Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Capela de San Roque de Pontevedra

capela neoclásica en Pontevedra

A Capela de San Roque é un edificio relixioso de culto católico, coa categoría de capela, situado no barrio da Moureira de Abaixo da cidade de Pontevedra, na rúa San Roque, moi preto do porto de Corvaceiras.

Capela de San Roque de Pontevedra
Fachada lateral dereita
Datos xerais
PaísEspaña
TipoCapela
AdvocaciónSan Roque
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′47″N 8°39′04″O / 42.429820869869, -8.6511974980163
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
Construciónséculo XIX
EstiloNeoclasicismo
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Foi a primeira igrexa dos Dominicos na cidade.[1] Na Idade Media os pontevedreses xa levantaran unha capela no curso baixo do río Gafos para buscar o refuxio e protección de San Roque, moi preto do hospital de San Lázaro que acollía a enfermos infecciosos.[2]

A capela erixiuse inicialmente na contorna das Corvaceiras,[3] preto do porto, como símbolo de protección contra os afectados pola peste que puidesen chegar de ultramar. Ao longo do tempo a capela sufriu diversos traslados, ata que en 1861 instalouse na súa localización actual. En 1901 a capela reformouse pasando a ter maior amplitude: dunha soa nave pasou a ter forma de cruceiro.[4] En outubro de 1956 proxectouse a ampliación da capela coa construción dun novo volume transversal e esta reforma foi inaugurada o 16 de agosto de 1962.

O 11 de agosto de 2017 a capela de San Roque estreou novas campás, copia exacta das anteriores de 1871.[5]

Descrición

editar

É unha capela de estilo neoclásico con engadidos románicos, de planta cadrada e unha soa nave. Parte dos restos románicos, como as columnas unidas de catro en catro formando tres ventás grandes, pertencen á igrexa do antigo mosteiro de Casteláns no municipio de Covelo, cuxas pedras, ao ser demolida, foron repartidas por diferentes lugares da provincia de Pontevedra.[4]

Na fachada lateral leste presenta pequenas columnas unidas en grupos de catro colocadas formando ventás e nas fachadas laterais e na cabeceira uns canzorros románicos dos que algúns foron engadidos imitando os antigos.[4] Os temas dos canzorros son variados, entre eles nacelas, testas monstruosas, personaxes barbudos, decoración vexetal e xeométrica, cunchas de vieira ou figuras animais (oso, sapo).[6]

Na fachada principal sobresae o campanario. Nun dos laterais destaca a imaxe de San Roque. As portas de entrada da capela están coroadas por arcos escarzanos. A portada da fachada leste ten un grande óculo enriba da porta e remata nun frontón triangular. Rodeando a capela e a modo de atrio hai un sinxelo muro de pedra.[4]

O interior da capela está presidido polo altar maior de madeira policromada. Na parte superior hai un medallón coa inscrición "Ave María Purísima". Nun nicho no centro atópase a imaxe de San Roque,[7] á dereita o Sagrado Corazón de Xesús e a Raíña da Paz cunha pomba na súa man dereita, e á esquerda a Virxe do Rosario e San Pedro.[4]

Nos brazos do cruceiro nos altares laterais á dereita atópase San Telmo. Á esquerda está a Dolorosa, a Virxe do Carme e San Sebastián,[7] ao que a cidade tributa cada 20 de xaneiro desde 1515, o Voto da Cidade, por librala da peste.[2] Toda a capela ten os teitos de cor branca como moitos templos portugueses.[4]

Cultura

editar

A imaxe de San Roque participa na procesión do Corpus Christi[3] e percorre o barrio mariñeiro ao que dá nome, na procesión do 16 de agosto.[8]

Galería

editar

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 89-90. ISBN 978-84-03-50934-4. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. pp. 457–458. ISBN 978-84-8457-327-2. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 59. ISBN 9788482890852. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar