Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Túrin Turambar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Túrin Turambar é un personaxe ficticio do legendarium da Terra Media creado polo autor inglés J. R. R. Tolkien. "Turambar and the Foalókë", relato de 1917, é a primeira aparición de Túrin no legendarium. J. R. R. Tolkien baseou conscientemente a historia no relato medieval de Kullervo, extraído do poema da mitoloxía finlandesa Kalevala, compillado Elias Lönnrot. Arredor disto, Tolkien dixo que era "un intento de reorganizar ... o conto de Kullervo o desgraciado, nunha forma propia".[T 1] Tamén chamado "The Tale of Grief", "Narn i Chîn Húrin" ou "The Narn", conta o destino tráxico dos fillos de Húrin, especialmente do seu fillo Túrin (Turambar) e da súa filla Nienor. Ao longo dos anos publicáronse anacos da historia nas obras O Silmarillion (prosa), Unfinished Tales (prosa), The Book of Lost Tales Parte II (prosa), The Lays of Beleriand (verso en liñas longas aliterativas) e no ano 1994 en The War of the Jewels (prosa), esta última, como parte da serie The History of Middle-earth.

Túrin Turambar é o principal protagonista e heroe tráxico da novela The Children of Húrin, publicada após a morte de Tolkien polo seu fillo Christopher Tolkien e que bebe de moitas das fontes anteriores para finalmente presentar unha narración completa. O seu título, "Turambar", significa amo do destino. Máis tarde, na súa lápida, escribiuse: "...Mestre do destino, pero polo destino dominado," concluíndo a súa traxedia e amosando finalmente o seu fracaso no logro dos seus obxectivos de escapar da maldición do mal destino que Morgoth lanzara sobre el.

Nos libros, Túrin era un home da Primeira Idade da Terra Media, cuxa familia fora maldita polo ser malvado do legendarium, Morgoth. Durante os seus intentos infrutuosos de desafiar a maldición, Túrin causou a ruína a varios bastións dos homes e dos elfos, así como a súa propia ruína e a da súa irmá Niënor Níniel. A súa historia rexistrouse no Tale of the Children of Húrin ou Narn i Chîn Húrin, que Tolkien afirmou que era a fonte última dos escritos publicados.[T 2]

Túrin é mencionado brevemente na obra A Irmandade do Anel, pero pouco máis se di alén de que era un dos "antigos e poderosos amigos dos elfos". Na obra As Dúas Torres, o seu nome é mencionado brevemente como un forte guerreiro.

Fontes primarias

[editar | editar a fonte]
Esta lista identifica a localización de cada elemento nos escritos de Tolkien.
  1. Letters, p. 214
  2. Morgoth's Ring, "Myths Transformed" (I), p. 373 e nota 2