Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rito romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O rito romano é unha das formas nas que son celebrados na Igrexa Católica tanto a Eucaristía (misal romano) como os outros sacramentos (ritual romano), a liturxia das horas (breviario) e as outras cerimonias litúrxicas (ritual e Caeremoniale Episcoporum).

É o rito litúrxico orixinario da diocese de Roma da Igrexa Católica. É o rito máis estendido dos ritos litúrxicos latinos, empregados na Igrexa Latina, unha das 23 igrexas particulares autónomas en comuñón co Papa. Pasou a ser o rito padrón da Igrexa Latina dende a promulgación da bula Quo Primum Tempore de Pío V o 14 de xullo de 1570 en conformidade co espírito do Concilio de Trento. Como os demais ritos litúrxicos, ten sido adaptado e variado ao longo dos séculos. A súa liturxia eucarística pode dividirse en tres etapas históricas: pre-tridentina, tridentina e actual.

Co seu motu proprio Summorum Pontificum de 2007, o papa Bieito XVI aprobou que se puidera seguir a empregar a forma do Misal Romano de 1962, con certos límites nas misas celebradas co pobo, como forma extraordinaria do rito romano.

Formas en uso

[editar | editar a fonte]

O rito romano celébrase actualmente na Igrexa Católica segundo dúas formas lexítimas:

- A forma ordinaria, actualmente en vigor, foi instaurada logo do Concilio Vaticano Segundo, promulgada polo papa Paulo VI e revisada durante o pontificado de Xoán Paulo II, polo que o misal romano de 2002 afirma "est dit ex sacrosancti oecumenici concilii vaticani II instauratum, auctoritate Pauli pp. VI promulgatum, Ioannis Pauli pp. II cura recognitum".

- A forma extraordinaria é o rito romano segundo foi revisado logo do Concilio de Trento. O seu uso está regulado polo motu proprio Summorum Pontificum do papa Bieito XVI, promulgado en xullo de 2007. Aplícase á celebración da misa, dos sacramentos, do oficio divino e do cerimonial dos bispos, e esténdese a todos os ritos particulares cos ritos litúrxicos en vigor en 1962.

Historia da Misa romana

[editar | editar a fonte]

A misa romana nos primeiros tempos

[editar | editar a fonte]
O papa San Gregorio I.
O papa San Gregorio I.

San Xustino Mártir, na súa primeira apoloxía[1] describiu a Eucaristía tal e como era celebrada en Roma cara ao ano 150 cun rito similar aos ritos orientais.

Aínda que nos primeiros tempos da Igrexa o bispo local tiña moitas liberdades no referente á organización da liturxia, pódense distinguir xa dúas partes fixas: unha de predicación e outra de louvanza. Segundo a descrición de San Xustino, a misa comezaba coas lecturas, que se alternaban a partir do século IV cos cantos: gradual, aleluia e tracto. Durante o papado de San Pío V as lecturas foron reducidas a unha epístola e ao Evanxeo, agás nos casos de certas misas, especialmente as celebradas durante os períodos penitenciais (mércores de cinsa, coresma etc.).

Posteriormente o celebrante pronuncia a homilía, seguida dunha oración recitada por todos os asistentes, coñecida como "oración dos fieis". Este é o motivo polo que un gran número de sermóns de Agostiño de Hipona rematan coa frase "Agora, de cara ao Señor, oremos...". Despois, presentábanse as ofrendas, o sacerdote facía a consagración e, finalmente, repartíase a comuñón.

Esta organización tan sinxela se mantén hoxe na cerimonia litúrxica do Venres Santo: os oficiantes avanzan en silencio cara ao altar, e comezan entón de xeito inmediato polas lecturas e polos cantos intercalados, seguido isto polas longas oracións solemnes polas intencións da Igrexa.

O celebrante mantiña unha certa facultade de improvisación, en particular na parte da pregaria eucarística. No século III, a Tradición apostólica (texto atribuído a Hipólito de Roma) fai algunhas recomendacións de fórmulas de oracións para a liturxia dos sacramentos (misa, ordenación etc.) mais non con carácter obrigatorio. A necesidade dunha regulación debido á variedade dos celebrantes xa xurdira nos comezos: San Paulo xa recomendaba que non tomaran a palabra quen non fora capaz de edificar aos seus irmáns. Máis tarde, Santo Agostiño laiábase de que algúns bispos empregaban oracións compostas por autores incompetentes, mesmo heréticos. Dous sínodos celebrados en Cartago, en 397 e 497, prohibiron o emprego de fórmulas que non tiveran sido aprobadas previamente.

Todo este período, até o papado de Gregorio o Grande, é de grandes cambios litúrxicos, coa fixación progresiva das oracións da misa: o Sanctus apareceu no século IV, a ladaíña penitencial foi reducida e limitouse ás invocacións do Kyrie eleison no século VI, e as oracións de colecta, sobre as ofrendas e logo da comuñón tiveron fixado o seu lugar.

A forma case definitiva do Canon, coa excepción do memento de defuntos (que apareceu no século VIII) pode ser datada cara ao final do século V, xa que o misal manuscrito de Stowe do século IX lle da o nome do "Canon do Señor, do papa Xelasio".[2]

Foi o papa Gregorio o Grande (540-604) o primeiro de quen se ten constancia de que reorganizara a liturxia romana, mais non foi até o século IX que o canto gregoriano tomou forma no imperio. Non se sabe nada dos cantos romanos anteriores á época carolinxia, e certos musicólogos inclínanse por imaxinar a práctica dun canto arcaico, respecto ao cal o gregoriano supondría unha auténtica evolución, grazas aos cantos xermanos e francos.

Na época carolixia houbo unha grande reorganización da liturxia con Bieito de Aniane (750-821). Pouco despois da morte de Carlomagno, baixo o impulso do emperador Lois o Piadoso, Bieito de Aniane unificou as regras e as liturxias das abadías beneditinas no concilio de Aquisgrán (817), arredor da regra de San Bieito e da liturxia romana.

As formas pre-tridentinas

[editar | editar a fonte]

Entre o papado de Gregorio I e a promulgación da bula papal de 1570, introducíronse baixo diversas influencias cerimonias con moito simbolismo, como a bendición das candeas (na Candelaria), a das cinsas ou a das palmas (no Domingo de Ramos) e numerosos rituais da Semana Santa.

Ás veces, a misa romana incluía, antes do Evanxeo, unha lectura do Antigo Testamento, de carácter profético, unha lección e outra lectura das Epístolas de San Paulo ou doutros apóstolos ou dos Feitos dos Apóstolos. O gradual situábase entre as leccións e a epístola, e o Aleluia ou o tracto logo da epístola.

Atribúese á influencia do emperador Henrique II o rezo do Credo logo da lectura do Evanxeo. O rito da elevación non se estendería até os ataques de Berengario de Tours (998-1088) contra a presenza real de Cristo na Eucaristía. Non foi até o século XI ou XII que non se comezou a empregar incenso para as procesións (entrada e Evanxeo), e despois comezouse a inciensar ás persoas. As oracións privadas do sacerdote antes da comuñón representaron outra innovación. Cara ao século XIII foi engadido o ofertorio, onde anteriormente a única oración que facía o celebrante era a Segredo.

Entre os séculos IX e XIII, o papel cada vez máis importante do sacerdote na liturxia, xunto á necesidade práctica de recompilar a totalidade dos textos da misa, levou á formación do misal completo. Até o Concilio de Trento, a variedade dos usos e dos ritos diocesanos era ilimitada. Porén, a aparición das ordes mendicantes (franciscanos e dominicos) alimentou a tendencia á uniformación litúrxica comezada xa polas grandes ordes monásticas centralizadas do século XII (cistercienses e cartuxos). Estas ordes adoptaron e adaptaron os ritos locais que transmitiron por aqueles sitios polos que se estendían. O inmenso éxito dos franciscanos, que adoptaran o rito da curia pontifical a mediados do século XIII, levou á divulgación deste último por toda a cristiandade. Con todo, o misal da Curia, promulgado para a diocese de Roma polo papa Nicolao III en 1277, non será obrigatorio para todos os católicos.

En 1474, a primeira edición impresa do misal romano[3] foi publicada baixo a autoridade de Sisto IV, papa de orixe franciscano. Neste punto, o ordinario da misa xa estaba fixado nos seus aspectos principais, e non evolucionará moito dende este punto.

A unificación dos ritos na Igrexa Latina logo de Trento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Misa tridentina.

Cando o Concilio de Trento era celebrado, entre 1542 e 1563, existían na Igrexa Latina unha gran variedade de ritos, e o xeito de celebrar a misa difería segundo o lugar e as autoridades eclesiásticas. O concilio pediu ao papa a revisión do misal romano e a súa extensión a toda a Igrexa Latina. Estes traballos foron efectuados polo papa Pío V en 1570, coa promulgación da primeira edición do misal romano.

A imprenta convértese nun instrumento de grande importancia ao servizo da uniformación da liturxia occidental segundo o modelo romano. O papa Pío V loitou contra os excesos litúrxicos e fixou as grandes liñas do ordinario romano. Mais a orde tridentina é tamén resultado difire moito en numerosos puntos dos usos medievais primitivos.

Pola bula Quo Primum, o papa fixo obrigatoria a utilización deste texto en toda a Igrexa Latina, facendo unha excepción cos lugares e ritos neles celebrados con maior antigüidade de 200 anos. Así, entre outros, o rito mozárabe e o rito ambrosiano, puideron continuar a ser celebrados.

Entre 1570 e 1962 o misal e a liturxia evolucionaron, mais de xeito mínimo: axustes e supresións de festas do calendario, precisións diversas nas rúbricas. A revisión máis importante data de 1955, mais só afectou aos catro días da Semana Santa.

O movemento litúrxico

[editar | editar a fonte]

Uso noutras igrexas

[editar | editar a fonte]

Nos países de tradición occidental, a Igrexa Ortodoxa ten aprobado o uso de diferentes liturxias baseadas no rito romano para o seu uso nalgunhas parroquias. Celébrase a Divina Liturxia de San Gregorio na vigairía ortodoxa antioquense de rito occidental, e até 2013 tamén celebrábase na vigairía ortodoxa rusa de rito occidental. A base de dita liturxia é a misa tridentina como era celebrada pola Sociedade de San Basilio, unha igrexa independente integrada na Igrexa Ortodoxa de Antioquía en 1961. A liturxia tamén ten sido autorizada e celebrada na Igrexa Ortodoxa Polaca, no Patriarcado de Moscova e no Patriarcado de Alexandría.

Por outra parte, as Igrexas de tradición anglicana tamén empregan liturxias baseadas no rito romano e noutros ritos litúrxicos latinos, como o rito de Sarum, variante do mesmo rito romano. Finalmente, a Igrexa Vella Católica, separada da de Roma logo do Concilio Vaticano Primeiro, emprega unha forma do rito tridentino.

  1. Primeira Apoloxía - Capítulo 67: O culto semanal dos cristiáns (en inglés)
  2. "La forme quasi définitive du Canon, à l’exception du Memento des défunts (qui apparaîtra à l’aube du VIIIe siécle) pourrait être datée de la fin du Ve siécle, puisque le missel manuscrit de Stowe daté du IXe siécle le nomme « le Canon du Seigneur, du pape Gélase." (La messe de saint Justin à saint Grégoire, par Emmanuel de Butler, OSB en La Nef n°108, xaneiro de 2001)
  3. Ordinario da misa romana en 1474

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]