Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Taiasúidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Taiasúidos
Tayassuidae
Pecarís / Porcos do Novo Mundo

Rango fósil: eoceno - actualidade

Pecari tajacu
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Suina
Superfamilia: Suidoidea
Familia: Tayassuidae
Palmer, 1897 [1]
Xéneros e Especies
Véxase o texto
Sinonimia
  • Dicotylidae Turner, 1849 [1]

A dos taiasúidos[2] (Tayassuidae) é unha familia de mamíferos da orde dos artiodáctilos e suborde dos suínos propios do continente americano que se coñecen vulgarmente como pecarís[3] e tamén como porcos do Novo Mundo.[Cómpre referencia]

Dada a súa semellanza cos outros membros da suborde, os suínos, moita xente confunde os pecarís con especies porcinas do Vello Mundo que serían introducidas en América polos colonos europeos e que, co paso do tempo, escaparían das granxas, facéndose salvaxes (asilvestrándose). Isto ocorre polo gran parecido que teñen cos xabarís pero, a diferenza destes, os pecarís teñen dentes cairos que non sobresaen da boca, xa que son curtos e rectos, non longos e curvados cara a atrás, como os dos porcos bravos.

Características

[editar | editar a fonte]

Os pecarís son animais de tamaño mediano: usualmente adoitan medir entre 90 e 130 cm de longo, e pesar entre os 14 e os 40 kg.

Como os porcos, os pecarís teñen un fociño que termina nun disco cartilaxinoso, e uns ollos pequenos en relación co tamaño da súa cabeza.

Tamén, ao igual que os súidos, só usan os dous dedos centrais da patas dianteiras para camiñar, aínda que, a diferenza destes, os outros dedos poden estar totalmente ausentes nalgunhas especies.[4]

O estómago dos taiasúidos non é de ruminante, pero ten un estómago que recorda ao destes, con tres cámaras e é máis complexo que o dos súidos.[4]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1867 polo zoólogo estadounidense Theodore Sherman Palmer no traballo "Notes on the nomenclature of four general of tropical American mammals" publicado Proceedings of the Biological Society of Washington 11: 173-174.

Segundo Wilson & Reeder (2005), comprende tres xéneros con cadansúa especie, e coas subespecies que se indican a continuación:[1]

Catagonus wagneri.
Pecari tajacu.
Tayassu pecari.
Familia Tayassuidae Palmer, 1867
  • Xénero Catagonus Ameghino, 1904
  • Xénero Pecari
    • Pecari tajacu (Linnaeus, 1758) - pecarí de colar
      • P. t. tajacu
      • P. t. angulatus
      • P. t. bangsi
      • P. t. crassus
      • P. t. crusnigrum
      • P. t. humeralis
      • P. t. nanus
      • P. t. nelsoni
      • P. t. niger
      • P. t. nigrescens
      • P. t. patira
      • P. t. sonoriensis
      • P. t. torvus
      • P. t. yucatanensis
  • Xénero Tayassu Fischer, 1814
    • Tayassu pecari (Link, 1795) - pecarí de barba branca
      • T. p. pecari
      • T. p. aequatoris
      • T. p. albirostris
      • T. p. ringens
      • T. p. spiradens

Bioloxía e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Os taiasúidos son de costumes principalmente nocturnos. Son animais sociais que, a miúdo, forman rabaños. Rexistráronse até cen espécimes nun só rabaño dunha das súas especies (o pecarí de barba branca). Porén, os pecarís de colar e os pecarís orelludos adoitan formaren grupos máis pequenos.

Na maioría das especies existe un claro dimorfismo sexual entre os individuos, sendo os machos máis grandes e robustos que as femias.

A súa dieta é omnívora, aínda que predominantemente vexetariana. Comen herbas, froitos, raíces e sementes, pero tamén insectos, arañas, pequenos réptiles e, eventualmente, pequenos roedores. As mandíbulas e os dentes cairos destes animais están adaptados para triturar sementes duras, e para arrincar raíces do solo. Os cairos, ademais, sérvenlles como armas de defensa.

Teñen glándulas odoríferas no lombo e debaixo de cada ollo. Estas glándulas teñen a función de segregar un líquido que usan para marcar os seus territorios,[4] que poden abarcar desde 35 a 350 hectáreas. Tamén usan estas glándulas para marcaren aos demais membros do grupo ao que pertencen, fregándose uns contra outros; ao faceren isto, todo o rabaño queda impregnado dun olor penetrante que permite a cada individuo recoñecer aos outros, algo que contrarresta a súa mala vista.

Fregando os dentes caninos entre si poden facer un ruído renxente para persuadir aos depredadores de manterse lonxe do rabaño. De feito, os pecarís son tan agresivos que a súa domesticación é case imposíbel, xa que atacan ás persoas.

Distribución, poboación e status

[editar | editar a fonte]

Despois de ocuparen toda a rexión comprendida entre o norte de Centroamérica até os límites máis meridionais do Chaco, polo sur, cando os primeiros colonos chegaron a América (século XVI), hoxe só se encontran en zonas recónditas do vasto territorio que antes ocupaban, refuxiados en bosques cálidos, húmidos e de mesta vexetación.

Segundo parece, a súa tendencia a formaren grandes rabaños fai máis fácil a súa captura, o que fai que a caza indiscriminada e a destrución do seu hábitat foran as principais causas da súa desaparición en gran parte do continente americano.

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), a poboación actual e o status das tres especies son as seguintes:

Distribución de Catagonus wagneri.
Distribución de Pecari tajacu.
Distribución de Tayassu pecari.
As poboacións están moi fragmentadas dentro da súa área xeográfica e o número de individuos está declinando. A especie desapareceu de grandes zonas do Chaco arxentino, onde a súa área de dispersión orixinal reduciuse en aproximadamente un 40 %. Tamén se reduciron as súas áreas en Bolivia e no Chaco paraguaio.
O tamaño total da poboación descoñécese, pero estimouse unha poboación de 5.000 individuos en Paraguai na década de 1990, e de 3.200 na Arxentina en 2002; pero isto foi antes da masiva deforestación da rexión para obter terreos para o cultivo de soia e para a gandaría, que comezou no ano 2003. Por iso a UICN cualifica a situación actual da especie como EN (especie en perigo de extinción).[5]
O pecarí de colar tamén habita nalgunhas das illas máis grandes próximas ao continente do Caribe, como Trinidad e Tobago. Porén, as illas máis afastadas do continente non teñen actualmente pecarís. A súa área de dispersión expandiuse recentemente cara ao norte no suroeste dos Estados Unidos, até a parte de Oklahoma adxacente a Texas. A súa poboación total descoñécese, pero parece estábel, e a UICN cualificou o status da especie como LC (sen datos suficientes).[6]
Foi introducido en Cuba en 1930, pero na actualidade xa non se encontra alí en estado salvaxe. Presúmese que se extinguiu no Salvador, e que a súa poboación se reduciu significativamente en México, América Central e América do sur nos últimos 20 anos. A UICN cualifica o status da especie como VU (vulnerábel).[7]

Evolución

[editar | editar a fonte]

Os fósiles de pecarís máis antigos acháronse por primeira vez en Europa, e proceden do eoceno tardío ou do oligoceno temperán. Máis tarde, os mesmos fósiles encontráronse en todos os continentes, agás en Australia e a Antártida.

Os pecarís extinguíronse no Vello Mundo nalgún momento despois do mioceno.

Aínda que na actualidade os pecarís son relativamente comúns en Suramérica, non existían neste subcontinente até hai tres millóns de anos, durante o chamado Grande Intercambio Americano, cando se formou o istmo de Panamá, que conectou Norteamérica con Suramérica.

  1. 1,0 1,1 1,2 Wilson & Reeder (2005): Mammal Species of the World.
  2. Taiasúido na Diciopedia do século XXI
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pecarí.
  4. 4,0 4,1 4,2 Remane, A. et al. (1980), pp. 591-592.
  5. Catagonus wagneri na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2
  6. Pecari tajacu na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2
  7. Tayassu pecari na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2014.2

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • D'Ancona, Humberto (1972): Tratado de Zoología. Tomo II. Zoología especial. 4ª ed. Barcelona: Editorial Labor, S. A., p. 985.
  • Donkin, R. A. (1985): The Peccary - With Observations on the Introduction of Pigs to the New Werld. Philadelphia: Transaction of the American Philosophical Society. Volume 75, Part 5. ISBN 0-87169-755-6.
  • Grassé, P.-P. (1980): Zoología. Tomo 4. Vertebrados. Reproducción, biología, evolución y sistemática. Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0270-5, pp. 204–206.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Nielsen, K. (2001): Animal Evolution: Interrelationships of the Living Phyla. 2nd edition. Oxford University Press. ISBN 0-19-850682-1.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World. Third edition. Baltimore, Maryland, EE.UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]