Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Canis simensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Canis simensis
Rango fósil: Plistoceno–presente
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Subfamilia: Caninae
Tribo: Canini
Xénero: Canis
Especie: C. simensis
Nome binomial
Canis simensis
Eduard Rüppell, 1840
Distribución.
Distribución.

Distribución.

O lobo etíope ou abisinio, chacal do Semién ou caberú (Canis simensis) é unha das especies de cánidos máis raras e ameazadas do planeta, pois a súa poboación total non chega a 550 individuos que se atopan en varias áreas illadas das montañas de Etiopía, por riba dos 3.000 msnm de altitude. Estas áreas reúnense en dous grupos maiores separados polo Gran Val do Rift, constituíndo dúas subespecies separadas: C.s. simensis ao noroeste e C.s. citernii ao sueste.

Polo seu aspecto lembra máis a un can doméstico primitivo como o dingo que ao típico lobo de Eurasia. Mide entre 90 e 100 centímetros de longo e entre 25 e 34 de altura sobre os ombreiros. O peso é de 11,5 kg nas femias e de 14 a 18,5 kg nos machos. O corpo é grácil, dotado de morro, orellas e patas longas. O pelame é avermellado-alaranxado en case todo o corpo, tornándose branco no interior das orellas, arredor dos ollos, boca, garganta, ventre, pés, cara interna das patas e da cola. Esta última é pouco longa e poboada, de cor negra desde a metade á punta e branca e vermella no resto.

O hábitat característico desta especie é o prado de tipo afro-alpino. Aliméntase case exclusivamente de roedores, destacando entre estes as ratas-toupa xigantes (Tachyoryctes macrocephalus), que constitúen preto do 40% dos alimentos que inxiren. Complementan a súa dieta con lebres e preas, aínda que en moi raras ocasións algúns individuos cooperan para dar morte a antílopes e pequenas cabras e ovellas domésticas. Salvando estas circunstancias excepcionais, os lobos etíopes pasan o día axexando roedores ou destruíndo os seus tobos para capturalos, sempre en solitario. Nas zonas onde sofren a persecución humana, estes animais abandonan os seus hábitos diúrnos e vólvense crepusculares ou nocturnos.

Os lobos etíopes viven en pequenos grupos, de marcada estrutura xerárquica, que se compoñen de dúas ou máis femias e uns cinco machos emparentados. Marcan o seu territorio (5-15 ) con ouriños e feces e deféndeno dos intrusos. Existe unha parella dominante que se reproduce cada ano e á que os individuos subordinados axudan na cría da súa prole. En raras ocasións, as femias subordinadas tamén se reproducen.

O lobo abisinio separouse en tempos recentes do lobo de Eurasia e Norteamérica (Canis lupus), o seu parente máis próximo, despois de que os seus devanceiros chegasen a Abisinia procedentes de Arabia. A presenza de cans cazadores como os licaóns ou lobos pintados impediu que os novos inmigrantes colonizasen as vastas sabanas africanas, forzando ao lobo etíope a converterse nun depredador de montaña especializado na caza de roedores. Considerado en perigo de extinción pola IUCN, o lobo etíope ten as súas maiores ameazas na destrución do seu hábitat natural, a hibridación con cans asilvestrados, a persecución directa dos gandeiros que o consideran un perigo para os seus rabaños e a transmisión de enfermidades foráneas como a rabia. En 1990, a poboación do Parque Nacional das montañas Bale reduciuse de 440 a 160 exemplares en só dúas semanas, precisamente por esta razón. Debido a iso, o zoólogo Claudio Sillero Zubiri, da Universidade de Oxford, está a traballar activamente nunha vacina oral que protexa aos lobos etíopes desta enfermidade que lles transmiten os seus parentes domésticos.

  1. Mech, L.D., Boitani, L. (IUCN SSC Wolf Specialist Group) (2010). "Canis lupus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • The Kingdon Field Guide to African Mammals, Jonathan Kingdon, 1997