Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Ducado de Florencia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDucado de Florencia
Ducato di Firenze (it) Editar o valor en Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°47′N 11°15′L / 43.78, 11.25
CapitalFlorencia Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua toscana Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación1532 Editar o valor en Wikidata
Disolución1569 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Sucedido porGran Ducado de Toscana Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía Editar o valor en Wikidata
MoedaFlorín florentino Editar o valor en Wikidata

O Ducado de Florencia (Ducato di Firenze, en italiano) foi un Estado, dentro do Sacro Imperio Romano Xermánico, centrado na cidade de Florencia, no que é hoxe a moderna Toscana, Italia. Foi fundado en 1533, cando o papa Clemente VII (gobernante dos Estados Papais e de Florencia) nomeou o seu fillo natural Alexandre de Medici,[1] Duque de Florencia, transformando a anterior República de Florencia nunha monarquía hereditaria. Florencia xa estaba baixo o control informal dos Medici desde 1434.

Véxase tamén: República de Florencia.

O Ducado de Florencia tivo dous duques: Alexandre e Cosme I de Medici. Alexandre reinou como duque até o seu asasinato en 1537. Cosme, escollido polas autoridades florentinas para suceder ao seu primo arredado, estabeleceu unha poderosa mariña, e emprendeu a maior adquisición territorial para Florencia coa anexión da República de Siena despois da Batalla de Marciano en 1554.

En 1569 o ducado foi elevado a Gran Ducado de Toscana polo papa, o que permitiu o goberno dos Médicis e toda a Toscana até 1737, data na que a familia se extinguiu.[2]

Véxase tamén: Gran Ducado de Toscana.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

A partir de 1434, ano no que Cosme o Vello regresa triunfalmente do seu exilio veneciano, a familia Medici exercerá en Florencia un poder de feito (para o que se cuñou o nome de "criptoseñorío"), que se consolidou con Pedro Cosme chamado o Gotoso e o seu fillo Lourenzo o Magnífico.

En 1494 Pedro o Fatuo, incapaz de opoñerse eficazmente á entrada en Florencia do rei de Francia Carlos VIII, viuse obrigado a fuxir. Restáurase na cidade o réxime republicano. Ao retorno dos Medici, en 1512, púxose á fronte do goberno da cidade o cardeal Xulio, fillo natural de Xuliano Cosme, que en 1522 sería elixido papa co nome de Clemente VII.

Porén, en 1527, despois do Saqueo de Roma por parte das tropas de Carlos V, os florentinos rebeláronse, proclamando de novo a república. Para derrotar a este último réxime republicano foi necesario que se aliasen o papa Medici e o Emperador. Despois do sitio de Florencia, en 1531 Alexandre de Medici toma posesión do goberno da cidade. O ano seguinte será nomeado Duque. Morreu en 1537 a mans de Lourenzino de Medici, tamén chamado Lorenzaccio.[3]

Cando a súa fundación, o Ducado de Florencia ocupaba a mesma extensión que o seu estado predecesor, a República de Florencia. O ducado foi creado porque o título de "duque" cadraba mellor e faría máis fácil o exercicio do poder que os Medici xa tiñan na rexión.[4]

A supremacía dos Medici fora restaurada polo emperador Carlos V apenas algúns anos antes da creación do ducado,[5] despois de que que o papa papa Clemente VII fose deposto en 1527 por rebeldes florentinos durante a Guerra da Liga de Cognac.[6]

Reinado de Alexandre

[editar | editar a fonte]
Alexandre de Medici

En 1535, varias preeminentes familias florentinas, incluíndo os Pazzi (que intentaran matar a Lourenzo de Medici na Conspiración dos Pazzi), enviaron unha delegación a Carlos V coa solicitude de que depuxese a Alexandre. Esta delegación ía ao mando do primo de Alexandre, Hipólito de Medici.

Carlos V rexeitou a petición da delegación, dado que o emperador non tiña ningunha intención de depoñer a Alexandre, casado coa súa filla natural Margarida de Parma, cuxa seguridade podía perigar polos planos de Hipólito.[7]

O goberno de Alexandre como duque durou apenas catro anos. Alexandre foi asasinado por un parente arredado, Lorenzino de Medici, o 1 de xaneiro de 1537.[8] Alexandre morreu sen descendencia lexítima.[6]

Reinado de Cosme I

[editar | editar a fonte]

En 1537, tras o asasinato de Alexandre de Medici, ningunha das familias máis importantes de Florencia estaba en condicións de pretender o posto dos Medici de maneira que se opuxese ao imperio de Carlos V. Nese momento aparece Cosme I de Medici, con só 17 anos, seguido duns poucos servos, pero que foi elixido polas autoridades florentinas para suceder a Alexandre.

Cosme I de Medici, retrato por Bronzino.

Apenas foi investido, emitiu un decreto no que excluía a Lorenzino e aos seus descendentes de calquera dereito de sucesión, desautorizou o Consello e asumiu a autoridade absoluta de maneira tiránica, causando o exilio voluntario de varios notábeis da cidade.

Estes, como a familia Strozzi, co apoio de Francia, intentaron derrocalo, pero fracasaron na Batalla de Montemurlo.

Despois deste golpe de autoridade na rexión, Cosme foi recoñecido como Duque polo emperador Carlos V, a cambio da súa axuda contra os franceses. En 1542, as tropas imperiais estacionadas en Florencia por orde de Carlos V, retíranse. Este feito permitiulle levar a cabo a expansión de Florencia.

O 17 de abril de 1555, Florencia e España ocupan a República de Siena (Batalla de Marciano) despois dun breve conflito (Siena encontrábase en colapso xa desde algún tempo antes da súa anexión).

Fotografía do Palacio Pitti (principios do século XX)
Vista nocturna da Galería dos Uffizi co Palazzo Vecchio ao fondo

Filipe II de España outorgou o territorio a Cosme, en xullo de 1557. Así, Cosme controlaba a maior parte da Toscana.

En 1548 Cosme comprou a illa de Elba á República de Xénova, baseando alí a mariña que estaba a desenvolver. Fundou a cidade portuaria de Livorno, permitíndolles aos habitantes da cidade que gozasen de liberdade relixiosa.[9]

A familia ducal trasladouse ao Palacio Pitti en 1560.[10] Cosme adxudicoulle ao arquitecto Vasari a construción da Galería Uffizi, como oficinas para os administradores do ducado (que xa lles quedara pequeno o Palacio Pitti), para o Banco dos Medici, dando nel continuidade á tradición familiar de mecenado das artes.

Porén, Cosme non se resignaba a ser un vasalo do Emperador e buscaba maior independencia política. Desta maneira, trinta e seis anos despois de establecerse o estado, en 1569, o papa Pío V eleva a Cosme I de Medici á categoría de "Gran Duque", pasando o seu Estado a designarse cono Toscana, termo de maior amplitude xeográfica, e poñendo así fin ao Ducado de Florencia.

O novo Gran Duque de Toscana pasou a utilizar o tratamento honorífico de alteza.[11] E, no sucesivo, o gran duque sería coroado polo Papa en Roma.

Por considerar que o dereito a establecer un Gran Ducado estaba reservado ao Emperador, España e Austria negáronse a recoñecelo, mentres que Francia e Inglaterra agardaron un tempo para validalo. Finalmente, co paso do tempo, todos os estados europeos acabaron por recoñecelo.

O goberno dos Medici continuou no novo gran ducado de Toscana até a extinción da liña masculina da familia, en 1737

Carlos V
Clemente VII

Imediatamente despois da rendición da república no asedio de Florencia (1529–1530), Carlos V emitiu unha proclamación onde se dicía explicitamente que só el podería determinar o goberno de Florencia.[12]

O 12 de agosto de 1530, o emperador instituíu os Medici como gobernantes hereditarios (capo) da República de Florencia.

O papa Clemente VII, que pretendía que o seu familiar Alexandre de Medici fose o gobernante monárquico de Florencia, procurou coidadosamente a estratexia a usar, porque pretendía dar a impresión de que fora a democracia florentina quen escollera Alexandre como monarca.[13]

En abril de 1532, o papa convenceu á Balía, a comisión gobernativa de Florencia, para que redactasen unha nova constitución.

Este documento foi oficializado o día 27 daquel mes, creando formalmente unha monarquía electiva, abolindo a antiga signoria (goberno electivo) e o cargo de gonfaloneiro (gobernante titular de Florencia elixido para períodos de dous meses); no seu lugar establecéronse os consigliere, un consello de catro membros electos para períodos de tres meses, liderado polo "duque da República Florentina".

O senado, composto por corenta e oito homes, escollidos pola comisión da reforma constitucional, foi investido coa prerrogativa de determinar as políticas financeira, de seguridade e exterior de Florencia.

Adicionalmente, o senado nomeou os comisarios da guerra e de seguridade pública, os gobernadores de Pisa, Arezzo, Prato, Volterra e Cortona, así como aos embaixadores.[14]

O "Consello dos Douscentos" era un tribunal de apelación cuxos membros eran nomeados de forma vitalicia.

  1. Algúns historiadores suxiren que era o fillo de Lourenzo II de Medici, Duque de Urbino.
  2. Strathern, Paul: Medici: Godfathers of the Renaissance (Vintage Publishers), London. ISBN 978-0-09-952297-3
  3. Feito sobre o que o poeta e dramaturgo francés Alfred de Musset escribiu unha obra de teatro.
  4. Frieda, Leonie, Catherine de Medici (Phoenix) ISBN 0-7538-2039-0
  5. Frieda, Leonie, Op. cit., páx. 29
  6. 6,0 6,1 "History of the Medici". www.historyworld.net.  (en inglés)
  7. Strathern, Paul, Op. cit., páxs. 322–325
  8. Strathern, Paul, Op. cit., páx. 327
  9. Strathern, Paul, Op. cit., páx. 335.
  10. Strathern, Paul, Op. cit. páx. 337
  11. Strathern, Paul, Op. cit. páxs. 339–342
  12. Hale, J. R.: Florence and the Medici. London: Orion books. ISBN 1-84212-456-0, páx. 118
  13. Hale, J. R., Op. cit., páx. 119
  14. Hale, J. R., Op. cit., páx. 121

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]