Luigi Giorgi (1848-1912)
- Para outras persoas chamadas igual, véxase a páxina de homónimos Luigi Giorgi
- Non confundir con Luigi Giorgi (1880-1954), gravador xefe da Ceca de Tianjin, na China.
Nome orixinal | Raffaele Evaristo Luigi Giorgi |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1848 Lucca, Toscana Italia |
Morte | 24 de agosto de 1912 Roma Italia |
Educación | Academia de Belas Artes de Lucca. |
Q89547790 | Moedas de Vítor Manuel III. |
Actividade | |
Ocupación | Deseñador e gravador de Medallas e moedas. |
Luigi Giorgi, nado en Lucca, Toscana, en 1848 e finado en Roma o 24 de agosto de 1912,[1] foi un ourive, escultor, medallista e deseñador e gravador de moeda italiano, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda de Roma.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Raffaele Evaristo Luigi Giorgi, nado en Lucca en 1848, era fillo de Paolo Giorgi, un ourive cicelador que se viu obrigado a emigrar ao Brasil, de onde nunca regresou, polo que quedou ao coidado unicamente da súa nai.[2]
A súa primeira infancia estivo marcada por tres sucesos desgraciados: sendo aínda un bebé, a varíola que padeceu deixoulle unha deficiencia visual; pouco despois, un incidente cunha carruaxe fixo que perdese o seu ollo esquerdo; e finalmente, ficou orfo de nai cando el tiña só sete anos, como resultado da epidemia de cólera do inverno de 1855-1856, polo que, xunto cos seus tres irmáns, acabou ingresando na Pía Casa de Beneficencia de Lucca.[2][3][4]
Nese período asistiu a unha escola mutua en Lucca, onde aprendeu o oficio de paraugueiro e amosou aptitudes para o debuxo. Aos 17 anos abandonou a institución benéfica para vivir co seu irmán maior. Comezou entón a acudir á Academia de Belas Artes de Lucca, ao tempo que traballaba como aprendiz nun obradoiro de ourivaría.[2][3][4]
En 1866 intentou alistarse como voluntario partidario de Garibaldi, aínda que non puido conseguilo por mor das súas limitacións visuais, e sendo aínda menor de idade, casou con Cesira Fannucchi.[2]
Madureza artística
[editar | editar a fonte]Giorgi deixou o obradoiro onde traballaba como aprendiz e estableceu un propio, onde produciu obxectos de ourivaría e gravado como xoias, custodias e matrices para selos, así como as súas primeiras medallas.[2]
A sona que foi collendo como artista levouno a trasladarse a Florencia, a onde foi chamado en 1882 para participar nas honras a Giuseppe Garibaldi co gallo do seu pasamento. Nesta cidade instalou un novo estudio, perfeccionou a súa técnica de gravado e especializouse na arte da medalla, na que acadou un gran recoñecemento,[2] sobre todo como retratista.[4] A esta época corresponden medallas tan sobranceiras como a da visita de Vitoria de Inglaterra a Florencia, a do Centenario da Universidade de Boloña, a da morte de Humberto I, a conmemorativa da fin das obras de Santa Maria del Fiore e outras dedicadas a personaxes históricos como Amerigo Vespucci, Dante Alighieri ou Giuseppe Verdi, así como condecoracións.[5][6] A gran produción de Giorgi entre a fin do século XIX e o principio do XX converteuno nun dos gravadores máis recoñecidos de todo o Reino de Italia.[2]
Nos seus traballos, Luigi Giorgi inscribiu, a modo de marca de gravador, diversas iniciais; as utilizadas adoito foron as seguintes: LGI, LGIORGI e L. GIORGI.[2]
Gravador xefe da Real Casa da Moeda
[editar | editar a fonte]En 1906 participou no concurso para ocupar o posto de gravador xefe da Real Casa da Moeda de Roma, do que resultou gañador, polo que sucedeu no posto a Filippo Speranza (1839-1903).[5] Do mesmo xeito, o ano seguinte, ao se inaugurar a Escola de Arte da Medalla na casa da moeda, foi elixido como un dos seus profesores e exerceu tamén como o primeiro director da institución.[2]
Na Real Casa da Moeda ocupouse do deseño e o gravado de toda a serie monetaria italiana emitida a nome de Vítor Manuel III a partir de 1908, incluídas as moedas da Somalia italiana, desde 1909.[2][3][4][7]
-
50 liras. 1911
-
4 bese. Somalia italiana. 1909
Raffaele Evaristo Luigi Giorgi finou en Roma dun ataque ao corazón o 24 de agosto de 1912, aos 64 anos.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Outras fontes apuntan o 20 de agosto como a data da morte. Véxase: "I Grandi Numismatici: Luigi Giorgi (Lucca, 1848 - Roma, 20 agosto 1912)". Società numismatica Italiana (Socnumit.org).
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "Luigi Giorgi". Numismatica Italiana (Lamoneta.it).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 G. C. (2012).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "I Grandi Numismatici: Luigi Giorgi (Lucca, 1848 - Roma, 20 agosto 1912)". Società numismatica Italiana (Socnumit.org).
- ↑ 5,0 5,1 "Luigi Giorgi e Attilio Motti, incisori presso la Regia Zecca di Roma". Museo della Zecca di Roma (Museozecca.ipzs.it).
- ↑ "Giorgi Luigi". Lombardiabeniculturali.it
- ↑ "Luigi Giorgi. Italia". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luigi Giorgi |
- Forrer, L. (1907). "Giorgi, Luigi". En Biographical dictionary of medallists. Páxinas 268-269. Londres
- G. C. (2012). "Necrologie: Luigi Giorgi". En Rivista Italiana di Numismatica. Società Numismatica Italiana, Milán. Vol. XXV. Páxinas 451-453.