Báltica
Báltica é un paleocontinente que se formou no Paleoproterozoico e agora constitúe o noroeste de Eurasia, ou, o que é o mesmo, a parte de Europa situada ao norte da Zona de sutura transeuropea e ao oeste dos Montes Urais. O groso núcleo de Báltica é o cratón do leste de Europa, que ten unha antigüidade de máis de tres mil millóns de anos e formou parte do supercontinente Rodinia hai uns mil millóns de anos.[1]
Historia tectónica
[editar | editar a fonte]Báltica formouse hai de 2 000 a 1 700 millóns de anos pola colisión de tres bloques continentais do Arcaico-Proterozoico, chamados: Fennoscandia (que incluía o escudo Báltico exposto), Sarmatia (cratón Ucraíno e Macizo de Voronezh), e Volgo-Uralia (cuberto por depósitos máis novos). Sarmatia e Volgo-Uralia formaban un protocratón (ás veces chamado "Proto-Báltica")[2] hai c. 2 000 millóns de anos, que chocou con Fennoscandia hai uns 1 800–1 700 millóns de anos. As suturas entre estes tres bloques foron reactivadas durante o Mesoproterozoico e Neoproterozoico.[3]
Hai de 750 a 600 millóns de anos, Báltica e Laurentia rotaron xuntas en sentido contrario dos punteiros do reloxio e movéronse á deriva desde o ecuador cara ao polo sur, onde foron afectadas polas glaciacións Varanger do Crioxénico. A formación de rifts inicial entre os dous continentes está marcada polos diques radiais de Egersund de hai uns 650 millóns de anos que se encontran ao sur de Noruega, e desde hai 600 millóns de anos empezaron a rotar ata quedar a uns 180° en relación ao outro, abríndose entre eles o océano de Xápeto. Laurentia moveuse rapidamente cara ao norte pero Báltica seguiu sendo un continente illado no hemisferio sur preto de Gondwana, no cal evolucionaron trilobites endémicos no Ordovícico temperán.[4]
Durante o Ordovícico, Báltica moveuse en dirección norte aproximándose a Laurentia permitindo outra vez que os trilobites e braquiópodos cruzasen o océano de Xápeto. No Silúrico, c. 425 millóns de anos, a colisión final entre Escocia-Groenlandia e Noruega orixinou a oroxenia escandiana.[4]
Marxes
[editar | editar a fonte]Báltica é un continente moi antigo e o seu núcleo é un groso cratón moi ben conservado. Porén, as súas marxes actuais, son as suturas que son o resultado de fusións con outros bloques continentais moito máis novos. Estas suturas a miúdo deformadas non representan a extensión orixinal de Báltica do Precámbrico a inicios do Paleozoico; por exemplo, a marxe curvada norte dos Urais que discorría paralelamente a Novaya Zemlya probablemente foi deformada durante a erupción dos trapps siberianos de finais do Permiano.[5]
A marxe occidental de Báltica é o oróxeno caledoniano, que se estende cara ao norte desde as Montañas Escandinavas a través do mar de Barents ata Svalbard. A súa beira leste é o oróxeno timánide que se estende ao norte do arquipélago de Novaya Zemlya.[6] A extensión do continente no Proterozoico está definida pola sutura de Xápeto no oeste; a Zona da falla de Trollfjorden-Komagelva no norte; a sutura varisca-herciniana no sur; a Zona de Tornquist no suroeste; e os Montes Urais no leste.[7]
Marxe norte
[editar | editar a fonte]Hai uns 555 millóns de anos durante a oroxenia timaniana a marxe norte converteuse nunha marxe activa e Báltica expandiuse ao norte coa acreción dunha serie de bloques continentais: a cunca de Timan-Pechora, a parte máis ao norte dos Urais, e as illas de Novaya Zemlyas. Esta expansión coincidiu coas glacicaións Varanger, tamén coñecidas como Terra bóla de neve.[8]
Os terreos da Cordilleira norteamericana, incluíndo Alasca-Chukotka, o de Alexander, o de Sierra Norte e o de Klamath oriental, comparten unha historia de formación dun rift con Báltica e moi probablemente formaron parte de Báltica desde a oroxenia caledoniana ata a formación dos Montes Urais.[9] Estes terreos poden ser asociados ou ben co nordeste de Laurentia, ou con Báltica ou Siberia debido a que teñen unha secuencia similar de fósiles; circóns detríticos de mostras de 2 000-1 000 millóns de anos de antigüidade e probas de magmatismo grenvilliano; e o magmatismo e arcos de illas do Neoproterozoico tardío e Ordovícico-Silúrico.[10]
Marxe sur
[editar | editar a fonte]Desde hai polo menos 1 800 millóns de anos a polo menos 800 millóns de anos a marxe sueste de Báltica estivo conectada coa Amazonia, mentres que a marxe sueste estaba conectada co cratón de África occidental. Báltica, Amazonia e África occidental rotaron 75° en sentido das agullas do reloxo en relación a Laurentia ata que Báltica e Amazonia chocaron con Laurentia hai 1 100-900 millóns de anos nas oroxenias Grenville-sveconorwegiana-Sunsás para formar o supercontinente Rodinia. Cando se completou a fragmentación de Rodinia hai uns 600 millóns de anos, Báltica converteuse nun continente illado durante uns 200 millóns de anos.[11] Laurentia e Báltica formaron un só continente ata hai 1 265 millóns de anos, que se fragmentaría hai 990 millóns de anos ou algo antes. Despois do subseguinte peche do océano de Mirovoi, Laurentia, Báltica e Amazonia permaneceron fusionadas ata a apertura do océano de Xápeto no Neoproterozoico.[12]
Marxe oeste
[editar | editar a fonte]A Rexión de gneis occidental do norte de Noruega está composta por gneis de 1 650-950 millóns de anos de anitigüidade cubertos por alóctonos continentais e oceánicos que foron transferidos desde Laurentia a Báltica durante a oroxenia escandiana. Os alóctonos foron acrecionados a Báltica durante o peche do océano de Xápeto hai uns 430-410 millóns de anos; o basamento de Báltica e os alóctonos foron despois subducidos ata a unha profundidade na que se produce metamorfismo de presión ultraalta hai uns 425-400 millóns de anos; e foron finalmente exhumados ata quedaren nas súas actuais localizacións hai uns 400-385 millóns de anos.[13] A presenza de microdiamantes en dúas illas do norte de Noruega, Otrøya e Flemsøya, indica que esta marxe de Báltica estivo enterrada a uns 120 km de profundidade durante polo menos 25 millóns de anos hai uns 429 millóns de anos, pouco despois da colisión entre Báltica e Laurentia.[14]
A unión tripla Báltica-Laurentia-Avalonia no mar do Norte é a esquina suroeste de Báltica. A sutura Báltica-Laurentia que se estendía ao nordeste desde a unión tripla foi deformada no Cámbrico tardío e inicios do Paleozoico nas Caledónides escandinavas e pola oroxenia escandiana no Silúrico. Algúns terreos noruegueses teñen faunas distintas das da Báltica ou de Laurentia e foron arcos de illas que se orixinaron no océano de Xápeto e foron acrecionados a Báltica. O cratón de Báltica moi probablemente quedou baixo estes terreos e o límite continente-océano quedou a varios quilómetros de Noruega, pero, dado que o Atlántico norte se abriu hai uns 54 millóns de anos por onde se pechara o océano de Xápeto, é improbable que o cratón tamén chegase a Laurentia. A marxe esténdese ao norte ata Novaya Zemlya, onde se encontraron as faunas do inicio do Paleozoico de Báltica, pero a escaseza de datos fai difícil localizar a marxe no Ártico. As faunas do Ordovícico indican que a maioría de Svalbard, incluíndo a Bjørnøya, eran parte de Laurentia, pero a Terra de Francisco Xosé e Kvitøya (unha illa oriental do arquipélago de Svalbard) é máis probable que fosen parte de Báltica na oroxenia timánide. A península de Taymyr, ao contrario, nunca foi parte de Báltica: a parte sur de Taymyr era parte de Siberia, mentres que a parte norte e o arquipélago de Severnaya Zemlya formaban parte do terreo independente de Kara a inicios do Paleozoico.[15]
Beira leste
[editar | editar a fonte]A beira leste é o oróxeno Urálide, e esténdese ao longo de 2 500 km desde o arquipélago ártico de Novaya Zemlya ao mar de Aral. O oróxeno contén o rexistro de polo menos dúas colisións entre Báltica e arcos de illas intraoceánicos antes do choque final entre Báltica e Casaquistania-Siberia durante a formación da Panxea. Os arcos de illas do Silúrico-Devónico foron acrecionados a Báltica ao longo da Falla uraliana principal, ao leste da cal hai fragmentos metamorfizados de arco volcánico mesturados con pequenas cantidades de rochas continentais do Precámbrico e Paleozoico. Porén, non se atoparon nos Urais rochas claramente orixinadas en Casaquistania ou Siberia.[16] O basemento da beira leste está composto por un cratón do Arcaico, formado por rochas metamorfizadas de polo menos 1 600 millóns de anos de anitigüidade, que está rodeado polo cinto de dobramento da oroxenia timánide e cuberto por sedimentos do Mesoproterozoico. A marxe converteuse nunha marxe pasiva situada perante o océano Ural no Cámbrico-Ordovícico.[17]
A beira leste esténdese para o sur a través dos Montes Urais desde o extremo norte do arquipélago de Novaya Zemlya. A beira segue a forma curvada de Novaya Zemlya, que se orixinou no Permiano tardío por causa dos trapps siberianos. Está claro de acordo cos fósiles endémicos de Báltica en Novaya Zemlya que as illas foron parte de Báltica desde o Paleozoico temperán, mentres que a península de Taymyr de máis ao leste era parte da marxe pasiva de Siberia no Paleozoico temperán. O norte de Taymyr, xunto con Severnaya Zemlya e partes da codia do océano Ártico, formaron o terreo de Kara.[18]
Os Montes Urais formados no Paleozoico medio e tardío cando Laurusia chocou con Casaquistania, unha serie de terreos. Porén, a beira leste, estendíase orixinalmente máis ao leste ata unha marxe activa fronte a un arco de illas, pero estas partes foron comprimidas, fracturadas e distorsionadas especialmente na parte leste dos Urais. A beira leste do Paleozoico temperán está mellor conservada ao sur da rexión polar (65° N), onde sedimentos típicos de augas pouco profundas poden encontrarse na parte oeste dos Urais, mentres que a parte leste dos Urais caracterízase por presentar depósitos típicos de auga profunda. A cheminea hidrotermal mesooceánica máis antiga coñecida na parte centro-sur dos Urais delimita claramente a extensión leste. A forma recta da cadea montañosa é o resultado de continuos movementos transcorrentes (strike-slip) durante o período desde o Carbonífero tardío ao Permiano temperán (300-290 millóns de anos).[18]
As faunas endémicas de Báltica do Ordovícico temperán atopáronse en Casaquistania preto do extremo sur da beira leste, ou a unión tripla entre Báltica, o terreo de Mangyshlak, e o Altaides acrecional. Aquí as rochas do Paleozoico temperán están enterradas baixo a depresión do Caspio.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cocks & Torsvik 2005, Abstract
- ↑ E.g. Torsvik & Cocks 2005, Norway’s earliest times, pp. 74–75
- ↑ Bogdanova et al. 2008, The crustal segments of the East European Craton, pp. 2–3
- ↑ 4,0 4,1 Torsvik et al. 1996, Abstract
- ↑ Cocks & Torsvik 2005, The margins of Baltica, p. 41
- ↑ Gee, Bogolepova & Lorenz 2006, p. 507
- ↑ Torsvik et al. 1992, Introduction, pp. 133–137
- ↑ Walderhaug, Torsvik & Halvorsen 2007, Baltica and Varangian Glaciations, pp. 946–947; Fig. 12, p. 946
- ↑ Miller et al. 2011, Abstract
- ↑ Colpron & Nelson 2009, Terranes of Siberian, Baltican and Caledonian affinities, pp. 280–281
- ↑ Johansson 2009, Abstract
- ↑ Cawood & Pisarevsky 2017, Abstract
- ↑ Hacker et al. 2010, Western Gneiss Region, pp. 150–151
- ↑ Spengler et al. 2009, Abstract; Conclusion and implications, pp. 33–34
- ↑ Cocks & Torsvik 2005, The margins of Baltica, p. 42–44
- ↑ Brown et al. 2006, Geological framework of the Uralides, p. 262; Un modelo de colisión arco-continente pode verse en Puchkov 2009, Fig. 12, p. 178; Fig. 14, p. 180
- ↑ Brown et al. 2006, The Paleozoic continental margin of Baltica in the Southern Urals, pp. 262–266
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Cocks & Torsvik 2005, The margins of Baltica, p. 44–45
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bogdanova, S. V.; Bingen, B.; Gorbatschev, R.; Kheraskova, T. N.; Kozlov, V. I.; Puchkov, V. N.; Volozh, Y. A. (2008). "The East European Craton (Baltica) before and during the assembly of Rodinia" (PDF). Precambrian Research 160 (1-2): 23–45. doi:10.1016/j.precamres.2007.04.024. Consultado o 28 March 2018.
- Brown, D.; Spadea, P.; Puchkov, V.; Alvarez-Marron, J.; Herrington, R.; Willner, A. P.; Hetzel, R.; Gorozhanina, Y.; Juhlin, C. (2006). "Arc–continent collision in the Southern Urals." (PDF). Earth-Science Reviews 79 (3-4): 261–287. doi:10.1016/j.earscirev.2006.08.003. Consultado o 1 April 2018.
- Cawood, P. A.; Pisarevsky, S. A. (2017). "Laurentia-Baltica-Amazonia relations during Rodinia assembly" (PDF). Precambrian Research 292: 386–397. doi:10.1016/j.precamres.2017.01.031. Consultado o 1 April 2018.
- Cocks, L. R. M.; Torsvik, T. H. (2005). "Baltica from the late Precambrian to mid-Palaeozoic times: the gain and loss of a terrane's identity" (PDF). Earth-Science Reviews 72 (1-2): 39–66. doi:10.1016/j.earscirev.2005.04.001. Consultado o 7 April 2018.
- Colpron, M.; Nelson, J. L. "A Palaeozoic Northwest Passage: Incursion of Caledonian, Baltican and Siberian terranes into eastern Panthalassa, and the early evolution of the North American Cordillera" (PDF). Geological Society, London, Special Publications 318 (1): 273–307. doi:10.1144/SP318.10. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de maio de 2017. Consultado o 1 April 2018.
- Gee, D. G.; Bogolepova, O. K.; Lorenz, H. (2006). "The Timanide, Caledonide and Uralide orogens in the Eurasian high Arctic, and relationships to the palaeo-continents Laurentia, Baltica and Siberia" (PDF). Geological Society, London, Memoirs 32 (1): 507–520. doi:10.1144/GSL.MEM.2006.032.01.31. Consultado o 31 March 2018.
- Hacker, B. R.; Andersen, T. B.; Johnston, S.; Kylander-Clark, A. R.; Peterman, E. M.; Walsh, E. O.; Young, D. (2010). "High-temperature deformation during continental-margin subduction & exhumation: The ultrahigh-pressure Western Gneiss Region of Norway" (PDF). Tectonophysics 480 (1-4): 149–171. doi:10.1016/j.tecto.2009.08.012. Consultado o 1 April 2018.
- Johansson, Å. (2009). "Baltica, Amazonia and the SAMBA connection—1000 million years of neighbourhood during the Proterozoic?". Precambrian Research 175 (1-4): 221–234. doi:10.1016/j.precamres.2009.09.011. Resumo divulgativo (12 May 2017).
- Miller, E. L.; Kuznetsov, N.; Soboleva, A.; Udoratina, O.; Grove, M. J.; Gehrels, G. (2011). "Baltica in the Cordillera?" (PDF). Geology 39 (8): 791–794. doi:10.1130/G31910.1. Consultado o 1 April 2018.
- Puchkov, V. N. (2009). "The evolution of the Uralian orogen" (PDF). Geological Society, London, Special Publications 327 (1): 161–195. doi:10.1144/SP327.9. Consultado o 1 April 2018.
- Spengler, D.; Brueckner, H. K.; van Roermund, H. L.; Drury, M. R.; Mason, P. R. (2009). "Long-lived, cold burial of Baltica to 200 km depth" (PDF). Earth and Planetary Science Letters 281 (1-2): 27–35. doi:10.1016/j.epsl.2009.02.001. Consultado o 1 April 2018.
- Torsvik, T. H.; Cocks, L. R. M. (2005). "Norway in space and time: a centennial cavalcade" (PDF). Norwegian Journal of Geology/Norsk Geologisk Forening 85: 73–86. Consultado o 1 April 2018.
- Torsvik, T. H.; Smethurst, M. A.; Meert, J. G.; Van der Voo, R.; McKerrow, W. S.; Brasier, M. D.; Sturt, B. A.; Walderhaug, H. J. (1996). "Continental break-up and collision in the Neoproterozoic and Palaeozoic—a tale of Baltica and Laurentia" (PDF). Earth-Science Reviews 40 (3-4): 229–258. doi:10.1016/0012-8252(96)00008-6. Consultado o 31 March 2018.
- Torsvik, T. H.; Smethurst, M. A.; Van der Voo, R.; Trench, A.; Abrahamsen, N.; Halvorsen, E. (1992). "Baltica. A synopsis of Vendian-Permian palaeomagnetic data and their palaeotectonic implications" (PDF). Earth-Science Reviews 33 (2): 133–152. doi:10.1016/0012-8252(92)90023-M. Consultado o 1 April 2018.