Literatura taiwanesa
A literatura taiwanesa é a literatura escrita polas persoas de Taiwán en calquera das linguas da illa, como o xaponés, o chinés (hokkien, hakka ou mandarín) ou os idiomas austronesios.
Literatura oral dos pobos nativos
[editar | editar a fonte]En xeral, o termo "literatura oral" engloba mitos, lendas e contos populares transmitidos dunha xeración á seguinte.[1] Antes do século XIX, non existían versións fixadas destas historias, xa que non había escritura.[2] Polo tanto, a forma e mais o contido das narracións a miúdo mudaban segundo a persoa, o grupo ou o lugar, o que favoreceu a existencia de diferentes variantes.[2] Secasí, os mitos e lendas relacionados coas crenzas dunha tribo, a súa orixe e migracións, adoitaban ter versións orais máis estables.[2] A meirande parte destas obras conservouse mediante cantos asociados a festas importantes ou aos ritos dos xamáns.[2]
A literatura oral dos pobos nativos de Taiwán comezou a recompilarse por escrito durante as dinastías Ming e Qing. Os primeiros han que se asentaron na illa centráronse en rexistrar os costumes, sen abordar as narrativas autóctonas. Exemplos destas obras son Dongfan ji ("Rexistro dos bárbaros do leste"), de Chen Di, ou Taihai shi cha lu ("Diarios do estreito de Taiwán"), de Huang Shujing.
No que respecta aos occidentais, o primeiro en facer referencia á literatura taiwanesa foi George Leslie Mackay (1844-1901).[3] No seu libro From Far Formosa (1895), incluíu historias dos pobos nativos, ademais de rexistrar os seus trazos culturais e etnográficos.[3] Secasí, a primeira escolma de literatura oral taiwanesa foi a do inglés George Taylor, publicada en 1887. Taylor foi administrador do arquipélago Penghu e do faro de Eluanbi, no sur da illa, o que lle permitiu manter un contacto frecuente cos poboadores da rexión.
En 1895, co remate da primeira guerra sino-xaponesa, Taiwán pasou a ser unha colonia do imperio nipón. Para mellorar o seu control sobre a illa, o goberno colonial comezou a investigar aos pobos nativos, incluíndo os seus recursos naturais, estruturas sociais, linguas e cultura. No eido da literatura oral, destaca o libro Gengo ni yoru Taiwan takasagozoku densetsu ("Lendas do pobo takasago de Taiwán"), publicado por Ogawa Naoyoshi e Asai Eren en 1935. Nesta obra rexístranse doce tribos nativas e duascentas sesenta e nove lendas.[3]
A partir da década dos 50, os antropólogos taiwaneses publicaron esporadicamente varias coleccións. Non obstante, non foi até mediados dos 80, cos movementos de democratización da sociedade taiwanesa e de revitalización cultural dos pobos nativos, cando se normalizou a publicación de estudos e recompilacións da literatura oral.[3]
Literatura tradicional en chinés
[editar | editar a fonte]O primeiro autor taiwanés en lingua chinesa foi Shen Guangwen (1612-1688), quen chegou á illa con anterioridade á invasión militar de Zheng Chengong. Shen fundou a primeira sociedade de poesía de Taiwán, e foi pioneiro do estilo haidong. A comezos da dinastía Qing, publicáronse Pi hai ji you ("Viaxe ao mar"), de Yu Yonghe, e Tai hai shi cha lu ("Diarios do estreito de Taiwán"), de Huang Shujing, ambos adscritos ao xénero da literatura de viaxes.
Entre os literatos taiwaneses da dinastía Qing, destacaron Wang Kejie, Cai Tinglan (1801-1859), Chen Zhaoxing (1831-1866), Huang Jing, Zheng Yongxi (1788-1858) e Lin Zhanmei (1821-1868).
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lin, Suzhen (2015). "明清時代與原住民相關文獻和其史觀 [Documentos sobre os pobos nativos e a súa perspectiva histórica nas dinastías Ming e Qing]". Yuanzhu minzu weiyuanhui yuanzhu minzu wenxian (en chinés).
- Poiconx, Pasuya (1996). 台灣原住民的口傳文學 [A literatura de transmisión oral dos pobos nativos de Taiwán] (en chinés). Chamin wenhua. ISBN 957-99188-1-3.
- Sun, Dachuan (1997). 神話之美:台灣原住民之想像世界 [A fermosura dos mitos: o imaxinario dos pobos nativos de Taiwán] (en chinés). Comité Executivo para o Desenvolvemento Cultural de Taiwán. ISBN 9570098759.