Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

En botánica, o pétalo[1] é unha folla florar que forma parte da corola dunha flor. É a parte interior do perianto, o cal comprende as partes estériles dunha flor. Nunha flor "típica" os pétalos son rechamantes e coloreados, e rodean as partes reprodutivas. O número de pétalos nunha flor é indicativo da clasificación da planta: dicotiledóneas, que típicamente teñen catro ou cinco pétalos; e monocotiledóneas, que teñen tres ou algún múltiplo de tres pétalos. A función principal dos pétalos ou a corola é a de atraer aos polinizadores.

Abutilon, Bastavales, Brión, Galiza

Existe unha considerable variación na forma dos pétalos entre as plantas. Os pétalos poden estar unidos na base, formando un tubo floral. Nalgunhas flores, o perianto enteiro forma unha cunca (chamada tubo de cáliz) rodeando o xineceo, con sépalos, pétalos, e estames unidos ao bordo da cunca.

As flores dalgunhas especies carecen ou reduciron moito os seus pétalos. Son chamadas apétalas. Exemplos de flores con periantios moi reducidos poden ser vistos entre as gramíneas. Isto é característico de plantas polinizadas polo vento que non necesitan atraer a polinizadores (chamadas plantas anemófilas).

Anatomía

editar
 
Pétalos e sépalos nunha flor.

A estrutura de tépalos e pétalos é similar á dos sépalos. As paredes das células epidérmicas frecuentemente son convexas ou papilosas, especialmente na cara adaxial. En moitos pétalos, como os de Brassica napus, as papilas son cónicas, cun engrosamento cuticular marcado no ápice, e estrías radiais cara á base. Suxeriuse que estes engrosamentos permiten unha difusión parella da luz emerxente, de xeito que o brillo dos pétalos é uniforme en calquera ángulo de iluminación.

Algunhas células epidérmicas dos pétalos son osmóforos, conteñen aceites esenciais que imparten a fragrancia característica ás flores. O mesofilo xeralmente non presenta parénquima clorofiliano, senón parénquima fundamental.

Cor dos pétalos

editar

A cor dos pétalos resulta da presenza de pigmentos. En moitas flores as células presentan cromoplastos con pigmentos carotenoides (vermellos, alaranxados, amarelos). Os pigmentos máis importantes son os flavonoides, principalmente antocianinas, que se atopan disoltos no mollo celular; os pigmentos básicos son pelargonidina (vermello), cianidina (violeta), e delfinidina (azul), os flavonois (amarelos ou cor marfil). A cor dos pigmentos antociánicos depende do pH do mollo celular: en Brunfelsia australis (azucena do monte) as flores son violáceas, ao envellecer vólvense brancas por un cambio no pH.

A cor branca de moitas flores, por exemplo Magnolia grandiflora, débese ao fenómeno de reflexión total da luz. Os pétalos poden presentar espazos de aire en posición subepidérmica ou unha capa de células con abundantes grans de amidón, e en ambos os casos a luz reflíctese. As cores escuras, débense a unha absorción total da luz operada por pigmentos complementarios. En Tulipa gesneriana (tulipán negro) hai antocianina azul nas células epidérmicas e caroteno amarelo nas subepidérmicas.

Nalgunhas especies as partes basales dos pétalos conteñen un flavonolglucósido chamado chalcona, que absorbe a luz ultravioleta, converténdoas en "guías de néctar" para os insectos polinizadores. Esta cor particular, visible só para os insectos, denomínase "púrpura de abellas".

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pétalo.