Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Federación Universitaria Escolar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Federación Universitaria Escolar
Tipoórgano administrativo
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]
Edificio da antiga Universidade Central de Madrid na rúa de San Bernardo. Alí foi alzada a bandeira vermella da FUE durante a rebelión estudantil de 1929 contra a Ditadura de Primo de Rivera.

A Federación Universitaria Escolar (FUE) foi unha organización estudantil fundada na Universidade Central de Madrid (España) a finais de 1926 por Antonio María Sbert e outros dous estudantes como alternativa á até entón hexemónica Asociación de Estudiantes Católicos (AEC), e no contexto das protestas estudantís contra a política universitaria da Ditadura de Primo de Rivera, que pronto derivaron nunha rebelión, primeiro, contra a Ditadura e, logo, contra a Monarquía de Afonso XIII. Trala proclamación da Segunda República Española, a FUE extinguiuse diluíndose nas diversas organizacións xuvenís e partidos de esquerda. Sbert foi deputado por Esquerra Republicana de Catalunya.

As primeiras protestas estudantís contra a Ditadura de Primo de Rivera tiveron lugar na primavera de 1925, cando aínda gobernaba o Directorio militar, promovidas pola recentemente creada Unión Liberal de Estudantes (ULE) que agrupaba aos estudantes republicanos —o 26 de abril fixo público un manifesto—. O incidente máis importante tivo lugar o 15 de maio e estivo protagonizado polos estudantes da Escola de Enxeñeiros Agrónomos encabezados por Antonio María Sbert, os cales non asistiron ao acto de clausura do curso académico presidido polo rei Afonso XIII en sinal de protesta, porque o ditador Miguel Primo de Rivera rexeitara a petición que querían presentarlle por non estar feita polo conduto regulamentario. A reacción do ditador foi expulsar a Sbert da escola e confinalo en Cuenca.[1]

A finais de 1926 Sbert, Antolín Alonso Casares e Emilio González López da Universidade Central de Madrid fundaron a Federación Universitaria Escolar (FUE), como alternativa á até entón hexemónica Asociación de Estudantes Católicos (AEC). A primeira folga de certa resonancia que convocou a FUE foi en marzo de 1928 como protesta polo expediente aberto ao catedrático Luís Jiménez de Asúa con motivo dunha conferencia que pronunciou na Universidade de Murcia sobre o control da natalidade; mais o movemento máis importante que promoveu a FUE foi a protesta contra da Lei Callejo promulgada en maio de 1928, cuxo artigo 53 permitía expedir títulos universitarios aos dous centros de estudos superiores privados existentes entón en España, ámbolos dous propiedade da Igrexa católica —os agostiños do Escorial, e os xesuítas de Deusto—. En principio, como sinalou Eduardo González Calleja, era "unha resposta de autodefensa dos estudantes encamiñados a profesionais liberais contra a plétora de licenciados procedentes dos establecementos educativos confesionais".[2]

González Calleja afirma, doutra banda, que naquela época, a FUE "baseaba o seu programa na reivindicación de novos valores socioculturais, como o feminismo e o naturismo, pero non mostraba unha ideoloxía clara, agás un vago republicanismo sentimental que aos poucos conseguiría plasmarse politicamente".[2]

Folga estudantil de 1929

[editar | editar a fonte]

A protesta contra a Lei Callejo acentuouse en 1929. O 27 de febreiro unha asemblea de asociacións estudantís convocou unha folga para o 7 de marzo. O Goberno respondeu coa expulsión da universidade do líder da FUE, Sbert, o que alporizou aínda máis os ánimos. Na data prevista, producíronse algaradas e manifestacións rueiras que tiveron un grande impacto público xa que eran as primeiras que se realizaban no interior de España contra a Ditadura e a Monarquía. Tamén houbo manifestacións e tumultos noutras universidades españolas. O día 9 de marzo Primo de Rivera destituía ao reitor da Universidade de Madrid e aos decanos de tódalas facultades, sendo substituídos por unha Comisaría Rexia. O día 10 a policía e a Garda Civil tomaban ao asalto os edificios universitarios, mentres os estudantes apedreaban a casa do ditador e a sede do diario conservador ABC. O día 11 Primo de Rivera ordenou ao Exército a ocupación das facultades e ameazou coa perda de matrícula a todos os estudantes que persistisen na folga. Só os afíns á Asociación de Estudantes Católicos (un 5%) volveron a clase. Os días seguintes os estudantes continuaron a folga e levantaron barricadas no centro de Madrid. O 13 producíronse graves incidentes en Valladolid e Valencia. O 16 de marzo o goberno pechou a Universidade de Madrid, á que seguiron outras seis. Máis de cen profesores e catedráticos mostraron a súa solidariedade cos estudantes. O 24 de abril volvéronse reabri-las universidades, e a maioría dos estudantes volveron a clase, pero unha semana antes foi pechada a Universidade de Barcelona tras producirse enfrontamentos entres estudantes e mozos da Unión Patriótica. O 19 de maio, Primo de Rivera comezou a ceder ao restablecer nas súas funcións ás autoridades académicas e finalmente o 21 de setembro derrogou o polémico artigo 53 da Lei Callejo.[3]

Con todo, a derrogación do artigo 53 non detivo a protesta estudantil —"unha ditadura que capitula é un réxime vencido, e os estudantes dábanse perfecta conta diso", explicou Ben Ami[4]—. A FUE, esixiu a rehabilitación de Sbert, o levantamento das sancións contra os profesores e o recoñecemento da liberdade de asociación dos estudantes. Así a axitación estudantil renovouse en xaneiro de 1930. A resposta de Primo de Rivera foi disolve-la FUE, mais o 22 iniciouse un paro xeral en tódalas universidades españolas, que foi apoiado polas forzas sindicais e que xa tivo un carácter claramente republicano.[5] "O 28 de xaneiro, Primo de Rivera presentou a dimisión ao rei, soándolle aínda nos oídos o eco dos clamores estudantís", comenta Shlomo Ben Ami.[4]

Trala proclamación da Segunda República Española, a FUE, como o resto de organizacións estudantís, "foron perdendo aos poucos a súa autonomía, ligándose a partidos ferreamente disciplinados. A FUE, cuxos líderes máis coñecidos quedaron comodamente instalados na nova situación política, foi superada por formacións máis extremistas de esquerda e dereita, que trouxeron ás aulas un novo activismo xuvenil, máis sistemático, excluínte e violento".[6]

  1. González Calleja (2005), pp. 89-90
  2. 2,0 2,1 González Calleja (2005), pp. 90-91
  3. González Calleja (2005), pp. 91-93
  4. 4,0 4,1 Ben-Ami (2012), p. 319
  5. González Calleja (2005), p. 93
  6. González Calleja (2005), p. 94

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ben-Ami, Shlomo (2012). El cirujano de hierro. La dictadura de Primo de Rivera (1923-1930) (en castelán). Barcelona: RBA. ISBN 978-84-9006-161-9. 
  • González Calleja, Eduardo (2005). La España de Primo de Rivera. La modernización autoritaria 1923-1930 (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-4724-1.