Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Os sármatas eran unha coalición de tribos nómades iranianas relacionadas cos escitas que se desprazaron gradualmente desde as chairas ao norte do mar Caspio até o leste de Europa e ameazaron o Imperio Romano.

Mapa do Imperio Romano so Adriano (117-138), amosando a localización de Sarmacia ao sur da estepa rusa

Historia

editar

Herodoto[1], o historiador grego, descríbeos nas súas Historias como descendentes de pais escitas e nais amazonas. Isto é pura lenda, pero os sármatas si habitaron nas chairas que van do Mar Negro ao Mar Caspio, ao norte do Cáucaso e naquela altura o río Don servía de separación entre eles e os escitas. Durante os séculos que seguiron, os sármatas viaxaron cara ao oeste. Un texto de mediados do século IV a.C. (aínda que atribuído ao explorador do século VI a.C. Escílax de Carianda) sitúaos xa ao oeste do Don. A mediados do século III a.C. esta tribo controlaba unha boa parte de Escitia, o cal se deduce dos restos de tumbas. Os gregos describen a súa fereza, que lles permitiu requirir tributo das cidades gregas situadas na costa norte do Mar Negro. As relacións, porén, non foron sempre malas e sármatas e gregos comerciaban e chegaban mesmo a unírense para repeler aos escitas. Estes últimos desaparecen da historia e o seu territorio pasa a coñecerse como Sarmacia.

No século II a.C., Pausanias explica que non traballaban os metais pero que usaban ósos e pezuños para as súas armas, resultando nunha efectividade parella. As armaduras medievais posibelmente teñan a súa orixe nas coirazas destes materiais que utilizaban os sármatas e que lles permitiron enfrontarse con éxito ás chuvias de frechas, táctica típica dos escitas. A comezos do século I a.C. aliáronse con Mitrídades, que reinaba sobre varios países nos arredores do Mar Negro e era un dos máis inimigos máis irredutíbeis do Imperio Romano. Foi derrotado por Pompeio en -66, pero retirouse a Crimea e continuou enfrontándose aos romanos apoiado polos sármatas até que foi obrigado a suicidarse. Os sármatas continuaron a alianza antirromana co seu fillo Farnaces, a quen venceu Xulio César en -47 en Zela (ocasión que este describiu co célebre "Vini, vidi, vinci"). Os sármatas, como todas as tribos, constituían sociedades pouco organizadas. Durante a súa migración cara ao oeste foron asimilando outros grupos étnicos e constituíronse nunha federación de tribos. Polo xeógrafo Estrabón, a mediados do século I a.C., coñécese a existencia de polo menos catro tribos sármatas entre o Dniper e o Danubio. A sociedade sármata era xerárquica e dividíase entre aristocracia guerreira (argaragantes) e escravos (limigantes). A tribo era aínda nómade e desprazábase en cabalo ou en carromatos cubertos (kibitkas). As mulleres gozaban dun estatuto social moito mellor que en Grecia ou Roma e podíanse dedicar tamén á guerra (de onde se explica que os gregos afirmasen que os sármatas descendían das amazonas).

A mediados do século I, algunhas tribos sármatas chegaron a Romenia e Hungría, onde se enfrontaron coa lexión III Gallica en 68/69, aínda que a súa chegada favorecía a Roma pois debilitaba o reino dacio. Pouco despois, porén, dacios e sármatas coligáronse e destruíron unha lexión romana (no 92). Os romanos decidíronse pola conquista de territorios na beira norte do Danubio e entre 102 e 106 Traxano subxugounos. O seu sucesor, Hadriano, liberounos a cambio de que se convertesen en aliados do Imperio. Sendo Marco Aurelio emperador, os sármatas rebeláronse xunto con outros grupos, como os alanos e os marcomanos. Roma venceu habitualmente nesta ocasión así como en distintos enfrontamentos durante o século II. No século III os sármatas ocuparon a Dacia. A comezos do IV, Diocleciano desprazounos e o seu sucesor, Constantino, aceptounos como granxeiros nos Balcáns. Os que ficaran ao norte do Danubio foron destruídos polos Hunos.

Tecnoloxía

editar

A tecnoloxía militar do pobo sármata influenciou a tecnoloxía dos seus aliados tanto como a dos seus inimigos. As calidades guerreiras dos sármatas, dos seus devanceiros, os saurómatas, e dos seus descendentes, os alanos, foron a miúdo descritas polos autores antigos. Polibio, Diodoro Sículo, Estrabón, Flavio Xosefo, Tácito, Pausanias ou Dión Casio deixaron cadros testemuñais moi vivos destas tribos iranias que tiñan costumes tan exóticos para os gregos e os romanos. Moi xerarquizados, os sármatas tiveron varios reis e, polo menos, unha raíña: Amagê. De feito, as mulleres tiñan unha elevada posición social e as guerreiras da fase antiga, que realmente existiron, contribuíron a manter vivo o mito das amazonas.

Inicialmente instalados entre o Don e o Ural, os primeiros sármatas invadiron os territorios dos escitas. Despois, venceron aos partos e aos armenios. Desde o final do século -I, enfrontáronse aos romanos no sur do Danubio. Durante o século II, logo de varias confrontacións, os romanos recrutaron a varios lanceiros sármatas. Máis tarde, crearon unidades de catafractos, tomando dos sármatas a armadura de escamas, a lanza longa (contus), a espada con pómulo anular e mesmo a súa insignia: o Draco (unha especie de pau tubular cuxa embocadura de bronce representa a boca dun dragón).

  1. 4.21-117

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar