Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Compromiso de Caspe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carta asinada en 1412 co compromiso de Caspe.

O Compromiso de Caspe (Compromís de Casp, en catalán) foi un acordo asinado en Caspe (Casp en catalán) o 28 de xuño de 1412 entre os reinos de Aragón e Valencia e o principado de Cataluña para designar sucesor no trono da Coroa de Aragón, trala morte en 1410 de Martiño I de Aragón. Foi elixido como herdeiro Fernando de Antequera, da Casa de Trastámara, co nome de Fernando I de Aragón.

O Compromiso de Caspe supuxo a chegada ao trono da Coroa de Aragón da dinastía Trastámara. Esta dinastía reinaba na Coroa de Castela desde 1369, cando Henrique II subiu ao trono castelán. A finais do século XV, coa chegada ao trono de Castela dos Reis Católicos, daría lugar á unión dinástica da Coroa de Castela e a Coroa de Aragón.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Morte sen descendencia de Martiño I

[editar | editar a fonte]

O 31 de maio de 1410 morreu en Barcelona o rei Martiño I de Aragón sen descendencia directa e lexítima. O seu único fillo e herdeiro do trono, coñecido co sobrenome de Martiño o Mozo (Martí el Jove, en catalán), morrera o ano anterior en Sardeña.

Os fillos dos dous matrimonios de Martiño o Mozo morreran en idade infantil. O único fillo varón que lle sobreviviu, Fadrique de Aragón, era ilexítimo por nacer fóra do matrimonio. O rei Martiño I tentou sen éxito facer do seu neto o seu sucesor lexítimo. Ademais de bastardo, Fadrique era un neno de curta idade. Á morte do seu avó quedou practicamente sen partidarios.

Presentación de candidaturas

[editar | editar a fonte]

Á sucesión ao trono presentáronse ata seis candidatos. Luís de Anjou, un dos favoritos, caeu axiña en desgraza porque non puido responder ás peticións de axuda militar dos seus partidarios debido á gran distancia de Nápoles, onde residía[1]. Con todo, o principal favorito á sucesión era o conde de Urgell, Xaime.

Xaime de Urgell, ademais de familiar directo do rei falecido, era o nobre máis poderoso do reino. Até poucos días antes da morte de Martiño I desempeñarase como procurador xeral de Aragón, un cargo tradicionalmente reservado ao herdeiro real. Con todo, Urgell tiña tamén poderosos inimigos, en especial no Reino de Aragón.

Fernando de Antequera, pola súa parte, era sobriño carnal do rei falecido. Ademais actuaba naquela altura como rexente de Castela, posto que o seu sobriño Xoán II era aínda un neno. Fernando contaba cun gran prestixio persoal, en boa medida debido á toma de Antequera, arrebatada ao reino de Granada en 1410, e cun gran patrimonio persoal. Na Coroa de Aragón contaba o apoio da familia valenciana dos Centelles, da familia aragonesa dos Urrea e dunha parte substancial da burguesía barcelonesa. Por se fose pouco, Fernando empregou na defensa da súa candidatura a algúns dos xuristas máis prestixiosos do seu tempo, como Vicente Arias de Balboa, bispo de Plasencia.

A candidatura de Fernando afianzouse grazas aos erros de Xaime de Urgell. A este foille atribuída unha conspiración para asasinar ao arcebispo de Zaragoza, García Fernández de Heredia, en maio de 1411. Os partidarios do arcebispo reclamaron axuda militar a Fernando, que estacionou tropas castelás no reino de Aragón. Xaime de Urgell, en tanto, procurou o apoio do reino de Granada e de Francia, o que acabou por enfrontalo completamente a Bieito XIII, así como ao seu confesor, Vicente Ferrer.

Constitución dos parlamentos e Concordia de Alcañiz

[editar | editar a fonte]
Fernando de Antequera no retablo de Sancho de Rojas (San Benito el Real, Valladolid)

Durante os meses finais de 1410 e o inicio de 1411, as candidaturas foron examinadas por comisións dos distintos reinos. A finais do verán de 1411, o parlamento de Aragón, completamente dominiado polos partidarios de Fernando, constituíuse en Alcañiz. O catalán estabeleceuse en Tortosa, moito máis dividido. No reino de Valencia constituíronse dous parlamentos rivais, sen que ningún deles acabase de ter suficiente peso. O reino de Mallorca non constituíu un parlamento propio, senón que os seus representantes foron integrados no parlamento de Cataluña.

O 15 de febreiro de 1412 representantes de Cataluña e Aragón asinaron a Concordia de Alcañiz. Garantíase nela o respecto ás leis particulares de cada reino e sinalábase o proceso de elección do sucesor. Escollerían rei nove compromisarios, tres por reino. Requiríase maioría de dous terzos e, polo menos, un voto afirmativo por reino. O proceso de elección iniciaríase o 29 de marzo e non se debía prolongar alén do 29 de xullo.

Batalla de Codolar

[editar | editar a fonte]

A situación rematou de se inclinar a favor de Fernando coa derrota dos partidarios do conde de Urgell en Codolar, lugar próximo a Sagunt, o 27 de febreiro. Esta batalla, na que participaron tropas castelás, supuxo o predominio dos partidarios de Fernando tamén no reino de Valencia. De feito, a cidade foi ocupada por membros da familia Centelles a finais de marzo.

Compromiso de Caspe

[editar | editar a fonte]

En Caspe, unha vila aragonesa de señorío do Papa Bieito XIII, reuníronse os nove compromisarios. A lista que saíu do parlamento aragonés incluía sete compromisarios próximos ao Papa, incluído frei Vicente Ferrer. O parlamento catalán foi incapaz de propoñer emendas á listaxe, de maneira que non foi sorpresa ningunha a vitoria de Fernando na votación final, celebrada o 28 de xuño de 1412.

Fernando sumou os votos dos tres representantes aragoneses, dous de Valencia e un de Cataluña para ser proclamado rei de Aragón e dos demais estados da Coroa de Aragón. A súa autoridade foi rapidamente aceptada en toda a Coroa. Os propagandistas da nova dinastía, como frei Vicente Ferrer, apoiáronse na ascendencia aragonesa de Fernando: a súa nai, Leonor de Aragón, era irmá do finado Martiño I.

Só pequenos núcleos de resistencia se formaron no territorio da Coroa, en especial arredor dos dominios do conde de Urgell. Con todo, este nunca foi capaz de mobilizar suficientes tropas no seu favor. No outono de 1413 foi capturado e toda resistencia desapareceu.

  1. María del Pilar Rábade Obradó et al., La dinámica política, Madrid, Istmo, 2005, p. 459. ISBN 84-7090-433-7

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Belenguer Cebrià, Ernest: Los Trastámara. El primer linaje real de poder político en España. Pasado & Presente, Barcelona, 2019, pp. 89–121.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.