Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Na mitoloxía romana Ceres (da raíz protoindoeuropea *ker, «crecer, crear») era a deusa da agricultura, as colleitas e a fecundidade[1] . O seu equivalente na mitoloxía grega era Deméter. Dela reciben o seu nome os cereais.

Ceres nunha representación medieval
Fonte de Ceres no Xardín do Parterre de Aranjuez.
Deusa Ceres sedente. Século I d. C., Museo Nacional de Arte Romana de Mérida (España).

Ceres era filla de Saturno e Ops, nai de Proserpina, irmá de Xuno, Vesta, Neptuno, Plutón e Xúpiter e esposa de Xúpiter. Ensinou aos homes a arte de cultivar a terra, de sementar, recoller o trigo e elaborar pan, o que fixo que fose considerada deusa da agricultura. O seu irmán Xúpiter, prendado da súa beleza, procreou con ela a Proserpina (asimilada a Perséfone na mitoloxía grega). Tamén Neptuno se namorou dela, e para escapar deste Ceres transformouse en egua, pero o deus deuse conta e transformouse á súa vez en cabalo, sendo así Ceres nai do cabalo Arión.

Ceres era tamén a patroa de Enna (Sicilia). Segundo a lenda, rogou a Xúpiter que Sicilia fose situada nos ceos. O resultado, debido a que a illa ten forma triangular, foi a constelación Triangulum, un de cuxos nomes antigos foi «Sicilia».

Tiña doce deuses menores que a axudaban e estaban a cargo dos aspectos específicos da agricultura: Vervactor, que transforma a terra en barbeito; Reparator, que a prepara; Imporcitor (do latín imporcare, ‘facer sucos’), que a ara en anchos sucos; Insitor, que sementa; Obarator, que ara a superficie; Occator, que a escarifica; Sarritor, que a escarda; Subruncinator, que a clarea; Messor, que cultiva; Conuector, que transporta o cultivado; Conditor, que o almacena; e Promitor, que o distribúe[2]

 
Ceres representada no, primeiro selo francés. Deseño: Jacques-Jean Barre, 1849.

Os habitantes de Sicilia, veciños do volcán Etna, conmemoraban anualmente a saída de Ceres ás súas longas viaxes correndo pola noite con fachos acesos e dando grandes berros.

En Grecia eran numerosas as Demetrias, festas de Deméter, a deusa equivalente a Ceres. Os máis curiosos eran indubidabelmente aqueles nos que os seguidores da deusa se fustrigaban uns a outros con látegos feitos de cortiza de árbores. Atenas tiña dúas festas solemnes en honra de Démeter: unha chamada Eleusinia e outra, Tesmoforia. Dicíase que foron instituídas por Triptólemo. Sacrificábanse porcos, debido aos danos que causaban aos froitos da terra, e facíanse libacións de viño doce.

Os romanos adoptaron a Ceres en -496 durante unha devastadora fame negra, cando os Libros Sibilinos aconsellaron a adopción da súa equivalente grega Deméter, xunto con Perséfone e Iaco (mediador entre as deusas eleusinas e Dioniso). Ceres era personificada e honrada polas mulleres con rituais secretos nas festas de Ambarvalia, celebradas en maio con procesións nas que as romanas vestían o branco propio dos homes, quen eran simples espectadores. Críase que estas festas, para agradar á deusa, non debían ser celebradas por xente de loito, razón pola que non se celebraron o ano da batalla de Cannas.

Erixiuse un templo a Ceres no monte Aventino de Roma. A súa principal festividade era a Cerealia ou Ludi Ceriales (‘xogos de Ceres’), instituídos o século -III e celebrados anualmente do 12 ao 19 de abril. O culto a Ceres pasou a estar especialmente relacionado coas clases plebeas, que dominaban o comercio de gran. Sábese pouco dos rituais deste culto, sendo un dos poucos costumes que foron rexistrados coa peculiar práctica de atar ascuas ardendo ás colas de raposos que entón se soltaban no Circo Máximo.

Ademais do porco, a porca ou a porca brava, Ceres admitía tamén o carneiro como sacrificio. Nas súas festividades, as grilandas usadas eran de mirto ou narciso, pero as flores estaban prohibidas, porque foi recollendo flores como Proserpina foi raptada por Plutón. Unicamente estáballe consagrada a papoula, non só porque crece entre o trigo senón tamén porque Xúpiter lla fixo comer para lle provocar sono e así algunha tregua á súa dor.

En Creta, Sicilia, Lacedemonia e varias outras cidades do Peloponeso celebrábanse periodicamente os misterios eleusinos ou misterios de Ceres, celebrados na cidade de Eleusis. De aquí pasaron en Roma, onde subsistiron até o reinado de Teodosio. Estes misterios dividíanse en grandes e pequenos. Os pequenos eran unha preparación aos grandes que se celebraban preto de Atenas, na ribeira do Iliso. Conferían unha especie de noviciado. Tras un determinado prazo de tempo máis ou menos longo, iniciábase ao principiante aos grandes misterios, no templo de Eleusis. As festas de Eleusis duraban nove días, cada ano, no mes de setembro, días nos que se pechaban os tribunais. Os atenienses facían iniciar aos seus fillos nos misterios eleusinos desde o berce. Estaba prohibido, mesmo ás mulleres, facerse conducir ao templo en coche ou en carro. Os iniciados considerábanse baixo a tutela e a protección de Ceres, polo que se esperaba deles unha felicidade sen límites.

Representacións

editar

Ceres represéntase habitualmente co aspecto dunha muller fermosa, de estatura maxestosa e de cute coloreada, coa mirada lánguida e o cabelo louro caendo en desorde sobre os seus ombreiros.

Ave Natura!, 1910, obra de estilo neoclásico que representa unha procesión romana a Ceres, deusa da colleita. 
Ave Natura!, 1910, obra de estilo neoclásico que representa unha procesión romana a Ceres, deusa da colleita.

Ademais dunha coroa de espigas de trigo, leva un diadema moi alto. Ás veces está coroada cunha grilanda de espigas ou papoulas, símbolo da fecundidade. Ten uns peitos grandes e porta un feixe de espigas na man dereita e un facho aceso na esquerda. A súa túnica chégalle até os pés, e a miúdo leva un veo botado cara a atrás. Ás veces danlle un cetro ou unha fouce: dous pequenos nenos, pegados ao seu seo e levando cada un un corno da abundancia, sinalan suficientemente á ama de cría do xénero humano. Leva un pano de cor amarela, a cor do trigo maduro.

A Ceres negra

editar

En Arcadia, os figalios elaboraron unha estatua de madeira cuxa cabeza era a dunha egua con dragóns a modo de crinas, á que se chamaba a Ceres negra. Dado que esta estatua se queimou por accidente, os figalios descoidaron o culto de Ceres e por iso foron castigados cunha terríbel seca que non cesou ata que, por consello dun oráculo, se repuxo a estatua.

Fontes

editar
  1. Spaeth, Barbette Stanley (1996). The Roman goddess Ceres (en inglés). University of Texas Press. p. 1. ISBN 9780292776937. 
  2. "Ceres" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2007. Consultado o 28 de abril de 2007. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar

Outros artigos

editar