Centro histórico de Pontevedra
O centro histórico de Pontevedra é a parte máis antiga da cidade correspondente ao primitivo asentamento urbano. É o segundo casco antigo máis importante de Galicia despois do de Santiago de Compostela[3][4] e foi declarado Conxunto Histórico-Artístico o 23 de febreiro de 1951.[5]
Centro histórico de Pontevedra | |
---|---|
Praza da Leña co seu cruceiro | |
Concello | Pontevedra |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′58″N 8°38′44″O / 42.432732, -8.6455 |
Poboación | 2.100,[1][2] hab. (2022) |
[ editar datos en Wikidata ] |
O centro histórico da cidade posúe unha gran riqueza arquitectónica e conserva numerosos restos das épocas medieval, moderna e contemporánea.
Localización
editarO centro histórico de Pontevedra está delimitado principalmente polas rúas que coinciden co trazado da antiga muralla, situándose a súa parte norte na marxe esquerda do río Lérez que atravesa a cidade.[6] O casco antigo está delimitado pola rúa Serra ao norte, a rúa Arcebispo Malvar ao leste, a rúa Michelena ao sur e as rúas Cobián Roffignac e Padre Amoedo Carballo ao leste. A Alameda e a Gran Vía de Montero Ríos coas Ruínas do Convento de San Domingo e os edificios institucionais oficiais de finais do século XIX considéranse como unha prolongación do centro histórico cara ao oeste.
Historia
editarFoi probablemente no século IX cando a poboación de Pontevedra comezou a reunirse en torno á antiga ponte e enclave romanos. En 1169, o rei Fernando II de León e Galicia concedeulle a categoría de cidade.[7] Iniciouse a construción da nova ponte medieval (actual ponte do Burgo) e a poboación foise asentando no que hoxe é o centro histórico.[8]
Pontevedra dotouse dunha muralla fortificada que se desenvolveu en tres fases sucesivas a partir do núcleo orixinal situado nas inmediacións da Basílica de Santa María a Maior, a zona máis alta e facilmente defendible. A planta da primeira muralla é a dunha bastida preplanificada, organizada en tres rúas paralelas (Pratería Vella, Amargura-San Martiño e rúa Alta-Sor Lucía) e unha transversal central correspondente á parte alta da rúa Isabel II.[9]
No século XIII, o recinto amurallado ampliouse como consecuencia do paulatino crecemento económico e demográfico xerado polos privilexios reais concedidos á cidade (en 1229, Afonso VIII de León e Galicia outorgoulle un privilexio exclusivo para a elaboración e distribución de peixe en todo o reino, e en 1238, Fernando III de Castela concedeulle a fabricación de graxa de saín).[10] Nos últimos anos do século XIII chegaron as ordes mendicantes dos dominicos, as clarisas[11] e os franciscanos; estes últimos construíron o seu convento no outro punto alto do casco antigo, ao leste.
No século XIV produciuse unha segunda fase de ampliación da muralla, que discorre pola rúa Pasantería e a praza da Ferrería ata a súa confluencia coa rúa Michelena. Neste século o francés Jean Froissart alcumou a cidade a Boa Vila (La Bonne Ville) nas súas crónicas[12][13] pola súa magnífica situación xeográfica e o seu esplendor económico.[14] No século XV, o crecemento da cidade fixo necesaria unha última ampliación da muralla. En 1452, Xoán II de Castela concedeu a Pontevedra o título de porto de carga e descarga de Galicia e, en 1467, Henrique IV de Castela premiouna coa autorización para establecer unha feira franca anual de 30 días.[15] Era necesario dispoñer dun espazo suficientemente amplo e controlado para celebrar a feira (correspondente á actual praza da Ferrería).[16] A nova muralla completouse en 1480.[17]
No século XVI, o poder económico do Gremio de Mareantes levou á construción da Basílica de Santa María a Maior. Ao longo do século XVI, o armazón de rúas, prazas e edificios cubriu parte dos espazos baleiros do interior das murallas de Pontevedra. En 1719, a invasión inglesa causou grandes danos á cidade.[18] Durante este século leváronse a cabo reformas urbanas con novas prazas e rúas e construíronse novos edificios relixiosos, como a Igrexa de San Bartolomeu e o Colexio da Compañía de Xesús, así como novos pazos urbanos como o de Mugartegui e a remodelación do dos Condes de Maceda. Preto do recinto amurallado, construíuse en 1792 a Igrexa da Virxe Peregrina.
No século XIX derrubouse a muralla medieval, comezando en 1852 coa porta de Trabancas e terminando co tramo da rúa do Rouco e da rúa Cobián Roffignac en 1875.[19] Tamén se derrubaron as torres arcebispais e a fortaleza dos Churruchaos, e construíuse o palacete das Mendoza.[20]
En 1880 construíuse a nova Casa do concello, urbanizouse a praza de España e ampliouse a Alameda (antiga horta dos dominicos), fronte á cal se construíron os edificios administrativos oficiais, sede das institucións da capital da provincia, outorgada en 1833. En 1951, o centro histórico de Pontevedra foi declarado conxunto histórico-artístico.[21] En 1999, o centro histórico peonalizouse e levouse a cabo unha profunda renovación urbana.[22][23]
Estrutura urbana
editarA basílica de Santa Maria A Maior e o convento de San Francisco marcan os puntos estratéxicos de oeste a leste do casco antigo sobre dous outeiros. Entre eles, configurouse a cidade medieval co seu labirinto de rúas e prazas medievais. As rúas estruturáronse ao redor dun eixo principal que corresponde ás actuais rúas Sarmiento e Isabel II, e a partir de aí dividíronse o resto das rúas, formando un exemplo clásico de cidade medieval con planta en espiña de peixe, onde as rúas estrutúranse a partir dun único eixo central sobre o que se enxertan as rúas secundarias.[24] A rúa Real atravesa parte do casco antigo de norte a sur. Entre as rúas, o centro histórico está salpicado de prazas de proporcións regulares, cadradas ou rectangulares, con moitas casas nobres con escudos de pedra, que airean o tecido urbano e danlle elegancia.
O principal espazo verde do casco antigo son os xardíns de Casto Sampedro, anexos á igrexa e ao antigo convento de San Francisco, no centro dos cales está a fonte renacentista da Ferrería. Ao oeste atópase o Campiño de Santa María cos restos da antiga muralla, e ao suroeste do casco antigo está a Alameda de Pontevedra, antiga horta dos dominicos.
Lugares de interese e monumentos
editarPrazas de orixe medieval
editarO centro histórico organízase ao redor de distintas prazas. Estas prazas medievais do casco antigo de Pontevedra destacan como pequenas estancias de proporcións regulares e xeométricas.[25] Moitas delas evocan cos seus nomes comerciais as actividades que alí se desenvolvían hai séculos: a praza da Leña, a da Verdura, a da Pedreira, a da Ferrería... [26] As prazas máis importantes son: a da Verdura, a da Ferrería, a da Leña, a do Teucro, a da Pedreira, a de Méndez Núñez e a de Curros Enríquez. Outras prazas importantes do casco antigo son: Cinco Rúas, Peirao ou Alonso de Fonseca e na beira do centro histórico a praza da Peregrina e a praza de España.
Edificios relixiosos
editarOs edificios relixiosos máis representativos do casco antigo foron construídos por ordes mendicantes (dominicos, franciscanos),[27] polo poderoso gremio dos mareantes, polos xesuítas e pola confraría da nosa Señora do Refuxio e Divina Peregrina. Estes edificios son: as ruínas do convento gótico de Santo Domingo, a igrexa gótica de San Francisco, a basílica gótico-renacentista de Santa María a Maior, a igrexa barroca de San Bartolomeu, o colexio barroco da Compañía de Xesús e a igrexa barroca da Virxe Peregrina. No casco antigo tamén hai varias capelas, como a do Nazareno e a das Ánimas e o Santuario das Aparicións, e fóra do casco antigo, a poucos metros ao leste das antigas murallas, atópase o convento gótico de Santa Clara.
Edificios civís
editarPontevedra foi un lugar privilexiado de residencia da nobreza e de poderosas familias galegas.[28] Ningunha outra cidade galega posúe tal riqueza de escudos nas fachadas de moitas casas nobres e pazos. No centro histórico hai máis de 200 escudos tallados en pedra.[29]
Edificios civís importantes son: a Casa das Campás, o Pazo dos Condes de Maceda, o Pazo de Gago e Montenegro, o Pazo de Mugartegui, o Pazo de García Flórez, o Pazo de Castro Monteagudo, a Casa das Caras, a Casa dos Vaamonde, o Teatro Principal de Pontevedra e o Liceo Casino, o Pazo do Marqués de Aranda, a casa do Correo Vello, a Casa Consistorial de Pontevedra, o palacete das Mendoza, o edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra, o Pazo da Deputación de Pontevedra, o IES Valle Inclán, o Mercado de Abastos de Pontevedra e o Edificio Castelao.
Estatuas
editarAs estatuas do centro histórico renden homenaxe a personaxes importantes da historia da cidade: O Fiel contraste, o Monumento aos heroes de Ponte Sampaio ou a Estatua de Valle-Inclán, así como a figuras populares como o Papagaio Ravachol ou ás Mulleres Galegas (Muller con galiñas).
Pontes
editarA ponte do Burgo é a ponte medieval en arco que permite acceder ao centro histórico desde o norte e que deu nome á cidade (Pontis Veteris). Por ela pasa o camiño portugués.
Museos
editarOs seguintes museos atópanse no centro histórico da cidade:
- Museo de Pontevedra: foi inaugurado en 1929 e conta con 6 edificios. Está clasificado entre os tres mellores museos provinciais de España.[30]
- Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA): foi inaugurado en 2010 e mostra a que foi unha das estruturas defensivas máis importantes da cidade.[31]
Bens de Interese Cultural
editarO conxunto de monumentos do centro histórico que desde 1951 foi protexido patrimonialmente, ao abeiro de distintas figuras legais que en 1985 quedaron unificadas baixo a categoría de Ben de Interese Cultural, froito da entrada en vigor da Lei 16/1985, de Patrimonio Histórico Español son:[32]
- Ruínas do Convento de San Domingos declaradas Monumento Nacional o 14 de agosto de 1895, sendo o primeiro monumento da provincia de Pontevedra en acadar esta declaración.[33]
- Convento-Igrexa de San Francisco declarados Monumento Nacional o 26 de agosto de 1896.[34]
- Basílica de Santa María a Maior declarada Monumento Histórico-Artístico o 3 de xuño de 1931.
- Cidade Antiga, declarada Conxunto Histórico-Artístico o 23 de febreiro de 1951.
- Museo de Pontevedra declarado Monumento Histórico-Artístico o 1º de marzo de 1962.
- Igrexa da Peregrina declarada Monumento o 13 de outubro de 2011.
Fóra da cidade vella atópase tamén o Mosteiro de Lérez e arredores declarado Monumento Histórico-Artístico e Paraxe Pintoresca o 21 de xuño de 1946.
Eventos culturais e festividades
editarNo centro histórico da cidade celébrase a Feira Franca de Pontevedra, o enterro do papagaio Ravachol, os Maios e diversos eventos das festas patronais da Virxe Peregrina.
Galería de imaxes
editar-
Casa das Campás e rúa Don Filiberto
-
Fonte dos Tornos na rúa Real
-
Rúa Alta
-
Fonte de ferro fundido de 1887 na praza de Santa María
-
A fachada barroca da Igrexa da Peregrina.
-
Casa con patín na rúa San Martiño
Notas
editar- ↑ "El casco histórico recupera la cifra de vecinos de hace una década y supera los 2.100 “entremuros”". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2022.
- ↑ "El casco histórico encadena tres años consecutivos manteniendo su número de vecinos, cerca de 2.000". Faro (en castelán). 26 de maio de 2019.
- ↑ "Pontevedra". Xunta de Galicia. 13 de setembro de 2019.
- ↑ Pombo, Antón, 2012, Un corto viaje a Galicia, Madrid, Anaya Touring, p. 61
- ↑ Saavedra, Segundo, 2011, Un corto viaje a Rías Bajas, Madrid, Anaya Touring, p. 37
- ↑ "La arqueología manda en las obras de rehabilitación del entorno de O Burgo". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de setembro de 2006.
- ↑ "Pontevedra celebrará los 850 años de su «fuero de ciudad»". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de abril de 2019.
- ↑ Aganzo, Carlos, 2010, Ciudades con encanto. Pontevedra, Madrid, El País-Aguilar, p. 18
- ↑ "Pontevedra redescubre su muralla". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de marzo de 2002.
- ↑ "Os foros do Portus Apostoli no medievo". La Voz de Galicia. 23 de marzo de 2018.
- ↑ "Santa Clara y Pontevedra, 750 años mirándose". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de decembro de 2021.
- ↑ Pontevedra Viva, ed. (8 de xaneiro de 2016). "Pontevedra, bonne ville..." (en castelán).
- ↑ "Pontevedra: la ciudad en la que los niños se zamparon los coches". El País (en castelán). 19 de maio de 2019. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2021. Consultado o 22 de outubro de 2022.
- ↑ El Español, ed. (4 de novembro de 2020). "¿Por qué Pontevedra "é boa vila"?" (en castelán).
- ↑ "Sin impuestos en la Pontevedra bendecida por Enrique IV". El Mundo (en castelán). 3 de setembro de 2011.
- ↑ "La ciudad empieza a engalanarse para la Feira Franca". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de agosto de 2014.
- ↑ Durán Villa, Francisco, 2000, Provincia de Pontevedra, Madrid, Editorial Mediterráneo, p. 78
- ↑ "La virgen de Quitapesares, el pirata Drake y la invasión de 1719". Pontevedra Viva (en castelán). 15 de abril de 2016.
- ↑ "1852-2012: Del derribo de la muralla a su recuperación". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de decembro de 2012.
- ↑ "Las Torres Arcebispais entran en el siglo XXI". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2014.
- ↑ "Mismas fórmulas, pero con unos resultados dispares". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de marzo de 2005.
- ↑ "1999: Peatonalización del casco histórico". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de xullo de 2019.
- ↑ "Apenas restan diez calles por rehabilitar en el centro histórico". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de novembro de 2019.
- ↑ Saavedra, Segundo, 2011, Un corto viaje a Rías Bajas, Madrid, Anaya Touring, p. 37
- ↑ Aganzo, Carlos, 2010, Ciudades con encanto. Pontevedra, Madrid, El País-Aguilar, p. 10
- ↑ Pombo, Antón, 2012, Un corto viaje a Galicia, Madrid, Anaya Touring, p. 62
- ↑ Riveiro Tobío, Elvira, 2008, Descubrir Pontevedra, Pontevedra, Edicións do Cumio, p. 8
- ↑ Saavedra, Segundo, 2011, Un corto viaje a Rías Bajas, Madrid, Anaya Touring, p. 36 et 44
- ↑ ""Todos estamos emparentados con la nobleza"". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de febreiro de 2011.
- ↑ Aganzo, Carlos, 2010, Ciudades con encanto. Pontevedra, Madrid, El País-Aguilar, p. 50
- ↑ "Las Torres Arzobispais abren sus entrañas a la ciudad por primera vez". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de agosto de 2010.
- ↑ Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC)". abert@s. Arquivado dende o orixinal (csv) o 26 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019.
- ↑ "As ruínas de San Domingos recuperan o seu horario habitual de apertura". Pontevedra Viva. 3 de abril de 2017.
- ↑ "Cultura desbloquea la reforma de Hacienda". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de maio de 2023.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Centro histórico de Pontevedra |
Bibliografía
editar- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 10; 18. ISBN 978-8403509344.
- Durán Villa, Francisco (2000). Provincia de Pontevedra (en castelán). Madrid: Mediterráneo. p. 78. ISBN 8471563371.
- Pombo, Antón (2012). Un corto viaje a Galicia (en castelán). Madrid: Anaya Touring. p. 61-62. ISBN 978-84-9935-331-9.
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 8. ISBN 9788482890852.
- Saavedra, Segundo (2011). Un corto viaje a Rías Bajas (en castelán). Madrid: Anaya Touring. p. 36-37; 44. ISBN 978-84-9776-890-0.