Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rocha plutónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rocha intrusiva»)
Diagrama QAPF para a clasificación das rochas plutónicas.
A Torre do demo, Estados Unidos, unha intrusión ígnea, probablemente un lacólito, que quedou exposta cando se erosionou a rocha máis branda que a cubría.

Unha rocha plutónica ou rocha intrusiva é aquela que se forma cando un magma penetra abríndose paso nunha masa de rocha existente, arrefría, cristaliza e solidifica baixo terra a grandes profundidades formando intrusións ígneas de diferentes tamaños, como batólitos, diques, sills, lacólitos e outros.[1][2][3]

A intrusión de magma en zonas profundas da codia é unha das dúas formas en que se poden formar as rochas ígneas. A outra forma é a extrusión, na que o magma sae ao exterior e solidifica na superficie terrestre, como ocorre nas erupcións volcánicas, dando lugar a rochas extrusivas ou volcánicas. Aínda que as rochas plutónicas se forman en zonas profundas poden acabar aflorando se a erosión elimina as rochas que estaban enriba ou fallas e acabalgamentos levan as capas profundas á superficie.

Moitos xeólogos usan os termos rocha plutónica e rocha intrusiva como sinónimos, pero algúns xeólogos subdividen as rochas intrusivas polo seu tamaño dos cristais en rochas plutónicas de gran groso (tipicamente formadas en zonas profundas da codia en grandes corpos como os batólitos) e rochas de gran medio hipoabisais, subvolcánicas ou filonianas (formadas tipicamente en zonas menos profundas da codia en diques e sills). Nesa clasificación as rochas hipoabisais serían consideradas tamén intrusivas, xa que se introducen entre outras rochas, atravesándoas.[4]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Como a rocha a través da cal fai intrusión o magma é un excelente illante, o arrefriamento do magma é extremadamente lento, e iso dá moito tempo para o crecemento dos cristais, polo que as rochas intrusivas son de gran groso (faneríticas). Porén, a velocidade de arrefriamento é maior en intrusións que están a profundidades relativamente menores, e a rocha formada ten grans menos grosos. As rochas ígneas intrusivas de gran groso que se forman a gran profundidade denomínanse abisais ou plutónicas, mentres que as que se forman máis preto da superficie denomínanse hipoabisais (subvolcánicas ou filonianas).[4]

As rochas plutónicas clasifícanse por separado das rochas extrusivas, xeralemtne baaseándose no seu contido mineral. As cantidades relativas de cuarzo (Q), feldespato alcalino (A), plaxioclasio (P), e feldspatoides (F) son especialmente importantes para clasificar as rochas intrusivas, e a maioría das rochas plutónicas clasifícanse polo lugar que ocupan no diagrama QAPF. As rochas dioríticas e gabroides distínguense pola riqueza en sodio dos seus plaxioclasios, e os gabros pobres en sodio clasifícanse polos seus contidos relativos en varios minerais ricos en ferro ou magnesio (minerais máficos), como a olivina, horneblenda, clinopiroxeno e ortopiroxeno, que son os minerais máficos máis comúns nas rochas intrusivas. As raras rochas ultramáficas, que conteñen máis do 90% de minerais máficos, e as rochas carbonatitas, que conteñen un 50% de minerais carbonatos, teñen as súas propias clasificacións especiais.[5][6]

As rochas hipoabisais lembran máis a rochas volcánicas que a plutónicas, son case de gran fino e xeralmente se lles asignan nomes de rochas volcánicas. Porén, os diques de composicións basálticas adoitan mostrar tamaños de grans intermedios entre as rochas plutónicas e volcánicas e clasifícanse como diabases ou doleritas. As raras rochas ultramáficas hipoabisais denomínanse lamprófiros e teñen o seu propio sistema de clasificación.[7]

Principais tipos de rochas plutónicas

[editar | editar a fonte]

Os principais exemplos de rochas plutónicas son as seguintes: granito, sienita, granodiorita, monzonita, tonalita, gabro, diorita, anortosita, peridotita, entre outras.

Características

[editar | editar a fonte]
Unha intrusión (monzonita rosa de Notch Peak) interdixítase (parcialmente como un dique) cunha rocha encaixante moi metamorfizada con bandas negras e brancas (as rochas carbonatadas do Cámbrico) preto de Notch Peak, House Range, Utah, Estados Unidos

As rochas intrusivas caracterízanse polo tamaño grande dos seus cristais, e como na rocha son visibles os cristais individuais, a rocha chámase fanerítica.[8] Hai poucos signos de fluxo nas rochas intrusivas, xa que a súa textura e estrutura desenvóvlense principalmente nas etapas finais da cristalización, cando o fluxo xa finalizou.[9] Os gases contidos non poden escapar a través dos estratos que están enriba e estes gases ás veces forman cavidades, a miúdo aliñadas con cristais grandes e ben formados. Estas son especialmente comúns en granitos e a súa presenza dá lugar á textura miarolítica.[10] Como os seus cristais son aproximadamente do mesmo tamaño, as rochas plutónicas denomínanse equigranulares.[11]

É menos probable que as rochas plutónicas presenten unha acusada textura porfírica que as rochas volcánicas, na cal unha primeira xeración de cristais grandes ben formados están incrustados nunha masa de cristais de gran fino. Os minerais formáronse nunha orde definida, e tiveron un período de cristalización que pode ser moi distinto ou puido coincidir ou solaparse co período de formación dalgún dos outros ingredientes. Os primeiros cristais orixináronse nun momento no que a maioría da rocha estaba aínda en estado líquido e son máis ou menos perfectos. Os seguintes cristais en formarse son de formas menos regulares porque tiveron que ocupar os espazos que quedaban entre os cristais xa formados. O primeiro caso denominase idiomórfico (ou automórfico); o último denomínase xenomórfico.

Hai tamén moitas outras características que serven para distinguir as rochas plutónicas das volcánicas. Por exemplo, o feldespato alcalino en rochas plutónicas é tipicamente a ortoclasa, mentres que o polimorfo de maior temperatura, a sanidina, é máis común en rochas volcánicas. A mesma distinción serve para as variedades der nefelina. A leucita é común en lavas pero moi rara en rochas plutónicas. A moscovita é exclusiva das intrusións. Estas diferenzas mostran a influencia das condicións físicas baixo as cales ten lugar a cristalización.[12]

As rochas hipoabisais mostran estruturas intermedias entre as das rochas volcánicas e as plutónicas. Son moi frecuentemente porfíricas, vítreas e ás veces mesmo vesicular. De feito, moitos deles son petroloxicamente indistinguibles das lavas de similar composición.[12][7]

Corpos intrusivos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Intrusións ígneas.

As rochas plutónicas ocupan o 7% da superficie terrestre actual.[13] As intrusións varían amplamente, desde batólitos plutónicos do tamaño de cadeas montañosas a delgados recheos de fracturas similares a vetas de rochas hipoabisais como a aplita ou pegmatita.

Diagrama que mostra varios tipos de intrusións ígneas
Diques escuros intruídos nunha rocha encaixante na illa Baranof, Alasca, EStados Unidos
  • Batólito: unha intrusión discordante irregular de grandes dimensións.
  • Dique: un corpo discordante tabular relativamente estreito, a miúdo case vertical.
  • Lacólito: corpo concordante con base case plana e parte superior convexa, xeralmente cun tubo ou pipa de alimentación debaixo.
  • Lopólito: corpo concordante con parte superior aproximadamente plana e base convexa pouco profunda; pode ter un dique de alimentación ou pipa debaixo.
  • Facólito: un plutón con forma de lente concordante que normalmente ocupa a crista dun anticlinal ou o val dun sinclinal
  • Sill: un corpo concordante tabular relativamente fino intruído ao longo dos planos de estratificación.
  • Stock: un corpo intrusivo irregular máis pequeno.
  1. Intrusive Rocks: Intrusive rocks, consultado o 27 de marzo de 2017.
  2. Igneous intrusive rocks: Igneous intrusive rocks Arquivado 2018-05-12 en Wayback Machine., consultado o 27 de marzo de 2017.
  3. Britannica.com: intrusive rock | geology | Britannica.com, consultado o 27 de marzo de 2017.
  4. 4,0 4,1 Philpotts, Anthony R.; Ague, Jay J. (2009). Principles of igneous and metamorphic petrology (2ª ed.). Cambridge, UK: Cambridge University Press. p. 52. ISBN 9780521880060. 
  5. Le Bas, M. J.; Streckeisen, A. L. (1991). "The IUGS systematics of igneous rocks". Journal of the Geological Society 148 (5): 825–833. Bibcode:1991JGSoc.148..825L. doi:10.1144/gsjgs.148.5.0825. 
  6. "Rock Classification Scheme - Vol 1 - Igneous" (PDF). British Geological Survey: Rock Classification Scheme 1: 1–52. 1999. 
  7. 7,0 7,1 Philpotts & Ague 2009, p. 139.
  8. Blatt, Harvey; Tracy, Robert J. (1996). Petrology : igneous, sedimentary, and metamorphic. (2ª ed.). New York: W.H. Freeman. pp. 12–13. ISBN 0716724383. 
  9. Philpotts & Ague 2009, p. 48.
  10. Blatt & Tracy 1996, p. 44.
  11. Rocks and minerals: Geology - rocks and minerals, consultado o 28 de marzo de 2017.
  12. 12,0 12,1
  13. Wilkinson, Bruce H.; McElroy, Brandon J.; Kesler, Stephen E.; Peters, Shanan E.; Rothman, Edward D. (2008). "Global geologic maps are tectonic speedometers—Rates of rock cycling from area-age frequencies". Geological Society of America Bulletin 121 (5–6): 760–779. doi:10.1130/B26457.1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]