Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Du Mu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDu Mu (杜牧)
Biografía
Nacemento803
Chang'an
Morte852
Chang'an
Lugar de sepulturaWannian (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeChinesa
Grupo étnicoHan
Actividade
OcupaciónFuncionario, calígrafo, poeta
Familia
FamiliaDu clan of Jingzhao (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
FillosDu Dexiang, Du Huici, Du Chengze, Du Xunhe Editar o valor en Wikidata
PaiDu Congyu Editar o valor en Wikidata
ParentesDu You Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteWanxiaotang Huazhuan (en) Traducir
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMSLP: Category:Du,_Mu Editar o valor en Wikidata

Du Mu (chinés tradicional e simplificado: 杜牧, pinyin: Dù Mù; Wade-Giles: Tu4 Mu4), nado en Chang'an (actual Xi'an) no ano 803 e finado na mesma cidade no 852, foi un calígrafo, poeta e político chinés de finais da dinastía Tang. O seu nome de cortesía era Muzhi 牧之, e o seu nome artístico Fan Chuan 樊川. A miúdo inspirado por cortesás, servíase da Historia para falar da súa época. Foi especialmente recoñecido polos seus cuartetos líricos e románticos.

Considerado un dos máis grandes poetas da época dourada da poesía chinesa, o seu nome adoita aparecer xunto co de Li Shangyin; así, eran alcumados "Os pequenos Li e Du" (Xiao Li Du 小李杜), en referencia aos célebres Li Bai e Du Fu. Entre as súas influencias, atópanse os xa mencionados Li Bai e Du Fu, así como Han Yu e Liu Zongyuan.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Du Mu naceu na capital dos Tang, Chang'an (actual Xi'an), nunha familia aristócrata en decadencia, o clan Jingzhao Du. O seu avó foi Du You, un ministro da corte e compilador da enciclopedia Tongdian 通典. Aprobou o exame de jinshi no 827, aos vinte e cinco anos, comezando a súa carreira como burócrata nunha serie de postos de rango inferior.[1] Unha destas ocupacións foi a de editor. Despois, traballou co comisionado Shen Chuanshi, primeiro en Hongzhou e, uns anos máis tarde, en Xuanzhou.[2] No 833, foi enviado a Yangzhou con Niu Sengru. Alí, empezou a madurar como poeta. No 835, concedéuselle o cargo de censor e regresou á capital. Máis tarde, pediu traslado a Luoyang, posiblemente por temor a verse involucrado nunha disputa relativa ao seu amigo Li Gan. Isto evitoulle a purga que ocorreu ao ano seguinte.[2]

O poeta tivo moitos postos oficiais en varias localidade, mais nunca acadou o alto rango, quizais a causa dos seus inimigos. No 837, volveu a Yangzhou para coidar do seu irmán menor, Du Yi, que quedou cego a causa dunha enfermidade. A continuación, trasladouse a Xuanzhou co seu irmán. No 838, foi nomeado Rectificador de Omisións da Esquerda e Compilador da Oficina de Historia na capital. No 840, foi ascendido a vicedirector da Oficina de Restauración e, ao ano seguinte, a vicedirector da Xunta de revisión. No 842 foi gobernador de diversas prefecturas rurais, como Huangzhou, Chizhou e Muzhou. Du Mu estaba descontento con estes postos, e culpaba ao político Li Deyu pola súa situación. Sentindo que a súa carreira era un fracaso, escribiu varios poemas expresando a súa insatisfacción.[2]

No 848 regresou novamente a Chang'an ao recibir o título de vicedirector de Títulos de Mérito. No 849, foi trasladado ao Ministerio de Persoal, e no 850 foi gobernador de Huzhou, a petición propia. No 851 volveu á capital para desempeñar diferentes postos administrativos, até a súa morte no inverno do ano seguinte, por unha enfermidade.

Du Mu dominou os xéneros do shi, o fu e mais a prosa chinesa antiga. É máis recoñecido polos seus cuartetos románticos e líricos, que adoitan referenciar lugares históricos ou situacións amorosas. Entre os seus temas máis comúns, están a separación, a decadencia ou a impermanencia. O seu estilo mestura imaxes e dicción clásicas con xustaposicións insólitas, coloquialismos e xogos de palabras. Tamén escribiu longos poemas narrativos.

Un dos seus poemas máis famosos é Qing lai 清来 ("A festividade de Qingming"), dedicado a esta festa chinesa na que se conmemora aos mortos visitando os cemiterios.

清来
清明時節雨紛紛,
路上行人欲断魂。
借問酒家何處有?
牧童遥指杏花村。
A festividade de Qingming

Orballa durante as festas de Qingming,

No camiño, un viaxeiro desconsolado

pregunta pola pousada máis próxima.

Un pastor sinala cara a aldea do albaricoqueiro en flor.

Outro poema célebre de Du Mu é Qiu xi 秋夕 ("Unha tarde de outono"), que conta a historia dunha solitaria concubina cuxo abano perdeu o seu propósito coa fin do verán. Considérase unha alegoría das frustracións do poeta polo declive familiar.[3] O pastor e a tecedora que figuran no poema son unha referencia á historia de dous amantes que só poden verse unha vez ao ano, que nomean ás estrelas Altair e Vega. Trátase dunha narración moi coñecida da mitoloxía chinesa.

秋夕
銀燭秋光冷畫屏,
輕羅小扇撲流螢。
天階夜色涼如水,
臥看牛郞織女星。
Unha tarde de outono

Candeas de prata, luz do outono, arrefría a pintura

Cun lixeiro abano de seda, golpea aos vagalumes.

Nos chanzos do pazo, a noite é fría coma a auga;

tumbada, contempla as estrelas do pastor e a tecedora.

Du Mu escribiu un comentario sobre A arte da guerra de Sunzi, xunto con varias cartas de consello a altos oficiais.[4] Consérvase unha compilación das súas pezas en prosa en vinte libros, baixo o título de Fan chuan wen ji 樊川文集 ("Obras completas de Fan Chuan").[4]

[editar | editar a fonte]

No 1968, Roger Waters (Pink Floyd) usou varios versos de Du Mu na canción "Set the Controls for the Heart of the Sun", do disco A Saucerful of Secrets.

  1. "Du Mu". web.archive.org. 2011-05-15. Archived from the original on 15 de maio de 2011. Consultado o 2024-01-16. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Owen, Stephen (2006). The Late Tang: Chinese Poetry of the Mid-Ninth Century (827-860) (en inglés). Harvard University Asia Center. ISBN 978-0-674-03328-3. 
  3. Pine, Red, ed. (2003). Poems of the Masters: China's Classic Anthology of T'ang and Sung Dynasty Verse (en inglés). Copper Canyon Press. ISBN 9781556591952. 
  4. 4,0 4,1 小項目事典,百科事典マイペディア,世界大百科事典内言及, 精選版 日本国語大辞典,デジタル大辞泉,日本大百科全書(ニッポニカ),改訂新版 世界大百科事典,ブリタニカ国際大百科事典. "杜牧(とぼく)とは? 意味や使い方". コトバンク (en xaponés). Consultado o 2024-01-16. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Du Mu (La literatura china traducida en España)