Ubre
O ubre[1] ou remollo[2] é unha glándula de secreción externa, unha glándula sudorípara modificada, característica das femias da clase dos mamíferos (Mammalia), cuxa función é a secreción do leite co que alimentan as crías durante as primeiras etapas da vida. O ubre designa o conxunto destas glándulas, en número de dúas, catro ou máis, e equivale ó que na muller se designa como seo ou peito.
Nas diferentes especies animais presenta un número diferente de unidades glandulares: dúas na ovella, cabra ou egua, catro na vaca, oito na gata, 8-12 na cadela, 12-16 na porca. A disposición no corpo tamén é variable: inguinal nos équidos e ruminantes, toracoinguinal nos cánidos e súidos ou toracoabdominal na gata.
Estrutura
editarA glándula está constituída por unha árbore de alvéolos, de 100-300 micrómetros de diámetro cada un. Cada alvéolo é un conxunto sacciforme de células epiteliais que rodean unha cavidade central ou lumen, e todo rodeado de células mioepiteliais dotadas de capacidade contráctil. Agrúpanse en conxuntos de 150 a 220 unidades, a modo de acios [3] rodeados dunha cápsula de tecido conectivo, e estes en agrupacións maiores chamadas lóbulos.
Os alvéolos verten nos condutos galactóforos, en número de 5 a 20 na vaca, en cada cuarteirón. Estes condutos van confluír no seo galactóforo ou cisterna do leite, na parte inferior do ubre e na base de cada teto. Nesta cisterna almacénase o leite, polo que dispón dunhas paredes moi elásticas.
Na vaca, ovella e cabra só existe un sistema de cavidades (condutos galactóforos, seo galactóforo e conduto do teto) en cada glándula. Nas egua, cada mama posúe dous sistemas de cavidades –raramente 3- que conflúen en cada teto; na porca son 3, na gata 5 ou 7, e na cadela 8 a 20.
Durante a lactación actívase o metabolismo da mama para o que se fai necesario un complexo desenvolvemento dos sistema vascular para a irrigación da glándula.
Ubre da vaca
editarNa vaca, o ubre está formado por catro glándulas ou cuarteiróns independentes, acaroadas entre si para dar lugar ó órgano que se aprecia ó exterior, e separadas por tecido conectivo. No tabique saxital hai un ligamento suspensor que mantén o peso da glándula.
Cada cuarteirón abre ó exterior por cadanseu teto [4]. Os tetos están percorridos lonxitudinalmente por unha canle, o conduto do teto, que remata nun esfínter situado no bico do teto. Este esfínter está completado por pregos da mucosa interna da canle do teto para asegurar un peche hermético que impida a perda pasiva de leite e a entrada de contaminación do exterior.
Segundo a raza e a aptitude da vaca (de produción láctea ou cárnica), segundo a idade do animal e segundo o estado fisiolóxico da femia (baleira ou xestante), o tamaño e forma do ubre varía considerablemente e, como consecuencia, tamén a produción de leite. Evidentemente, tamén inflúen as posibles enfermidades sufridas neste órgano.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ubre.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para remollo.
- ↑ Reciben o nome técnico de acinos.
- ↑ Ocasionalmente poden aparecer tetos supernumerarios ou accesorios, na parte posterior do ubre, de pequeño tamaño e non produtivos. Adoitan extirparse cando aínda son becerras.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- CARRÉ ALDAO, Eugenio: “Refranero gallego”, n’A Nosa Terra nº 22 (12.01.1908) – nº 51 (20.08.1908).
- FERRO RUIBAL, Xesús: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2010.
- KOLB, Erich: Fisiología veterinaria. Acribia, Zaragoza 1976.
- LLÓPIZ MÉNDEZ, Vicente: Refraneiro galego. Manuscrito inédito de 1955 no Fondo de Bibliófilos Gallegos no Museo de Pontevedra.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- TABOADA CHIVITE, Xesús: “Refraneiro galego”, en Cadernos de Fraseoloxía Galega 2, 2000.
- VÁZQUEZ SACO, Francisco: "Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 5, 2003.
Ligazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Ubre |