Persoa
O termo persoa provén do latín persōna, e este probablemente do etrusco phersona ('máscara do actor', 'personaxe'). O concepto de persoa é un concepto principalmente filosófico, que expresa a singularidade de cada individuo da especie humana en contraposición ao concepto filosófico de 'natureza humana' que expresa o común que hai neles.
O significado actual de persoa ten a súa orixe nas controversias cristolóxicas dos séculos IV e V. No transcurso do debate entre as diferentes escolas teolóxicas, desenvolvéronse conceptos até entón non coñecidos. Tratábase de dispor de ferramentas de pensamento filosófico, sobre as que manter un debate intelectual honesto e rigoroso acerca dos dogmas referidos ao Λóγος (Logos: “Palabra”), e que permitisen esclarecer as súas diferenzas ou similitudes con Deus Pai. Para iso a filosofía tomou prestado do teatro grego o termo πρόσωπον [prósôpon], e converteuno nun termo filosófico, definindo ao Λóγος (Logos) como Persoa divina. Por afinidade, o concepto foi posteriormente aplicado ao Espírito Santo, aos anxos e aos homes.
Concepto
editarAínda que o concepto máis común de «persoa» é o de "ser dotado de razón, consciente de si mesmo e posuidor dunha identidade propia", o seu significado pode tratarse desde diferentes perspectivas.
Contexto filosófico
editarRationalis naturae individua substantia (en galego, substancia individual de natureza racional) é a definición clásica de Boecio que se caracteriza por tres notas: a substancialidade, a individualidade e a racionalidade. Nesta sentido persoa non é un nome xenérico xa que indica un quen e non un que; tampouco designa unha natureza común senón incomunicabilidade. Pola súa banda Tomé de Aquino refírese á persoa coa sentenza persoa significat id quod est perfectissimum in tota natura, scilicet subsistens in rationali natura (en galego, persoa significa o máis perfecto de toda a natureza, é dicir, o subsistente de natureza racional)[1] insistindo así na incomunicabilidade no modo de existir. Para Tomé de Aquino a distinción entre persoa e natureza é a do todo e a parte, pois a natureza éo da persoa, que é a que realmente subsiste. Ser persoa é ser aberto á transcendencia, a un máis aló do mundo, é dicir a Deus. Do estudo da noción de persoa xorde a Antropoloxía filosófica.
Na modernidade ten lugar un envorco psicolóxico na concepción de persoa. O primeiro paso dáse como consecuencia do nominalismo pero obsérvase xa con claridade en Descartes que non fala de persoa senón de eu. Na mesma liña, para Locke persoa xa non é un concepto metafísico pois non indica un ser ou modo de ser, senón un estado no que se atopa ás veces un ser. Pola súa banda, Kant denomina á persoa como aquel ser que é un fin en si mesmo. Aínda que en Kant vólvese a un concepto ontolóxico, non se trata dun ser aberto á transcendencia, senón autónomo.
Pola súa banda, o existencialismo volve pór atención na relevancia deste concepto. Para Kierkegaard, a persoa non é solipsista se non máis ben a saída dun mesmo saltando ao baleiro como entrega a Deus. Para Heidegger a persoa como Dasein (o aí do ser) non é nin unha cousa, nin un obxecto nin unha substancia senón que se define existencialmente polo sentimento da angustia pechado á transcendencia.
No século XX diversos pensadores, algúns de inspiración cristiá e en concreto tomista, centraron a súa atención na noción de persoa dando lugar ao chamado personalismo entre os que destacan: G. Marcel, M. Buber, M. Scheler, J. Maritain, E. Mounier, Von Hildebrand, R. Guardini, K. Wojtyla, E. Lévinasetc. Leonardo Polo suxeriu unha interesante noción de persoa como "carácter de ademais" a partir dunha ampliación dos transcendentais do ser cara ao que el chama Antropoloxía Transcendental propondo a liberdade e a co-existencia como transcendentais persoais distintos dos metafísicos.
Contexto sociolóxico
editarDesde a óptica sociolóxica pode definirse persoa como un ser sociable que vive e se desenvolve en sociedade, pero ao mesmo tempo nunca deixa de actuar cun carácter individual. É dicir somos eu e nós ao mesmo tempo. Por iso algúns pensadores como Aristóteles definen ao home como animal sociable e polo tanto a súa natureza é ser social.
Contexto fisiolóxico
editarSe nos atemos á fisioloxía, pódese identificar á persoa como un ser ou individuo da especie humana; como un home ou muller dotado/a dun conxunto de características físicas únicas que lle permite diferenciarse dos demais.
Contexto psicolóxico
editarDesde o punto de vista psicolóxico, persoa designa a un ser concreto, abarcando tanto os seus aspectos físicos como psíquicos para definir o seu carácter singular e único. Percibe e interpreta o estado de ánimo, o carácter e a forma de actuar das persoas, ademais estuda as calidades e facultades que ten a persoa, como a razón, os sentimentos e os valores que o distingue dos demais seres.
Son varias as dificultades do estudo da persoa humana estimadas insalvables para a psicoloxía. Lembremos só as maiores: a persoa non é nin un obxecto nin unha manifestación susceptible de ser obxectivada, senón manancial ou estrutura de actos; non é unha realidade fenoménica nin unha suma de calidades, senón unidade singular inabarcable; non é formación feita, definitiva, senón proceso concreto que termina só coa morte; por último, os actos que orixina e que constitúen a súa realidade non se prestan á reflexión psicolóxica, pois se dan de maneira inmediata e concreta, sobre todo na participación amorosa.
Notas
editar- ↑ Suma Teolóxica, I, q.29 a.3.