Los Tamara
Los Tamara | |
---|---|
Orixe | Noia, Galicia |
Período | 1958–1976 |
Xénero(s) | Pop |
Selo(s) discográfico(s) | Iberofon, Bel Air, Zafiro, Marfer, EDIGAL, Dial |
Membros | Pucho Boedo voz Sito Sedes voz Enrique Paisal Rego teclados Antonio Vázquez saxo Prudencio Romo guitarra Alberte Romo guitarra Quique Alvarado baixo Antonio Cruz batería |
Na rede | |
Los Tamara foron unha banda de pop formada en Noia que foi enormemente popular nos anos 60 e 70, facendo unha nova forma de música popular galega, incluíndo novas influencias do Soul e o Rock, arranxos audaces e moitas letras en galego, incluíndo poemas dos grandes escritores nesa lingua.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A banda foi formada en 1958 por Prudencio Romo, seu irmán Alberte, Manolo Paz, Xosé Sarmiento (guitarra e clarinete), Germán Olariaga (Violinista e cantante), e Enrique Paisal, aproveitando unhas vacacións de Semana Santa. En 1961 uníuselles o que sería o seu líder carismático: o cantante coruñés Pucho Boedo, logo da marcha de Germán[1].
En palabras de Prudencio:
"Los Tamara formáronse para poder saír de España e poder traballar no estranxeiro, xa que daquela o traballo en España era bastante limitado. Había que parar toda a coresma e non era posible que os músicos traballasen. Durante a semana santa naqueles días non se tocaba máis que música relixiosa nas emisoras de radio e todo iso. Non había bailes, non había festas e entón os músicos quedaban sen traballo; para evitar isto, decidimos formar un grupo que puidese tocar todo o ano e a solución era marcharse ao estranxeiro".
A historia do nome foi desvelada nunha entrevista nos 60:
"Era o momento en que se levaban moitos nomes americanos e nós estabamos en dúbida. Pero o alcalde de Noia, Manolo Ons, díxonos: Por que non buscades un nome galego para o voso conxunto?".
E de aí veu o nome, antiga denominación do Tambre, o río que pasa por Noia. O nome recordábao Prudencio Romo de cando cursaba estudos no Instituto de Noia (situado onde hoxe están os xulgados). Alí había un mapa antigo de Galicia. Nel aparecía o río Tambre, pero alí non poñía río Tambre, senón río Tamara. Prudencio preguntoulle a un dos seus profesores a que era debido e este explicoulle que antigamente se chamaba así porque atravesaba territorios dos antigos condes de Trastamara (aínda que é ao revés, o río xa se chamaba Támara en época romana e o condado chamouse Trastámara porque eran as terras "ao outro lado do Támara").
Tras uns comezos locais e unha primeira actuación en televisión en 1958, comezaron unha xira que os levou por todo o Magreb: Tocaron no casino de Marrakech, no Negresco e tamén no Casino en Casablanca así como en Tánxer en 1959 e en Orán en 1960. Esta xira tiveron que abandonala repentinamente en Alxeria, cando estoupou a guerra da independencia, de onde tiveron que saír nun avión da Cruz Vermella que ía a Marsella. As viaxes leváronnos até o Olympia de París onde actuaron durante dous meses en 1960, fazaña inédita nun grupo peninsular. O carismático cantante Pucho Boedo entrou no grupo de casualidade no ano 1961. Estando en Francia, o cantante que tiñan ata entón, Germán, que tamén era de Noia (ao igual que Prudencio) namorouse perdidamente e marchou cunha rapaza para Córsega da noite para a mañá, abandonando o grupo. Entón Prudencio chamou o seu amigo Pucho, que se atopaba en Madrid (en concreto no salón de té Casablanca), para ver se el podía axudalos. Foi entón cando Pucho se uniu ao grupo.
Gravaron o seu primeiro EP en 1962 no selo francés Bel-Air. En 1964 cantaron por vez primeira en galego "Galicia, terra nosa", iniciando un estilo popular enraizado na música e, sobre todo, na poesía galega, que lles daría grandes éxitos nos setenta, xunto coas súas versións dos temas máis dispares, desde Aznavour, Mikis Theodorakis e o seu "Zorba el griego", Otis Redding, ata James Brown e o seu "I Got You (I Feel Good)", que eles publicaron como sinxelo co título de "Soy muy feliz" na cara B do famoso tema "A Santiago voy" (1967) , e mesmo o clásico popular grego "Misirlou", do que en 1994 Quentin Tarantino incluíu a versión de Dick Dale no seu filme Pulp Fiction.
En 1975 entrou a formar parte da banda Paco Montero, e a partir de 1976 substituíu a Pucho como cantante, continuando co grupo cunha nova formación e gravando varios LPs (un deles acompañado polo propio Pucho).
Os integrantes orixinais xa só se reunirán despois da morte de Pucho para gravar o disco homenaxe Carta a un amigo (1990, EDIGAL), con Sito Sedes na voz. A iniciativa do IGAEM, volveron con esta formación en 2002 co CD Agora é sempre.
Discos
[editar | editar a fonte]Sinxelos
[editar | editar a fonte]- El amor / Galicia terra nosa (7"; Zafiro, 1964)
- Tú me haces mal / Pecadora (7"; Zafiro, 1965)
- Venecia sin ti / Con el corazón (7"; Zafiro, 1965)
- Muñeca rota / La primera vez (7"; Zafiro, 1965)
- Zorba el griego / El mundo (7"; Zafiro, 1965)
- La otra madre / Misirlou (7"; Zafiro, 1965)
- La vida es así / A la buena de Dios (7"; Zafiro, 1966)
- A Santiago voy / Soy muy feliz (7"; Zafiro, 1967)
- Pastores cantaille a´o neno / Os anxeliños do ceo (7"; Zafiro, 1967)
- Estoy de Rodríguez / Perdona (7"; Zafiro, 1967)
- El hombre del tiempo / El afilador (7"; Zafiro, 1968)
- Mi tierra gallega / Aves del prado (7"; Zafiro, 1968)
- Puerto de Compostela / Emigrado (7"; Zafiro, 1969)
- Bahía de Montego / Esa luna plateada (7"; Zafiro, 1971)
- As tres cousas / A sardiñada (7"; Marbella, 1972)
- Me gusta el flamenco / Los muchachos (7"; Marfer, 1972)
- Luna caprese / Volverá (7"; Marfer, 1976)
- De Santiago vengo / Toda una vida (7"; Marfer, 1977)
EPs
[editar | editar a fonte]- Esperanza (Bel Air, 1962)
- El Chipi-chipi (Bel Air, 1962)
- Twist, twist (Bel Air, 1962)
- Volver a ti (Bel Air, 1963)
- Todo ya pasó (Bel Air, 1963)
- Alla,Alla, Galicia terra nosa / El amor, Mashed potato time (Zafiro, 1964)
- La mamma, Chin-chin, Si yo tuviera un martillo, América (Zafiro, 1964)
- Y por tanto (Zafiro, 1964)
- Venecia sin ti (Zafiro, 1965)
- Tú me haces mal (Zafiro, 1965)
- Zorba el griego (Zafiro, 1965)
- Gracias, gracias (Zafiro, 1966)
- Yo escuché el mar (Zafiro, 1967)
LPs
[editar | editar a fonte]- Na fermosa Galicia (1970)
- De Santiago vengo... al mundo voy (1972)
- Miña Galicia verde (1974)
- Los Tamara (1976)
- Carta a un amigo (1990)
- Agora é sempre (2002)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- 14 éxitos de d'oro (1991)
- Todos sus EP’s 1962–1967 (2004)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fernández Rego, F. (2010). 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega. Ed. Toxosoutos. p. 19-39. ISBN 9788492792382.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Los Tamara con Pucho Boedo
- "Los Tamara. Los precursores del pop gallego" en lafonoteca
- "Forum e información". cancionesdelayer. Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2013. Consultado o 24 de maio de 2011.