Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Gran Guerra Irmandiña

A Gran Guerra Irmandiña foi unha revolta social que tivo lugar en Galicia entre 1467[1] e 1469, e foi posiblemente a maior revolta europea de todo o século XV.[2][3] Comezou na primavera de 1467 en Galicia, nunha situación de conflito social (fame, epidemias e abusos por parte da nobreza galega) e político (guerra civil en Castela). A Santa Irmandade do Reino de Galicia, xurdida e xustificada por tal situación, tornouse nunha revolta como reacción a un sentimento acumulado de agravio polos males e danos que o pobo recibía dos nobres das fortalezas.

As irmandades acudindo a derrubar o castelo dun nobre.

Precedentes

editar

A gran guerra irmandiña de 1467 estivo precedida de múltiples revoltas en certas zonas e localidades. Segundo algúns historiadores, como Carlos Barros Guimeráns, a primeira revolta organizada como Irmandade na Baixa Idade Media galega é a de 1418-1422 en Santiago de Compostela.

A Irmandade Fusquenlla tivo lugar en 1431, con Roi Xordo á fronte, nas terras dos Andrade. Xurdiu máis tarde, en 1451, a "primeira irmandade" nas rías de Pontevedra e Arousa. Despois xurdiron as irmandades da Coruña e Betanzos, seguidas das de Santiago de Compostela, Muros e Noia de 1458.

Desencadeamentos

editar

Situación de crise social

editar

Agresividade dos señores

editar
 
Armadura e armas dos cabaleiros, xeralmente ofrecidas polo señor na Investidura.

A nobreza galega vivía un século XV de conflitos e confrontación internas. Á intranquilidade xerada por tal serie de conflitos sumábanse os efectos negativos da epidemia de 1466, así como anteriormente a peste e as malas colleitas, que provocaron ademais unha caída de rendas da nobreza, o que derivou nunha actitude recadadora agresiva para contrarrestar esta diminución.

Entre as vítimas desta rapacidade da nova nobreza encontrábase tamén o clero. Mesmo parte do patrimonio e señoríos de mosteiros e catedrais estaban ocupados ou encomendados en 1467. De feito a Irmandade devolveu á igrexa moitos dos bens usurpados pola nobreza laica.

Os vasalos fronte ás fortificacións, refuxios de malfeitores

editar

Existía, por tanto, un sentimento acumulado de agravio, polos males e danos que as vilas e a xente recibían das fortalezas (percibidas como refuxios de malfeitores), tanto de señores e cabaleiros como de prelados, como indican as testemuñas do Preito Tabera - Fonseca:

Danos robos e males. Robo de ombres, personas y en sus vienes, robandoles sus bois y bestias y que les forçaban sus mugeres e fijas e que muchos de los dichos danos se azían ansi de las gentes que en sus casas como en la de las fortalezas.

Por iso a irmandade focalizouse na demolición dos seus refuxios, as fortalezas.

A estes determinantes compoñentes emotivos sumábanse as segundas intencións de emancipación da vasalaxe e a liberación de pago de rendas do señor; terminar co sistema de fortificacións construídas entre os séculos X e XV.

Situación de crise política

editar

Outro agravante era a debilidade do Estado medieval que tiña lugar en toda Europa, o que con frecuencia levaba a que o rei se apoiase nas cidades e vilas para frear a nobreza feudal. Na coroa de Castela era especialmente certo polo enfrontamento, na década dos sesenta, do infante D. Afonso con Henrique IV, co correspondente baleiro de poder.

Posición da nobreza galega no conflito entre D. Henrique e D. Afonso

editar
 
Henrique IV de Castela autorizou a Santa Irmandade.

A actitude de toda a nobreza galega fronte ó conflito entre Henrique IV de Castela e Afonso non está aínda totalmente clarificada. Entre os fieis a Henrique IV situáronse Alvar Pérez Osorio (conde de Trastámara),[4] e algúns dos seus parentes próximos, como Lope Sánchez de Moscoso ou Gómez Pérez das Mariñas I.[5] Morais Muñiz cre que entre os partidarios de Afonso figuraban os condes de Ribadeo e de Santa Marta, o de Benavente, que era o seu Chanceler maior,[6], Alvar Páez de Soutomaior[6] o vizconde de Monterrei, Juan de Zúñiga[6] e probablemente tamén Fernán Pérez de Andrade, O Mozo,[7] así coma o arcebispo Alonso II de Fonseca[6] e mesmo o propio conde de Lemos, a pesar de que os datos son escasos e contraditorios.[5][8]

Posición do clero e terceiro estamento no conflito entre Henrique e Afonso

editar

Ó contrario que a nobreza galega, o rei contou co apoio da maioría do clero galego, incluído o episcopado, a excepción do arcebispo Fonseca.[4] Henrique IV contou tamén cunha ampla base popular, maiormente en vilas e cidades, sabedoras de que Henrique era o apoio legal do movemento Irmandiño.

Nacemento das "Hermandades" noutros territorios da coroa de Castela

editar

Esta aguda crise social e política favoreceu o desenvolvemento das Hermandades. Así, xa entre 1456 e 1460 varias vilas de Guipúscoa utilizaron a irmandade contra a nobreza local, arrasando un gran número das súas casas fortes "porque façian e consentían muchos robos e malificios en la tierra e en los caminos e en todos los logares".[9] En 1464 unha nova Hermandad General castelá celebrou a súa primeira xunta en Segovia. Esta irmandade permaneceu inicialmente baixo control de Henrique IV, que a utilizou contra os partidarios do seu irmán Afonso.[10]

Influencia das "Hermandades" doutros territorios

editar

O nacemento da "Hermandad General" de Castela e León deu pé á demanda das cidades leais a Henrique de estender as Hermandades ao Reino de Galicia. Henrique IV permitiu ao final o xurdimento da "Santa Irmandade", seguramente co propósito de debilitar a rebelión da nobreza. Outro propósito de Henrique era, segundo Olivera Serrano, conseguir a contribución de Galicia á Facenda real, restituíndo ademais o dereito a voto nas Cortes de Galicia (dereito que perderan nas cortes de Madrid de 1419).[11]

Alonso de Palencia, cronista oficial do reino de Castela, comenta en 1477 a formación e actividade da irmandade galega, presentándoa como a máxima realización da Hermandad General de Castela e León, e amosa o seu entusiasmo pola eficacia do seu traballo xusticeiro e anti-señorial, tomando fortificacións consideradas inexpugnables.[12]

O comezo da Irmandade

editar
 
Castelo da Rocha Forte, arrasado polos irmandiños en 1467.

Precedentes

editar

Xa entre 1454 e 1458 existira outra irmandade en Galicia "quel dicho moy virtuoso rey don Enrrique mandó faser e se fiso por su mandato en la çibdad de la Cruña e villa de Betanços", ás que se uniron os concellos de Santiago, Noia e Muros,[13] así como importantes señores galegos (Bernal Yáñez de Moscoso, Pedro Bermúdez de Montaos ou Sueiro Gómez de Soutomaior).

O comezo da Irmandade foi anterior á gran guerra da primavera de 1467, como proban documentos e referencias de comezos de 1465. Así, en febreiro de 1465 rexístrase que D. Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos, cedía ó seu fillo a fortificación de Monforte, por lle seren contrarias as irmandades de Galicia e, segundo declara o conde, "poderia ser quisessem tomar suas terras e não era justo que seu filho, sendo sem culpa e inocente, as perdesse".[7]

Aprobación da Irmandade

editar

Aparentemente, algunhas das vilas galegas máis significativas, como A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra ou Betanzos, enviaron ós seus representante para sancionar o nacemento da institución en Galicia. Lope García de Salazar afirma que foi Afonso de Lanzós quen canalizou a demanda, obtendo de Henrique IV os capítulos da "Hermandad".[9]

Consta a presenza nas cortes de Salamanca, en maio de 1465, do escribán Juan Blanco, procurador de Betanzos, que parece que obtivo a demandada aprobación real.

Afonso Mosqueira, testemuña do preito Tabera - Fonseca, conta a presenza de Joan de Betresca, enviado do rei Henrique:

Vido que fizieran juntar la gente de la dicha çiudad de La Coruña y de los cotos della, que heran seisçientos ombres, e vido que entre cada çien ombres puso un alcalde de hermandad, que traía bara y tenía cargo de mandar e gobernar la gente y las cosas que tocaban a la dicha hermandad e a la gobernaçión de la dicha çiudad e tierra.[14]

Consolidación e implantación

editar

A principios de 1467, a Irmandade estaba xa organizada e implantada no seu papel de ordenamento e xustiza. Unha testemuña da implantación e integración na Irmandade de varios sinalados nobres galegos é a demanda que, en febreiro de 1467, presenta Teresa de Zúñiga, condesa de Santa Marta, ante dous representantes da Hermandad General,[15] que se comprometeran a proceder contra os querelados Sancho López de Ulloa, Pedro Pardo de Cela e Diego de Andrade "segund el tenor e la forma de los dichos capítulos e leyes e ordenanças de la Santa Hermandad". Ademais diso, na demanda tamén se indica que esta integración se estendera non só ós nobres das súas fortificacións, senón tamén ós seus vasalos.

 
Restos do Castelo de San Xurxo, no Monte Pindo de Carnota.

O compromiso coa Irmandade de cabidos e cidades

editar

A principios de 1467 os compromisos de cabidos e cidades foran xa expresados publicamente. O 14 de marzo, por exemplo, o cabido e o concello de Tui xuraran os capítulos da Santa Yrmandade, e unha semana máis tarde designaron ó cóengo Gonzalo Vázquez para asistir no seu nome á xunta da Hermandad que se ía celebrar en Medina del Campo.

Á súa vez, o 16 de marzo rexistrouse un acordo do cabido compostelán de contribuír con "quatro mill maravedies de pares de brancas para aa arca da Yrmandade",[16] e o concello de Ourense, en abril, anticipou "viinte e çinco mill pares de brancas" para que a fortificación do Castelo Ramiro fose entregada "aa Santa Yrmandade".

A isto uníronse outras reunións ou asembleas: en Santiago, despois en Lugo, despois en Melide, e máis tarde en Betanzos. Os pormenores da revolta ultimáronse en ditas reunións; na última hai rexistro da asistencia dos señores Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, Sancho Sánchez de Ulloa e Gómez Pérez das Mariñas I[17] ós que se lles solicitou a cesión das súas fortificacións, "cada uno las suias, e qe las pedían para derribárselas porque dezían que de las dichas fazían muchos males, porque robaban y tomaban a los hombres y los prendían". Esta esixencia representa a confirmación última das intencións xa presentes anteriormente, como indican as precaucións tomadas polo conde de Lemos que se mencionaron antes.

Evolución da revolta

editar

Estalido da revolta

editar
 
Torre de San Sadurniño, en Cambados, destruída entre 1466 e 1470 durante as revoltas irmandiñas.

Nos principios da primavera de 1467 chegou a revolta xeral, cando as Xuntas das Irmandades, organizadas en tódalas comarcas galegas, lanzaron a consigna contra as fortalezas, símbolo do acoso señorial.[18]

As columnas irmandiñas, que unha testemuña do preito Tabera - Fonseca cifra en oitenta mil omes, comezaron a percorrer as comarcas, e coa forza do seu número e o auxilio de trabucos, bombardas e outras armas, acabaron rendendo a gran maioría dos castelos e fortificacións galegas­.[14][18]

A revolta estaba encabezada por persoeiros relevantes, incluídos cabaleiros e fidalgos, mesmo parte da aristocracia urbana.[9] Entre eles destacaron desde o principio Afonso de Lanzós, que loitou na zona de Betanzos e no bispado de Mondoñedo, Pedro Osorio na área de Compostela, e Diego de Lemos, no sur de Lugo e en Ourense, e Lopo Mariño de Lobeira. Como data simbólica, o 25 de abril de 1467 foi arrasada a primeira fortificación, o Castelo Ramiro, preto de Ourense. A sorpresa do ataque foi decisiva no triunfo irmandiño, así como o total abandono dos vasalos ós señores e, por tanto a falta de apoio destes para se defender, volvéndose vas as tentativas da nobreza por resistir. Así, Lope García de Betanzos declara "pues toda la gente del dicho reino andaba en favor de la dicha hermandad y hera contra ellos y ellos no tenían favor ninguno, porque sus mismos basallos eran contra sus señores...".[14]

 
Torreón dos Andrade. Afonso de Lanzós, no comando dos Irmandiños, apoderouse do castelo e da vila de Pontedeume, conservándose na súa posesión durante algún tempo.

A maioría dos nobres intentou fuxir de Galicia: Sancho de Ulloa e Diego de Andrade partiron cara Castela (se ben foron interceptados polos combatentes da condesa de Ribadavia, quen os encarcerou durante dous anos).[17] O arcebispo Fonseca, que se achaba no seu desterro de Redondela, fuxiu tamén, primeiro para Castela, e máis tarde para Portugal. Para Portugal fuxiron tamén outros como Juan de Zúñiga, Pedro Álvarez de Soutomaior ou Juan de Pimentel.[5] Algúns intentaron resistir, como Álvar Páez de Soutomaior, que se fixo forte en Tui ata que, pouco antes da súa morte repentina, rendeu a cidade ós cinco mil irmandiños que a asediaban,[17][19] como o conde de Lemos, que saíra vitorioso no principio, mais tivo finalmente que fuxir para o seu castelo de Ponferrada; alí refuxiouse tamén o seu xenro, Pardo de Cela. Outros permaneceron agochados por terras galegas, como Sueiro Gómez de Soutomaior, parente de Álvar Páez.[20] Gómez Pérez das Mariñas encontrou refuxio no mosteiro de Samos, onde tamén se resgardou Alonso Osorio, herdeiro da casa de Lemos[21]. A fuga do conde de Lemos, a derrota do señor máis poderoso de Galicia, simboliza a derrota dos señores[22] "porque pues el conde de Lemos no podiera defender las suias [as fortalezas] y se fuera para Castilla que menos lo podieran azer los otros".[14][23]

A importancia da fuga de Lemos é recollida tamén polos cronistas: "En corto tiempo los gallegos no sólo arrancaron de las selvas a los facinerosos y los arrastraron al patíbulo, sino que se apoderaron de fortalezas tenidas por inexpugnables, y al conde de Lemos, el más poderoso de los Grandes de la provincia, obligáronlo a huir y le persiguieron hasta el exterminio".[4]

Vitoria e recoñecemento da revolta

editar
 
Escena de batalla medieval.

A vitoria irmandiña foi rápida e completa. Os autores máis próximos a estes acontecementos relatan a lista de castelos, fortificacións, simples torres ou casas fortes que foron total ou parcialmente derrubadas. O seu número, segundo calcula Lojo Piñeiro, pode chegar a 169.[24] Descoñécense cantas fortificacións foron entregadas pacificamente á Irmandade e cantas deberon ser tomadas pola forza. Nas declaracións do preito Tabera - Fonseca indícase que os irmandiños arrasaron mesmo fortificacións de cabaleiros participantes ou simpatizantes da Irmandade, e non só fortificacións dos señores, senón tamén casas-fortes de fidalgos.

Destaca a aparente resolución irmandiña de non se vingar nos señores derrotados e fuxidos, algúns deles escondidos en mosteiros e casas de antigos vasalos.

 
Proxectís de catapulta no castelo da Rocha Forte.

A resposta de Henrique IV foi de claro apoio, emitindo unha carta o 6 de xullo dese ano, onde dá por bos os arrasamentos feitos:

Así en el derribar de las dichas fortalesas que derribastes, como en el proçeder que proçedistes contra los malfechores, que aprovase e confirmase e oviese por bien fecho todo lo que fesistes en esta parte, segúnd e por la forma e manera que en ello proçedistéis, e yo tóvelo por bien e quiero e mando e me plase de aprovar e apruevo por la presente el derribamiento de aquellas fortalesas que vosotros derribastéis, de las quales se fasían robos e muertes e fuerças e otros males e daños, e eran receptadoras de los malfechores e defensores dellos e de los omes criminosos, e así mismo qualesquier otras cosas que por vía de justiçia avedes fecho e proçedido, e lo loo e apruevo e he por bien fecho.[25]

Henrique IV pedía nese mesmo documento, ós alcaides das fortificacións galegas que estaban asediadas, debido ós males que desde elas facían, que "las den e entreguen a los alcaldes e diputados de la Santa Hermandad del dicho regno".

É importante mencionar que, algúns meses antes deste recoñecemento e referendo dado ás Irmandades, Henrique IV tivera que requirir a recondución dalgunhas actuacións das Irmandades contrarias ós intereses da coroa. Así, o 25 de abril pediu a devolución a Teresa de Zúñiga, condesa de Santa Marta, ó seu fillo, o conde Bernaldino Sarmiento e a Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei, de "qualesquier tierras e vasallos e fortalesas que les tengades tomadas...". Do mesmo xeito, o 19 de xuño esixiu que devolvesen a vila e castelo de Monterrei a Pedro de Estúñiga, que primeiramente lle fora arrebatada polo seu irmán Juan de Estúñiga, e a este máis tarde pola Irmandade. Por iso ordenou á Irmandade

tornar e restituir, apoderándole en la posesión della, como a señor de la dicha villa, segúnd que antes que fuese desposeído la tenía, en lo qual me faréis agradable plaser e serviçio, por quanto el dicho Pedro de Estúñiga es mi servidor e ha de guardar las cosas complideras a mi serviçio e a la conservaçión e guarda y acreçentamiento de esa Santa Hermandad.

Estruturación e armamento

editar
 
Espadas do período final da Idade Media.

Os irmandiños formaran exércitos nas comarcas, que se xuntaban para acometer grandes asedios ou batallas, implicando ou pretendendo implicar nalgunha ocasión ó conxunto de Galicia. Existen probas de que a mobilización foi bastante xeral nas cidades e no campo (perdéronse colleitas), polo menos entre as persoas comúns.

É errónea a imaxe dos irmandiños enfrontándose con aparellos agrícolas: contaban con experiencia militar previa nos exércitos feudais, e tiñan armas nas súas moradas. A infantaría e a escasa cabalaría das milicias usarían as mesmas armas que os exércitos señoriais. Ademais diso, as vilas contaban con armeiros que as fabricaban.

Evolución durante o triunfo da revolta

editar

O interclasismo do seo da Irmandade (nobreza alta e baixa, clero, burgueses e campesiños) non permitiu posiblemente manter a súa unidade despois do triunfo. En 1469 as diferenzas entre os membros das diferentes xuntas, entre algunhas delas e entre os diversos grupos sociais integrados nelas, traducíronse en claras confrontacións.[18] De calquera forma, o desenlace final da revolta irmandiña foi debido primariamente a circunstancias externas a Galicia. Basicamente influíron dous feitos que tiveron lugar na segunda metade de 1468: o primeiro foi o falecemento do infante Afonso, e o segundo, a reconciliación de Henrique IV coa nobreza opositora, co pacto dos touros de Guisando, polo que Henrique recoñecía como herdeira do trono á súa irmá Isabel de Castela.

O contraataque dos señores

editar
 
Os soldados de Pedro Álvarez usaban arcabuces na Segunda Guerra irmandiña. O da imaxe é de 1425
 
Afonso V de Portugal, quen axudou a Pedro Madruga.

Esta situación provocou que os señores galegos preparasen o seu retorno, reorganizándose e procurando apoios. Así, segundo Vasco de Aponte, na primavera de 1469 Pedro Álvarez de Soutomaior reuniuse en Monção co arcebispo Fonseca e con Juan Pimentel, acordando reunir as súas tropas nas proximidades de Santiago.

O acordo levouse a cabo e, logo de chegar estes baixo as ordes de Soutomaior, que entrara por Portugal á fronte de 100 lanzas e uns 2.000 peóns (no seu camiño, xunto ó castro da Framela, tivo que facer fronte a catro ou cinco mil viláns e, logo de vencelos, sorteou a cidade de Pontevedra, onde se encontraban os irmandiños ó mando de Lope Pérez Mariño, fillo de Paio Mariño de Lobera).[26]

O exército de Fonseca, Pimentel e Soutomaior, cun total de trescentas lanzas, entre casteláns, portugueses e galegos, venceu na batalla de Balmalige (lugar aínda indeterminado que aparece na documentación do Preito Tabera - Fonseca) posiblemente na contorna do monte Almáciga a dez mil irmandiños comandos por Pedro Osorio.[26] Esta vitoria resultou ó cabo decisiva, pois dous meses máis tarde, en xullo de 1469, a cidade de Santiago viuse obrigada a abrir as portas ó arcebispo "y después se conçertara con la dicha ciudad y les juró sus costumbres y prebillegios de se los guardar y se le entregara la dicha ciudad".[14]

Uníronse a este exército as tropas de Fernán Pérez de Andrade, Sancho Sánchez de Ulloa, Lope Pérez de Moscoso e Gómez Pérez das Mariñas. Entón, desde Santiago, encamiñáronse cara aos dominios de Andrade. No castro Gundián, encontráronse cun exército irmandiño mandado por Afonso de Lanzós, que agardaba os reforzos de Diego de Lemos. Mais a batalla comezou sen chegaren os reforzos, e Alonso, logo dun breve parlamento con Pedro Álvarez de Soutomaior, optou pola retirada.[26] A chegada posterior dos reforzos, ó mando de Diego de Lemos xa non tivo consecuencias. Logo desta nova derrota, os señores liquidaron a resistencia irmandiña naquela zona, aínda que Pontedeume non foi entregada ó de Andrade, senón ó arcebispo, por decisión de Afonso de Lanzós, mortal inimigo do primeiro.[27]

O conde de Lemos regresaba tamén a Galicia polo Bierzo, resistindo ós irmandiños, capitaneados polo fidalgo berciense Álvaro Sánchez (ó que despois mandou matar cunha seta)[28] e ás xentes de Álvaro Pérez Osorio, conde de Trastámara e agora marqués de Astorga, que apoiara a sublevación. Co conde de Lemos parece que retornaron tamén Pedro Pardo de Cela, con Pedro Miranda, Pedro Bolaño e outros como Alonso López de Lemos, pai de Diego de Lemos. Os primeiros, ó parecer, atacaron os núcleos irmandiños de Lugo e a súa comarca; o último, pola súa parte, fíxoo contra os que ocupaban as terras de Lemos, ós que parece que venceu na parroquia de Vilamelle, xunto a Ferreira de Pantón, apoderándose da vila de Monforte.[29]

Porén, os éxitos en campo aberto da cabalería feudal non existiron no caso das cidades amuralladas, o que obrigou ós señores máis importantes a pactar, axudados despois por algúns irmandiños, sen solución de continuidade, a combater ós novos inimigos compartidos. Primeiro pactou o arcebispo Fonseca con Santiago, Pontevedra e demais vilas da Terra de Santiago, e despois o conde de Lemos con Ourense e Allariz (contra o conde de Benavente).

O pacto de Fonseca coas cidades irmandiñas da Terra de Santiago é feito sobre a base de que Fonseca respectase os usos e costumes urbanos e o acordo de non reedificar as fortificacións que lle foran derrubadas, o que se reflectiu máis de medio século despois no preito Tabera - Fonseca.

Aínda durante os anos 1470 e 1471 resistían as cidades da Coruña, Pontedeume, Viveiro, Ribadavia, Lugo e Mondoñedo. En calquera caso, en pouco tempo a maior parte da Irmandade foi derrotada, recuperando os grandes señores galegos o control dos seus antigos dominios.

Consecuencias

editar
 
Castelo de Sandiás, arrasado en 1467 na Gran Guerra Irmandiña e reconstruído ó rematar a guerra.

Non se rexistraron "castigos exemplares" dos vencedores sobre os vasalos que se rebelaron. Talvez non foi "posible" polo carácter masivo do movemento contra as fortificacións e anti-señorial. Os portavoces posteriores dos vencedores, como Vasco de Aponte e Felipe de la Gándara,[30] tampouco dan fe de represalias. Talvez contribuíu para a falta de represión o feito de que previamente os irmandiños tampouco se vingaran dos cabaleiros derrotados ó lograr a vitoria en 1467.

Talvez foi o sentido práctico, que transloce na célebre resposta do conde de Lemos a Pardo de Cela. Cando o mariscal o instaba a "encher os carballos de vasalos [aforcados]", o conde respondeulle que "non se ía manter de carballos".

 
Fin da Revolta campesiña de 1381 en Inglaterra. No caso inglés, o final foi máis grave para os campesiños: a maioría dos líderes foron capturados e executados. As concesións iniciais foron revogadas e o imposto orixe da revolta foi novamente introducido.

Couselo Bouzas indica que a maior parte das testemuñas ó respecto do preito Tabera - Fonseca concéntranse na ansia reconstrutora do conde de Lemos, que obrigaba a serventías de dous ou tres días por semana, para o que debían levar carro e bois e satisfacer dous reais para pagar ós encargados da dirección das obras.[14]

O custo principal foi en serventías, prestacións persoais que a maioría dos señores impuxeron ós vasalos para a reconstrución das súas fortificacións. Setenta e tres fortificacións, menos da metade das que foron arrasadas, foron reconstruídas.[24]

Influencias posteriores

editar

Sen dúbida influíu na decisión dos Reis Católicos de pacificar o Reino de Galicia (decretando a Doma y castración del Reino de Galicia), forzando o arrasamento das fortificacións dos nobres rebeldes. A acción dos Reis Católicos en Galicia foi (obviando por un momento a problemática cultural causada por certas accións) en palabras de Fernando Lojo, "vista na mentalidade colectiva como unha auténtica liberación e o inicio da pacificación do reino, obxectivo que buscara tamén, con menos resultado, a irmandade de 1467".[24]

Ata certo punto a revolución Irmandiña tivo influencia incluso na creación en Castela dun Estado Moderno por parte dos Reis Católicos. En efecto, como indica Carlos Barros,[31] un Estado Moderno, suxeito a unha monarquía absolutista, só se pode impor unha vez que os grupos populares derrubaron, irreversiblemente, as fortalezas, non só as físicas (fortificacións), senón tamén éticas (consentimento) do poder señorial.

Fontes: Preito Tabera-Fonseca

editar

A Gran Guerra Irmandiña converteuse nun tema atractivo e recorrente na historiografía galega, maiormente despois da localización e estudo do preito Tabera - Fonseca (1526-1527), o que fixo posible coñecer tanto unha parte da historia da revolta, como a mentalidade dos irmandiños e os seus contrarios.[32]

Outras revoltas do século XV

editar

No mesmo século tivo lugar tamén a revolta catalá dos "payeses de remensa" contra os malos usos feudais. No caso catalán terminou de maneira favorable para os campesiños, mercede á sentenza de Guadalupe, auspiciada en 1486 por Fernando II de Aragón.

  1. PALLARÉS MÉNDEZ, M. C.; PORTELA SILVA, E. De Xelmírez aos Irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV). A gran historia de Galicia, Tomo V, Volume 2. Arrecife Edicións Galegas (2007). ISBN 978-84-96931-10-7.
  2. BLICKLE, P. (1997). Resistance, Representation, and Community: Representation and Community. European ScienceFoundation. ISBN 0-19-820548-1. 
  3. As primeiras revoltas medievais xa tiveran lugar en Europa durante a segunda metade do século XIV, despois da peste negra de 1348: a Jacquerie na Francia en 1358 ou a Revolta campesiña de 1381 en Inglaterra
  4. 4,0 4,1 4,2 PALENCIA, A. de (1904). Crónica de Enrique IV. 
  5. 5,0 5,1 5,2 PORTELA PAZOS, S. Galicia en tiempo de los Fonseca. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 MORALES MUÑIZ, D.C. (1988). El príncipe don Alfonso de Ávila, rey de Castilla. 
  7. 7,0 7,1 PARDO DE GUEVARA, E. (2000). Los Señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media. colección "Galicia Histórica". 
  8. A súa lealdade á causa de D. Afonso é sostida en LÓPEZ FERREIRO, A. (1896). Galicia en el último tercio del siglo XV.  mentres que a súa lealdade a D. Henrique é defendida en FRANCO SILVA, A. (1982). El señorío de Villafranca del Bierzo. Boletín de la Real Academia de la Historia. 
  9. 9,0 9,1 9,2 GARCÍA DE SALAZAR, L. (1971). Bienandanzas e fortunas. A. Rodríguez Herrero, Bilbao. 
  10. GUTIÉRREZ NIETO, J.A. (1975). «Puntos de aproximación en torno al movimiento hirmandino (relaciones entre la Santa Hermandad y la Santa Irmandade)», Actas de las I Jornadas de metodología aplicada de Ciencias Históricas. 
  11. OLIVERA SERRANO, C. (1990). La ausencia de Galicia en las cortes del siglo XV", Galicia en la Edad Media. , p. 320-321.
  12. Crónica de Enrique IV. BAE núm. 257. 1973. p. 191-192.
  13. TBD (1901). Galicia Histórica. , vol. I, p. 19-27.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Á. Las fortalezas de la mitra compostelana y los irmandiños. 84-85728-39-X. 
  15. Pedro Maldonado, veciño de Zamora e diputado de la Santa Hermandad della, e Alfonso Fernández da Madalena, veciño tamén de Zamora e "cuadrillero de la dicha Santa Hermandad de la dicha çibdad".
  16. LÓPEZ CARREIRA, A. Os irmandiños. Textos, documentos e bibliografía. 
  17. 17,0 17,1 17,2 COUSELO BOUZAS, J. La guerra hermandina. 
  18. 18,0 18,1 18,2 BECEIRO PITA, I. La rebelión irmandiña. Colección Arealonga. 
  19. VÁZQUEZ, R. (1467/1468). Crónica de Santa María de Iria. 
  20. SALVADO MARTÍNEZ, V. (1943). El mariscal don Suero Gómez de Sotomayor. Museo de Pontevedra, 2. 
  21. VAAMONDE LORES, C. Gómez Pérez das Mariñas y sus descendientes. , p. 18-21.
  22. BARROS, C. Os irmandiños da Terra de Lemos Arquivado 08 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
  23. Afonso do Campo, escudeiro lugués participante na grande revolta.
  24. 24,0 24,1 24,2 LOJO PIÑEIRO, F. (1991). A violencia na Galicia do século XV. Universidade de Santiago de Compostela. 
  25. PARDO DE GUEVARA, E. "Notas para una relectura del fenómeno hermandino", doc. IV. 
  26. 26,0 26,1 26,2 APONTE, V. de (1943). Relación de algunas casas y linajes del reino de Galicia. Editorial Nova, Buenos Aires. 
  27. Malia todo, Lanzós foi perseguido e apresado por Fernán Pérez Parragués, que o entregou a Fernán Pérez de Andrade.
  28. "Seta". Digalego.xunta.gal. Consultado o 9 de agosto de 2019. 
  29. GÁNDARA, F. de la (1662). Armas y Triunfos. Hechos heróicos de los hijos de Galicia. 
  30. Nomeado cronista oficial de Galicia pola Xunta de Galicia en 1654.
  31. BARROS GUIMERÁNS, C. (1996). ¡Viva El-Rei! Ensaios Medievais. Edicións Xerais. ISBN 84-7507-961-X. , capítulo "Os señores que foron".
  32. Este documento foi dado a coñecer por José Couselo Bouzas cara a 1925, sendo finalmente publicada a súa transcrición completa en 1984 por Ángel Rodríguez González. Inclúe 204 declaracións de testemuñas, incluíndo as respostas a preguntas tales como o por que do derrubamento das fortificacións en 1467.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar