Lingua samoana
O idioma samoano (gagana Samoa) é unha lingua austronesia do grupo malaio-polinesio oriental, orixinaria de Samoa e falada principalmente nese país, na veciña colonia estadounidense de Samoa Americana e en Nova Zelandia.
Samoano Gagana Samoa | ||
---|---|---|
Falado en: | Samoa Samoa Americana Nova Zelandia Tonga[Cómpre referencia] | |
Total de falantes: | 370.337 | |
Posición: | Non está entre as 100 máis faladas | |
Familia: | Austronesio Malaio-Polinesio | |
Escrita: | Alfabeto latino | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Samoa Samoa Americana | |
Regulado por: | Sen regulador oficial | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | sm
| |
ISO 639-2: | smo | |
ISO 639-3: | smo
| |
Mapa | ||
Status | ||
Clasificación
editarO samoano é unha das linguas polinesias, grupo que teoricamente se orixinou a partir dunha lingua chamada protopolinesio. Crese que esta protolingua xurdiu na área de Fidxi, Tonga e Samoa arredor do 1500 a. C. e que un milenio despois ou algo máis tarde deuse a separación entre o prototónguico, lingua nai do tongano e o niuano e o protopolinesio nuclear, orixe á súa vez de todas as demais linguas do grupo.[2] Os falantes destas protolinguas iniciaron a súa expansión cara ao leste desde Tonga e Samoa e alcanzaron primeiro a Polinesia Central (Illas da Sociedade, Illas Cook e as Marquesas); e uns séculos máis tarde continuaron as súas migracións e chegaron finalmente ás illas Hawai, a illa de Pascua e a Nova Zelandia.
De acordo co sistema de clasificación tradicional de linguas polinesias, o samoano forma parte das linguas samoicas que son unha das dúas pólas descendentes do protopolinesio nuclear. Segundo un sistema de clasificación revisado, proposto por Jeff Marck en "Topics in Polynesian language and culture history" (2000), o samoano descende do protoelliseano, que á súa vez sería unha das once ramas do protopolinesio nuclear e incluiría ademais o elliseano exterior e as linguas polinesias orientais.[2]
Entre os cambios de son que presenta o samoano con respecto ás formas reconstruídas do propopolinesio atópanse a neutralización de /ɾ/ e /l/ nun único son /l/ e a mudanza de /k/ pola oclusiva glotal /ʔ/. Pola contra, permaneceu a fricativa /s/ que noutras linguas foi substituída por /h/.
Fonoloxía e escritura
editarOs fonemas do samoano son 16, 5 vogais e 10 consoantes. Escríbese cun alfabeto latino de 16 letras, unha para representar cada fonema: a, f, g, i, l, m, n, o, p, s, t, u, v e ' . Adicionalmente existen as letras h, k e r para escribir préstamos doutras linguas.[3]
As cinco vogais poden ser breves ou longas, no segundo caso márcanse cun macron ( ¯ ). Estas diferenzas de lonxitude vocálica teñen carácter fonético e permiten distinguir palabras.
bilabial | labiodental | alveolar | velar | glotal | |
---|---|---|---|---|---|
nasal | m | n | ŋ | ||
oclusiva | p | t | ʔ | ||
fricativa | f v | s | |||
vibrante | l |
A consoante nasal velar /ŋ/ escríbese cun g e a oclusiva glotal xorda /ʔ/ mediante o símbolo ʻ . As demais letras representan os mesmos valores que teñen no Alfabeto Fonético Internacional.
A formación de sílabas é bastante restritiva pois, como en todas as linguas polinesias, as consoantes só poden estar no principio da sílaba e non poden estar en grupos. As vogais poden ir soas ou acompañadas dunha consoante e outra vogal. Segundo isto, as sílabas posibles son vogal, vogal-vogal, consoante-vogal e consoante-vogal-vogal.
O acento usualmente ponse na penúltima sílaba, aínda que existen varias excepcións: acentúase a última sílaba de palabras terminadas en vogal longa, en ditongo ou cando se desexa salientar un termo. Ademais as palabras compostas reteñen os seus acentos.[4]
Gramática
editarXénero e número
editarNo samoano non existe o xénero gramatical, que é unha división das palabras en clases frecuente en moitos idiomas e que non necesariamente coincide co xénero natural (sexo).
O sexo de persoas, animais e algunhas plantas indícase por medios léxicos, xa sexa usando termos diferentes (tane, "home", fafine, "muller") ou antepoñendo os adxectivos po'a, "macho" e fafine, "femia".[5]
Nos pronomes persoais e posesivos existen tres gradacións de número: singular, dual e plural, que se indican mediante palabras diferentes para cada unha. En cambio, nos substantivos o singular e o plural sinálanse por medio de artigos e outros determinantes e non hai o dual propiamente dito.
Pronomes
editarOs pronomes persoais do samoano teñen tres persoas: primeira, segunda e terceira; tres gradacións de número: singular, dual e plural. Ademais, fai distinción entre primeira persoa inclusiva[6] (o oínte forma parte dela) e primeira persoa exclusiva (o oínte non forma parte).
singular | dual | plural | |
---|---|---|---|
primeira persoa | inclusiva: tā exclusiva: a’u , 'ou |
incl.: tā, tā'ua excl.: mā, mā'ua |
incl.: tātou excl.: mātou |
segunda persoa | ’oe, ’e | ’oulua | ’outou, tou |
terceira persoa | ia, na | lā’ua | lātou |
Notas
editar- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Otsuka, Yuko (2005). University of Hawai'i, ed. "History of Polynesian Languages" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de setembro de 2006. Consultado o 22 de abril de 2012.
- ↑ Omniglot. Writing Systems and Languages of the World. "Samoan (Gagana Samoa)". Consultado o 22 de abril de 2012.
- ↑ Pratt, George (1984). "Syllable. Accent". En Papakura: R.McMillan. A Grammar and Dictionary of the Samoan Language, with English and Samoan Vocabulary. Third and Revised Edition.
- ↑ Pratt, George (1984). "Words. 2. The Noun". En Papakura: R.McMillan. A Grammar and Dictionary of the Samoan Language, with English and Samoan Vocabulary. Third and Revised Edition.
- ↑ Na primeira persoa inclusiva singular, o falante expresa a súa implicación emocional na oración.
Véxase tamén
editarExiste unha versión da Wikipedia en Lingua samoana |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Pratt, George (1984). Papakura: R.McMillan, ed. A Grammar and Dictionary of the Samoan Language, with English and Samoan Vocabulary. Third and Revised Edition.