64][65] Os restos foron soterrados e exhumados en diversas ocasións por esta unidade da SMERSH cando mudaron de localización dende Berlín cara a unha nova sede en Magdeburgo. Os corpos, xunto aos restos queimados de Goebbels, a súa muller Magda e os seus seis fillos, foron soterrados nunha tumba sen nome baixo unha sección pavimentada á fronte do edificio, e a súa localización exacta mantívose en segredo.[18]
A Unión Soviética presentou varias versións do destino de Hitler segundo os seus intereses políticos. Nos anos seguintes a 1945 os soviéticos sostiveron que Hitler non estaba morto, senón que escapara e estaba baixo a protección dos Aliados.[10] Esta versión serviulles durante un tempo para sementar dúbidas nas autoridades occidentais. O xefe do consello en Núremberg, Thomas J. Dodd, declarou: "Ninguén pode dicir que está morto". Cando o presidente Harry S. Truman preguntoulle a Stalin na Conferencia de Potsdam de agosto do 1945 se Hitler estaba morto, Stalin respondeu sen rodeos, "Non". Porén, o 11 de maio de 1945 os soviéticos confirmaron, a través do dentista de Hitler Hugo Blaschke, que os restos atopados eran os de Hitler e Braun.[66] En novembro de 1945 Dick White, entón xefe de contraintelixencia do sector británico de Berlín, ordenoulle a Hugh Trevor-Roper que investigase este feito para procurar contradicir as afirmacións soviéticas. Trevor-Roper confirmou a morte de Hitler, deixando os seus descubrimentos rexistrados nun informe e publicando posteriormente un libro no ano 1947, titulado The Last Days of Hitler.[3]
En maio de 1946 axentes da SMERSH recuperaron dous fragmentos queimados de cranio con danos dun disparo do cráter onde Hitler fora soterrado. Estes restos permaneceron aparentemente esquecidos nos Arquivos do Estado Ruso ata 1993, cando foron redescubertos.[67] No 2009 realizáronse probas de ADN e análises forenses nun fragmento de cranio que os oficiais soviéticos crían que pertencera a Hitler. Segundo os investigadores estadounidenses a cargo das probas, o resultado revelou que o cranio era realmente dunha muller menor de 40 anos de idade. Os fragmentos de mandíbula recuperados en maio do 1945 non foron analizados.[16][17]
En 1969 publicouse en occidente un libro do xornalista soviético Lev Bezymensky sobre a morte de Hitler, que incluía un informe da autopsia practicada pola SMERSH, mais os historiadores occidentais considerárono unha fonte pouco fiable por mor dos anteriores intentos soviéticos de ocultar información.[68] No 1970 o edificio da SMERSH, controlado por aquel entón pola KGB, estaba programado para entregarse ás autoridades do goberno da Alemaña do Leste. Temendo que o lugar do enterro de Hitler podería converterse nun sitio de adoración Neonazi, o director da KGB Yuri Andropov autorizou unha operación para destruír os restos que foran soterrados en Magdeburgo o 21 de febreiro de 1946.[69] Un equipo da KGB recibiu mapas detallados do lugar, e o 4 de abril de 1970 exhumaron en segredo cinco caixas de madeira que contiñan os restos de "10 ou 11 corpos ... nun avanzado estado de descomposición". Estes restos foron queimados e desfeitos, para logo tiralos no río Biederitz, un afluente do Elba.[70][7] Segundo o autor Ian Kershaw, os cadáveres de Braun e Hitler xa foran queimados por completo cando foron atopados polos soviéticos, que só puideron identificar realmente un anaco de mandíbula inferior como pertencente a Hitler.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Fischer 2008, p. 47.
- ↑ Kershaw 2008, p. 955.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Hitler's last days" (en inglés). MI5. Consultado o 1 de outubro de 2013.
- ↑ Beevor 2002, p. 359.
- ↑ Kershaw 2008, p. 956.
- ↑ 6,0 6,1 Kershaw 2008, p. 958.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Beevor 2002, p. 431.
- ↑ Erickson 1983, p. 606.
- ↑ 9,0 9,1 O'Donnell 2001, pp. 322–323.
- ↑ 10,0 10,1 Eberle & Uhl 2005, p. 288.
- ↑ Kershaw 2001, p. 1037.
- ↑ Fest 1974, p. 749.
- ↑ Joachimsthaler 1999, p. 157.
- ↑ Joachimsthaler 1999, p. 166.
- ↑ Joachimsthaler 1999, p. 225.
- ↑ 16,0 16,1 "Russians insist skull fragment is Hitler's". CNN (en inglés). 10 de decembro de 2009. Consultado o 1 de outubro de 2013.
- ↑ 17,0 17,1 Goñi, Uki (27 de setembro de 2009). "Tests on skull fragment cast doubt on Adolf Hitler suicide story". The Guardian (en inglés) (Londres). Consultado o 1 de outubro de 2013.
- ↑ 18,0 18,1 Halpin, Tony; Boyes, Roger (9 de decembro de 2009). "Battle of Hitler's skull prompts Russia to reveal all" (en inglés). The Times. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2011. Consultado o 1 de outubro de 2013.
- ↑ Horrabin 1946, p. 51.
- ↑ 20,0 20,1 Horrabin 1946, p. 53.
- ↑ Horrabin 1946, p. 43.
- ↑ Bellamy 2007, p. 648.
- ↑ Beevor 2002, p. 139.
- ↑ Shirer 1960, p. 1105.
- ↑ Beevor 2002, pp. 209–217.
- ↑ Beevor 2002, pp. 255–256, 262.
- ↑ Erickson 1983, p. 586.
- ↑ Beevor 2002, p. 275.
- ↑ O'Donnell 2001, pp. 230, 323.
- ↑ Shirer 1960, p. 1116.
- ↑ Beevor 2002, p. 289.
- ↑ Shirer 1960, p. 1118.
- ↑ Beevor 2002, p. 323.
- ↑ Kershaw 2008, p. 943.
- ↑ Kershaw 2008, pp. 943–946.
- ↑ Kershaw 2008, pp. 946–947.
- ↑ Shirer 1960, p. 1194.
- ↑ Beevor 2002, p. 343.
- ↑ Shirer 1960, p. 1131.
- ↑ Kershaw 2008, pp. 951–952.
- ↑ Kershaw 2008, p. 952.
- ↑ 42,0 42,1 Erickson 1983, pp. 603–604.
- ↑ 43,0 43,1 Beevor 2002, p. 358.
- ↑ 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 Linge 2009, p. 199.
- ↑ Joachimsthaler 1999, pp. 160–182.
- ↑ 46,0 46,1 Rosenberg, Steven (3 de setembro de 2009). "I was in Hitler's suicide bunker". BBC News (en inglés). Consultado o 1 de outubro de 2013.
- ↑ Fischer 2008, pp. 47–48.
- ↑ 48,0 48,1 Linge 2009, p. 200.
- ↑ Joachimsthaler 1999, pp. 197, 198.
- ↑ Joachimsthaler 1999, p. 162.
- ↑ Joachimsthaler 1999, pp. 162, 175.
- ↑ Joachimsthaler 1999, pp. 210–211.
- ↑ Joachimsthaler 1999, p. 211.
- ↑ Joachimsthaler 1999, pp. 217–220.
- ↑ Beevor 2002, p. 381.
- ↑ Kershaw 2008, p. 959.
- ↑ Kershaw 2008, pp. 961–963.
- ↑ Beevor 2002, p. 368.
- ↑ Beevor 2002, p. 367.
- ↑ Eberle & Uhl 2005, p. 280.
- ↑ Eberle & Uhl 2005, pp. 280, 281.
- ↑ Beevor 2002, pp. 387, 388.
- ↑ Beevor 2002, p. 387.
- ↑ Kershaw 2001, pp. 1038–1039.
- ↑ Dolezal 2004, pp. 185–186.
- ↑ Eberle & Uhl 2005, p. 282.
- ↑ Isachenkov, Vladimir (20 de febreiro de 1993). "Russians say they have bones from Hitler's skull". Gadsen Times (en inglés). Associated Press. Consultado o 11 de xaneiro de 2015.
- ↑ Petrova & Watson 1995, p. 162.
- ↑ Vinogradov, Pogonyi & Teptzov 2005, p. 333.
- ↑ Vinogradov, Pogonyi & Teptzov 2005, pp. 335–336.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Segunda Guerra Mundial |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Morte de Adolf Hitler |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bellamy, Chris (2007). Absolute War: Soviet Russia in the Second World War (en inglés). Nova York: Alfred F. Knopf. ISBN 978-0-375-41086-4.
- Beevor, Antony (2002). Berlin – The Downfall 1945 (en inglés). Nova York: Viking-Penguin. ISBN 978-0-670-03041-5.
- Dolezal, Robert (2004). Truth about History: How New Evidence Is Transforming the Story of the Past (en inglés). Pleasantville, NY: Readers Digest. pp. 185–6. ISBN 0-7621-0523-2.
- Eberle, Henrik; Uhl, Matthias, eds. (2005). The Hitler Book: The Secret Dossier Prepared for Stalin from the Interrogations of Hitler's Personal Aides (en inglés). Nova York: Public Affairs. ISBN 978-1-58648-366-1.
- Erickson, John (1983). The Road to Berlin: Stalin's War with Germany: Volume 2 (en inglés). Londres: Weidenfeld and Nicolson. ISBN 978-0-297-77238-5.
- Fest, Joachim C. (1974). Hitler (en inglés). Nova York: Harcourt. ISBN 978-0-15-141650-9.
- Fischer, Thomas (2008). Soldiers of the Leibstandarte (en inglés). Winnipeg: J.J. Fedorowicz. ISBN 978-0-921991-91-5.
- Horrabin, J.F. (1946). Vol. X: May 1944 – August 1945. An Atlas-History of the Second Great War (en inglés). Edinburgh: Thomas Nelson & Sons. OCLC 464378076.
- Joachimsthaler, Anton (1999) [1995]. The Last Days of Hitler: The Legends, The Evidence, The Truth (en inglés). Londres: Brockhampton Press. ISBN 978-1-86019-902-8.
- Kershaw, Ian (2001) [2000]. Hitler, 1936–1945: Nemesis (en inglés) 2. Londres: Penguin. ISBN 978-0-14-027239-0.
- Kershaw, Ian (2008). Hitler: A Biography (en inglés). Nova York: W. W. Norton & Company. ISBN 978-0-393-06757-6.
- Linge, Heinz (2009). With Hitler to the End (en inglés). Frontline Books–Skyhorse Publishing. ISBN 978-1-60239-804-7.
- O'Donnell, James P. (2001) [1978]. The Bunker (en inglés). Nova York: Da Capo Press. ISBN 978-0-306-80958-3.
- Petrova, Ada; Watson, Peter (1995). The Death of Hitler: The Full Story with New Evidence from Secret Russian Archives (en inglés). W.W. Norton & Company. ISBN 978-0-393-03914-6.
- Shirer, William L. (1960). The Rise and Fall of the Third Reich (en inglés). Nova York: Simon & Schuster. ISBN 978-0-671-62420-0.
- Vinogradov, V. K.; Pogonyi, J.F.; Teptzov, N.V. (2005). Hitler's Death: Russia's Last Great Secret from the Files of the KGB (en inglés). Londres: Chaucer Press. ISBN 978-1-904449-13-3.