Analxesia
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A analxesia é un estado no que non hai dor. Isto é, un estado no que se produciu unha supresión ou perda da sensibilidade á dor.[1]
Para alcanzaer este estado existen unha clase de fármacos ou drogas, os analxésicos.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo analxesia entrou contra 1700 no latín dos médicos; é un calco do grego antigo ἀναλγησία analgēsia, "insensibilidade" (de ἀν- an-, "partícula privativa", "non", e ἀλγείν algeín ou ἀλγέω algeō, "sentir dor", "ter dor".[2]
Definición de dor
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dor.
A dor foi definido pola Asociación Internacional para o Estudo da Dor (IASP) como "unha experiencia desagradábel, sensorial e emocional, asociada a un dano do organismo actual ou potencial". A dor advírtenos de que algo está fallando no corpo, ou que o dano vai suceder. Hai milleiros de células na pel que son receptoras da calor, o frío, a presión, o tacto e s dor. Cando hai un dano no corpo (por exemplo, despois dunha ferida) estas células envían información ao cerebro. Isto en principio produce unha situación de alarma, pero logo, se persiste, causa dor e incomodidade.
Dor aguda e dor crónica
[editar | editar a fonte]A "dor aguda" é unha dor de duración limitada. Xeralmente ten unha correlación identificábel cunha lesión no corpo ou cunha enfermidade. A miúdo desaparece coa curación. Pero a dor aguda pode ser un síntoma de alarma que indica un dano real ou posíbel. Por exemplo, a dor na man que se acercou ao lume e que se retirou dela rapidamente.
A "dor crónica" é a que continúa durante períodos de tempo máis longos, ás veces mesmo a pesar da curación do dano orixinal. Nestes casos non ten función de alarma e chega a ser prexudicial polo sufrimento que causa. A dor crónica, se persiste durante moito tempo, pode producir sentimentos de ira, tristeza e desesperación. Pode cambiar a personalidade, producir insomnio e interferir nas relacións interpersoais.
En xeral, un programa terapéutico completo contra a for crónica pode incluír tamén medicamentos contra a ansiedade ou antidepresivos que, ademais de actuaren sobre os síntomas secundarios, serven para aumentar a eficacia dos propios analxésicos.
Médicos que se ocupan da terapia da dor
[editar | editar a fonte]Son sobre todo os anestesiólogos; de feito, as principais responsabilidades do anestesiólogo durante unha cirurxía están dirixidas principalmente á supresión da dor. Moitas das técnicas e coñecementos que estes profesionais utilizan durante a anestesia úsanse para aliviar calquera tipo de dor. Ademais, para as súas respectivas competencias, existen reumatólogos, neurólogos, traumatólogos, etc.
Os médicos que se ocupan da terapia da dor non só son expertos no tratamento desta, senón que están especialmente preparados para diagnosticar a fonte da dor. A través de visitas, probas de laboratorio e investigacións radiográficas, poden identificar as causas da dor.
Tratamentos para suprimir a dor
[editar | editar a fonte]Os avances na medicina e na farmacoloxía modernas posibilitaron que existan hoxe variados medicamentos e tratamentos dispoñíbeis para tratar e calmar a dor. O nivel de dor varía segundo cada persoa e segundo a enfermidade, polo que o tratamento relativo hai que estudalo de acordo coas necesidades específicas do doente. Para responder mellor ás necesidades individuais, o tratamento pode incluír un único analxésico ou unha combinación de diferentes medicamentos e métodos. Os problemas comunmente tratados inclúen dor postoperatoria, dor de parto, dor lumbar, dor por cancro, neuralxias, dor de cabeza e por artrites. A maioría das afeccións dolorosas poden seren diagnosticadas e tratadas con éxito polo médico de cabeceira. Pero se a dor persiste, débese consultar a un especialista en terapia da dor. En todos os hospitais existen Unidades de terapia da dor.
Clases de fármacos analxésicos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Analxésico.
Os medicamentos que reducen a sensación de dor poden distinguirse ou diferenciarse segundo os mecanismos químicos que inducen. En resume, pódense agrupar en:
- Paracetamol,
- Tetrahidrocannabinol (o cánnabis tamén se usa para tratar a dor),
- AINE, medicamentos antiinflamatorios non esteroideos, que inclúen aspirina, ibuprofeno e naproxeno,
- Inhibidores selectivos da COX-2, unha subclase de AINE, incluído o etoricoxib,
- Analxésicos opiáceos, (opioides, incluíndo morfina, codeína e outros).
- Anticonvulsivos,
- Amitriptilina.
Analxesia conxénita
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Insensibilidade conxénita á dor.
Existe tamén un síndrome que se caracteriza pola ausencia total de calquera tipo de sensación dolorosa ou desagradábel, que se denomina analxesia conxénita, ou insensibilidade conxénita á dor, porque se manifesta desde o nacemento e se transmite por herdanza, e tamén como analxesia natural, porque non está inducida por ningún fármaco. Por exemplo, os que a padecen perciben normalmente as variacións de temperatura, pero o que non senten é a incomodidade ou o malestar (dor, de feito) relacionado coa calor ou o frío, polo que poden sufrir queimaduras (ou conxelamento) sen darse de conta ou, de maneira similar, sufrir feridas ou lesións de varios tipos, fracturas, mutilacións, hemorraxias, etc. Precisamente por esta razón, esta "insensibilidade" á dor, aínda que aparentemente poida parecer positiva, en realidade é extremadamente perigosa.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ analxesia no Dicionario da RAG.
- ↑ analgesia (n.) no Online Etymology Dictionary.
- ↑ La agonía de no sentir dolor BBC News.