Ivan Goncharov
Nome orixinal | Ivan Aleksandrovich Goncharov |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | Иван Александрович Гончаров 6 de xuño de 1812 (Xuliano) Ulianovsk, Rusia |
Morte | 15 de setembro de 1891 (79 anos) San Petersburgo, Rusia |
Causa da morte | pneumonía |
Lugar de sepultura | Literatorskie mostki |
Educación | Faculty of History and Philology of Moscow University (en) |
Q89547790 | novela Oblómov |
Actividade | |
Ocupación | escritor |
Período de actividade | 1838 - |
Empregador | Academia das Ciencias de San Petersburgo |
Membro de | |
Xénero artístico | Novela, sketch story (en) e artigo |
Movemento | Realismo literario |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Familia | House of Goncharov (en) |
Cónxuxe | sen valor |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Ivan Aleksandrovich Goncharov (en ruso: Иван Александрович Гончаров), nado en Simbirsk (actualmente Ulianovsk) o 6 de xullo de 1812 e finado en San Petersburgo o 15 de setembro de 1891, foi un escritor ruso coñecido sobre todo pola súa novela Oblómov, que relata a historia dun home que decide voluntariamente non erguerse da cama, e que foi tomada como símbolo da decadencia dunha parte da sociedade rusa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Iván Goncharov era fillo dun rico comerciante de cereais, que tivo responsabilidades políticas na cidade e morreu cando Goncharov tiña só sete anos. Foi Avdotia Matveevna, súa mai, quen se ocupou da educación primaria do fillo. Estudou francés e alemán e, xa de neno, era un lector apaixonado, que lía a Mikhail Lomonosov, Vasili Zhukovski, Voltaire e Rousseau. En 1822 entrou na escola de comercio en Moscova, e en 1831, ingresou na facultade de filoloxía da Universidade de Moscova na que foi testemuña dunha conferencia de Alexander Pushkin, que o encheu de admiración. Na universidade estaban naquel tempo tamén Vissarion Belinski e Mikhail Lérmontov, cos que non tivo ningunha relación. Durante os anos de universitario publícanse as súas primeiras experiencias literarias: algunhas traducións do francés.
O funcionario
[editar | editar a fonte]Acabada a universidade, marcha a Simbirsk para servir na chancelería do gobernador entre os anos 1834 e 1835. No verán de 1835 viaxa a San Petersburgo, onde traballou dez anos como pequeno funcionario no ministerio de finanzas. Estes anos servíronlle para coñecer de cerca o mundo da burocracia e dos comerciantes, experiencia que lle ía servir como material literario. Confesaba dedicar tódalas horas mortas do traballo á literatura.
Nos anos 1838 e 1839 aparecen publicados algúns poemas seus de ton romántico e os seus primeiros relatos humorísticos como Счастливая ошибка (Schastlivaia oshibka. Un erro feliz). Traballar de profesor particular nunha familia peterburguesa permitiulle entrar en contacto con xente do mundo literario. Coñece a Vissarion Belinski, que ía influír moito no seu desenvolvemento persoal. A súa primeira novela Обыкновенная история (Obyknobennaia istoria. Unha historia corrente), de 1847, foi moi ben recibida pola crítica, valeulle o recoñecemento público e permitiulle deixar atrás as dúbidas sobre a súa capacidade para ser escritor. A obra trata do conflito entre a nobreza e a emerxente clase dos comerciantes, e foi valorada como un intelixente ataque ó romanticismo e o sentimentalismo. A seguinte novela que publicou foi Ivan Savitch Podzhabrin (1848, un estudo filosófico-naturalista).
A fragata Palada
[editar | editar a fonte]Goncharov, amante desde a infancia da literatura de viaxes, manifestara sempre o seu desexo de viaxar ó estranxeiro, mais a decisión de envialo en 1852 ó Xapón en barco co cargo de secretario do almirante da expedición, provocoulle certa inquedanza. Durante os dous anos seguintes estivo en Inglaterra, Suráfrica, Singapur, China e finalmente en Nagasaki, o único porto xaponés aberto ós estranxeiros. Esta viaxe e o accidentado retorno a Petersburgo por terra (a guerra con Inglaterra fixo imposible a vía marítima) atravesando Siberia foron a base para o libro de impresións da viaxe editado co título de Фрегат Паллада (Fregat Pallada) en 1858.
O censor
[editar | editar a fonte]En 1856 concedéronlle o cargo de censor literario, o que se engadía á tarefa de ensinar literatura rusa ó príncipe herdeiro, o que provocou o desprezo dos seus antigos coñecidos de ideas liberais. Permitiu a edición das daquela prohibidas Zapiski oxhotnika (Notas dun cazador) de Ivan Turguenev, dun libro de poemas de Nikolai Nekrasov e da novela de Aleksei Pisemski Tysacha dush (Mil almas), pero foi moi estrito coas publicacións de ton radical, polo que as relacións cos seus colegas literarios empeoraron. Goncharov rexeitaba que o considerasen un liberal e era totalmente contrario ós socialistas democráticos. Aborrecido co endurecemento das normas de censura, deixa ó ano seguinte o seu cargo de censor, se ben posteriormente foi de novo chamado a un posto de moita responsabilidade no departamento de censura, que non deixou definitivamente ata 1867.
Novela Oblomov
[editar | editar a fonte]A súa obra máis importante e coñecida Oblómov apareceu o ano 1859 e tivo un éxito enorme, proporcionándolle ó autor uns ingresos de 10.000 rublos. A sona da novela espallouse polos círculos cultivados rusos e a obra provocou un intenso debate. As interpretacións da obra son múltiples. A inacción e indolencia do protagonista foron vistas por algúns como símbolo da situación de estancamento da sociedade rusa da época e foi con este sentido que a palabra “oblomovismo” se incorporou á lingua rusa. Oblomov transformouse axiña nun dos mitos da literatura rusa.
A súa derradeira novela Обрыв (Obryv. O precipicio) que escribira durante case vinte anos, apareceu en 1868. Nela opóñense a ideoloxía nihilista revolucionaria dun personaxe cínico e os valores tradicionais e relixiosos dunha bondadosa anciá, polos que ao final se acaba decantando Vera, a moza protagonista. Antes da publicación lera xa fragmentos dela a Ivan Turguenev, a quen despois acusou de plaxialo na súa novela Отцы и дѣти (Otsy i Dieti. Pais e fillos). As continuas sospeitas de ser plaxiado de Goncharov (que acusou mesmo a Gustave Flaubert de aproveitar informacións sobre a súa obra que tería recollidas de Turgenev) son se cadra unha proba dos problemas psicolóxicos de Goncharov nos seus últimos anos, que pasou enfermo e en total retiro. Morreu ós 79 anos de idade en San Petersburgo, onde está enterrado.