Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cítola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cítola
Cítaras de diversas tesituras.
Información
Clasificacióncordófono
Instrumentos relacionadosarpas, liras, guitarras, laúdes etc.
Santur.
Cistre ou cítola.
Dulcémele tocado a catro mans.

A cítola ou cítara (do grego khitára) é a denominación xenérica que recibe unha serie de instrumentos cordófonos que se caracterizan por ter unha caixa harmónica sobre a que se fixa o diapasón, con varias cordas paralelas á táboa harmónica. Algúns deles son de corda pulsada, outros de corda pinzada e outros de corda percutida.

Características

[editar | editar a fonte]

Paradoxalmente a khitára grega e romana pertence á familia das liras. A orixe das cítolas sitúase no medio Oriente, pero hoxe o seu uso está estendido desde Asia ata Europa central, onde é bastante popular. Máis recentemente pasou a América, onde desenvolveu variantes propias.[1]

Cítara tocada con púas de anel

Variantes

[editar | editar a fonte]

Ao longo de diversas épocas foron aparecendo diferentes instrumentos derivados da cítola:[2]

  • Autoarpa variante das cítolas moi utilizada na música tradicional americana
  • Santur persa ou címbalo húngaro. As primeiras representacións que se conservan son do 3.500 a.c. en Oriente medio. É moi semellante ao dulcémele, pero de maior tamaño.
  • Monocordio. Dise que foi inventado por Pitágoras. a súa única corda punteada cambia a súa afinación ao desprazar unha ponte móbil sobre a caixa.
  • Cistre. Ten lombo plano e corpo periforme.
  • Cítola medieval. Catro pares de cordas sobre unha ponte e fixadas con clavixas* á caixa.
  • Cétula. Con catro cordas metálicas, era empregada en Italia polas clases populares.
  • Salterio. O seu parentesco co psalterium medieval é incerto. Hai descricións de salterios cuadrangulares e triangulares. As súas cordas eran metálicas. Son variantes a 'arpanetta italiana, a spitzharfe alemá, a bell harp inglesa e o salterio con arco tirolés. No norte de Europa, pola súa forma curvada, pasou a chamarse á.
  • Canon. Derivado do qânûn árabe. Instrumento de forma trapezoidal e dúas ordes de cordas.
  • Pandora.
  • Orfarión. Afinado como o laúde, pero con cordas metálicas.
  • Penorcorn.
  • Poliphant.
  • Guitarra inglesa. Ancha, de costados fondos e con seis ordes de cordas dobres.
  • Guitarra española.
  • Chitarra battente. Variante italiana da guitarra española. As súas cordas eran metálicas e punteábase cun plectro.
  • Hummel.
  • Hamburguer cithrinchen. En forma de campá.
  • Cítara horizontal ou scheitholt. Ten trastes sobre a táboa harmónica. As cordas son pulsadas cunha pequena vara na man esquerda e rasgadas* pola man dereita. A súa forma aproximada consérvase na cítara húngara, na espineta dos Vosgos ou no hummel escandinavo.
  • Dulcémele ou dulcimer. De corda percutida, con varios ordes de cordas metálicas sobre pontes nunha caixa poligonal. Cada corda conta cunha sordina. Considérase o precursor do pianoforte. Unha variante americana é o salterio dos Apalaches.

A familia dos laúdes nace pola agregación dun ou varios mastros á caixa da cítola para aumentar a tesitura cara aos graves alongando o diapasón. A partir da Idade Media chamáronse tamén cítaras certos instrumentos da familia dos laúdes. Logo do 1800 foron aparecendo instrumentos híbridos que combinaban características da cítola, da arpa, da lira, do laúde e da guitarra.

  1. Álvarez Martínez, R. El arpa-cítara rota: su probable origen bizantino y su trayectoria mediterránea hacia la Europa occidental. Sociedad Española de Musicología, 1999.
  2. Remnant, M. Historia de los instrumentos musicales. Ramón Andrés. American Bar Association, 2002. ISBN 84-95601-52-4, 9788495601520.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]