Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Bandeira vermella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira vermella.

A bandeira vermella é un emblema socialista e comunista asociado particularmente coa esquerda revolucionaria, aínda que tamén forma parte da tradición socialdemócrata e laborista, tendo sido un estandarte empregado por partidos tales como o Partido Laborista no Reino Unido, o Partido Socialista francés e grupos semellantes no mundo enteiro. O uso polos socialdemócratas diminuíu en anos recentes, se ben é preciso sinalar que moitos deles veñen afastándose da esquerda política. Por outra parte, o sentido radical da bandeira é moito máis antigo có socialismo.

É común ver bandeiras vermellas sobreimpresas cos nomes ou emblemas de partidos, movementos, organizacións ou sindicatos. As bandeiras vermellas son a miúdo vistas en protestas, manifestacións e marchas. Tamén, ondear unha bandeira vermella é un eufemismo para a incitación en tauromaquia, e o vermello é a cor do desafío tanto como tamén un símbolo da clase traballadora, ou proletariado.

A auténtica orixe do seu uso como insignia dos movementos obreiros remóntase a 1789, durante a Revolución Francesa; a Lei do 20 de outubro dese mesmo ano decretaba o despregue dunha bandeira vermella para anunciar que o exército ía intervir, coa fin de reprimir unha revolta. No século XIX, para mostrar a oposición a esta Lei, a bandeira vermella converteuse no símbolo da insurrección revolucionaria e do movemento obreiro[1], sendo empregada na Comuna de París polos insurrectos, e tamén polos partidos socialistas; de alí o cualificativo de vermello que se lle dá ao esquerdista. Por esta razón pasou a ser a bandeira da Unión Soviética e dos Partidos Comunistas da Terceira Internacional. Outros estados socialistas como a República Popular Chinesa, Vietnam, tamén teñen bandeiras maioritariamente vermellas. Porén, outros estados e territorios de gobernos non socialistas tamén manteñen bandeiras vermellas por razóns históricas, como é o caso de Marrocos ou Turquía. A expresión bandeira vermella ten sido empregada tamén nas cancións ou marchas conmemorativas de diversos partidos ou movementos de inclinación socialista; así se observa no caso do desaparecido Partido Comunista Italiano, cuxo himno se denominaba precisamente Bandeira Vermella (Bandiera Rossa en italiano).

  1. Enciclopedia Larousse Editorial Planeta, 1980, PALA, SA, para la ed. española

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]