Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Industria

proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados

A industria é un proceso de transformación de materias primas en produtos elaborados. Por extensión, conxunto de instalacións nas que se realizan ditas transformacións.

Sede de Inditex, o primeiro grupo téxtil do mundo,[Cómpre referencia] no Polígono Industrial de Sabón, Arteixo.
En primeiro termo a fábrica de FerroAtlántica, primeiro produtor mundial de silicio metal,[Cómpre referencia] en Sabón, Arteixo.

Se ben a actividade industrial así definida pode facerse extensiva ó que comunmente se denomina artesanía, a diferenza fundamental entre ambas estriba principalmente en que mentres o artesán realiza por si mesmo todas as operacións necesarias para obter o produto final, a industria caracterízase pola súa especialización, de modo que as diferentes etapas do proceso son realizadas por diferentes traballadores, ou incluso empresas.

Para que o sistema así concibido funcione correctamente é necesaria a intercambiabilidade, é dicir, os produtos obtidos en cada etapa deben cumprir unha serie de requisitos que permitan o seu uso como materia prima na etapa seguinte.

En efecto, mentres o artesán realiza creacións únicas na súa especie, a industria dedícase a clonar indefinidamente un determinado produto. A recente introdución da robótica e a fabricación flexible na industria, pretende rematar con esta disxuntiva, tendéndose actualmente cara á fabricación de produtos á carta, de modo que o consumidor se figure que adquiriu un produto exclusivo.

Tamén se coñece como industria ó conxunto de actividades económicas clasificadas no sector secundario.

Historia

editar

Dende a orixe do ser humano, este tivo a necesidade de transformar os elementos da natureza para poder aproveitalos; en sentido estrito xa existía a industria, mais contra finais do século XVIII e durante o século XIX,[1] cando o proceso de transformación dos recursos naturais sufriu un cambio radical, coñecido como revolución industrial.[2]

Este cambio baseouse na diminución do tempo de traballo necesario para transformar un recurso nun produto útil, grazas á utilización do modo de produción capitalista, que pretende a consecución dun beneficio aumentando os ingresos e diminuíndo os gastos. Coa revolución industrial o capitalismo adquire unha nova dimensión e a transformación da natureza alcanza límites insospeitados ata entón. A primeira revolución industrial baseouse no vapor,[3] o carbón e o ferro, mais a partir de 1860 xurdiu a segunda revolución industrial, coa enerxía eléctrica e os produtos químicos coa que o capitalismo industrial se converteu en capitalismo financeiro.[4][3] A partir de 1970 tivo lugar a terceira revolución industrial, co desenvolvemento da informática.

A industria foi o sector motor da economía dende o século XIX, e ata a segunda guerra mundial a industria foi o sector económico que máis contribuía ao produto interior bruto (PIB), e o que máis man de obra ocupaba. Dende entón, co aumento da produtividade pola mellora das máquinas e o desenvolvemento dos servizos, pasou a un segundo termo. Porén, continúa a ser esencial, posto que non pode haber servizos sen desenvolvemento industrial.[5]

As industrias divídense en grupo:[6][7][8]

Os principais tipos de industria e as súas descricións[6][7][8][9][10]
Tipo de industria Descrición
Industria de base Transforman materia prima bruta en materia prima procesada, para a utilización por outras industrias.
Industria de bens intermediários[7] Producen máquinas e equipamentos utilizados nas industrias de bens de consumo.[7]
Industria de bens de consumo Transforman materia prima fabricada pola industria de base en elementos para o consumidor final. Poden subdividirse en tres subgrupos, de acordo co que producen:

Atópanse moi dispersas xeograficamente, situadas próximas as centros urbanos, para proporcionar maior acceso por parte dos consumidores.[8]

Importancia da industria

editar
 
Situación das principais áreas industriais do mundo

O capital de investimento en Europa procede da acumulación de riqueza na agricultura. O capital agrícola investirase na industria e nos medios de transporte necesarios para pór no mercado os produtos elaborados.

En principio, os produtos industriais aumentan a produtividade da terra, co que se diminúe forza de traballo para a industria e se obteñen produtos agrícolas excedentarios para alimentar unha crecente poboación urbana, que non vive do campo. Xa que logo, a agricultura, proporciona á industria capitais, forza de traballo e mercadorías. Todo iso é unha condición necesaria para o desenvolvemento da revolución industrial.

Grazas á revolución industrial as rexións poden especializarse, sobre todo debido á creación de medios de transporte eficaces, nun mercado nacional e outro mercado internacional, o máis libre posible de trabas arancelarias e burocráticas.

Unha nova estrutura económica e a destrución da sociedade tradicional garantiron a dispoñibilidade de suficiente forza de traballo asalariada e voluntaria.

Nos países do Terceiro Mundo e nalgúns países de industrialización tardía o capital proporciónao o investimento estranxeiro, que monta as infraestruturas necesarias para extraer a riqueza e as plusvalías que xera a forza do traballo; sen liberar das tarefas agrícolas á man de obra necesaria, senón só á imprescindible. Nun principio recorreuse á escravitude para garantir a man de obra. O cambio da estrutura económica e a destrución da sociedade tradicional, garantiu a dispoñibilidade de suficientes capitais.

Desindustrialización

editar
 
Modelo de Colin Clark dunha economía que experimenta cambios tecnolóxicos. En fases finais, a economía do sector cuaternario crece.

Historicamente algunhas industria declinaron debido a varios factores económicos, incluíndo o desenvolvemento de tecnoloxía de substitución ou a perda de vantaxes competitivas. Un exemplo do primeiro foi a decadencia da fabricación de carruaxes cando os automóbiles comezaron a ser producidos en masa.

Unha tendencia recente é a migración de estados prósperos e industrializados cara á unha sociedade postindustrial. Isto maniféstase por un incremento no sector terciario a expensas da industria, e o desenvolvemento dunha economía baseada na información (revolución da información). Nas sociedades postindustriais as industrias relocalízanse en lugar máis axeitados nun proceso denominado off-shoring.

As medidas para comparar beneficios e efectos económicos das industrias variaron historicamente. Tradicionalmente, o éxito víñase medindo polo número de empregos creados. O número reducido de empregados no sector de fabricación asumíase que era o resultado dun declive na competitividade do sector, ou da introdución do proceso de lean manufacturing ("produción axustada").

Patrimonio industrial

editar

O patrimonio industrial, segundo o TICCIH (The International Committee For The Conservation Of The Industrial Heritage), componse dos restos da cultura industrial que posúen un valor histórico, tecnolóxico, social, arquitectónico ou científico. Estes restos consisten en edificios e maquinaria, talleres, muíños e fábricas, minas e lugares para procesar e refinar, almacéns e depósitos, lugares onde se xera, se transmite e se emprega enerxía, medios de transporte e toda a súa infraestrutura, así como os lugares onde se desenvolven as actividades sociais relacionadas coa industria, tales como a vivenda, o culto relixioso ou a educación.[11]

O patrimonio industrial, polo tanto, inclúe non só os inmobles e a maquinaria da produción, senón tamén as vías de transporte e comunicación por onde chegaban as materias primas e se comercializaban os produtos, as residencias, centros asociativos e asistenciais dos traballadores, os servizos públicos e en última instancia as paisaxes modificadas pola actividade extractiva e industrial.

  1. Kenton, Will. "Manufacturing". Investopedia (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2020-11-17. Consultado o 2021-01-16. 
  2. Ángel, Daniel (2 de xullo de 2016). "Los Tiempos Modernos de la Productividad" (PDF). Revista Acuerdos (en castelán) (3): 8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de setembro de 2018. Consultado o 5 de novembro de 2017. 
  3. 3,0 3,1 "Produção em massa ou enxuta?". GeoMundo (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2011. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  4. "Capitalismo e revoluções das novas tecnologias". UOL Educação. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  5. Walker, William (1993). "National Innovation Systems: Britain". En Nelson, Richard R. National innovation systems: a comparative analysis. Nova York: Oxford University Press. ISBN 0195076176. Arquivado dende o orixinal o 2021-04-01. Consultado o 2020-11-16. 
  6. 6,0 6,1 "Tipos de indústria". Mundo Educação. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Tipos de Indústrias". Brasil Escola. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Tipos de Indústrias". Alunos Online. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  9. "Ficha Informativa - Indústria" (PDF). Escola Básica Padre Donaciano de Abreu Freire. 2009. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de outubro de 2012. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  10. "Tipos de indústrias". Colégio WEB. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  11. TICCIH

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Krahn, Harvey J., e Graham S. Lowe. Work, Industry, and Canadian Society. 2.ª edición. Scarborough, Ont.: Nelson Canada, 1993. xii, 430 p. ISBN 0-17-603540-0

Outros artigos

editar