Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Renacemento nórdico

Renacemento nórdico é un termo da historiografía da arte utilizado para clasificar e describir o Renacemento europeo ao norte dos Alpes, é dicir, fóra da Península Itálica e con exclusión do renacemento nos distintos reinos da Península Ibérica.

Adán e Eva (1507), pintura sobre táboa, Museo do Prado.

No século XV o chamado Renacemento italiano (Quattrocento) non tivera case influencia fóra de Italia. Xa no século XVI (Cinquecento), o prestixio alcanzado polos artistas do Renacemento pleno expandiuse por toda Europa; aínda que o desenvolvemento do gótico tardío continuou localmente en moitos lugares até a chegada do Barroco no século XVII.[1] Para a segunda metade do século XVI adóitase utilizar o termo Manierismo nórdico.

En Francia, o rei Francisco I importou a arte italiana, encargou obras a grandes artistas (incluído Leonardo da Vinci), e construíu a bo custo grandes palacios, iniciando o Renacemento francés da escola de Fontainebleau. Na literatura francesa autores como Rabelais e Pierre de Ronsard abeberaron no espírito do renacemento italiano.

Un foco previo da renovación artística, moi conectado con Italia, foi Flandres. O renacemento flamengo dos séculos XV e XVI estivo tamén moi relacionado co territorio do Sacro Imperio Romano Xermánico (renacemento alemán) a través das vías de comunicación naturais (cidades do Rin —onde se iniciou a revolución da imprenta e xurdiu a figura de Albrecht Dürer— e do Danubio —escola do Danubio—; así como as rutas marítimas da Hansa polo Mar do Norte e o Mar Báltico); e tamén particularmente coa monarquía hispánica (estilo hispano-flamengo).

En Inglaterra, a pesar da chegada de artistas continentais (Holbein o Mozo, Girolamo de Treviso) o predominio da tradición gótica local (estilo Tudor) atrasou o Renacemento inglés até finais do século XVI (arquitectura isabelina, literatura isabelina, teatro isabelino —William Shakespeare e Christopher Marlowe—). En Escocia tamén apareceu un Renacemento escocés desde finais do século XV até principios do século XVII.

O Renacemento polaco iniciouse de forma directa pola chegada a Polonia de artistas florentinos.

O Renacemento nórdico diferenciouse do italiano pola súa centralización do poder político. Mentres que Italia estaba constituída por cidades-estado independentes, os países de Europa central e Europa occidental estaban a emerxer como estados-nación. O Renacemento nórdico estivo tamén moi ligado á reforma protestante, e a longa serie de conflitos internos e externos que produciu.

Panorama

editar
 
Bartolommeo Berrecci - Wawel, Cracovia.

Quizais máis importante que o comezo do Renacemento no norte de Italia foi a súa difusión por Europa. Ademais, Europa era en gran parte máis uniforme baixo o sistema feudal. Este sistema económico tiña dominado alí durante centos de anos, pero estaba en declive a principios do Renacemento. As razóns deste descenso inclúen o contexto posterior ás grandes pestes, o uso crecente da moeda en lugar da terra como medio de pago, o aumento do número de servos que viven en liberdade, a formación de estados-nación con monarquías interesados en reducir o poder de señores feudais, a crecente inutilidade das armas feudais fronte ás novas tecnoloxías militares (por exemplo, armas de fogo) e un crecemento xeral da produtividade agrícola debido a técnicas e métodos agrícolas mellorados. Como en Italia, o declive do feudalismo abriu o camiño aos cambios culturais, sociais e económicos asociados ao Renacemento en Europa occidental.

 
Bernardo Morando - Zamość.

Finalmente, o renacemento en Europa Occidental foi impulsado por un retroceso da Igrexa Católica Romana debido á súa eventual incapacidade para axudar coas devastacións da peste negra e do Cisma Occidental que dividiu Europa. O baixo poder do feudalismo significou romper unha política de longa data na que os relixiosos axudaban a manter controlados á poboación máis pobre para cobrar impostos. En consecuencia, a principios do século XV xurdiron moitas institucións e movementos laicos. Entre os máis importantes está sen dúbida o humanismo, que estableceu as bases filosóficas de gran parte da arte e da ciencia renacentistas. Moitas expresións artísticas deste período terían sido prohibidas pola Igrexa un século antes, e agora foron toleradas e mesmo promovidas.

Sería inapropiado describir ao Renacemento como non relixioso. O cristianismo era aínda unha influencia predominante a través de Europa, e xogaba un rol importante na vida do pobo e da nobreza. Sería máis acertado describilo como unha época de crecemento do secularismo, na que a poboación retiña a súa relixión pero comezaba a participar en asuntos fóra da igrexa.

  1. Janson, H.W y Janson, Anthony: History of Art, Edit. Harry N.Abrams, Nova York, 5.ª edición - 1997, ISBN 0-8109-3442-6

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar