Diacríticos do alfabeto grego
Diacríticos |
---|
O alfabeto grego orixinal non posuía diacrítico ningún: a lingua durante séculos escribiuse só en maiúsculas. Os diacríticos, porén, apareceron no período helenístico e volvéronse sistemáticos na Idade Media, desde o século IX; o grego (antigo e moderno) tal e como se tipografía actualmente é, pois, o resultado de moitos séculos de evolución; os diacríticos son hoxe obrigatorios.
Desenvolvemento histórico
editarO alfabeto grego testemúñase desde o século VIII antes da nosa era. Ata -403, as letras gregas - que só existen en maiúsculas - trázanse de forma diferente segundo as cidades, as rexións. A partir de -403, os atenienses deciden enpregar unha versión do alfabeto xónico, que se enriqueceu segundo, e sobre todo, se ía impoñendo no resto do mundo grego, eliminando máis ou menos rápido as outras formas do alfabeto, os chamados « epicóricos ». O modelo xónico, con todo, tamén conta só con maiúsculas.
É na época helenística cando Aristófanes de Bizancio (finais do século III antes da nosa era) inventaría os espíritos - marcas de aspiración (a aspiración xa se notaba nalgunhas inscricións, non por medio de diacríticos senón de letras) — e os acentos, cuxo emprego comezou a se xeneralizar, para ser perfecionado na Idade media. Cómpre agardar ata o século II para que os acentos e os espíritos aparezan, esporadicamente, nos papiros.
No século IX da nosa era, a puntuación, as minúsculas (que forman un conxunto composto de formas cursivas e de reducións de maiúsculas) e os diacríticos son de uso sistemático e chégase mesmo a corrixir os manuscritos máis antigos. A imprenta acelerou o proceso de normalización.
En 1982, con todo, o antigo sistema, chamado « politónico », composto de signos que desde había tempo eran inútiles, simplificouse: é o sistema « monotónico », que é oficial en Grecia.
Sistema politónico
editarOs diacríticos que se usaban en grego antigo son moito máis numerosos cós do grego moderno. Chámase sistema politónico, (πολυτονικὸν σύστημα polutonikòn sústêma) ao conxunto das regras de uso dos diacríticos da lingua antiga: en efecto, como veremos, esta lingua distiguíase pola existencia de tres acentos, de feito modulacións, de onde o de politónico: « con moitas entonacións ». Oponse este sistema complexo ao chamado monotónico, utilizado hoxe para o grego moderno (véxase máis abaixo).
Os espíritos só se escriben sobre unha vogal ou un ditongo inicial ou sobre a consoante rho (Ρ ρ) tamén en posición inicial. O seu nome significa propiamente «sopro» (do latín spiritus) e non «alma». Indican a presenza (espírito áspero: ῾) ou non (espírito suave: ᾿) dunha consoante [h] ante a primeira vogal da palabra.
A súa localización é particular:
- enriba dunha letra minúscula: ἁ, ἀ, ῥ, ῤ;
- á esquerda dunha letra maiúscula: Ἁ, Ἀ, Ῥ, ᾿Ρ;
- sobre a segunda vogal dun ditongo: αὑ, αὐ, Αὑ, Αὐ.
Toda palabra que empece por vogal, ditongo ou rho debe levar espírito. Pero un texto escrito totalmente en maiúsculas non os levará. Distinguirase desta maneira un iota adscrito (véxase máis abaixo) que non pode levar diacríticos: Ἄιδης non estaá pois composto do ditongo ᾰι, que levaría os diacríticos Αἵ- coa maiúscula, senón do ditongo con primeiro elemento longo ᾱι, que podería tamén escribirse ᾍι-.
Espírito áspero
editarNa orixe, no alfabeto que empregaban os atenienses, o fonema [h] representábase coa letra eta (Η), que deu o H latino. Despois da reforma de -403, normalizouse un modelo xónico (e impúxose de feito ao resto de Grecia), modelo no que a mesma letra se empregaba para notar un [ɛː] (e aberto longo), pois a letra Η quedara dispoñible pola súa inutilidade en xónico por causa da psilose (desaparición da aspiración). Así, unha vez popularizado o modelo xónico, deixou de ser posible notar o fonema [h] aínda que era pronunciado en varios dialectos, entre os que contaba o xónico-ático de Atenas e, a partir del, a koiné, ata época imperial.
Aristófanes de Bizancio, no século III antes da nosa era, sistematiza o uso dun H cortado en dous, do que se atopan testemuños epigráficos anteriores (por exemplo en Taranto). Esta parte do H deu , ás veces L, carácter pronto simplificado en ҅ nos papiros, logo en ῾ a partir do século XII, aparecendo o diacrítico chamado πνεῦμα δασύ pneũma dasý, « sopro áspero ». Non hai que esquecer que nesta época o fonema [h] desaparecera do grego: a invención e o perfeccionamento deste diacrítico inútil na práctica é, pois, dun arcaísmo gramatical excepcional.
O emprego do espírito áspero como diacrítico, con todo, limítase ás iniciais vocálicas e ao rho en principio de palabra; non é posible indicar facilmente a presenza de [h] no interior dunha palabra ou ante consoante: ὁδός lese hodós (« estrada ») pero no composto σύνοδος sýnodos (« reunión », que dá sínodo en galego), nada indica que haxa que ler sýnhodos. En gramática grega, dise dunha palabra que empece por [h] que é δασύς dasýs (« áspera »).
No dialecto xónico-ático, o de Atenas (que deu orixe, ao se converter en koiné, ao grego moderno), o fonema /r/ era sempre xordo en posición inicial: ῥόδον («(a) rosa») pronunciábase [r̥ódon] e non [ródon]. Para notar este fenómeno, ampliouse o papel do espírito áspero: todo rho inicial debe levalo. Isto explica por que as palabras de orixe grega que empezan por r que pasaron ás linguas modernas se escriban sempre con rh- en francés ou inglés, pero con r- en galego: por exemplo, a palabra rododendro é rhododendron en francés. Como existen dialectos con psilose (desaparición da aspiración; é o caso do eolio de Safo, por exemplo), as edicións modernas de tales textos utilizan ás veces o espírito suave sobre o rho inicial.
Espírito suave
editarMentres que o espírito áspero indica a presenza dun fonema, [h], o espírito suave not a ausencia dun tal fonema: de feito, nondesempeña papel ningún, non sendo o de permitir unha mellor lectura; en efecto, xa que só o poden portar as vogais iniciais, como o espírito áspero, indica claramente o principio de determinadas palabras. nos manuscritos medievais, moitas veces de difícil lectura, é evidente que tal signo desempeña un non desprezable papel, a fin de contas.
A invención do espírito suave — ou πνεῦμα ψιλόν pneũma psilón «sopro simple» — atribúese tamén a Aristófanes de Bizancio. Pero xa existía anteriormente. Trátase simplemente da inversión do áspero: o semi-eta convértese en ҆ e logo en ᾿.
Excepto nas edicións francesas, cando dous rho se seguen nunha mesma palabra, é posible escribilos -ῤῥ-, como en πολύῤῥιζος polýrrizdos («que ten varias raíces»). Nunha edición francesa, a palabra escribiríase πολύρριζος. Esta grafía -ῤῥ- non ten xustificación.
Acentos
editarA lingua grega da Antigüidade tiña acento de altura, do mesmo xeito có lituano clásico ou có sánscrito védico. Coñecía dous ou tres acentos (non é doado precisalo), dos que un era unha modulación (ver Acentuación do grego):
- unha elevación da voz;
- unha elevación e logo unha caída (modulación);
- quizais unha caída.
Unha das invencións meirandes dos filólogos alexandrinos, quizais tamén Aristófanes de Bizancio, xunto coa dos espíritos, consistiu en indicar o lugar dos acentos, o que as inscricións clásicas nunca ants fixeran. O sistema escollido é simple; son acentos cuxo trazado representa a modulación vocal. Así, a elevación da voz (↗) represéntase cun trazo ascendente subscrito: ´; a modulación descendente e logo ascendente (↗↘) con ^. Finalmente, a ausencia de elevación ou o descenso (↘) simbolízase cun `.
A localización dos acentos segue a dos espíritos:
- enriba dunha letra minúscula: ά, ᾶ, ὰ;
- á esquerda dunha maiúscula; neste caso, o signo vai por forza precedido dun espírito: Ἄ, Ἂ, Ἆ;
- sobre a segunda vogal dun ditongo; se esta é inicial, o acento sitúase tras o espírito: αύ, αὺ, αῦ, αὔ, αὒ, αὖ, Αὔ, Αὒ, Αὖ.
Non todas as palabras levan aun acento (existen enclíticos e proclíticos). Nun texto en maiúsculas non se escriben nin espíritos nin acentos.
O sistema acentual do grego así como as súas regras descríbense en detalle no artigo «Acentuación do grego».
Acento agudo
editarChamada τόνος ὀξύς tónos oksýs, «entoación aguda», a elevación da voz represéntase co acento agudo. Segundo os testemuños de filólogos antigos, esta elevación alcanzaba unha quinta.
O acento agudo pode atoparse sobre unha vogal ou un ditongo de calquera timbre, pero a súa posición na palabra está suxeita ás leis de limitación (na práctica, non pode ir máis aló da entepenúltima sílaba se a última vogal é breve, nin máis aló da penúltima se esta última vogal é longa).
Acento circunflexo
editarÉ a προσῳδία ὀξυϐαρεῖα prosôidía oksybareĩa, «melodía aguda-grave», ou περίσπασις períspasis, «(pronunciación) oblicua» cuxo signo resulta da unión dun acento agudo e outro grave. Este toma segundo os editores e os programas utilizados a forma dun acento circunflexo: η̂, dun circunflexo curvado: η̑, ou dun til: η̃. Sexa cal for a súa forma, sempre se chama circunflexo.
O acento circunflexo só pode atoparse sobre unha vogal longa (ᾱ, η, ῑ, ω, ῡ) ou un ditongo. A súa posición na palabra está suxeita ás leis de limitación (sobre a penúltima sílaba se a derradeira vogal é breve, sobre a derradeira sílaba se esta é longa).
Acento grave
editarA entoación ou τονὸς βαρύς tonòs barýs márcase co acento grave. Non é posible determinar exactamente como se realizaba esta entoación. Nos primeiros tempos, toda vogal átona podía levalo, cousa que permitiría pensar que non se trata dunha entoación particular (como unha caída da altura da voz) senón dunha ausencia de entoación. o uso, con todo, limitou o seu emprego ás palabras con final agudo seguidas doutra palabra tónica.
Así, emprégase o acento grave no canto do agudo final dunha palabra que non se atopa ante unha pausa: τονός tonós vólvese τονὸς tonòs ante βαρύς barýs, por exemplo. Só se pode, pois, atopar en final.
Diérese
editarAparecida no curso da Idade Media, a diérese, διαίρεσις diáiresis ponse sobre un iota ou un ípsilon para indicar que estas dúas letras non forman o segundo elemento dun ditongo, senón o principio dunha sílaba nova. Atópase nun pequeno número de palabras: αὐτή autế [aʷtɛ́ː] « ela mesma», pero ἀϋτή aütế [a.yːtɛ́ː] «berro de guerra», ou mesmo ῥοΐσκος roḯskos [r̥o.ískos] «borla en forma de granada que decora o baixo da túnica do Gran Sacerdote dos xudeus».
En certas edicións, a diérese omítese se a grafía non é ambigua; ἀϋτή aütế pode escribirse sen problema ἀυτή: a situación do espírito chega para indicar o estatuto independente do υ y.
A diérese úsase nun texto totalmente en maiúsculas, ao contrario dos espíritos e os acentos. Obviamente nunca se atopa en principio de palabra.
A lingua grega clásica coñecía ditongos con primeiro elemento longo — ᾱι [aːʲ], ηι [ɛːʲ] e ωι [ɔːʲ] —, frecuentes na flexión nominal e verbal. Estes ditongos, con todo, foron simplificados a partir do século II antes da nosa era no dialecto de Atenas, ben por abreviación do primeiro elemento: [aːʲ] > [aʲ], ben, máis frecuentemente, por monotongación: [aːʲ] > [aː] (perda do segundoi elemento). As inscricións antigas escriben pois ΑΙ, ΗΙ, ΩΙ antes do século II e Α, Η, Ω despois.
Os manuscritos medievais a partir do século XIII, porén, gardan unha traza etimolóxica destes ditongos antigos (cómpre non perdermos de vista que os diacríticos foron concibidos polos gramáticos da Antigüidade) ao escribiren o iota; para marcar que é mudo (cousa que é verdade na súa época pero non na da redacción dos textos clásicos nates do século II), colócase baixo a vogal; chámase a este diacrítico iota subscrito: νεανίᾳ neaníâi «mozo», κεφαλῇ kephalễi «cabeza», δώρῳ dốrôi «regalo» (os tres en dativo singular). Unha lettre maiúscula pode tamén recibir o iota subscrito; escribirase entón ᾼ, ῌ, ῼ ou ben o iôta adscríbise e queda en minúscula; un iota adscrito non recibe, ademais, diacrítico ningún: Αι, Ηι, Ωι. Así, o verbo «cantar» escríbese ᾄδω ấidô pero ᾌδω ou Ἄιδω en inicio de frase. A última grafía amosa ben canto importa a localización dos diacríticos: Ἄι non pode ser lido doutra forma que [áːʲ]; se se tratase do ditongo normal, sería o iôta o que recibiría os diacríticos: Αἴ [áʲ].
Coronis
editarEn caso de crase (contracción de dúas vogais en hiato entre dúas palabras unidas polo sentido), a vogal xurdida da fusiín das dúas vogais leva un signo da mesma forma ca un espírito suave (nos primeiros tempos, tratábase dun apóstrofe), a κορωνίς korônís (literalmente: «ganchiño»). Como un espírito non pode atoparse en interior de palabra, pois sempre vai sobre a vogal inicial, non pode confundirse nunca coa coronis: καὶ ἐγώ kaì egố («eu tamén») dá κἀγώ kagố despois da crase.
A crase limítase a un pequeno número de expresións, entre as cales a célebre denominación do «home de ben », en grego καλὸς κἀγαθός kalòs kagathós, crase para καλὸς καὶ ἀγαθός kalòs kaì agathós (propiamente: «guapo e bo»).
Cando a primeira das dúas vogais que se contraen leva unha aspiración, a coronis substitúese por un espírito áspero: ὁ ἐμός ho emós > οὑμός houmós («o meu»). Se é a segunda vogal a aspirada e se esta aspiración pode ser indicada por medio dunha consoante aspirada, a coronis mantense suave: τῇ ἡμέρᾷ tễi hêmérâi > θἠμέρᾷ thêmérâi («o día», dativo singular).
O uso da coronis non é moi antigo: data da Idade Media.
Modificación dos diacríticos en caso de elisión ou crase
editarEn caso de elisión — simple ou aférese por elisión inversa — a letra elidida podía levar un acento (pero non un espírito: non se eliden as vogais soas, como o artigo ὁ ho, «o», ou o pronome relativo ὅ hó «que (neutro)»):
- elisión simple: a vogal elidida remmprázase por unha apóstrofe. Cómpre considerármonos a natureza da palabra a elidir:
- preposicións e conxuncións disílabas, monosílabos tónicos: o acento desaparece simplemente; así μετὰ δέ + ἡμῶν metà dé + hêmốn > μετὰ δ’ ἡμῶν metà d’hêmốn («connosco»), ἀλλά + ἐγώ allà + egố > ἀλλ’ ἐγώ all’ egố («pero eu»),
- palabra polisílaba con acento agudo final: o acento agudo pasa á penúltima sílaba: πολλά + εἶδον pollá + eĩdon > πόλλ’ εἶδον («vin moitas cousas»),
- aférese por elisión inversa: o uso máis frecuente consiste en substituír a vogal elidida por unha apóstrofe mentres que o acento non se traslada: ὦ ἄναξ ỗ ánaks > ὦ ’ναξ ỗ ’naks («¡rei!»). Nalgunhas edicións, máis raramente, o acento consérvase; non ten valor ningún: ὦ ῎ναξ ỗ ’'naks.
Para unha análise máis detallada dos procesos implicados, consultar o artigo Acentuación do grego.
Cando dúas palabras se funden por crase, só importa a segunda palabra:
- se este é un proclítico, o resultado da crase é átono: καὶ οὐ kaì u > κοὐ ku («e non»;
- se leva un acento agudo sobre a penúltima vogal, a crase leva normalmente un circunflexo: τὰ ἄλλα tà álla > τἆλλα tãlla («os outros (neutro)»);
- nos outros casos, consérvase o acento da segunda palabra tal cal: ὦ ἄνθρωπε ỗ ánthrôpe > ὤνθρωπε ốnthrôpe («¡home!»).
Non esquezamos que o resultado dunha crase debe levar unha coronis ou un espírito áspero.
Signos filolóxicos
editarAlgúns signos utilízanse con fins exclusivamente gramaticais ou filolóxicos; só aparecen en obras didácticas, filolóxicas ou científicas (epigrafía, papiroloxía, paleografía etc.).
É o caso do macron e do signo breve (dous diacríticos que datan da Idade Media), que permiten indicar a cantidade da vogais α a, ι i, υ y. A escritura, en efecto, é ambigua, pois o mesmo signo noat dous fonemas. O alpha α a, por exemplo, pode lerse [a] ou [aː]. Para facer aparecer a cantidade, utilizarase ᾱ â para [aː] e ᾰ a para [a]; igualmente con ῑ î e ῐ i, ῡ /y:/ e ῠ /y/. Estes dous signos son antigos en grego.
Finalmente, nas edicións filolóxicas, as letras de lectura non segura (as máis das veces porque a fonte, o manuscrito ou papiro, está corrompida sen que haxa outra fonte para a comparar) son tradicionalmente acompañadas dun punto subscrito. Velaquí, a título de exemplo, un fragmento de Safo tal e como aparece no Greek Lyric, Sappho and Alcaeus, editado por David A. Campbell na Loeb Classical Library (as pasaxes que faltan están entre corchetes; as letras que aparecen aí son estimativas; o punto só indica a presenza dunha letra ilexible):
- ]ανάγα̣[
- ] . [ ]εμνάσεσθ’ ἀ[
- κ]αὶ γὰρ ἄμμες ἐν νεό[τατι
- ταῦ̣τ̣’ [ἐ]πόημμεν·
- πό̣λ̣λ̣α̣ [μ]ὲν γὰρ καὶ κά[λα
- . . .η̣ . [ ]μεν, πολι[
- ἀ]μμε̣[ . ]ὀ[ξ]είαις δ̣[
Papiro Oxyrhynchos 1231, fragmento 13 + 2166(a)7a
Conxunción dos diacríticos
editarUnha vogal inicial minúscula pode levar como máximo tres diacríticos diferentes. Cómpre pois situalos ben: o acento ponse á dereita do espírito/ da coronis (ἄ), ou por riba se é un circunflexo (ἆ), o iota mudo é subscrito e non molesta os outros diacríticos (ῳ). O acento circunflexo colócase por riba da diérese (ῧ), os outros acentos entre os dous puntos (ΐ).
Coas maiúsculas capitais, os diacríticos póñense á esquerda da letra e o iota mudo adscríbese: Ἄ, Ἆ, Ωι, Ϋ͂, Ϊ́.
Nota: o carácter complexo ᾗ forma unha palabra única, que se le hễi e significa «á que» (dativo feminino do pronome relativo).
Sistema monotónico
editarNo curso da súa longa historia, a lingua grega non parou de evolucionar; así, a partir da κοινή, o acento de altura volveuse un acento de intensidade, a consoante [h] perdeuse (psilose), o iota «mudo» volveuse tal: os tres acentos, os espíritos e o iota subscrito son, pois, inútiles para notaren a lingua actual, a δημοτική ðimotikí e nos usos modernizados da καθαρεύουσα (que pode conservar tamén, por tradición, os diacríticos antigos).
Houbo que esperar ata abril de 1982 para que o goberno grego acepte por decreto o sistema chamado monotónico (μονοτονικό σύστημα monotonikó sístima) porque só emprega un único tipo de acento escrito, que nota a posición do acento tónico. este acento único, chamado τόνος tónos, substitúe os tres acentos do grego antigo, que se confunden. Tra´zase xeralmente como un acento agudo, malia que algúns editores prefiren un acento dereito, para marcar ben a distinción: Unicode, en canto a isto, ofrece unha localización específica ás letras acentuadas do sistema monotónico.
O grego actual utiliza aínda a diérese para eliminar as ambigüidades: Ευρωπαϊκό Evropaïkó, «europeo»; sen diérese. a palabra *Ευρωπαικό Evropaïkó leríase *Evropekó.
O acento agudo non se usa cos monosílabos, pode non obstante funcionar de maneira verdadeiramente diacrítica e permitir homónimos como που, pronome relativo e πού, adverbio interrogativo de lugar («¿onde?»).
Finalmente, a numeración grega alfabética que data da antigüidade aínda se utiliza (como os nosos números romanos, a κεραία e máis a αριστερή κεραία utilízanse como signos auxiliares que serven para illar as letras numerais. Realmente non son diacríticos. Así: 1996 = ͵αϡϟϛ, 42 = μβʹ.
Bibliografía
editar- Michel Lejeune, Phonétique historique du mycénien et du grec ancien, éditions Klincksieck, 1967;
- E. Ragon, Grammaire grecque, éditions Nathan, de Gigord, París, 1951, completamente refundida en 1961 por A. Dain, J.-A. de Foucault e P. Poulain;
- The World's Writing Systems, obra colectiva baixo a dirección de Peter T. Daniels e William Bright, Oxford University Press, 1996.