Isaac Rosenberg
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de novembro de 1890 Bristol, Reino Unido |
Morte | 3 de abril de 1918 (27 anos) Arras, Francia |
Educación | Slade School of Fine Art (pt) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, pintor, escritor |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército Británico |
Conflito | Primeira guerra mundial |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Isaac Rosenberg, nado en Bristol o 25 de novembro de 1890 e finado no Somme o 1 de abril de 1918, foi un escritor e pintor inglés, considerado un dos máis importantes dos poetas da Gran guerra. Morreu na fronte francesa na ofensiva do Somme, uns meses antes do final da guerra.
Biografía
[editar | editar a fonte]Xuventude
[editar | editar a fonte]Naceu en Bristol, sendo o segundo dos seis fillos de Barnett e Hacha Rosenberg, xudeus ortodoxos de orixe rusa de Dvinsk (agora en Letonia). En 1897 a familia mudouse a un barrio pobre do East End de Londres, cunha forte presenza da comunidade xudía.[1]
Isaac asistiu á escola primaria de St. Paul's Whitechapel, até que a súa familia se trasladou a Stepney en 1900. Alí comezou a asistir á escola xudía de Baker Street, pero aos catorce anos abandonou a escola para converterse en aprendiz nun estudo de gravador en Fleet Street.[1] Interesado dende moi novo na poesía e na arte visual, comezou a asistir a cursos nocturnos na escola de arte 'Birkbeck College'. Rematou a súa aprendizaxe en 1911 e, tras gañar o diñeiro necesario grazas á xenerosidade dos seus amigos, comezou a asistir á 'Slade School of Fine Art' da University College London (UCL).[2]
Durante a súa etapa na Slade School, Rosenberg tivo como amigos e compañeiros de estudos, entre outros, a David Bomberg, Mark Gertler, Stanley Spencer, Paul Nash, Edward Wadsworth, Dora Carrington e Christopher RW Nevinson. Baixo a dirección de Laurence Binyon e Edward Marsh Isaac comezou a escribir poesía en serio[1] e en 1912 publicou unha primeira colección de dez poemas, Night and Day. En 1914 tamén expuxo algúns dos seus cadros na Whitechapel Art Gallery. No mesmo 1914, para tentar curar a bronquite crónica que padecía e evitar en todo caso unha deterioración da súa xa precaria saúde, Rosenberg decidiu trasladarse ao clima máis cálido de Cidade do Cabo en Suráfrica, onde vivía a súa irmá Mina.[1]
Estando en Cidade do Cabo escribiu algúns poemas sobre a guerra que comezara. Mentres outros poetas glorificaban a guerra como un sacrificio patriótico, Rosenberg foi moi crítico nas súas composicións. Non obstante, principalmente para axudar a manter a súa nai, volveu a Inglaterra en outubro de 1915, cando publicou a súa segunda colección de poemas, Youth ('Xuventude').
Primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]A pesar de ser un firme pacifista, Rosenberg decidiu unirse ao exército británico, non por patriotismo, senón "por pobreza". Rosenberg foi asignado primeiro Rexemento de Suffolk e posteriormente trasladado ao King's Own (Rexemento Real Lancaster). En xuño de 1916 foi enviado co seu batallón a loitar na fronte occidental en Francia. Durante a guerra continuou escribindo poesía mentres servía nas trincheiras, incluíndo Break of Day in the Trenches, Returning we Hear the Larks e Dead Man's Dump.
A súa participación na guerra foi para el unha experiencia terríbel. Sentiuse obrigado a escribir sobre ela e todos os seus poemas desa época están marcados por tons apocalípticos. Foi asasinado na madrugada do 1 de abril de 1918, probabelmente por man dun francotirador en Fampoux, ao nordeste de Arras. Foi enterrado nunha fosa común, pero en 1926 os seus restos foron identificados e enterrados no cemiterio de Bailleul Road East, Saint-Laurent-Blangy, Paso de Calais, Francia. [3]
Legado artístico
[editar | editar a fonte]Todos os seus poemas foron recollidos no volume póstumo Collected works, publicado en 1937.
Os seus autorretratos gárdanse na National Portrait Gallery[4] e na Tate Britain.[5]
Fóra da biblioteca da Whitechapel hai unha placa que conmemora a Rosenberg.[6]
Rosenberg tamén está entre os dezaseis poetas da Primeira guerra mundial conmemorados nunha pedra de lousa colocada o 11 de novembro de 1985 no Poets' Corner na abadía de Westminster.[7]
Paul Fussell, no seu ensaio The Great War and Modern Memory', considerado o maior estudo de referencia para a literatura inglesa da Primeira guerra mundial, identifica o Break of Day in the Trenches de Rosenberg como "o poema máis grande da guerra" [8]
I am determined that this war, with all it's powers for devastation, shall not master my poeting – that is, if I am lucky enough to come through it, all rightIsaac Rosenberg[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Wilson, Jean Moorcroft (2003-11-08). "Jean Moorcroft Wilson on Isaac Rosenberg". the Guardian (en inglés). Consultado o 2022-06-03.
- ↑ "Who was Isaac Rosenberg?". Evening Standard (en inglés). 2012-04-05. Consultado o 2022-06-03.
- ↑ Rosenberg, Isaac, 1º Battaglione, (Royal Lancaster Regiment), Commonwealth War Graves Commission: "Figlio di Barnet e Annie Rosenberg, di 87, Dempsey St., Stepney, Londra. Nato a Bristol. Notizie aggiuntive: alcuni critici del tempo consideravano Rosenberg il migliore dei poeti di guerra dopo Wilfred Owen"
- ↑ "Isaac Rosenberg - National Portrait Gallery". www.npg.org.uk (en inglés). Consultado o 2022-06-03.
- ↑ Tate. "‘Self-Portrait’, Isaac Rosenberg, 1911". Tate (en inglés). Consultado o 2022-06-03.
- ↑ "A soldier from another war", articolo del 4 dicembre 1987
- ↑ "Poets". net.lib.byu.edu. Consultado o 2022-06-03.
- ↑ Fussell, Paul. Il Mulino ; Bologna, 1984, ed. ""La Grande Guerra e la memoria moderna"" (PDF). online.scuola.zanichelli.it ; Storiografia; (en italiano). Consultado o 4-6-2022.
- ↑ "Sono convinto che questa guerra, con tutta la sua potenza di devastazione, non si impadronirà della mia poetica - cioè, se sarò abbastanza fortunato di venirne fuori, tutto bene" (In una lettera di Isaac Rosenberg a Laurence Binyon, Autunno 1916)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Isaac Rosenberg |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Geoff Akers - Beating for Light: The Story of Isaac Rosenberg (2006)
- Jean Moorcroft Wilson - Isaac Rosenberg, poet and painter (1975)
- Word and Image VI. Isaac Rosenberg 1890-1918, (National Book League, 1975)
- Jean Liddiard - Isaac Rosenberg; the Half Used Life (1975)
- J. Cohen - Journey to the Trenches: The Life of Isaac Rosenberg 1890-1918 (1975)
- Deborah Maccoby - God Made Blind: The Life and Work of Isaac Rosenberg, (1999 Symposium Press)
- Harold Finch - The Tower Hamlets Connection - a Biographical Guide, (Stepney Books)
- Six Poets of the Great War: Wilfred Owen, Siegfried Sassoon, Isaac Rosenberg, Richard Aldington, Edmund Blunden, Edward Thomas, Rupert Brooke and Many Others. (a cura di Adrian Barlow) Cambridge University Press, 1995
- Isaac Rosenberg - Selected Poems and Letters ed. Jean Liddiard (Enitharmon, 2003)
- Jon Stallworthy, ‘Rosenberg, Isaac (1890–1918)', Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, 2004
A Galicitas posúe citas sobre: Isaac Rosenberg |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Isaac Rosenberg |