Rafael Dieste
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.[2]
Retrato en Vida Gallega, 1926. | |
Nome orixinal | Rafael Dieste Gonçalves |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 29 de xaneiro de 1899 Rianxo, España |
Morte | 15 de outubro de 1981 (82 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Escola Normal de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, escritor, catedrático |
Empregador | Seminario de Estudos Galegos Real Academia Galega |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1970–1981) Real Academia Galega (membro correspondente) (1949–1970) |
Xénero artístico | contos, teatro |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra do Rif |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Carmen Muñoz Manzano[1] |
Pai | Eladio Dieste |
Irmáns | Eduardo Dieste |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarFoi o último dos sete fillos (seis homes e unha muller) do galego Eladio Dieste Muriel e a uruguaia Olegaria Gonçalves Silveira, descendente de portugueses establecidos no Brasil. Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Santiago de Compostela mais, en 1917, interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba un irmán seu pero non se afacía e regresou ó ano seguinte.[3]
Etapa en galego
editarDe regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco.
Entre 1921 e 1923, ao rematar os estudos, debeu facer o servizo militar na Guerra de Marrocos, e onde estivo dous anos.[3] Publicou algúns relatos na revista Cuentos Nuevos de Santiago de Compostela. De regreso a Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia. Diario de Vigo e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados nestes dous últimos no libro Dos arquivos do trasno e, ano ano seguinte, publicou A fiestra valdeira.[3] Ese mesmo ano, 1927, ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Mentres, segue a publicar diversos artigos en El Pueblo Gallego, e todos eses textos serán incorporados á 2ª edición Dos arquivos do trasno de 1962, e na que se considera a definitiva de 1973.[4]
Etapa en español
editarNos momentos finais da Ditadura de Primo de Rivera e comezos da República, Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Tras unha estancia en Londres, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor e incorpórase aos movementos literarios españois e abandona a escrita en galego, á cal só retornará de xeito circunstancial.[5]
Foi animador nas Misións Pedagóxicas,[5] e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Na provincia de Cáceres coñeceu a inspectora de educación Carmen Muñoz Manzano, con quen casou en Santander en 1934. Cunha bolsa de estudos da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas viaxou en 1935 por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo.[5][6]
O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, traballando nas Misións Pedagóxicas. Durante a Guerra civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza, e El buque rojo.[5] Foi nomeado director do Teatro Español, formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936, onde participou na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a finais de 1937 e recibiu o encargo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de dirixir Nova Galiza. En 1939 ingresou no Exército do Leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este. Finalmente exiliouse coa caída de Cataluña.
Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e no Uruguai, estableceuse en Buenos Aires, onde traballou como director literario na Editorial Atlántida. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrei, México. En 1954 regresou a Buenos Aires e á Editorial Atlántida,[5] na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).
En 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou na Editorial Galaxia unha reedición de Dos arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e o 18 de abril de 1971 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso A vontade de estilo na fala popular, respondido por Domingo García-Sabell.[7] Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza.
Poucos meses antes da súa morte, apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego. Foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en 1981.
Ocasionalmente utilizaba o pseudónimo Félix Muriel. Este dá nome ao instituto de educación secundaria de Rianxo, o IES Félix Muriel.
Obra en galego
editarNarrativa
editar- Dos arquivos do trasno (1926). Foi traducida ao castelán[8] e ao éuscaro.[9]
Teatro
editar- A fiestra valdeira (1927, El Eco de Santiago).
- Viaxe e fin de don Frontán (publicado postumamente en 1982).[10]
Ensaio
editar- A vontade de estilo na fala popular (1971, Ediciós do Castro).
- Antre a terra e o ceo (1981, Ediciós do Castro).
- Encontros e vieiros (1990, Ediciós do Castro).
- Fragua íntima (1991, Sociedade de Cultura Valle-Inclán).
- Textos e crítica de arte (1995, A Nosa Terra).
Obra en castelán
editarNarrativa
editar- Juan de Luz (1929)
- "De cómo vino al mundo Félix Muriel" (revista De mar a mar, 1942)
- Historias e invenciones de Félix Muriel (relatos; Ed. Nova, 1943). Ilustrado por Luís Seoane.[11]
Teatro
editar- Viaje, duelo y perdición: tragedia, humorada y comedia (1979)
Poesía
editar- Rojo farol amante (Ed. Teseo, 1933)
Ensaio
editar- La vieja piel del mundo (Ed. Signo, 1936)
- Luchas con el desconfiado (Sudamericana, 1948)
- Nuevo tratado del paralelismo (Atlántida, 1955)
- Pequeña clave ortográfica (1956)
- Diálogo de Manuel y David (Galaxia, 1965)
- ¿Qué es un axioma? (Galaxia, 1967).
- Testamento geométrico (Ediciós do Castro, 1975)
- El alma y el espejo (Alianza, 1981)
Guión
editarTraducións
editar- De cuatro a cuatro, 1940 (De catro a catro de Manuel Antonio). Colección Dorna, Emecé, Buenos Aires.[13].
Galería de imaxes
editarNotas
editar- ↑ Álbum de mulleres Consello da Cultura Galega.
- ↑ "Letras Galegas 1995: Rafael Dieste". Real Academia Galega.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Pallarés & Tato 1995, p. 4
- ↑ Pallarés & Tato 1995, pp. 4-5
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Pallarés & Tato 1995, p. 6
- ↑ Axeitos, Xosé Luís: «Dos arquivos de Rafael Dieste : epistolario de Eduardo Dieste, cartas a Rafael Dieste e ó pintor Colmeiro» Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine., Boletín Galego de Literatura, ISSN 0214-9117, N. 8, (1992), 129-135.
- ↑ Dieste, R. (1971). A vontade de estilo na fala popular. Real Academia Galega.
- ↑ "De los archivos del trasgo". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ "Intxixuen Artxibotik". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ Incluído, tamén, na Biblioteca 114 (El Correo Gallego).
- ↑ En 2004 foi incluído na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia
- ↑ "Reeditan un guión para o cine que os irmáns Dieste escribiron en 1938". La Voz de Galicia. 28 de xullo de 2005.
- ↑ Portal de datos bibliográficos da Biblioteca Nacional de España
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Axeitos, X. L.; Seoane, X. (coordinadores) (1994). Luís Seoane e o libro galego na Arxentina [1937-1978]. Deputación da Coruña. pp. 18–19.
- Angueira, Anxo (1995). De Rosalía a Dieste 33 anos das letras. Xerais. pp. 183–188. ISBN 84-7507-878-8.
- Axeitos Agrelo, X. L. (2005). "Dieste, Rafael". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Fernández del Riego, F. (1990). Diccionario de escritores en lingua galega. Do Castro. p. 120. ISBN 978-84-7492-465-7.
- Irizarry, E. (1979). Rafael Dieste (en inglés). Boston: Twayne Publishers. ISBN 0805763961.
- ———— (1980). La creación literaria de Rafael Dieste (en castelán). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 9788474920185.
- Otero Fernández, David (1995). A vida de Rafael Dieste. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-948-8.
- Pallarés, Pilar; Tato, Laura (1995). Rafael Dieste. A Coruña: Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. ISBN 84-920453-0-2.
- Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da literatura galega. III. De 1916 a 1936. Xerais. pp. 439–449. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Rabuñal, H. e Fernández Costas, X. M. (1995). Rafael Dieste. A franqueza e o mistério. Baía. ISBN 978-84-87674-59-4.
- Rei Núñez, L. (2019). Rafal Dieste. O libre pensamento. Vigo: Ed. Xerais. ISBN 978-84-9121-484-7.
- Vilavedra, D., ed. (1995). "Dieste Gonçalves, Rafael". Diccionario da literatura galega. I. Autores. Galaxia. pp. 181–182. ISBN 84-8288-019-5.
- VV.AA. (1995). Rafael Dieste. Un crador total. Galaxia. ISBN 84-7154-920-4.
- "Dieste Gonçalves, Rafael". Diccionario enciclopédico galego universal 21. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 127. ISBN 84-7680-429-6.
- "Dieste Gonçalves, Rafael". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 349–355.
- "Dieste Gonçalves, Rafael". Enciclopedia Galega Universal 7. Ir Indo. 1999-2002. p. 311-314. ISBN 84-7680-288-9.
Outros artigos
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rafael Dieste |
A Galicitas posúe citas sobre: Rafael Dieste |
- Retablo de fantoches
- Xeración de 1925
- II Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura
Ligazóns externas
editar- "Rafael Dieste". Biblioteca Virtual Galega. UdC e Deputación da Coruña.
- García-Bodaño, S. "Galicia, letra a letra". YouTube.
- "Rafael Dieste". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Fandiño Veiga, Xosé Ramón. "Rafael Dieste". Álbum da JAE do Consello da Cultura Galega.
- "Dieste, Rafael". Asociación Socio-Pedagóxica Galega.