Proverbio
Proverbio (procedente do latín proverbium) ou refrán é un enunciado sentencioso curto tirado da sabedoría popular, normalmente dotados de rima e con sentido figurado. Sinónimos de proverbio son refrán e paremia e, con matices propios, adaxio, máxima, sentenza, aforismo e apotegma.
O estudo dos proverbios, ou paremias, denomínase paremioloxía, e as coleccións de refráns, refraneiros.
Os refráns son sentenzas anónimas, o que non impide que moitas expresións literarias e doutras culturas tamén pasaran a formar parte do refraneiro popular, como tal, os refráns derivados de textos latinos ou mesmo da Biblia [1]. Un exemplo da posible orixe dalgún refrán nas Escrituras é o seguinte: "A castaña que está no camiño é do veciño", que reflicte a filosofía da función social da propiedade que se establecera no Levítico 19:9-10 [2]: Cando fagades a seitura dos vosos campos, non seguedes todos os recantos do eido, nin fagades a rebusca das espigas caídas. Tampouco non farás a rebusca da túa viña, nin aproveitarás os acios. Serán para o pobre e o forasteiro [3]. Outro exemplo, "Quen sementa no camiño, cansa os bois e perde o trigo", recolle a parábola do Evanxeo de Mateu, referida a aquel que sementa no camiño, entre as pedras ou nas silveiras, pero só medra o gran que botou en boa terra [4].
Moitos refráns recollen observacións acuñadas pola experiencia colectiva ao longo de séculos, con temas que van desde a meteoroloxía ata o destino invariable e fatalista de existencia ("A casa forte desfaina a morte" ou "Maus que non dades, ¿que agardades?" [5]). Constitúen unha bagaxe cultural do pobo en tempos nos que a tradición oral transmitía de xeito oral as crenzas e coñecementos dunha xeración a outra [6].
Miguel de Cervantes, en Don Quixote da Mancha, definía así o que é un refrán: "os refráns son sentenzas breves, sacadas da experiencia e especulación dos nosos antigos sabios" [7]. Seguirá dicindo Don Quixote sobre a utilidade dos refráns: "calquera dos que dixeches, Sancho, basta para dar a entender o teu pensamento" [8].
Bo número de refráns son pensamentos universais que foron adaptados -ou simplemente traducidos- a ámbitos xeográficos locais: "El alfayate del Cantillo, facía la costura de balde y ponía el filo" (recollido polo Marqués de Santillana) e o seu correspondente galego "O xastre das Baíñas cose de balde e mais pon as liñas". Hainos, especialmente, que só se poden aplicar a unha área xeográfica máis ou menos limitada, sobre todo os referidos a prognósticos meteorolóxicos ("Tronos pró Miño, moito pan e moito viño", "Vento de nacente, chuvia de repente").
Xaquín Lorenzo escribía o seguinte:
"Cecais sexa un pouco aventurado falar de un 'Refraneiro galego', xa que o Refraneiro é un fenómeno universal na súa produción. Cada refrán galego ten o seu paralelo en calquer literatura popular do mundo enteiro. O Refraneiro é universal, non nacional; somentes nomes de pobos ou producións agrícolas ou gandeiras difrencian uns de outros, mais o pensamento é o mesmoXaquín Lorenzo Fernández na introdución ó seu Refraneiro galego, px. 7.
Estrutura
editarOs refráns non están suxeitos á métrica, polo que os hai que riman (en consonante: "Ruín feira, corda baleira", "A auga para os peixes; para os homes, viño a feixes"; ou en asonante: "O caldo das paridas, non lle fai mal ás preñadas", "Home sen fortuna: parto da porca en maio e da muller na seitura") e os que non o fan ("Coa vara que midas serás medido"). Igualmente, hainos breves ("Polo pan baila o can", "Ou andar ou ornear", "Ao feito, peito") e longos ("Agardar a quen non vén, ter lei a quen non a ten, darlle un bico a unha vella e falar con desentendido éche tempo perdido"), aínda que normalmente buscan brevidade, concisión e suprimen todo o que resulte innecesario, sen perder por iso o seu significado.
Outro feito a salientar é que non resulta infrecuente ver recollidos nun refraneiro fórmulas que corren como cantigas ou locucións para outros autores; igualmente, poden observarse casos de refráns que tamén aparecen como parte de cantigas, ben literalmente, ben con algunha modificación esixida pola rima. Así, por exemplo, Xaquín Lorenzo recolle como refrán "A muller que come a nata non pode ter a manteiga", que Saco y Arce completa como cantiga: "Santa Marta de Ortigueira,/ a muller que come a nata/ non pode ter a manteiga".
A súa estrutura adoita ser pareada e recorren tanto á rima como a figuras literarias (antítese, elipse ou paralelismo) para facilitar o seu perpetuación oral. Co paso do tempo adquiren unha estrutura fixada [9], pero tamén son comúns as variantes que van introducindo modificacións máis ou menos leves: así, "O tempo pasa pra todos" e "O tempo vén prá todos". Pero non cabe obviar a posibilidade de que algunhas destas variantes obedezan a erros de transcrición desde os informantes orais ós colectores dos diferentes refraneiros (e mesmo a fenómenos de corrección por parte destes últimos). No caso dos refraneiros galegos existen variantes que non son tales, senón que se corresponden realmente coa maior ou menor normativización efectuada polo colector, como o feito de conservar ou normativizar dialectalismos (des, cas, frol, irmau etc.), fenómenos como o i epentético (i-auga por auga, aldeia por aldea) ou diferentes formas e grafías antigas (astra ou hastra). Tamén poden influír os cambios experimentados nas regras ortográficas ó longo do tempo.
Veracidade e falibilidade dos refráns
editarA veracidade dos refráns está sobrevalorada ("Non hai refrán vello que non sexa verdadeiro" [10]) e en moitos casos coexisten o refrán e o seu contrario ("Calen barbas e falen cartas", fronte a "Calen cartas e falen barbas" [11]; ou "Os amores novos fan esquecer os vellos" fronte a "O amor primeiro endexamais se esquece"); outras veces non pasan de ser unha opinión e non un feito empírico. Considerados como exemplos da sabedoría popular non se poden considerar sempre veraces nin acertados, por moita sona que teñan de seren certos e infalibles. Así, o Padre Feijoo negaba esta suposta veracidade con estas palabras:
"Non negarei eu que os mais dos adaxios son verdadeiros, e que entre eles os hai moi agudos e que inclúen fermosísimas sentenzas. Pero abonda con que haxa moitos falsos e ruíns, para que lexitimamente se recuse por proba de cousa algunha a autoridade do adaxio" [12]
Como exemplos extremos da veracidade ou falibilidade dos refráns podemos citar os seguintes. Por un lado teriamos casos como "Nunca choveu que non escampara", que significa moito máis que a aparente obviedade climatolóxica, "A todo porco chégalle o seu San Martiño", "Quen peixes queira pescar, tense que mollar" ou "Alcalde novo, todas son leis". Por outro, refráns como "Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañán che darán terra", ou "Se che pica unha doniña, vas dereito para a caixiña; e se che pica un escorpión, vas para o caixón", que plasman a crenza popular de que a trabada dunha donicela ou a picada dun alacrán son mortais, algo evidentemente falso.
Para Xaquín Lorenzo:
"A esprencia e o tempo que os van faguendo ou reformando nonos achegan á verdade. A proba témola no a miudo que aparecen refráns contraditorios. Somentes o hábito e o costume dos empregar fan que se díen por bos sen máis análisis.Xaquín Lorenzo: Refraneiro galego, introdución px. 9.
Acúsase frecuentemente ós refraneiros -e a literatura popular, en xeral- de seren en moitos casos misóxinos:
- "Home casado, muller é" ou "Home casado, nin muller é", claro que tamén "Home sen muller, home non é"
- "Da muller e do burro, canto máis lonxe máis seguro", que para a xente de mar corre como "A muller, o lume e os mares son tres males" ou "Da muller, do vento e do mar non hai que fiar"
- "Cando discutas coa muller, pensa que has de perder"
- "¿Dona fermosa? Ou tonta ou vanidosa"
- "De muller que sabe latín, e mula que fai ¡hin!, arrenega hastra o fin"
Outros son xenófobos, racistas ou anticlericais ("O abade que foi monaguillo, ben sabe quen lle bebe o viño", "Onde o crego canta, xanta", "¿Crego moi predicadeiro? Coida do teu diñeiro" ou "Pedra de igrexa, ouro gotexa"), e hainos, efectivamente, que recomendan seguir un comportamento totalmente egoísta ("Cando foras ao concello, lémbrate do teu e deixa o alleo" [13]), pero o certo é que non se deben xulgar cos principios morais e éticos actuais. Tamén os hai que desde unha óptica actual son absolutamente irrespectuosos cos máis elementais principios da conservación do medio, como aquel que asegura que "Ave que voa, pra cazola é boa" ou "Peixe con ollos, á caixa".
Clasificacións
editarOs paremiólogos discuten sobre os sistemas de clasificación dos refráns sen chegar a un acordo sobre os criterios a seguir.
Basicamente hai dous sistemas de clasificación: temática ou alfabética, cada un deles coas súas vantaxes e inconvenientes. O criterio de clasificación temática ten como principais inconvenientes a subxectividade introducida polo colector e a repetición obrigada que esixiría o feito de poderse aplicar a dúas ou máis realidades, ben porque esta dualidade é un feito obxectivo (como "A muller na casa e o home na arada", que se podería clasificar en tres temas), ben porque en moitos casos o significado recto difire do significado metafórico (e este segundo resulta en todo caso máis propio do seu valor como refrán, como sabedoría popular). Un caso no que este significado metafórico desborda o significado literal sería, por exemplo "De hoxe para mañá o carneiro perde a la" (no que se percibe unha clara ameaza).
Seguindo este criterio temático publicáronse, por exemplo, refraneiros sobre diversos temas:
- O home ou a muller: Os mil e un refrás galegos do home (Ed. do autor, Lugo 1977) e Os mil e un refráns galegos da muller (Alvarellos, Lugo 1978), en ámbolos casos de Xosé Moreiras Santiso; ou o Refraneiro da muller (Ed. Castrelos, Colección O Moucho, Vigo 1976), de Xosé Sesto López,
- A vaca: Refraneiro galego da vaca, de Xesús Ferro Ruibal e Pedro Benavente (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 1994),
- O cabalo: "'A cabalo regalado non se lle mira o dente'. Compilación da fraseoloxía equina actual", de Fernando Groba Bouza (en Cadernos de Fraseoloxía Galega 12, 2010, px. 317-372),
- O porco: O libro do porco, de Xosé María Álvarez Blázquez (Colección O Moucho 26. Edicións Castrelos, Vigo 1972),
- O viño: Refraneiro do viño. 505 sentenzas recollidas do pobo, de recolleita anonima (Ed. Castrelos, Colección O Moucho, Vigo 1968),
- O mar e a pesca: "O refraneiro do mar", de Clodio González Pérez (en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12. Museo do Pobo Galego 1988, 137-147),
- A xustiza: Refráns da xustiza, de Xesús Ferro Ruibal (Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, 1995), ou o
- O clero: O clero na literatura popular galega. Cancioneiro e refraneiro, do Equipo A.P. (Emilio, Xesús e Sara Alonso Pimentel) (Akal, 1975).
Outra temática de refráns que tamén mereceu a atención dos paremiólogos foi a referida ós traballos agrícolas, normalmente en relación coa meteoroloxía cambiante segundo o paso das estacións do ano ("En xaneiro, a lebre co cu no bulleiro", "En abril ábrelle a porta ó gando e déixao saír", "O coello por san Xoán, e a perdiz, por Navidá", "Despois da Pelengrina o inverno vén axiña", "No san Martiño, porco e viño"). Entrarían neste grupo aqueles refráns que prognostican que tempo vai facer baseándose na observación do comportamento de certos animais ou doutros fenómenos: "Gaivotas sobindo astra se perder, gran temporal ten que haber", "Cando a gaivota vai pra terra, xa non neva; cando vai pro mar, vai nevar", "Golfiños a choutar, vento a entrar" ou "Arco da vella ó poñente, colle as artes e vente", consello mariñeiro que agoira vento ou chuvia. Así temos, por exemplo, o Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego (Pontevedra 1904), de Emilio Álvarez Giménez ou o Refraneiro agrícola-meteorológico (reed. Asociación Cultural Eira Vella, Betanzos 1994), recollido por Salvador Golpe (Pedro de Merille). Unha variante desta clasificación serían os refráns de almanaque, clasificados e ordenados cronoloxicamente [14]; neste caso, cómpre observar que algúns destes refráns quedaron descolocados tralas modificacións introducidas no santoral católico a raíz do Concilio Vaticano II de 1965.
Existen tamén agrupacións de refráns [15] recollidos nun ámbito xeográfico determinado. Como tal, pódense citar os seguintes [16]:
- "Cancionero y refranero de Corme", de Xosé Ramón Fernández-Oxea, en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, tomo VII, caderno 3º, 1951, px. 457-507,
- Cambados: a tradición oral, coordinado por Adela Leiro Lois (Colexio Público Castrelo, Cambados 1986),
- Escolma de Carballedo, de Nicanor Rielo Carballo (Ed. Castrelos, Col. Pombal, Vigo 1976),
- A Merca. Antropoloxía dun concello galego, de Miguel Anxo Araújo Iglesias (Ir Indo, Vigo 1997),
- "Refraneiro de Grou (Lobios), recollido por Bieito Fernandes do Palheiro", compilado por Xesús Ferro Ruibal (en Cadernos de Fraseoloxía Galega 10, 2008, px. 241-253), ou o
- "Refranero fisterrán", de Federico Esmorís Recamán, en Cuadernos de Estudios Gallegos 14, 42, 1959, 107-129.
Finalmente, dentro desta tipoloxía de refráns xeográficos -aínda que non deron lugar a publicacións propias- cómpre citar aqueles que enxalzan o lugar onde nace o refrán ou, máis comúns, aqueloutros que reflicten a rivalidade entre dúas aldeas veciñas, criticando ou ridiculizando o lugar próximo, e que se alimentan de seculares porfías: "En Untes, bebe e non preguntes" [17], "En Camouco, para pouco; en Ares non te pares, i en Redes non te quedes" [18], "Mentres auga teña o Miño, no Ribeiro non faltará o viño" [19], "Na Gudiña, cada catro unha sardiña", "Guitiriz, coa man no nariz", "De Bora un, e de Xeve, ningún" [20] ou "Se queres foder a un probe sácao de Cambados e méteo no Grove" [21]. Estas sátiras contra os pobos veciños son frecuentes nos cantigueiros galegos.
Existen numerosos refráns sobre comida -de todo tipo- e bebida -auga ou viño-, que en moitos casos inclúen recomendacións dietéticas ou hixiénicas. Por exemplo: "¿Carne de calceta? Que a coma quen a meta", "Auga corrente, merda non consente", "Auga parada tá envelenada", "Bebe despois do caldo e manda o médico ó diaño". En xeral, o refraneiro condena a bebedela, aínda que non faltan os exemplos nos que beber se dá por cousa boa: "Cando o vello non pode beber, pódenlle a cova facer", "O aceite das cepas cura moitas doenzas" ou "Anque teño mala a perna, ben sei onde está a taberna".
Canto ó recurso á ordenación alfabética dos refráns resulta un criterio máis obxectivo pero ten o inconveniente de que non permite a agrupación das variantes dun mesmo refrán, ó quedar distantes por comezar por letras diferentes [22]. Entre os refraneiros ordenados alfabeticamente podemos citar os seguintes:
- "Refrás gallegos", de Juan Antonio Saco y Arce, en A Monteira nº 43-52 e 59 (1890), completados en "Refrás, proverbios e dicires gallegos, de Marcial Valladares, tamén en A Monteira nº 60-65 (1890)
- Refraneiro galego (Colección O Moucho 63. Edicións Castrelos, Vigo 1983), de Xaquín Lorenzo Fernández,
- Refráns e ditos populares gallegos (Galaxia, Vigo 1972), de Federico Zamora Mosquera,
- Refraneiro galego (escolma), de Enrique Gippini Escoda (Ediciós do Castro, Sada 1991),
- "Refraneiro galego" (en Cadernos de Fraseoloxía Galega 2, 2000), de Xesús Taboada Chivite ou
- "Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral" (en Cadernos de Fraseoloxía Galega 5, 2003), de Francisco Vázquez Saco.
Existen numerosas clasificacións intermedias, ou mixtas, que sendo refraneiros xerais, non temáticos, subdividen a relación de acordo a criterios temáticos. Así por exemplo, o Refraneiro galego básico (Galaxia, Vigo 1987), de Xesús Ferro Ruibal. Poderíanse incluír aquí os dicionarios e enciclopedias que recollen refráns alusivos ás diferentes entradas, como o Diccionario enciclopédico gallego-castellano (Galaxia, Vigo 1958-1961), de Eladio Rodríguez González ou o Diccionario dos nomes galegos (Ir Indo, Vigo 1992), de Xesús Ferro Ruibal (dir.) e outros.
Evidentemente, as coleccións temáticas de refráns tamén recorren logo en cada grupo á ordenación alfabética.
Notas
editar- ↑ Feito este no que se basea a denominación que reciben por veces de pequenos evanxeos: "Os refrás vellos son evanxeos pequenos". E en castelán: "Refranes heredados, evangelios abreviados".
- ↑ Tamén, Levítico 23:22.
- ↑ A Biblia galega (consultado o 22.06.2021).
- ↑ Evanxeo de San Mateo, 13:3ss (consultado o 22.06.2021).
- ↑ E a súa variante: "Mans que tomades e non dades, ¿que agardades?".
- ↑ "Saber refráns poco cuesta y mucho vale", "Quien no sabe refranes ¿que es lo que sabe?".
- ↑ En todo caso, lémbrese que a característica propio do refrán é a súa orixe popular, e polo tanto non atribuíble a ninguén en particular, sexa sabio ou non.
- ↑ Segunda parte, capítulo LXVII.
- ↑ A diferenza dos ditos ou locucións, que adoitan conxugarse.
- ↑ Ou en castelán, "Refrán viejo, nunca miente" ou "Refranes que no sean verdaderos y febreros que no sean locos, pocos".
- ↑ Mentres que o primeiro recomenda fixar os acordos por escrito, porque "Entre amigos, escribán e testigos", o segundo valora a palabra dada por riba doutras formalidades.
- ↑ Citado na Gran Enciclopedia Galega, tomo XXXVIII, s.v. refrán.
- ↑ Ou a variante: "Cando fores a concello, acorda no teu e deixa o alleo"
- ↑ Como por exemplo a "Coleición de refrans de almanaque" (en Nós nº 35 e 36, 1926), de Uxío Carré Aldao.
- ↑ Que adoito forman parte de textos completados con fraseoloxía, cantigas ou outras recolleitas etnográficas.
- ↑ En Cadernos de Fraseoloxía Galega, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, publícanse numerosos traballos fraseolóxicos referidos a diferentes lugares de Galicia.
- ↑ Santo Estevo de Untes é unha parroquia do concello de Ourense situada ao oeste do término municipal.
- ↑ San Vicente de Caamouco é parroquia do concello de Ares, e Redes un lugar desta parroquia.
- ↑ Sutil insinuación de que alá bautizan o viño.
- ↑ Bora e Xeve son parroquias do concello de Pontevedra.
- ↑ Recollido en Cambados, evidentemente.
- ↑ Como tal, "Amor louco, eu por vós e vós por outro" fronte a "Eu por vós e vós por outro"; ou "¿A onde irás, boi, que non ares?" fronte a "¿Pra onde irás, boi, que non ares?".
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (2003) Lugo. ISBN 84-87804-40-3.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín (1983). Refraneiro galego. Edicións Castrelos, col. O Moucho, Vigo. ISBN 84-7041-109-8.
- Luis Martínez Kleiser (1953). Refranero general ideológico español. Editorial Hernando, Madrid (ed. facsímile 1989).
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961). Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo.
- FERRO RUIBAL, Xesús (1987). Refraneiro galego básico. Galaxia. Vigo. ISBN 84-7154-588-8.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Proverbios galegos na Galicitas
- na WikiNotes
- Refraneiro galego (consultado o 22.06.2021)
- Cadernos de Fraseoloxía Galega Arquivado 05 de novembro de 2017 en Wayback Machine.: numerosas monografías sobre refráns e fraseoloxía, de diversa autoría, publicadas polo CIRP. Todas ellas están listas para a súa descarga libre ou consulta en "pdf".