Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Walt Disney

debuxante, produtor, director e guionista de filmes estadounidense

Walter Elias "Walt" Disney, nado en Chicago o 5 de decembro de 1901[1][2] e finado en Burbank (California) o 15 de decembro de 1966[1][2], foi un debuxante, produtor, director e guionista de filmes estadounidense. Un dos produtores cinematográficos máis coñecidos do mundo, Disney foi tamén un debuxante de banda deseñada e caricaturista en xornais, creador do parque de atraccións coñecido como Disneyland, e é o fundador, xunto co seu irmán Roy O. Disney da compañía Walt Disney Productions,[3] que anos despois se converteu na máis soada produtora do campo da animación e na actualidade é a maior compañía de medios de comunicación e entretemento do mundo. Esta corporación, que se coñece hoxe co nome de The Walt Disney Company, é unha empresa multimillonaria con ingresos anuais de decenas de miles de millóns de dólares.[4]

Modelo:BiografíaWalt Disney

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Walter Elias Disney Editar o valor en Wikidata
5 de decembro de 1901 Editar o valor en Wikidata
Chicago, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte15 de decembro de 1966 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Burbank, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinsuficiencia circulatoria Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaForest Lawn Memorial Park Editar o valor en Wikidata
ResidenciaOs Ánxeles (1923–)
Kansas City (1910–1923)
Marceline (pt) Traducir (1906–1910)
Chicago (1901–1906) Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa congregacional Editar o valor en Wikidata
EducaciónKansas City Art Institute (en) Traducir (década de 1910–década de 1910)
McKinley High School (en) Traducir
Central High School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoLiteratura xuvenil Editar o valor en Wikidata
Ocupacióndirector de cinema, actor de cinema, guionista, inventor, ilustrador, realizador, caricaturista, actor, pintor, escritor, produtor de cinema, produtor, animador, actor de dobraxe, presentador de televisión, produtor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1920 Editar o valor en Wikidata - novembro de 1966 Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Republicano (1940–)
Partido Demócrata (–1940) Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoFilme familiar e cinema de animación Editar o valor en Wikidata
Influencias
Pseudónimo literarioDisney, Walter Elias Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoPrimeira guerra mundial Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FamiliaFamília Disney (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeLillian Bounds Disney (1925–1966), morte da persoa Editar o valor en Wikidata
FillosDiane Disney Miller Editar o valor en Wikidata
PaisElias Disney Editar o valor en Wikidata  e Flora Call Disney Editar o valor en Wikidata
IrmánsRoy O. Disney Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (vol:8 : Дебитор — Евкалипт, sec:Дисней Уолт, p.304)
Arquivos biográficos da biblioteca e museo Billy Ireland Cartoon
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0000370 Allocine: 5689 Rottentomatoes: celebrity/walt_disney Allmovie: p87871 153163 Metacritic: person/walt-disney TV.com: people/walt-disney IBDB: 117280
BNE: XX1163376 Souncloud: waltdisneyofficial Spotify: 2qyTNQUXF8iFeYwTnExDch iTunes: 188702671 Musicbrainz: 560416d7-c8f8-4a1b-b555-ef2b93528fb5 Songkick: 8504668 Discogs: 491154 WikiTree: Disney-1 Find a Grave: 284 Deezer: 4591404 Editar o valor en Wikidata

El e o seu equipo crearon unha manchea de personaxes animados coñecidos en todo o mundo, incluíndo o que se considera o seu alter ego, Mickey Mouse.

Traxectoria

editar

Primeiros anos

editar

Walt Disney naceu o 5 de decembro de 1901 e tivo a infancia típica do fillo dun granxeiro. O seu pai, Elias Disney (1859-1941), de ascendencia irlandesa,[5] chegara ós Estados Unidos de América dende o Canadá e instalárase na cidade de Chicago pouco despois de casar coa mestra de escola Flora Call (18681938), en 1888. Walt foi o cuarto dos cinco fillos do matrimonio.[6] En 1906,[7] a familia trasládase a unha granxa nos arredores de Marceline, Missouri. Máis adiante, Disney diría que eses foran os mellores anos da súa vida. Tanto el como a súa irmá máis nova, Ruth, eran demasiado pequenos para axudar nas tarefas da granxa e por iso pasaban a meirande parte do tempo xogando. Desta época datan os primeiros contactos de Disney co debuxo e a súa grande afección polos trens.

Este período idílico concluíu poucos anos despois. En 1909, Elias Disney caeu subitamente enfermo de febre tifoide, e, a pesar de contar coa axuda dos seus fillos maiores, viuse imposibilitado de continuar traballando na granxa, polo que a tiveron que vender e mudarse a unha vivenda de alugueiro até o 1910, ano en que se mudaron a Kansas City. Para o daquela aínda mozo Walt Disney foi moi duro ter que abandonar o seu paraíso rural.

En Kansas City, Elias comezou a traballar repartindo xornais para o Kansas City Star. A Walt e ó seu irmán tocoulles axudar ó seu pai no elenco, un traballo duro que requiría erguerse tódolos días ás doce da noite.

De acordo cos arquivos da escola pública do distrito de Kansas City, Disney empezou a acudir á Benton Grammar School en 1910, e graduouse o 8 de xuño de 1911. Por mor do seu traballo repartindo xornais, non foi un bo estudante, xa que adormecía acotío e custáballe concentrarse. Era propenso a soñar esperto e a pasa-lo debuxando.

Elias, deixou o seu traballo como repartidor de xornais e fíxose propietario dunha empresa dedicada a elaborar bebidas carbonatadas, a O'Zell Company, radicada en Chicago. A familia trasladouse de novo a esta cidade, e Disney continuou os seus estudos na McKinley High School de Chicago. Ó mesmo tempo, traballaba para o seu pai e acudía polas tardes a clases no Instituto de Arte de Chicago.

Ós 15 anos, Walt conseguiu un traballo de verán vendendo xornais e lambonadas ós pasaxeiros do ferrocarril de Santa Fe. Interesáballe moito máis o tren que o seu traballo, no que non tivo demasiado éxito, xa que lle roubaban as mercadorías moi a miúdo.

Nos seus anos escolares, Disney creaba historietas no xornal do instituto, The Village Voice. As súas creacións en banda deseñada eran de temática patriótica e política, centradas na primeira guerra mundial. En 1918, querendo seguir os pasos do seu irmán Roy, abandonou o instituto para alistarse no exército. Non foi aceptado por non ter a idade requirida, mais el sabía que no corpo de ambulancias da Cruz Vermella admitíanse a mozos de dezasete anos, Walt falsificou o seu certificado de nacemento para facer ver que nacera no ano 1900 no canto de en 1901 e que xa cumprira os dezasete.

Foi admitido, pero nunca chegou a entrar en combate. Cando rematou o seu adestramento e foi trasladado a Europa, Alemaña firmara o armisticio e a guerra rematara. Pasou o resto do seu tempo na Cruz Vermella como condutor de ambulancias en Francia, trasladando a oficiais. Entretívose enchendo de debuxos a ambulancia que conducía, e nesta época comezou a fumar, un hábito que o acompañaría toda a vida. En 1919 solicitou ser relevado das súas obrigas militares e foi enviado de regreso ós Estados Unidos.

Comezos na animación

editar
Newman Laugh-O-Gram (1921)

Decidido a seguir unha carreira artística, trasladouse a Kansas City. O seu irmán Roy traballaba nun banco pola zona e, grazas a un amigo, conseguiu un traballo no Pesemen-Rubin Art Studio, onde Walt se dedicou a crear anuncios para xornais, revistas e cinemas. Alí coincidiu con outro debuxante, Ubbe Iwwerks, co que trabou amizade, e ambos decidiron empezar o seu propio negocio.

Disney e Iwwerks (quen acortou o seu nome a Ub Iwerks) fundaron unha compañía chamada "Iwerks-Disney Commercial Artists" en xaneiro de 1920. Por desgraza, non conseguiron demasiados clientes, e finalmente tiveron que abandonar. Ámbolos dous foron contratados pola empresa Kansas City Film Ad, na que traballaron en anuncios, realizados con primitivas técnicas de animación, para os cinemas locais. Disney estaba fascinado polas posibilidades da animación. Pasou varios días na biblioteca pública de Kansas City estudando libros de anatomía e mecánica. Leu tamén un libro de Edweard Muybridge sobre a animación. Aproveitou o seu tempo en Film Ad experimentando con animación e técnicas cinematográficas. Mesmo tomou prestada unha das cámaras da empresa para experimentar na casa.

Despois de dous anos en Film Ad, Disney cría que tiña a experiencia suficiente como para emprender un novo negocio pola súa conta. En 1922, fundou a empresa Laugh-O-Gram Films, Inc., dedicada a realizar curtametraxes animadas baseadas en contos de fadas populares e relatos para nenos, como A Cincenta ou O gato con botas. Entre os seus empregados contábanse Iwerks, Hugh Harman, Rudolph Ising, Carmen Maxwell e Friz Freleng. As curtas fixéronse famosas na zona de Kansas City, mais os seus gastos de produción excedían ós ingresos que proporcionaban.

Trala creación da súa última curta, a mestura de acción real e animación Alice's Wonderland, o estudio declarouse en bancarrota en xuño de 1923. Disney decidiu entón trasladarse ó puxante centro da industria cinematográfica, Hollywood. Vendeu a súa cámara e obtivo cartos dabondo para unha viaxe de ida en tren a California. Deixou atrás ós seus amigos e antigos empregado, mais levou con el o filme Alice's Wonderland.

Chegou aos Ánxeles con corenta dólares no peto e un filme sen rematar no seu maletín. O seu propósito era abandonar o cinema de animación, crendo que non podería competir cos estudios de Nova York. Pretendía converterse en director de filmes de acción real, e percorreu sen éxito tódolos estudios na procura de traballo.

Ó non atopar choio, optou por volver a intentalo coa animación. O seu primeiro estudio en Hollywood foi un garaxe na casa do seu tío Robert. Enviou o filme Alice's Wonderland á distribuidora neoiorquina Margaret Winkler, quen amosou un grande interese polo filme e contratou a Disney para producir máis películas combinando animación e imaxe real.

Reuniuse co seu irmán, que estaba a se recuperar de tuberculose nun hospital de veteranos dos Ánxeles, e convenceuno para que se encargase da xestión económica do estudio. A petición de Disney, a actriz protagonista de Alice's Wonderland (Virginia Davis) e a súa familia trasladáronse a Hollywood dende Kansas City. O mesmo fixeron Iwerks e a súa. Este foi o comezo do Disney Brothers' Studio, o xerme da futura The Walt Disney Company.

Os novos filmes, chamadas Alice Comedies, tiveron bastante éxito. Despois de Virginia Davis, quen deixou a serie ó non aceptar Disney as exixencias de aumento salarial, o personaxe de Alice foi interpretado polas actrices Dawn O'Day e Margie Gay. Máis tarde, Lois Hardwick asumiu brevemente o papel. Polo tempo en que concluíu a serie, en 1927, o centro de atención eran os personaxes animados, en particular un gato chamado Julius que recordaba a Felix the Cat.

Oswald the Lucky Rabbit

editar

En 1927, Charles B. Mintz, que casara Margaret Winkler e tomara as rendas do seu negocio, solicitou unha nova serie de películas, só de animación, que serían distribuídas por Universal Pictures de Carl Laemmle. A nova serie, Oswald the Lucky Rabbit, foi un éxito case instantáneo. O personaxe foi creado e debuxado por Iwerks e o seu éxito permitiu o crecemento do estudio, e Walt puido volver a contratar a Harman, Ising, Maxwell e Freleng, de Kansas City.

 
Bosko, fotograma de Sinkin' in the Bathtuben, 1930.

En febreiro de 1928, Disney viaxou a Nova York para negociar un novo acordo económico con Mintz, mais levou unha gran sorpresa cando este lle anuncia que non só lle ía pagar menos por cada curtametraxe que producise, senón que tiña ós principais animadores de Disney baixo contrato e que crearía o seu propio estudio se Disney non aceptase traballar por menos cartos. Os dereitos de Oswald pertencían a Universal e non a Disney, polo que podían facer os filmes sen el.

Disney rexeitou a imposición de Mintz e perdeu a meirande parte do persoal do seu estudio. Os que marcharon formaron o núcleo de Winkler Studio, dirixido por Mintz e o seu cuñado George Winkler. Porén, Universal asignou pouco máis tarde a produción dos filmes de Oswald the Lucky Rabbit a unha sección da súa propia empresa que dirixía Walter Lantz, e Mintz tivo que dedicar o seu estudio á produción de curtas de Krazy Kat. Harman, Ising, Maxwell e Freleng crearon un personaxe moi parecido a Oswald, Bosko, para Leon Schlesinger e Warner Bros., e empezaron pouco despois a traballar nas primeiras entregas da serie Looney Tunes.

A compañía de Disney só recuperou os dereitos sobre Oswald 78 anos despois, en 2006.[8]

Mickey Mouse

editar
Artigo principal: Mickey Mouse.

Trala perda dos dereitos sobre Oswald, Disney optou por crear un novo personaxe. Discútese se a primeira idea do rato animado (que basicamente era igual que Oswald, mais con orellas redondas no canto de alongadas) foi de Disney ou de Iwerks. En calquera caso, ámbolos dous participaron na creación do personaxe. Os seus primeiros filmes foron animados por Iwerks, cuxo nome aparece destacado nos títulos de crédito. Algunhas fontes indican que o rato íase chamar nun principio "Mortimer", mais logo foi bautizado como "Mickey Mouse" pola súa muller, Lillian Disney. Segundo Bob Thomas a lenda do nome é ficticia, e cita o caso dun personaxe chamado Mortimer Mouse, que naceu en 1936, tío de Minnie Mouse.[9]

A primeira aparición de Mickey tivo lugar o 15 de maio de 1928 en Plane Crazy, unha curtametraxe muda, como tódolos filmes de Disney até esa data. Ó non conseguir interesar ós distribuidores por Plane Crazy nin pola súa continuación, The Gallopin' Gaucho, Disney creou un filme sonoro, Steamboat Willie. O empresario Pat Powers proporcionou a Disney tanto a distribución do filme como Cinephone, un sistema de sincronización do son. Steamboat Willie converteuse nun grande éxito e grazas a isto, engadiuse o son ás curtas anteriores. Dende entón, tódolos filmes de Disney fixéronse con son. O propio Disney era o encargado de facer os efectos vocais das súas primeiras curtas e foi a voz de Mickey Mouse até 1947.

Mickey Mouse coñeceu un éxito extraordinario, até o punto de que, en 1935, a Sociedade de Nacións premiou a Disney cunha medalla de ouro, declarando a Mickey como "símbolo internacional de boa vontade". En xaneiro de 1930 foi adaptado á banda deseñada nun xornal con guión de Disney e debuxos de Iwerks. Durante a década de 1930, o mercado inundouse de produtos relacionados co personaxe, dende xoguetes infantís e reloxos de pulso até un brazalete de diamantes deseñado por Cartier. Numerosas personalidades públicas declararon a súa admiración por Mickey Mouse, incluíndo á actriz Mary Pickford, ó presidente dos Estados Unidos Franklin Delano Roosevelt, a Benito Mussolini e mesmo o rei de Inglaterra, Xurxo V.[10]

Silly Symphonies

editar

Ademais das curtas de Mickey Mouse, en 1929 Disney iniciou unha serie de filmes musicais titulados Silly Symphonies. O primeiro titulouse The Skeleton Dance, e foi enteiramente debuxada e animada por Iwerks, que foi tamén responsábel da meirande parte dos filmes producidos por Disney entre os anos 1928 e 1929. Aínda que ámbalas series tiveron un grande éxito, o estudio de Disney non estaba de acordo con compartir os beneficios con Pat Powers, e firmou un novo contrato de distribución con Columbia Pictures.

Iwerks estábase fartando da posición subalterna que tiña no estudio a pesar de realizar a meirande parte do choio, e deixouse convencer por Powers para abrir o seu propio estudio cun contrato exclusivo. Entón Disney andou na procura desesperada de alguén que puidese substituír a Iwerks, xa que el mesmo non era quen de debuxar tan ben nin tan axiña (dise que Iwerks facía máis de 700 debuxos diarios para as curtas de Mickey).

Entrementres, Iwerks lanzaba a súa serie sobre o personaxe de Flip the Frog coa primeira curta de animación con son e en cor, titulado Fiddlesticks. Creou tamén outras dúas series: Willie Whopper e Comicolor. O seu éxito ameazaba o predominio que Disney acadara na industria do cinema de debuxos animados.[11]

Disney contratou a varias persoas para facer o traballo que Iwerks era capaz de facer en solitario. En 1932, Disney estreou o seu primeiro filme en cor, Flowers and Trees, da serie "Silly Symphonies", que conseguiu o Oscar á mellor curtametraxe de animación en 1932. Nese mesmo ano, Disney recibiu tamén Oscar honorífico pola creación de Mickey Mouse, cuxas curtas pasaron a realizarse en cor a partir de 1935. Pronto apareceron series derivadas, protagonizadas por novos personaxes, como o Pato Donald, Goofy e Pluto.

Vida privada

editar

En 1925, Disney contratou a unha moza chamada Lillian Bounds para poñer tinta e cor ó celuloide. Tras mocear brevemente, casaron o 15 de xullo de 1925. Despois de varios intentos, Lillian deu a luz a unha filla, Diane Marie Disney en 1933. Sen posibilidade de ter máis fillos, os Disney adoptaron a unha segunda filla, Sharon Mae Disney, en 1936. Lillian faleceu o 16 de decembro de 1997. A súa filla adoptiva, Sharon morreu en 1993. Sharon dera a luz anteriormente a Catherine Spitcktip Disney en 1988.

A idade dourada da animación

editar

"A tolemia de Disney": Snow White and the Seven Dwarfs

editar

Aínda que os ingresos do estudio eran considerábeiss, para Disney non era abondo e en 1934 comezou a planear e produción dunha longametraxe. Cando se soubo na industria da animación que Disney planeaba a produción dunha longametraxe animada sobre Brancaneves, bautizouse ó proxecto como "a tolemia de Disney", e todo o mundo estaba de acordo en que o proxecto remataría arruinando o estudio. Tanto Lillian como Roy trataron de disuadir a Disney dos seus plans. Este contratou ó profesor Don Graham, do Instituto de Arte Chouinard, para que formase ó cadro de persoal do estudio, e utilizou as curtas da serie "Silly Symphonies" como laboratorio para experimentar coa animación realista de seres humanos, a creación de personaxes animados con personalidade definida, efectos especiais, e o uso de procesos especializados e aparellos como a cámara multiplano.

 
Imaxe do tráiler do filme Snow White and the Seven Dwarfs.
 
Walt Disney presentando cada un dos Sete Ananos.

Todos estes esforzos ían dirixidos a elevar o nivel tecnolóxico do estudio para que fose capaz de producir un filme da calidade requirida por Disney. O proceso de produción de Snow White and the Seven Dwarfs prolongouse dende 1935 até mediados de 1937, cando o estudio ficou sen cartos. Para conseguir os fondos necesarios para completar o filme, Disney tivo que amosar unha montaxe previa ós directivos do Bank of America, quen lle proporcionou os cartos para rematar o proxecto. O orzamento inicial da película era de 250.000 dólares, mais acabou custando 1.488.000. O filme estreouse no Carthay Circle Theater o 21 de decembro de 1937, e, cando terminou, recibiu unha grande ovación.

Snow White and the Seven Dwarfs, a primeira longametraxe animada en lingua inglesa, e o primeiro en utilizar o Technicolor, foi distribuído en febreiro de 1938 por RKO. Foi o filme con maior éxito de 1938 e obtivo uns ingresos de 8 millóns de dólares na súa estrea.

O éxito de Brancaneves permitiu a Disney construír uns novos estudios en Burbank, que se inauguraron o 24 de decembro de 1939. En 1940, os estudios produciron outras dúas longametraxes: Pinocchio e Fantasia. A segunda, en concreto, constituía unha aposta bastante arriscada: sen argumento unitario, consistía na posta de imaxes animadas de oito pezas de música clásica (entre outras, de Beethoven, Bach e Stravinskii), ó estilo das "Silly Symphonies". Os resultados foron bastante irregulares.

Ó mesmo tempo, seguíanse creando novas curtas das estrelas da casa (Mickey, Donald, Goofy e Pluto), destacando curtametraxes como Brave Little Tailor (1938) e The Pointer (1939), ambas protagonizadas polo rato Mickey. A produción de curtas da serie "Silly Symphonies" concluíu en 1939.

A folga de 1941

editar

Despois de varias tentativas de organización sindical entre os traballadores da industria da animación, en 1938 creouse o Screen Cartoonists Guild (SCG), sindicato que pronto desenvolveu unha activa campaña para captar afiliados entre os traballadores do medio. Aínda que xa fora recoñecido pola meirande parte dos outros estudios, Disney negábase a permitir a afiliación sindical dos seus empregados. Por outra banda, dende 1937 existía un crecente descontento entre os traballadores do estudio. Aínda que os empregados de Disney eran os mellor pagados da profesión, consideraban que se incumpriran as promesas sobre bonificacións polo traballo extra que fixeran nas longametraxes da compañía. Filmes como o de Brancanieves tiveran un éxito sen precedentes no cinema de animación, e os empregados non participaran dos beneficios (de feito, Disney endebedárase coa apertura dos novos estudios en Burbank e a produción de Pinocchio e Fantasia, que non obtiveran o éxito desexado). Ademais, o labor de moitos empregados non era recoñecido nos títulos de crédito dos filmes.

En 1941, Herbert Sorrell, o principal líder sindical entre os traballadores de Disney, intentou negociar o recoñecemento do SCG, mais foi rexeitado. Animadores que tiñan unha posición importante dentro dos estudios, como Art Babbitt e Will Tytla, abrazaron a causa dos seus compañeiros. Disney considerouno unha traizón persoal e despediu a Babbitt e a outros 16 traballadores. O 28 de maio, un gran número de traballadores foron á folga. Esa mañá, cando Disney chegou ós estudios, atopounos bloqueados por centos de piquetes de folga.

A medida que continuaba a folga, a tensión foi medrando. O cadro de persoal dos estudios quedou dividido case ó 50% e houbo varios conatos de enfrontamento. O propio Disney, segundo algunhas testemuñas, estivo a piques de chegar ás mans con Babbitt.[12] Pouco antes do final da folga, Disney, por consello de Nelson Rockefeller, director da axencia de relacións con Latinoamérica no Departamento de Estado, partiu de xira a Latinoamérica como embaixador de boa vontade, o que contribuíu a arrefriar os ánimos entre as partes enfrontadas.

Finalmente, Disney, influído pola opinión pública favorábel á folga, e grazas á mediación do goberno federal e varios grupos de presión (entre eles o seu principal acredor, o Bank of America) aceptou recoñecer o sindicato. A folga rematou o 29 de xullo, despois de nove semanas. Os traballadores obtiveron melloras salariais e acordouse un sistema para recoñecer o seu traballo nos títulos de crédito. Porén, o regreso á normalidade non foi tal, xa que Disney non perdoou nunca ós manifestantes. Algúns foron despedidos en canto a lei o permitiu, e outros optaron por irse ante a hostilidade que vivían na súa contorna laboral. Entre os que, por unha ou outra razón, terminaron por abandonar a compañía estaban Vladimir William Tytla, John Hubley, Stephen Bosustow, Dave Hilberman e Walt Kelly.

A folga arruinou a imaxe da Walt Disney Company como empresa paternalista e harmónica, pero non diminuíu en absoluto a aceptación da marca por parte do gran público.[13]

Tempos de guerra

editar
 
Encontro entre representantes do equipo chileno Club Deportivo Universidad Católica e Walt Disney en 1947.

A pesar de que Pinocchio e Fantasia non conseguiran o éxito extraordinario de Snow White and the Seven Dwarfs, o filme Dumbo, cuxa produción non se puido deter pola folga, estreouse finalmente en outubro de 1941 e foi un grande éxito, converténdose nunha importante fonte de ingresos para o estudio. Pouco despois, en decembro, os Estados Unidos entraban na segunda guerra mundial. Os estudios Disney colaboraron estreitamente co goberno, producindo filmes educativos e de formación militar, así como outras encamiñadas a elevar a moral na retagarda, tales como as curtametraxes Der Fuehrer's Face, Education for Death, Reason and Emotion, e a longametraxe Victory Through Air Power, na que se defendía a idea de que era preciso construír máis bombardeiros para gañar a guerra.

Porén, os filmes propagandísticos no xeraban beneficios, e Bambi, a seguinte longametraxe de Disney, non produciu os resultados desexados cando se estreou en agosto de 1942. Para recortar gastos, durante os anos 1940 non se produciron novas longametraxes, senón filmes que recompilaban varias curtas. As máis destacadas foron Saludos Amigos (1942), The Three Caballeros (1945), Song of the South (1946), Fun and Fancy Free (1947) e The Adventures of Ichabod and Mr. Toad (1949). Para aumentar a rendibilidade das súas producións, Disney tivo outra grande idea comercial: en 1944 reestreou Snow White and the Seven Dwarfs, establecendo a tradición de reestrear as longametraxes da compañía ós sete anos.

Despois da guerra, a pesar da prosperidade que entón se vivía nos Estados Unidos, os hábitos de consumo cinematográfico cambiaron. Cae o interese polas curtametraxes, que antes eran indispensábeis ó comezo de toda sesión cinematográfica, e empezaron a demandar só longametraxes. Ante esta nova situación, Disney diversificou a súa oferta, orientándose cara a produción de filmes infantís de imaxe real (a serie True-Life Adventures, que se iniciou en 1948), documentais sobre a natureza e programas de televisión.

A finais da década de 1940, o estudio recobrárase o suficiente como para continuar coa produción de novos filmes como Cinderella, que foi a primeira auténtica longametraxe producida polos estudios Disney dende Bambi en 1942. Seguiron Alice in Wonderland (1951) e Peter Pan (1953). Ámbolos dous filmes foron moi criticados por edulcorar as obras orixinais de Lewis Carroll e James M. Barrie, descartando tódolos seus elementos perturbadores.

Walt Disney e a caza de meigas

editar

Trala folga de 1941, Disney sentía unha profunda desconfianza polos sindicatos. En 1947, durante os primeiros anos da guerra fría, testificou ante o House Un-American Activities Committee,[14] e denunciou a Herbert K. Sorrell, David Hilberman e William Pomerance, antigos empregados e activistas sindicais, como axitadores comunistas. Disney explicou que a folga de 1941 formara parte dunha estratexia do Partido Comunista dos Estados Unidos para gañar influencia en Hollywood.

Existen documentos[15] que demostran que Disney actuou secretamente como axente do FBI dende os primeiros anos da década de 1940 e que en 1954 foi ascendido ó rango de "axente especial de contacto" (special agent contact) por orde directa de John Edgar Hoover. Estes documentos demostran tamén que os guións dalgúns filmes foron modificados a instancias do FBI. Unha das preocupacións da organización gobernamental era a imaxe que se daba dos seus axentes nos filmes Disney (por exemplo, na película de 1965 That Darn Cat!).

Curiosamente, os mesmos documentos revelan que o propio Disney foi investigado pola organización á que el mesmo pertencía como sospeitoso de subversión, é dicir, de comunismo.

O imperio Disney

editar

Carolwood Pacific Railroad

editar

En 1949, Disney e a súa familia adquiriron unha mansión cunha grande leira no distrito de Holmby Hills dos Ánxeles. Disney aproveitou para facer realidade o seu soño de ter un ferrocarril privado. Coa axuda dos seus amigos Ward e Betty Kimball, Disney deseñou os planos e comezou a construír un tren en miniatura. O tren foi bautizado como Carolwood Pacific Railroad, polo nome da antiga rúa na que vivía Disney, Carolwood Drive. A locomotora de vapor deseñada por Roger E. Broggie, empregado dos estudios, recibiu o nome de Lilly Belle na honra á muller de Disney.

Disneylandia

editar
 
Vista aérea do parque de Disneylandia en Anaheim (California).

Xa dende os anos 40, Disney tiña a idea de construír un parque de atraccións para que os seus empregados e as súas familias puidéranse divertir no seu tempo de lecer. Co tempo, este proxecto máis ben modesto medrou até se converter en Disneylandia.

Adóitanse nomear dous parques como fonte de inspiración de Disney para o seu proxecto: Children's Fairyland en Oakland (California), construído en 1950, e os Xardíns Tívoli, na capital de Dinamarca, Copenhaguen.[16] Tamén se di que Disney se inspirou no parque República de los Niños, localizado no barrio Manuel B. Gonnet de La Plata, Arxentina, e inaugurado en 1951,[17] aínda que algúns outros opinan que se trata dun mito.n mito.[18]

Mentres maduraba a súa idea de Disneylandia, visitou numerosos parques de atraccións, mais en xeral parecéronlle sucios e mal xestionados. O seu plan orixinal era construír o parque nun terreo preto dos estudios, pero a cidade de Burbank denegoulle o permiso para construír, e o terreo era ademais demasiado pequeno, polo que a compañía adquiriu un terreo de 160 acres (uns 730,000 m²), orixinalmente plantado de laranxeiras e nogueiras, en Anaheim, no condado de Orange.

En 1952, Disney creou unha nova filial da súa empresa, WED Enterprises (nomeada a partir das iniciais do seu nome: Walter Elias Disney), para ocuparse de planear e construír o parque. Algúns membros do estudio participaron no proxecto como enxeñeiros e deseñadores.

A construción de Disneylandia comezou o 21 de xullo de 1954. O parque abriu as súas portas ó público o 18 de xullo de 1955.

Expansión

editar

Cando Walt Disney Productions empezou a construír Disneylandia, tamén empezara a interesarse por outras áreas da industria do entretemento. A illa do tesouro (1950) foi a primeira película de acción real da compañía, e foi axiña seguida doutras: 20,000 Leagues Under the Sea (en CinemaScope, 1954), The Shaggy Dog (1959) e The Parent Trap (1960). Os estudios Disney descubriron tamén a importancia da televisión. En 1950 produciron o seu primeiro programa televisivo, One Hour in Wonderland. Na cadea ABC, Disney patrocinou un programa chamado Disneyland dedicado a anunciar o seu novo parque de atraccións, no que se emitían tamén secuencias dos filmes xa estreados. O primeiro programa televisivo de emisión diaria realizado polo estudio foi o popular Mickey Mouse Club, que continuaría, con varios cambios de nome, até ben entrados os anos 90.

 
O castelo da Cincenta no Walt Disney World Resort, Florida.

A medida que o estudio se expandía e diversificaba o seu campo de acción, Disney foi prestando menos atención ó departamento de animación, delegando cada vez máis tarefas nos seus animadores de confianza, ós que chamaba "Os Nove Anciáns".[19] En vida de Disney, o departamento de animación creou varias longametraxes de éxito como Lady and the Tramp (en CinemaScope, 1955), One Hundred and One Dalmatians (1961), Sleeping Beauty (en Super Technirama 70mm, 1959), e The Sword in the Stone (1963).

A produción de curtametraxes continuou até 1956, cando Disney decidiu pechar o departamento de curtas. Dende entón, e só de forma esporádica, fóronse realizando algunhas curtas.

Nos primeiros anos sesenta, o imperio Disney era un grande éxito, e Walt Disney Productions consolidouse como a máis importante empresa dedicada ó entretemento familiar do mundo. Tras décadas de intentalo, Disney conseguiu finalmente os dereitos dos libros de P.L. Travers sobre unha institutriz con poderes máxicos, e en 1964 estréase a película Mary Poppins, que combinaba animación e acción real, e foi outro dos grandes éxitos da factoría Disney (chegou mesmo a estar nomeada ó Oscar á mellor película). Ese mesmo ano, Disney presentou varias novidades na Feira Mundial de Nova York, entre elas figuras Audio-Animatronic, que despois foron utilizadas para as atraccións de Disneylandia e para o proxecto dun novo parque temático na Costa Leste, que Disney estivera planeando dende que se abriu Disneylandia. En 1965 anunciouse a construción do novo parque, Disneyworld, preto de Orlando, en Florida, que comezou pouco despois da morte de Disney.

Pouco antes da súa morte, Disney estaba interesado en abrir unha estación de esquí (Disney's Mineral King Ski Resort). O proxecto foi finalmente cancelado debido ás protestas de diversas organizacións ecoloxistas.

Disney deixou de traballar no desenvolvemento de Disneyworld nos últimos meses de 1966, cando se lle diagnosticou un cancro no seu pulmón esquerdo, tras toda unha vida de fumador empedernido. Pasou un exame médico no hospital St. Joseph, xunto ó edificio do estudio Disney, e sufriu un paro cardiorrespiratorio. Faleceu o 15 de decembro de 1966. O seu corpo foi incinerado o 17 de decembro no Forest Lawn Cemetery de Glendale, California. O seu irmán Roy foi quen levou adiante o proxecto do parque de atraccións de Florida, insistindo en que se chamase Walt Disney World na honra ó seu irmán. Roy morrería tres meses despois de que o parque abrise as súas portas en 1971.

Durante anos tense xestado a lenda urbana de que Disney, poucos minutos antes de morrer, foi crioxenizado. O seu corpo supostamente foi introducido cando aínda estaba vivo nunha cámara e foi conxelado a baixas temperaturas para que cando a ciencia avanzase puidese ser resucitado e sandar o seu pulmón enfermo. Esta historia cobrou unha relevancia enorme en todo o mundo, tomándose a Disney como exemplo de que as crioxenizacións si tiñan razón de ser. Porén, isto é completamente falso e as súas cinzas repousan en California dende hai máis de cincuenta anos.

O Imperio Disney hoxe

editar

Na actualidade, o pequeno estudio de animación que en 1923 fundaron Walt e Roy Disney tense convertido nunha das meirandes empresas no ámbito do entretemento, cuns ingresos anuais de 30.000 millóns de dólares. The Walt Disney Company xestiona dezaoito parques de atraccións, trinta e nove hoteis, oito estudios cinematográficos, once canles de televisión por cable e un terrestre (a cadea ABC).

Walt Disney Pictures, o estudio cinematográfico máis importante propiedade da empresa, continúa producindo longametraxes de animación a un ritmo aproximado dun por ano. Ademais, en maio de 2006 The Walt Disney Company adquiriu os estudios de animación Pixar, cuxos filmes, distribuídos por Disney, alcanzaran en anos anteriores un éxito maior que as producidas por Walt Disney Pictures.

Disney na historia da animación

editar
 
Unha das dúas estrelas dedicada a Walt Disney no Paseo da Fama de Hollywood.

A importancia de Walt Disney na historia do cinema de animación dificilmente pode pasar desapercibida. Foi pioneiro na utilización de numerosas innovacións técnicas no cinema de animación, como o son, a cor ou a cámara multiplano, e no prazo duns doce anos (entre 1928 e 1940), logrou converter os antes menosprezados debuxos animados nun sofisticado medio de expresión artística.

Contou cun equipo de animadores de primeira cuxos méritos, porén, quedaron sempre menosprezados, pois coa publicidade da compañía parecía deducirse que era o propio Disney o autor material de tódolos filmes. O caso de Iwerks é paradigmático, xa que a pesar da súa importancia nas primeiras curtas da compañía, e na creación de Mickey Mouse, apenas é coñecido na actualidade.

Walt Disney converteu os debuxos animados nun produto de consumo de masas. En varias ocasións, aceptou con total franqueza que o seu obxectivo era chegar ó maior número posíbel de espectadores, por riba de calquera consideración de tipo artístico. Aínda que moitas das súas películas son obras mestras do cinema de debuxos animados, co tempo o interese por gabar os gustos do público acentuou unha certa tendencia ó kitsch e ó excesivo sentimentalismo. Trala súa morte, os debuxos animados de The Walt Disney Company continuaron na mesma liña.

O éxito dos filmes de Disney tivo como consecuencia que o seu cinema chegase a ser considerado por gran parte do público como a única forma posíbel de facer cinema de debuxos animados, o que dificultou en grande medida a aparición de propostas alternativas dentro da animación.

Ideoloxía

editar

A ideoloxía de Walt Disney, tal como se fai patente nos seus filmes, baséase sobre todo na defensa dos valores do "american way of life" ("modo de vida americano"), nos que cría firmemente. A ideoloxía neocolonialista subxacente nos filmes de Disney tamén se ten criticado por, entre outros autores, Ariel Dorfman e Armand Mattelart, no seu coñecido ensaio How to Read Donald Duck (1971).

Unha cuestión moi discutida é a das posíbeis simpatías de Disney polos réximes fascistas europeos nos anos previos á segunda guerra mundial. Segundo algunhas referencias,[20] foi recibido en Roma por Mussolini nunha ou dúas ocasións durante a década de 1930. Tamén se ten falado da súa simpatía polo nazismo, debido á súa asistencia, en compaña do avogado da empresa, Gunther Lessing, a mitins do German American Bund, organización pro-nazi estadounidense. Porén, a principal testemuña que documenta a presenza de Disney nestes mitins non é en absoluto imparcial, xa que se trata de Art Babbitt, despedido por Disney en 1941 pouco antes da famosa folga dos traballadores dos estudios. Tamén se sabe que Disney foi un dos poucos empresarios cinematográficos que recibiron abertamente á cineasta alemá Leni Riefenstahl durante a súa visita a Hollywood en 1938, cando a maior parte da industria lle pechou as portas.

En calquera caso, se Disney tivo simpatías polos réximes fascistas, desbotounas en canto o seu país entrou en guerra contra o Eixo. Durante o conflito bélico, colaborou co goberno realizando varios filmes de propaganda, entre os cales destaca a curta Der Fuehrer's Face, no que aparecen caricaturizados Hitler, Mussolini e Hirohito e que remata cunha oda ás virtudes da democracia.

Disney tamén foi acusado ás veces de antisemita, argumentando que os xudeus aparecen como personaxes estereotipados e malévolos nalgunhas curtas da década de 1930 particularmente en Three Little Pigs (1933).

O que si está fóra de toda dúbida é que Disney foi un fervente anticomunista, principalmente a causa da folga de 1941, que el atribuíu a manobras do Partido Comunista dos Estados Unidos para gañar poder na industria do cine. Segundo a súa declaración ante o House Un-American Activities Committee, cría firmemente que o comunismo era unha seria ameaza contra o modo de vida estadounidense.

Non se puido probar que militase en ningún partido político. Durante os anos 50, Disney apoiou economicamente o Partido Republicano.[21] Na súa xuventude, Disney formou parte dunha organización de tipo masónico, chamada Orde DeMolay. Segundo o seu propio testemuño, a pertenza a esta organización tivo un papel moi importante na súa formación.

As conviccións relixiosas de Disney son tamén pouco coñecidas. Foi bautizado como membro da igrexa congregacionalista (de feito, púxoselle o nome de Walter por un pastor de dita igrexa, Walter Parr[22]), mais non semella que fose un home relixioso, aínda que respectaba profundamente a relixión como garante dos valores establecidos.

Os Oscar de Walt Disney

editar

Ó longo da súa traxectoria como produtor cinematográfico, Walt Disney obtivo un total de 26 premios Óscar, dos cales 4 foron honoríficos. 12 deses premios foron a curtametraxes de animación, categoría que as producións Disney practicamente coparon durante a década de 1930; menos coñecido é o feito de que Disney recibiu tamén 10 galardóns pola produción de filmes de imaxe real nas categorías de mellor curtametraxe de imaxe real, mellor curtametraxe documental e mellor longametraxe documental. Non recibiu nunca o Oscar á mellor longametraxe, aínda que Mary Poppins foi unha das nomeadas en 1965, pouco antes da morte de Disney. Non existía a categoría de mellor longametraxe de animación, que non se creou até 2001, polo que ningún dos clásicos de Disney obtivo un Oscar, excepto os Oscar honoríficos concedidos a Snow White and the Seven Dwarfs e a Fantasia.

 
Esta vitrina no vestíbulo do Walt Disney Family Museum en San Francisco amosa moitos dos seus premios da academia, entre os que se inclúe o premio honorífico por Snow White and the Seven Dwarfs.
  • 1932 - Flowers and Trees (1932)
  • 1934 - The Three Little Pigs (1933)
  • 1935 - The Tortoise and the Hare (1934)
  • 1936 - Three Orphan Kittens (1935)
  • 1937 - The Country Cousin (1936)
  • 1938 - The Old Mill (1937)
  • 1939 - Ferdinand the Bull (1938)
  • 1940 - Ugly Duckling (1939)
  • 1942 - Lend a Paw (1941)
  • 1943 - Der Fuehrer's Face (1942)
  • 1954 - Toot Whistle Plunk and Boom (1953)
  • 1969 - Winnie the Pooh and the Blustery Day (1968). A título póstumo.

Oscar á mellor curtametraxe de imaxe real

editar
  • 1949 - Seal Island (1948)
  • 1951 - Beaver Valley (1950)
  • 1952 - Nature's Half Acre (1951)
  • 1953 - Water Birds (1952)
  • 1954 - Bear Country (1953)
  • 1959 - Grand Canyon (1958)

Oscar á mellor curtametraxe documental

editar
  • 1954 - The Alaskan Eskimo (1953)
  • 1956 - Men Against the Arctic (1955)

Oscar á mellor longametraxe documental

editar
  • 1954 - The Living Desert (1953)
  • 1955 - The Vanishing Prairie (1954)

Oscar honoríficos

editar
  • 1932 - Pola creación de Mickey Mouse
  • 1939 - Por Snow White and the Seven Dwarfs. Nesta ocasión outorgáronse, alén da escultura habitual, sete miniaturas da mesma.[23]
  • 1942 - Por Fantasia. Compartido con William E. Garity e J.N.A. Hawkins.
  • 1942 - Irving G. Thalberg Memorial Award

Colaboracións

editar

Colaboración con Molina Campos

editar

Nunha ocasión, Walt Disney viaxou a Arxentina, pero Florencio Molina Campos atopábase en Alemaña nun festival de cine. Meses despois, atopáronse en California, onde Florencio comezou a asesoralo nunha serie de filmes que Disney estaba realizando, ambientadas en América do Sur. Esta relación profesional durou pouco tempo, xa que Molina Campos obxectou a falta de rigor documental dos debuxos producidos nos Estudios Disney. A relación de amizade perdurou durante toda a vida, mais quedou malograda a idea de recrear ós seus paisanos xunto con Disney. De tódolos xeitos, a súa obra ficou plasmada en Goofy Goes Gaucho e The Flying Gaucho. Tamén colaborou en Saludos amigos, unha película que narra a viaxe de Disney por Suramérica.[2]. Ademais, Molina Campos colaborou na realización de Bambi, onde se distingue o estilo dos animais e as árbores, que reproduce a vida silvestre da Illa Victoria no Lago Nahuel Huapi da Patagonia arxentina.

Colaboración con Salvador Dalí

editar

En 1945, os estudios Disney contactaron co pintor Salvador Dalí para a realización dunha curtametraxe de animación surrealista baseada na súa obra pictórica. A idea era ilustrar con imaxes animadas unha canción do bolerista mexicano Armando Domínguez, compoñendo unha especie de poema de amor en imaxes oníricas. O proxecto finalmente desbotouse ó ano seguinte debido a problemas orzamentais. Porén, varias décadas despois, en 2003, aproveitando o material existente, editouse finalmente a curta duns sete minutos de duración titulada Destino. Foi dirixida por Dominique Monfery e presentada no Festival Internacional de Annecy.

  1. 1,0 1,1 Moonmentum (5 de decembro de 2011). "Walter Elias Disney". Moomentum (blog). Consultado o 30 de novembro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 Biografías y Vidas. "Walt Disney". Biografías y vidas. Consultado o 30 de novembro de 2013. 
  3. A empresa fundouse o 16 de outubro de 1923 como «Disney Brothers Cartoon Studio». En 1929 cambiou o seu nome polo de «Walt Disney Productions, Ltd.» Desde 1986 denomínase oficialmente «The Walt Disney Company».
  4. "2010 Form 10-K, Walt Disney Company" (en inglés). United States Securities and Exchange Commission. Consultado o 29 de decembro do 2015. 
  5. Nesta ligazón Arquivado 12 de setembro de 2011 en Wayback Machine. pódese atopar información sobre os antergos de Walt Disney, tanto paternos como maternos
  6. O matrimonio tivo cinco fillos en totall: Herbert Arthur (1888-1961), Raymond Arnold (1890-1989), Roy Oliver (1893-1971), Walter Elias (1901-1966) e a única rapaza, Ruth Flora (1903-1995).
  7. Walt's Biography: Marceline
  8. Walt Disney’s 1927 Animated Star Returns to Disney
  9. Bob Thomas, Walt Disney: an American Original, Simon & Schuster, 1976
  10. The Golden Age of Mickey Mouse, por Charles Solomon
  11. Iwerks remataría por pechar o estudio en 1936 para traballar en varios proxectos relacionados coa tecnoloxía da animación, e volvería finalmente a traballar para Disney en 1940, no departamento de investigación e desenvolvemento do estudio, onde foi o responsábel de numerosas innovacións técnicas. Nunca recuperou a posición de preeminencia que tiña nos estudios do seu vello amigo.
  12. " When Walt drove through the pickets, Babbitt grabbed a bullhorn and shouted "Shame on you, Walt Disney!" Disney leapt out of his car and a bareknuckle brawl would have insued had not cooler heads separated them. (en Tom Sito: The Disney Studio Strike of 1941 Arquivado 21 de outubro de 2008 en Wayback Machine.
  13. As principais fontes desta sección son as seguintes páxinas web: The Disney Strike, 1941 Arquivado 13 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.; The Disney Strike of 1941: How It Changed Animation & Comics, por Tom Sito Arquivado 11 de outubro de 2007 en Wayback Machine.; y en esta entrevista a Art Babbitt. O punto de vista de The Walt Disney Company sobre a folga pode verse nesta páxina
  14. CNN. Testimony of Walter E. Disney before HUAC. Cold War Special reports. Episode 6:Reds. Historical Documents. (en inglés)
  15. FBI Walt Disney Archive. https://web.archive.org/web/20040810070524/http://foia.fbi.gov/foiaindex/waltdisney.htm
  16. Walt's Biography: New Horizons
  17. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2017. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  18. "La Ciudad de los Niños, un clásico", en Página 12, 5 de agosto de 2006.
  19. Os chamados "nove anciáns" ("nine old men") foron Les Clark (1907-1979), Ollie Johnston (n. 1912), Frank Thomas (1912-2004), Wolfgang Reitherman (1909-1985), John Lounsberry (1911-1976), Eric Larson (1905-1988), Ward Kimball (1914-2002), Milt Kahl (1909-1987) e Marc Davis (1913-2000). O nome viña do alcume dado por Franklin D. Roosevelt ós nove xuíces do Tribunal Supremo dos Estados Unidos.
  20. Alessandro Barbera, no seu libro Camerata Topolino: L' ideologia di Walt Disney (Roma, Stampa Alternativa, 2001: [1] Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine.), afirma que Disney foi recibido por Mussolini en dúas ocasións, en 1932 e 1937. Nesta páxina pódese escoitar unha entrevista radiofónica ó autor na que expón estes datos. Pierre Assouline, na súa biografía de Hergé (Assouline, Pierre: Hergé. Barcelona, Destino, 1997; p. 109), fai referencia a unha soa ocasión, que tería tido lugar en 1935. Parece ser que Mussolini era un grande admirador de Mickey Mouse, e que a banda deseñada deste personaxe, chamado en Italia "Topolino" recibiron un trato privilexiado por parte do réxime fascista
  21. Bank check signed by Walt Disney
  22. Thomas, pp. 24-25
  23. "Premios de la Academia a Walt Disney". Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2012. Consultado o 19 de xullo de 2012. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar