Risorgimento
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2021.) |
A unificación de Italia foi o proceso histórico que ao longo do século XIX pretendeu a unificación dos diferentes estados nos que se atopaba dividida a Península Itálica, na súa meirande parte vencellados a dinastías consideradas "non italianas" como os Habsburgo ou os Borbón. Ha de entenderse no contexto cultural do romanticismo e a aplicación da ideoloxía nacionalista, que pretende a identificación de nación e estado, neste caso nun sentido centrípeto (irredentismo). Tamén é coñecido como il Risorgimento (rexurdimento en italiano), e mesmo como a reunificación italiana (considerando, impropiamente, que existiu unha unidade anterior, volvendo tempo atrás até a antiga Roma).
Este artigo é parte da serie: |
Por período histórico |
|
Por tema |
O proceso pode entenderse tamén como a conquista da aristocrática Italia do sur (Nápoles, Sicilia), o estado máis industrializado da península e o terceiro de Europa;[1] por parte de Italia do norte (val do Po), influenciada polas potencias europeas como Francia e Austria. Porén, tamén pode interpretarse no sentido de que o norte parasitou ao sur impedindo o seu desenvolvemento e propiciando a emigración e a perpetuación da súa situación social.[1] O papel conspirativo da Masonaría ou dos intereses de distintas potencias europeas (concretamente Inglaterra) tamén se aduciu como causa.[2]
En calquera caso, foi canalizado finalmente pola casa de Savoia, reinante no Piemonte (de forma destacada polo primeiro ministro conde de Cavour), en prexuízo doutras intervencións de personaxes notábeis (Mazzini, Garibaldi) ao longo de complicadas vicisitudes vencelladas ao equilibrio europeo (intervencións de Francia e Austria), que culminaron coa incorporación do derradeiro reduto dos Estados Pontificios no ano 1870. Porén, continuou a reivindicación de territorios fronteirizos, especialmente co Imperio Austrohúngaro (Trieste e o Trentino), que se liquidaron parcialmente en 1919 trala Primeira guerra mundial (Tratado de Saint-Germain-en-Laye e expedición de Gabriele d'Annunzio).
Antecedentes
editarA comezos do século XIX Italia era só unha unidade xeográfica, cada pobo tiña os seus diferentes costumes, lingua, bandeira e himno. Ocupaban a Península Itálica un mosaico de estados, algúns ocupados por potencias estranxeiras.
Napoleón conquistou a península e modificou o mapa completamente. Anexionou Piemonte, Parma, Toscana, a República Lígur e os Estados Pontificios ao Imperio Francés, unificou todo o nordés da península para crear o Reino de Italia, do cal declarouse rei e tamén conquistou o Reino de Nápoles. Durante este período Italia sufriu toda unha serie de reformas liberais, como a abolición dos privilexios feudais e eclesiásticos.
Coa derrota de Napoleón, o Congreso de Viena (1815) reestrutura de novo o espazo xeográfico de Italia atendendo especialmente aos intereses das familias dinásticas e as grandes potencias europeas, nunca aos intereses do pobo.
O Imperio Austríaco anexionouse Lombardía e o Véneto e ademais colocou a príncipes austríacos no trono de Parma, Módena e Toscana. Sardeña e Piemonte unificáronse no Reino de Piemonte-Sardeña, o cal recibiu Savoia e Niza. Restauráronse os Estados Pontificios e aos Borbóns no trono de Nápoles, que pasou a chamarse Reino das dúas Sicilias.
Restaurouse o absolutismo en todos os Estados. Os gobernantes impostos polo Congreso de Viena non contaban co apoio popular, polo que tiveron que ser auxiliados polo Imperio Austríaco.
Mentres tanto, os ideais nacionalistas continuaban espallándose, incentivados pola volta ao absolutismo e o progreso económico. O incremento da produción téxtil de Piemonte precisaba dun mercado interior máis amplo onde colocar as súas manufacturas. A expansión do ferrocarril favorecía as comunicacións e a unidade dos diversos estados. Outros elementos aglutinadores eran a relixión católica, a cultura italiana e o romanticismo, que identificou a Italia co Risorgimento letterario, co que adquiriu un gran poder político. Escritos aparentemente literarios ou históricos estaban cheos de alusións á escravitude ou a tiranía. Onde non estaba permitida a crítica empregábase a sátira.
O Resorgimento letterario e o Romanticismo
editar- Artigo principal: Literatura de Italia.
A interpretación nacionalista da literatura italiana identifica a dominación española de Italia, cun período de decadencia na súa literatura debido, entre outras cousas, á acción da Inquisición (o tribunal relixioso tradicional, non a institución española, que operaba con distintos criterios). Algúns autores (como Campanella ou Giordano Bruno) sufriron persecución por motivos relixiosos, como tamén acontecera na Idade Media (e na Florencia de Savonarola). A identificación do ocupante coa opresión formaba parte da amplamente difundida propaganda antiespañola coñecida como Lenda negra, entre cuxos produtos artísticos poden contarse Os Noivos de Manzoni (ambientado no Milán do XVII) ou Don Carlo de Verdi (el mesmo un símbolo vivente do Risorgimento, pois, ademais do seu compromiso persoal e artístico coa causa italiana, o seu nome gritábase como acrónimo de Vittorio Emanuele Re d´Italia (Vitor Manuel, Rei de Italia).
Durante a primeira metade do século XVIII (que mal pode identificarse cunha retirada española de Italia, pois a presenza continuou a través dos Borbóns de Nápoles), produciuse unha revitalización da literatura coñecida como Resorgimento letterario, entre outras cousas, grazas ao carácter ilustrado dos seus novos gobernantes austríacos.
Gianbattista Vico representa o espertar da conciencia histórica en Italia. Na súa Ciencia Nova, investigou as leis que gobernan o progreso da raza humana, conforme ás cales desenvolveríanse os feitos históricos. Outros escritores importantes do Resorgimento letterario foron Giuseppe Parini, Gasparo Gozzi e Giuseppe Baretti.
As ideas que impulsaron a Revolución Francesa de 1789 deron un sentido especial á literatura italiana na segunda metade do século XVIII. Os italianos que aspiraban a unha redención política consideraban esta inseparable dunha recuperación intelectual, que ao mesmo tempo crían só podía levar a efecto volvendo ao antigo clasicismo. Este fenómeno foi unha repetición do que xa ocorrera na primeira metade do século XV.
Polo tanto, patriotismo e clasicismo, foron os dous principios que inspiraron a literatura que comeza con Vittorio Alfieri. Este autor encamiñou a literatura cara a unha motivación nacional, armada soamente co patriotismo e o clasicismo. Outros importante escritores patrióticos deste período foron Ugo Foscolo, Pietro Colletta, Carlo Botta, Vincenzo Monti ou Pietro Giordani.
Durante este período xurdiu a polémica sobre a pureza da linguaxe. Durante este período, a lingua italiana estaba ateigada de galicismos. A prosa precisaba dunha recuperación polo ben da dignidade nacional, e pensouse que isto non podería conseguirse se non era a través da volta aos grandes escritores do século XIV. Un dos promotores desta nova escola foi Antonio Cesari, que se empeñaba en establecer a supremacía do toscano sobre o resto de dialectos. Pero o patriotismo en Italia ten sempre algo de provinciano, e así, contra esta supremacía toscana proclamada e defendida por Cesari, xurdiu unha escola lombarda que non quería saber nada do toscano e que volvían á idea dunha lingua illustre.
O Romanticismo foi un movemento cultural e político que se orixinou en Alemaña a finais do século XVIII como unha reacción ao racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo. Exaltaba os sentimentos, o nacionalismo, o liberalismo e a orixinalidade creativa. É o movemento literario que precede ás revolucións políticas de 1848, pode considerarse representado por: Giuseppe Giusti, Francesco Domenico Guerrazzi, Vincenzo Gioberti, Cesare Balbo, Alessandro Manzoni e Giacomo Leopardi.
Logo de 1850 a literatura política perdeu importancia, sendo un dos derradeiros poetas deste xénero Francesco Dall'Ongaro, cos seus stornelli politici. Posiblemente a obra literaria que máis contribuíu ao asentamento da unidade italiana foi Corazón, de Edmondo de Amicis (1886), reunión de episodios protagonizados por nenos das distintas rexións italianas, que exaltan as virtudes, o heroísmo e o sentimento patriótico, dun xeito moi eficaz polo recurso ao sentimental. Foi amplamente utilizado como material escolar e pasado ao cine, a televisión e os debuxos animados (e non só en Italia: é a soada Marco, dos Apeninos aos Andes).
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Grasso, Alfonso (2007). "I records del Regno delle due Sicilie". www.ilportaledelsud.org. Consultado o 18 de decembro de 2023.
- ↑ presentación de Giuseppe Ressa, parte 1, pax 15[Ligazón morta]