Odontoloxía
A odontoloxía[1] é unha rama da medicina que se encarga do diagnóstico, tratamento e prevención das enfermidades do aparello estomatognático, o cal inclúe os dentes, as enxivas, a lingua, o padal, a mucosa oral, as glándulas salivares e outras estruturas anatómicas implicadas, coma os beizos, as amígdalas, a orofarinxe e a articulación temporomandibular.
Historia
editarAs enfermidades afectaron a humanidade dende os seus mesmos inicios, en especial a aguda dor de dentes producida por unha carie profunda ou un absceso periapical. Moitos médicos ao longo da historia practicaron técnicas de curación e rehabilitación: o rexistro máis antigo que existe sobre unha práctica primitiva exipcia da odontoloxía data de hai 5000 anos. Hessie-Re é considerado o primeiro dentista coñecido da historia, unha inscrición exipcia en madeira móstrao como xefe de médicos da corte. Aristóteles (384 a. C.- 322 a. C.) tratou sobre algúns aspectos odontolóxicos, por exemplo procedementos de esterilización empregando un arame quente para tratar as enfermidades dos dentes e dos tecidos orais, tamén disertou sobre a extracción dental e o uso de arames para estabilizar fracturas maxilares e ligar dentes perdidos.
Durante a Idade Media, a profesión foi asumida polos barbeiros quen ademais doutros servizos, realizaban as sangrías e as extraccións dentais dos clientes con dor. O doutor francés Pierre Fauchard (1678-1761) é considerado o pai da odontoloxía moderna, polas súas achegas a esta ciencia, particularmente pola profesionalización da práctica dental e a publicación en 1728 da súa obra "Le chirugien dentiste; o, traité des dents” (o cirurxián dentista; ou tratado sobre os dentes). Pierre Faucharde foi dentista persoal de Lois XIV e ten un museo dedicado en París. En decembro de 1844, Horance Wells, dentista de Hartforde, Connecticut, utilizou por primeira vez o óxido nitroso, como anestésico para a extracción de pezas dentais.
A Federación Dental Internacional proclamou o 20 de marzo como o Día Mundial da Saúde Bucodenta (ou da Saúde Oral) [2].
Educación
editarO doutor John M. Harris inaugurou a primeira escola dental en Bainbridge, Ohio, e axudou a establecer a odontoloxía como profesión sanitaria. Abriu o 21 de febreiro de 1828, e na actualidade é un museo dental.[3] A primeira facultade, Baltimore College of Dental Surgery, abriu en Baltimore en 1840 e a segunda dos Estados Unidos foi a Philadelphia College of Dental Surgery, fundada en 1852.[4] En 1907, a Universidade Temple aceptou a incorporación da escola.
Os estudos mostran que dentistas que se gradúan en diferentes países,[5] ou mesmo de diferentes escolas dun país,[6] poden facer decisións clínicas diferentes das mesmas condicións clínicas. Por exemplo, os dentistas graduados en escolas dentais de Israel adoitan recomendar a extracción da moa do xuízo sen síntomas máis habitualmente cós graduados de Latinoamérica ou Europa oriental.[7]
No Reino Unido, a acta de dentistas británicos de 1878 e o rexistro de dentistas de 1879 limitou o título de "dentista" e "cirurxián dental" a practicantes cualificados e rexistrados.[8][9] Porén, outras persoas podían describirse legalmente como "expertos dentais" ou "consultores dentais".[10] A práctica da odontoloxía no Reino Unido foi regulada completamente pola acta dos dentistas de 1921, que requiría o rexistro de calquera persoa que practicase a odontoloxía.[11] A British Dental Association, creada en 1880 con Sir John Tomes de presidente, interpretou un importante papel perseguindo dentistas que practicaban ilegalmente.[8]
Especialidades
editarA odontoloxía ten establecidas varias especialidades:
- Rehabilitación oral: é a parte da odontoloxía encargada da restauración, é dicir, recuperar a función fisiolóxica e estética mediante o emprego de próteses dentais e outras medidas.
- Periodoncia ou periodontoloxía: rama da odontoloxía especializada no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades periodontais.[12]
- Endodoncia: esta especialidade realiza o tratamento da endodoncia, é dicir, a actuación sobre a polpa dental e a súa substitución por un material inerte.
- Odontopediatría: é a rama da odontoloxía encargada de tratar os nenos.
- Ortodoncia: rama da odontoloxía especializada no tratamento e prevención das malas posicións das pezas dentais.
- Saúde pública odontolóxica: especializada na odontoloxía comunitaria, preventiva e social.
- Implantoloxía oral: é a especialidade odontolóxica que se dedica á reposición de unidades dentais perdidas por medio da colocación de implantes dentais de titanio inseridos nos maxilares.
- Odontoloxía estética ou cosmética: é a rama da odontoloxía que soluciona problemas relacionados coa harmonía estética da boca no seu totalidade.
- Odontoloxía preventiva: encárgase do estudo dos tratamentos preventivos bucodentais mediante técnicas non invasivas como poden ser selos de fosas e fisuras, limpezas dentais, cubetas de flúor tópico ou sistémico, puídos e outros procedementos máis complexos.
- Odontoloxía forense: é a rama da odontoloxía que trata do manexo e o exame axeitado da evidencia dental e da valoración dos achados dentais que poidan ter interese para procesos xudiciais. O odontólogo forense encárgase establecer parámetros de identificación de persoas ou cadáveres, a valoración daqueles casos nos que o aparato buco-dento-maxilar se emprega como arma e a valoración de tratamentos posiblemente inadecuados.
- Carioloxía: especializada na carie e o seu tratamento.
- Odontoloxía perinatal: rama especializada nos coidados odontolóxicos á muller embarazada, ao neonato e ao neno até os tres anos de idade.
- Gnatoloxía: rama especializada no estudo da función do aparato mastigador, anatomía, fisioloxía, alteracións patolóxicas do mesmo e o seu tratamento. Unha das afeccións tratadas pola gnatoloxía é o bruxismo ou renxer de dentes.
- Odontoloxía ocupacional: é a rama da odontoloxía que se ocupa da saúde dental dos traballadores en relación co seu ambiente laboral.[13]
- Odontoloxía deportiva: rama da odontoloxía que estuda a influencia de cada deporte na saúde bucodental.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para odontoloxía.
- ↑ [Día Mundial de la Salud Bucodental "Día Mundial de la Salud Bucodental"]
|url=
incorrecto (Axuda) (en castelán). Consultado o 2022-11-22. - ↑ Owen, Lorrie K., ed. Dictionary of Ohio Historic Places. Vol. 2. St. Clair Shores: Somerset, 1999, 1217–1218.
- ↑ "History". Pennsylvania School of Dental Medicine. Consultado o 13 de xaneiro de 2016.
- ↑ Yehuda, Zadik; Liran, Levin (xaneiro de 2008). "Clinical decision making in restorative dentistry, endodontics, and antibiotic prescription". J Dent Educ 72 (1): 81–6. PMID 18172239.
- ↑ Yehuda, Zadik; Liran, Levin (abril de 2006). "Decision making of Hebrew University and Tel Aviv University Dental Schools graduates in every day dentistry—is there a difference?". J Isr Dent Assoc 23 (2): 19–23. PMID 16886872.
- ↑ Yehuda, Zadik; Liran, Levin (abril de 2007). "Decision making of Israeli, East European, and South American dental school graduates in third molar surgery: is there a difference?". J Oral Maxillofac Surg 65 (4): 658–62. PMID 17368360. doi:10.1016/j.joms.2006.09.002. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2008. Consultado o 16 de xullo de 2008.
- ↑ 8,0 8,1 Gelbier, Stanley. 125 Years of Developments in Dentistry. British Dental Journal (2005); 199, 470–473. Consultado o 11 de decembro de 2007.
- ↑ The story of dentistry: Dental History Timeline Arquivado 09 de marzo de 2012 en Wayback Machine., aloxada na páxina da British Dental Association. Consultado o 2 de marzo de 2010.
- ↑ Campbell, J Menzies (8 de febreiro de 1955). "Banning Clerks, Colliers and other Charlatans". The Glasgow Herald. p. 3. Consultado o 5 de abril de 2017.
- ↑ History of Dental Surgery in Edinburgh (PDF) Arquivado 11 de abril de 2019 en Wayback Machine., aloxada na páxina do Royal College of Surgeons of Edinburgh. Consultado o 11 de decembro de 2007.
- ↑ Zerón Agustín: Visión profesional de las competencias en la Odontología del siglo XXI. Revista de la Asociación Dental Mexicana Rev. ADM marzo-abril 2011, 68 (2) 60-66.
- ↑ MOSBY: Diccionario de odontoloxía, VV.AA., S.A. Elsevier, España, 2009, ISBN 9788480864626
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Odontoloxía |