Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Anthony Giddens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAnthony Giddens

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento18 de xaneiro de 1938 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Edmonton, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro da Cámara dos Lords
16 de xuño de 2004 – Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónUniversidade de Hull (pt) Traducir
King's College
London School of Economics
Minchenden School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoSocioloxía, sociologia política (pt) Traducir, literatura científica (pt) Traducir, literatura de divulgação científica (pt) Traducir e counseling (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Londres Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico, escritor, profesor universitario, sociólogo, conselleiro Editar o valor en Wikidata
EmpregadorLondon School of Economics
Universidade de Cambridge
Universidade de Leicester (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Laborista Editar o valor en Wikidata
Membro de
Interesado enSocioloxía Editar o valor en Wikidata
Influencias
Participou en
13 de novembro de 2019Petición pública en favor dunha negociación política sobre Cataluña Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Premios

Descrito pola fonteObálky knih,
Medvik >>>:Giddens, Anthony, 1938-, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm4799931 BNE: XX1079380 Dialnet: 146991 Editar o valor en Wikidata

Anthony Giddens nado en Londres o 18 de xaneiro de 1938, é un sociólogo inglés. É o teórico social contemporáneo máis importante de Gran Bretaña e un dos máis influentes do mundo,[1] Recoñecido pola súa teoría da estruturación e a súa mirada holística das sociedades modernas. Tamén adquiriu gran recoñecemento debido ao seu intento de renovación da socialdemocracia a través da súa teoría da terceira vía.[2] É considerado como un dos máis prominentes contribuíntes modernos no campo da socioloxía, e autor de polo menos 34 libros publicados en non menos de 29 idiomas (de media máis dun libro por ano). Tamén foi descrito como o científico social inglés máis coñecido dende John Maynard Keynes.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Giddens naceu en Edmonton, Londres, procedente dunha familia de clase media. Fillo dun empregado do London Passenger Transport Board (empresa encargada do transporte en todo Londres entre 1933 e 1948). Foi o primeiro membro da súa familia que acudiu á universidade e obtivo o seu primeiro título académico na Universidade de Hull en 1959. Máis tarde logrou un mestrado na London School of Economics and Political Science, e, finalmente, un doutoramento pola Universidade de Cambridge en 1974. En 1961 comezou a traballar na Universidade de Leicester dando clases de psicoloxía social. En Leicester, onde é considerado un dos precursores da socioloxía británica, coñeceu a Norbert Elias e comezou a traballar nos seus propios desenvolvementos teóricos. En 1969 obtivo un cargo na Universidade de Cambridge, dende onde máis tarde axudou a crear o Comité de Ciencias Políticas e Sociais, unha subunidade da Facultade de Economía. Giddens traballou moitos anos en Cambridge onde eventualmente foi nomeado profesor titutar en 1987. Foi cofundador da editorial Polity Press en 1985.

Dende 1997 a 2003 foi director da London School of Economics and Political Science e membro do Consello Académico do Instituto de Investigacións de Políticas Públicas (IPPR, Institute of Public Policy Research).[3]

Ademais, foi asesor do ex-primeiro ministro británico Tony Blair. Xustamente, foron os postulados do que Giddens denominou "terceira vía" o que inspirou as ideas políticas de Blair. Participou nos debates políticos británicos defendendo o Partido Laborista (de tendencia centro-esquerda) con aparicións nos medios masivos de comunicación e escribindo artigos (moitos deles publicados no xornal New Statesman). Así mesmo contribuíu regularmente durante os anos 90 nas investigacións e actividades do think-tank Policy Network.

Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais no ano 2002 e en xuño do 2004 foille concedido o título de Barón Giddens de Southgate, no London Borough de Enfield.

Pensamento

[editar | editar a fonte]

Pódense identificar tres estados na súa vida académica:

O primeiro redefine unha nova visión sobre que é a socioloxía, presentando unha abordaxe teórica e metodolóxica dese campo, baseado nunha reinterpretación crítica dos clásicos da disciplina. En certa medida, pode sinalarse que Giddens é un dos autores que ofrece achegas á constitución do "panteón clásico" da socioloxía de finais do século XX: Marx, Durkheim e Weber. As súas publicacións principais desa etapa inclúen Capitalism and Modern Social Theory (1971) e New Rules of Sociological Method (1976).

Na segunda etapa, Giddens desenvolve a teoría da estruturación. Os seus traballos durante ese período, como Central problems in Social Theory (1979) e The Constitution of Society (1984) valéronlle fama internacional no campo da socioloxía.

O último estado abrangue os seus traballos máis recentes, estes referidos ás seguintes cuestións: modernidade, globalización e política. Especialmente o impacto da modernidade sobre o social e a vida persoal. Esta etapa está reflectida pola súa crítica á postmodernidade, e as súas discusións sobre unha terceira vía "utópica-realista" na política, que se fan visibles en The Consequences of Modernity (1990), Modernity and Self-Identity (1991), The Transformation of Intimacy (1992), Beyond Left and Right (1994) e The Third Way. The Renewal of Social Democracy (1998). Os esforzos de Giddens diríxense tanto a refundar a teoría social (nun primeiro momento), como a reexaminar a comprensión do desenvolvemento e traxectoria da modernidade.

A constitución da sociedade

[editar | editar a fonte]

Giddens contribuíu nos máis diversos campos das ciencias sociais, talvez exceptuando unicamente a metodoloxía da investigación. Reflexionou ao redor das máis diversas figuras e escolas de pensamento, servíndose das achegas teóricas tanto da micro como da macrosocioloxía.

En The Constitution of Society, referíndose á teoría da investigación empírica e crítica social, formula o que chama reiteración de conceptos, os cales se resumen da seguinte maneira.

  1. Todos os seres humanos son axentes entendidos. Isto significa que todos os actores sociais saben moito sobre as condicións e consecuencias do que fan na súa vida cotiá, onde ademais son capaces de explicar discursivamente o que fan e as razóns do seu facer.
  2. O entendemento dos actores humanos está sempre acoutado en parte polo inconsciente e en parte polas condicións inadvertidas ou consecuencias non buscadas da acción.
  3. O estudo da vida cotiá é parte esencial da análise da reprodución de prácticas institucionalizadas.
  4. Unha rutina, que psicoloxicamente importa para reducir ao mínimo as fontes inconsistentes de angustia, é a forma predominante de actividade social cotiá.
  5. O estudo do contexto, ou das contextualidades, dunha interacción, é inherente á investigación dunha reprodución social.
  6. As identidades sociais, e as relacións de postura-práctica asociadas con elas, son "marcadores" no espazo-tempo virtual dunha estrutura.
  7. Non se pode atribuír un sentido unitario a "constrinximento" na análise social. Os constrinximentos asociados coas propiedades estruturais de sistemas sociais non son senón un tipo entre outros varios característicos da vida social humana.
  8. Entre as propiedades estruturais de sistemas sociais, teñen particular importancia os principios estruturais porque eles especifican tipos globais de sociedade.
  9. O estudo do poder non se pode marcar como unha consideración de segunda orde nas ciencias sociais. O poder non pode ser agarrado, por así dicir, despois de formulados os conceptos máis básicos da ciencia social.
  10. Non existe mecanismo de organización social ou de reprodución social pescudado por analistas sociais que os actores leigos non poidan chegar a coñecer tamén e a incorporar no que fan.[4]

Estes puntos suxiren unha cantidade de guías para a orientación xeral da investigación. Finalmente, cómpre destacar que Giddens é recoñecido polas súas abordaxes interdisciplinarias.

A natureza da socioloxía

[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista académico, os intereses de Giddens céntranse en reformular a teoría social e reavaliar a nosa visión do desenvolvemento e a modernidade. Entre as súas achegas neses ámbitos atópanse: a teoría da estruturación e o estudo dos cambios que a nivel social leva o disociamiento do espazo e o tempo, produto dos avances tecnolóxicos contemporáneos.

Giddens define o movemento social como un "intento colectivo de loitar por un interese común, ou de alcanzar un obxectivo á marxe da esfera das institucións establecidas".

Hai catro tipos de movementos sociais segundo Giddens:

  • Transformadores: tentan un cambio social drástico, ás veces de forma revolucionaria, por exemplo, un golpe de estado.
  • Reformistas: tentan cambiar unha situación social de forma progresiva, como un novo goberno, asociacións a favor dunha causa etc.
  • Redentores: salvar os individuos de modos de vida corruptos, como a Igrexa.
  • De alteración: tentan rehabilitar individuos nalgunha determinada faceta, por exemplo Alcólicos Anónimos.

Conexións entre o micro e o macro

[editar | editar a fonte]

Pódese ver claramente esta tendencia na unificación entre acción-estrutura que Giddens leva a cabo nos seus estudos. Na súa teoría da estruturación explica que “a acción xera estrutura e a estrutura xera acción”, sendo isto unha realidade indisoluble. Para Giddens os sistemas non son senón relacións sociais que se organizan como prácticas sociais ordenadas, regulares. Polo que a acción, como práctica social de grupos ou colectividades, proporcionan as condicións que determina continuidade das estruturas que forman o sistema. Giddens non nega a influencia estrutural na acción individual, con todo, tampouco cre que sexa determinante, é dicir, a última palabra tena o individuo.

Giddens ten unha particular noción de estrutura, a cal fai xuízo á súa postura crítica fronte ao funcionalismo. Para este sociólogo os sistemas non posúen estruturas, senón propiedades estruturais, que son elementos que afectan, inflúen na práctica social ou os individuos. Estas propiedades poden representarse de dúas formas: de recursos ou de regras. As propiedades estruturais cristalizadas en regras son aquelas prácticas e coñecementos que comparten os actores, e poden ser á súa vez semánticas (significadas), e normativas (costumes, usos, normas etc). En cambio, os recursos refírense ás bases de poder coas que contan os actores para influír na acción dos demais. Esta maniféstase de dúas formas: autoritativa (non material) e distributiva (diñeiro, bens etc). Ambas as propiedades estruturais permiten a existencia de prácticas sociais regulares que permiten a existencia do sistema ao longo do tempo.[4]

Terceira vía

[editar | editar a fonte]

Na área da socioloxía política, Giddens precisou os postulados da terceira vía, entre o capitalismo liberal e o socialismo.[2]

Terceira vía é o nome que se deu a unha variedade de aproximacións teóricas e propostas políticas que, en xeral, suxiren un sistema económico de economía mixta e o centrismo ou reformismo como ideoloxía de goberno. Na práctica política, estas posicións rexeitan a validez absoluta das filosofías tanto do laissez faire como do mercado totalmente controlado do marxismo-leninismo; promoven o afondamento da democracia e salientan o desenvolvemento tecnolóxico, a educación e os mecanismos de competencia regulada a fin de obter progreso, desenvolvemento económico, social e outros obxectivos sociais. As filosofías da terceira vía foron a miúdo descritas como unha síntese do capitalismo e o socialismo por algúns dos seus propoñentes.

Anthony Giddens é autor de máis de 34 libros e 200 artigos. Entre eles destacan:

  • Capitalism and Modern Social Theory. An Analysis of the writings of Marx, Durkheim and Max Weber. Cambridge: Cambridge University Press (1971)
  • The Class Structure of the Advanced Societies (1973)
  • New Rules of Sociological Method: a Positive Critique of interpretative Sociologies (1976)
  • Political Theory (1977)
  • Emile Durkheim (1978)
  • Central problems in Social Theory : Action, Structure and Contradiction in Social Analysis (1979)
  • A Contemporary Critique of Historical Materialism. Vol. 1. Power, Property and the State (1981)
  • Sociology: a Brief but Critical Introduction (1982)
  • Social Class and the Division of Labour. Essays in Honour of Ilya Neustadt (1983)
  • The Constitution of Society. Outline of the Theory of Structuration (1984)
  • A Contemporary Critique of Historical Materialism. Vol. 2. The Nation State and Violence (1985)
  • The Consequences of Modernity (1990)
  • Modernity and Self-Identity. Self and Society in the Late Modern Age (1991)
  • Beyond Left and Right — the Future of Radical Politics (1994)
  • The Transformation of Intimacy: Sexuality, Love and Eroticism in Modern Societies (1995)
  • Politics, Sociology and Social Theory: Encounters with Classical and Contemporary Social Thought (1997)
  • The Third Way. The Renewal of Social Democracy (1998)
  • Runaway World: How Globalization is Reshaping Our Lives (1999)
  • The Third Way and Its Critics (2000)
  • The Global Third Way Debate (2001)
  • Europe In The Global Age (2007)
  • The Politics of Climate Change (2009)
  1. Ritzer, George (2001). Teoría sociológica moderna (en castelán). Madrid: McGrawHill. p. 530. ISBN 84-481-3224-6. 
  2. 2,0 2,1 Giddens, A. (1999). La tercera vía: la renovación de la socialdemocracia. Taurus Ediciones.
  3. Hoffmann, Ilire Hasani, Robert. "Academy of Europe: CV". www.ae-info.org. Consultado o 4 de xullo de 2016. 
  4. 4,0 4,1 Giddens Anthony (1995). La constitución de la sociedad. Bases para la teoría de la estructuración. Buenos Aires: Amorrortu editores.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Christopher G. A. Bryant, David Jary,The Contemporary Giddens : Social Theory in a Globalizing Age, Palgrave Macmillan, 2001, ISBN 0-333-77904-5
  • David Held, John B. Thompson, Social Theory of Modern Societies : Anthony Giddens and his Critics, Cambridge University Press, 1989, ISBN 0-521-27855-4
  • Lars Bo Kaspersen, Anthony Giddens - an introduction to a social theorists, Blackwell, 2000
  • Anthony Giddens, Christopher Pierson, Conversations with Anthony Giddens, Stanford University Press, 1999, ISBN 0-8047-3569-7

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]