Tafisa
Tafisa (Tableros y Fibras, S. A.) foi unha fábrica galega de taboleiros de madeira. Tivo factorías en Pontevedra e Valladolid.[1]
Tafisa | |
---|---|
Tipo | empresa |
Data de fundación | 1958 |
Data de disolución | 2014 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Traxectoria
editarFundouse en 1958 froito dun encontro no Centro Escandinavo de Madrid entre o empresario español José Mª Pena Rich e o técnico sueco Folke Pehrzon, que decidiron comezar a producir taboleiros de piñeiro a partir de restos de poda e entresacas dos piñeirais. Iniciouse así unha actividade que se prolongaría durante máis de 40 anos, até que en 2003 se asinou un convenio para reconverter o complexo da fábrica nunha grande área verde de equipamentos públicos de 90 000 m2 e nunha zona residencial, comercial e hoteleira de 21 500 m2.[2] Entre Tafisa e Ramafosa, a súa rama forestal, chegaron a ter 366 trablladores directos, deles uns 288 na fábrica do Lérez.[3]
A empresa, de capital sueco na súa orixe, encargou o deseño da fábrica a un equipo de enxeñeiros e arquitectos locais. Folke Pehrzon encargouse de dirixir a montaxe e posta a punto da maquinaria. A mentalidade sueca non só se reflectíu na parte técnica senón que abarcaba todo o ámbito sociolaboral da empresa. Seus traballadores beneficiábanse dunhas condicións laborais moi avanzadas para a época: seus soldos podían triplicar o habitual en España naqueles anos, chegando a cobrar até 18 pagas ao ano, e dipoñían ademais dun club social e un economato, pistas de tenis e de balonmán, campo de fútbol, piscina e incluso vivendas financiadas pola propia empresa.[2][3]
En pouco tempo Pontevedra viuse encaixada entre dúas fábricas, Tafisa ao norte e Ence ao sur, condicionando o seu desenvolmento urbano pola marxe esquerda do río. Foi precisamente a presión urbanística a que propiciou a venda dos terreos da fábrica a un grupo inmobiliario e o traslado de parte da produción a unha planta no veciño concello de Ponte Caldelas no ano 2004, tras vender os terreos urbanos, previa recualificación, ao Grupo Lar para a construción dunha urbanización.[2][4]
A presión urbanística era moi forte, e tamén a medioambiental, aínda que a fábrica non utilizaba produtos químicos, aínda que os residuos da fibra tapaban o leito do río, pero fixéronse moitas melloras; instalouse unha depuradora e un sistema de reutilización da auga.[3] Finalmente, o grupo portugués Sonae, último propietario da empresa, decidiu o seu peche en 2014, dez anos despois do traslado,[2][4] a pesar de que houbo un momento en que as accións de Tafisa cotizábanse altísimas e logo caeron en picado. Sonae entrara cunha pequena cantidade, o 5 % do capital, e acabou facéndose, cunha opa, con máis do 99 %, que foi cando tomóu as rendas da fábrica.[3]
José Manuel Moledo, delegado da UXT e presidente do comité de Tafisa, informou que Tableros de Fibras S. A. puña fin á súa actividade en Pontevedra, unha década despois de que a planta deixara a cidade do Lérez para trasladarse á Reigosa, Ponte Caldelas. A propia Tafisa informou que, entre os anos 2010 e 2013, viron diminuír de forma continuada os seus ingresos até un 52 %, o que facía inviábel o mantemento da planta. Cifraron as perdas acumuladas en 9,7 millóns de euros.[4]
Notas
editar- ↑ "Los arquitectos distinguen la fábrica de Tafisa por su valor patrimonial". El Norte de Castilla (en castelán). 5 de outubro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 José Chas (2008). "Tafisa. Fábrica de tableros". Consultado o 3 de marzo de 2921.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Larriba, Elena (15 de xulo de 2014). "Trabajar en Tafisa con los suecos era un lujo y dabas la vida por la empresa". La Voz de Galicia. Consultado o 3 de marzo de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Márquez, B. (17 de maio de 2014). "Tafisa echa el cierre una década después de su traslado y deja en la calle a 60 trabajadores". Faro de Vigo. Consultado o 3 de marzo de 2021.