Vitoria Uxía de Battenberg
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2020.) |
Vitoria Uxía Xulia Ena de Battenberg, nada no Castelo de Balmoral (Aberdeenshire, Escocia) o 24 de outubro de 1887 e finada en Lausana (Suíza) o 15 de abril de 1969, era neta da raíña Vitoria de Inglaterra, e converteuse en raíña consorte de España polo seu matrimonio co rei Afonso XIII. Foi a bisavoa do monarca Filipe VI de España.
Infancia
[editar | editar a fonte]Era filla de Henrique de Battenberg e da súa esposa, a princesa Beatriz, filla máis nova da raíña Vitoria do Reino Unido e do príncipe Alberte. Vitoria recibiu o nome das súas dúas avoas e da súa madriña, a emperatriz Uxía, viúva do emperador Napoleón III. Familiarmente era coñecida como Ena.
A princesa Ena creceu na Corte da raíña Vitoria. Pasou a súa infancia no castelo de Windsor, Balmoral e en Osborne House, na Illa de Wight. O seu pai morreu en 1896 tras contraer unhas febres en África. Logo da morte da raíña Vitoria en 1901, os Battenberg fixaron a súa residencia no Palacio de Kensington, en Londres.
En 1905, a princesa asistiu a unha festa organizada polo seu tío, Eduardo VII, en honra de Afonso XIII de España. O monarca español fixouse na moza a pesar da oposición existente a un eventual matrimonio.
A raíña María Cristina, nai de Afonso XIII, non era partidaria desta unión, dadas as escuras orixes da liña Battenberg. Ademais, Vitoria Uxía ostentaba unicamente o título de Alteza Serenísima, que a raíña María Cristina consideraba de rango inferior. Por outra banda, os antecedentes de hemofilia provenientes da póla da familia da súa avoa (a raíña Vitoria) tampouco agradaban á raíña.
Matrimonio
[editar | editar a fonte]A pesar de todo, o 9 de marzo de 1906, a Casa Real de España anunciou o compromiso matrimonial do rei Afonso XIII e a princesa Vitoria Uxía. A nova preocupou a moitos españois, xa que a noiva era anglicana e non tiña suficiente categoría.
A princesa venceu o primeiro obstáculo ao converterse ao catolicismo. Celebrou a cerimonia de conversión o bispo de Nottingham no oratorio do palacio de Miramar, na cidade de Donostia. O seu tío, o rei Eduardo VII, eliminou o segundo obstáculo ao darlle o tratamento de Alteza Real o 3 de abril de 1906. O matrimonio tivo lugar en Madrid na igrexa de San Xerónimo o 31 de maio de 1906, e a raíña luciu por primeira vez o Diadema dos lises.
Tras a cerimonia, o cortexo nupcial que se dirixía de regreso ao Palacio Real sufriu á altura do número 88 da Calle Mayor un atentado perpetrado polo anarquista Mateo Morral, que lanzou unha bomba desde un balcón á carroza real. A carroza envorcou pero foi rapidamente recomposta. A raíña Vitoria Uxía salvou a vida porque, no momento xusto da explosión, virou a cabeza para contemplar a igrexa de Santa María. Tras este feito, presentouse ante os invitados á voda no Palacio Real co vestido de noiva ensanguentado polos mortos causados pola explosión.
Os seus anos na corte de Madrid foron complicados. Ao seu carácter reservado, propio da ríxida corte vitoriana, uníuselle a difícil relación con raíña nai, María Cristina de Habsburgo-Lorena, que sempre mantivo a autoridade sobre a familia real e a influencia sobre o rei.[Cómpre referencia] Cando estalou a primeira guerra mundial en 1914, as diferenzas entre ambas exaltáronse, xa que a raíña nai mostrou o seu claro sentimento xermanófilo mentres que a raíña consorte demostrou o seu apoio ao seu curmán, o rei Xurxo V do Reino Unido.[Cómpre referencia]
En canto ás relacións persoais co seu esposo, Afonso XIII sempre lle recriminou a transmisión da hemofilia aos seus fillos e herdeiros; ademais, a relación foi arrefriándose e as infidelidades do rei foron converténdose en cousa común en palacio.[Cómpre referencia] Vitoria Uxía comezou un illamento persoal que a afastou máis do pobo, centrada na súa paixón polas xoias e os luxos.[Cómpre referencia]
Descendencia
[editar | editar a fonte]O matrimonio tivo un total de sete fillos, cinco homes e dúas mulleres:
- Alfonso (Alfonso Pío Cristino Eduardo) (1907-1938), príncipe de Asturias.
- Jaime (Jaime Leopoldo Isabelino Enrique) (1908-1975), infante de España.
- Beatriz (Beatriz Isabel Federica Alfonsa Eugenia) (1909-2002), infanta de España.
- Fernando, nacido morto en 1910.
- María Cristina (María Cristina Teresa Alejandra) (1911-1996), infanta de España.
- Juan (Juan Carlos Teresa Silvestre Alfonso) (1913-1993), infante de España e conde de Barcelona, pai do rei Xoán Carlos I.
- Gonzalo (Gonzalo Manuel María Bernardo) (1914-1934), infante de España, nado hemofílico.
Despois do nacemento dos seus fillos, a relación entre a raíña e o seu esposo foise deteriorando, pois Afonso XIII tivo numerosas relacións extramatrimoniais.
Exilio e morte
[editar | editar a fonte]A familia real española partiu cara ao exilio o 14 de abril de 1931, cando nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 os partidos republicanos gañaron na maioría das grandes cidades, e como consecuencia o rei Afonso XIII abdicou e suspendeu deliberadamente o exercicio do poder real, o que deu lugar á proclamación da Segunda República Española. A familia real trasladouse a Francia e máis tarde ao Reino de Italia. A parella real terminou separándose, e Vitoria Uxía regresou á Gran Bretaña. En 1939, tras o inicio da segunda guerra mundial, a ex-raíña consorte foi convidada a abandonar o Reino Unido e deixou de pertencer á familia real británica. Trasladouse a Lausana, Suíza, onde fixou a súa residencia definitiva nun palacete chamado "Vieille Fontaine" (actualmente propiedade dunha entidade financeira suíza), ao que acudían moitos dos seus netos a visitala; estes chamábana cariñosamente avoa "Gangan". Adolf Hitler obrigáraa a marchar de Italia porque cría que era unha espía inglesa, polo que ela se afincou en Suíza.
En 1938 toda a familia se reuniu en Roma para o bautizo do primeiro fillo varón de Juan de Borbón, Xoán Carlos, posteriormente rei de España, de quen foi madriña xunto co cardeal Pacelli, futuro papa Pío XII. O 15 de xaneiro de 1941, Afonso XIII, presentindo que a súa morte estaba próxima, transferiu os dereitos sucesorios da Coroa Española ao seu fillo Juan, Conde de Barcelona. Afonso XIII morreu o 28 de febreiro de 1941.
Vitoria Uxía regresou momentaneamente a España en febreiro de 1968, tras 37 anos de exilio, para exercer de madriña no bautizo do seu bisneto, Filipe de Borbón, fillo de Xoán Carlos de Borbón e de Sofía de Grecia e Dinamarca.
Vitoria Uxía morreu en Lausana o 15 de abril de 1969 e foi enterrada na capela do Sacre Coeur. O 25 de abril de 1985, a Casa Real trasladou os seus restos a España, que repousan no Panteón Real do Mosteiro de El Escorial preto dos do seu esposo Afonso XIII, e dos seus fillos Alfonso, Jaime e Gonzalo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vitoria Uxía de Battenberg |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Predecesor: María Cristina de Habsburgo-Lorena |
Raíña consorte de España 1906 – 1931 |
Sucesor: Sofía de Grecia |