Rock industrial
O rock industrial é un xénero musical que fusiona música industrial e determinados subxéneros do rock. O rock industrial xerou o metal industrial, co que adoita confundirse. As primeiras fusións da música industrial e o rock leváronas a cabo un feixe de bandas de post-punk, incluídas Chrome, Killing Joke, Swans, Foetus e Big Black. Artistas como Nine Inch Nails ou Marilyn Manson fixeron chegar o xénero ao gran público.
Rock industrial | |
---|---|
Orixe musical | música industrial, electronic body music, post-punk, no wave, noise rock, punk rock |
Orixe cultural | finais dos 70 nos Estados Unidos |
Instrumentos típicos | guitarra eléctrica, sintetizador, caixa de ritmos, batería, secuenciadores, teclados, sampler, baixo |
Derivados | metal industrial |
Estilo musical
editarO rock industrial emprega a instrumentación básica do rock de guitarras eléctricas, batería e baixo mesturada con equipo de música electrónica (sintetizadores, caixa de ritmos, secuenciadores e samplers). As guitarras adoitan estar fortemente distorsionadas ou tratadas doutro xeito. Os baixos e as baterías poden estar interpretadas en directo ou poden substituirse por instrumentos electrónicos ou ordenadores. O rock industrial normalmente incorpora sons de maquinaria e industria. Os pioneiros destas texturas sonoras foron artistas de principios dos anos 80 (SPK, Einstürzende Neubauten, Die Krupps e Test Dept), que dependían fortemente de percusión metálica, interpretada normalmente con tubos, canos ou outros materiais procedentes da industria.
Orixes
editarA banda experimental doa anos 60 Cromagnon está considerada unha das precursoras do xénero. Concretamente o seu tema "Caledonia" destacou pola súa pegada pre-industrial.
A música industrial apereceu de mediados a finais dos anos 70, no medio da revolución punk rock e da febre da música disco. Entre os primeiros artistas industriais destacaron Throbbing Gristle, Cabaret Voltaire, NON, SPK e Z'EV. En poucos anos outros músicos foron unindo elementos do xénero noutros estilos musicais.
Algúns artistas post-punk desenvolveron estilos paralelos á música industrial definindo determinadas características desta. O debut de Pere Ubu, The Modern Dance, foi descrito coma "industrial". Tamén a banda de San Francisco Chrome, que mesturaba a Jimi Hendrix, The Sex Pistols e a experimentos de tape music; e a banda Killing Joke, considerada polo crítico musical Simon Reynolds coma "unha versión post-punk do heavy metal". Segundo o músico Chris Connelly, Foetus "é o instigador á hora de falar do matrimonio entre a maquinaria e o hardcore punk".
Outras bandas seguiron esta corrente. O grupo de Nova York Swans inspirouse na escena local do no wave, no punk rock, na música noise (especialmente en Whitehouse), así coma nos primeiros músicos de industria. Steve Albini de Big Black seguiu un patrón semellante, incorporando tamén hardcore punk estadounidense. Big Black tamén estivo fortemente relacionado co post-hardcore e o noise rock. O trío suízo The Young Gods, que evitou as guitarras en favor dos samplers, tamén se inspiraron no hardcore e no industrial, collendo influencias sobre todo de Bad Brains e Foetus. O feito de que a maioría dos afeccionados ao rock nunca escoitara falar destes grupos di moito da penetración no mercado do xénero.
Éxito comercial
editarO primeiro éxito comercial do rock industrial atribuese ao quinto álbum de Killing Joke, Night Time. Este chegou a ser certificado prata (con máis de 60.000 unidades vendidas). Pero a verdadeira revolución do xénero chegou coa aparición do metal industrial, sobre todo grazas ás bandas Ministry e Nine Inch Nails.