Las mocedades de Ulises
Las mocedades de Ulises | |
---|---|
Autor/a | Álvaro Cunqueiro |
Orixe | España |
Lingua | castelán |
Xénero(s) | Novela de aprendizaxe |
Editorial | Editorial Argos |
Data de pub. | 1960 |
Formato | Tapa dura |
Páxinas | 308 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Las mocedades de Ulises é unha novela de Álvaro Cunqueiro, publicada en 1960 pola editorial Argos de Barcelona.
Este libro non é unha novela. É a posible parte de ensoños e de asombros dunha longa aprendizaxe -o aprendiz do oficio de home- sen dúbida difícil.Álvaro Cunqueiro: "Palabras liminares"
.
Trama
[editar | editar a fonte]"Casa Real de Ítaca"
[editar | editar a fonte]Ulises é un rapaz que nace na illa de Ítaca, fillo do carboeiro Laertes e da fiandeira Euriclea. Recibe o nome de Ulises por san Ulises, santo mariñeiro que finou en Ítaca e inventor dun remo. No seu bautismo o pai le un discurso escrito por Poliades, taberneiro e gran coñecedor da historia da illa. Na súa infancia Ulises vai coñecendo as artes do oficio de carboeiro, amais de nocións de agricultura, astronomía, bioloxía, historia e mitoloxía.
"Los días y las fábulas"
[editar | editar a fonte]Xa na súa adolescencia, Ulises aprende canda a Foción gastronomía. Vai a romarías, e aprende a importancia da vestimenta e nocións de loita. Canda a Poliades aprende lanzamento con arco, e canda a Bleontes aprende a tocar o pandeiro. Xa asumindo que chega a unha fase da súa vida en que se vai facer home, dille a seu pai que debe viaxar.
"La Nave y los compañeros"
[editar | editar a fonte]Ulises embarca na goleta La joven Iris canda ao piloto Alción. Na travesía aprende a facer nós mariñeiros canda ao chipriota Basílides. Os outros mariñeiros son Timeo, Antístenes e o irlandés Gallo. Detéñense na illa dos Sicómoros a mercar pedra e figos para levar a Constantinopla. Diríxense cara ás costas gregas e pasan preto da illa de Creta, onde sofren un temporal, polo que paran en Laconia a reparar a nave. Alí, Ulises faise pasar por Amadís de Gaula ante Helena, unha moza paralítica. Seguen a súa travesía cara ao mar Exeo.
"Encuentros, Discursos y Retratos Imaginarios"
[editar | editar a fonte]Ulises detense na illa de Paros para ver unha representación da obra teatral O rei Lear e pasar alí uns meses. Alí coñece a Penélope, da que namora. Preséntase ante a familia dela e organizan a voda. Logo dunha pelexa ten que testificar ante o xuíz Teotiscos e preséntase como descendente de Ricardo Corazón de León. Logo ten que fuxir da illa, prolongándose a viaxe ao desviarse por Fenicia e Siria. Agarda por Penélope en Ítaca, e logo dunha longa espera, finalmente chega.
Narración
[editar | editar a fonte]É unha novela de aprendizaxe, narrada en terceira persoa con narrador omnisciente. A obra estrutúrase en catro partes principais ("Casa Real de Ítaca", "Los días y las fábulas", "La Nave y los compañeros" e "Encuentros, Discursos y Retratos Imaginarios"). Amais inclúe un prólogo ("Palabras liminares"), un epílogo e un índice onomástico.
A novela enmárcase no conxunto de obras imaxinativas anacrónicas e míticas escritas polo autor nas décadas de 1950 (Merlín e familia, As crónicas do sochantre) e 1960 (Si o vello Sinbad volvese ás illas..., Un hombre que se parecía a Orestes). A mitoloxía foi tratada por autores da literatura de posguerra en lingua castelá como Rafael Sánchez Ferlosio, Juan Benet, Torrente Ballester ou Antonio Prieto, o que supuxo unha ruptura fronte ao realismo social imperante na época.
A figura de Ulises tivo grande importancia na obra de Cunqueiro.[1] Ao tempo que escribiu a novela, comezou o poemario El retorno de Ulises, do que se conservan os poemas "Retorno de Ulises" , "Ulises pasa N.W. noite" e "Ulises vai falar", publicados no volume Herba aquí ou acolá na edición de 1991[2]. Amais, o autor mindoniense publicou en 1974 no Faro de Vigo a tradución do poema "Pouco despois de regresar Ulises" do sueco Lars Forssell.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Ulises: fillo de Laertes; trasunto do personaxe homérico Ulises, protagonista da Odisea.
- Laertes: pai de Ulises, carboeiro na illa de Ítaca; trasunto de Laertes.
- Euriclea: nai de Ulises, fiandeira; trasunto de Euriclea.
- Penélope: namorada de Ulises; trasunto de Penélope.
- Helena: nena paralítica de Laconia.
- Alción: piloto de La joven Iris, a nave na que Ulises sae de Ítaca.
- Alperstor: criado na casa de Laertes.
- Jasón: criado na casa de Laertes.
- Argos: can de Laertes.
- Enrique el Navegante: mariñeiro lusitano; trasunto de Henrique o Navegante.
Aparecen mencionados personaxes da da mitoloxía clásica como Hércules ou Poseidón, e da materia de Bretaña como o Rei Artur ou Xenevra. Teñen moita importancia os antropónimos dos personaxes, considerando que a onomástica das persoas é determinante nas súas vidas.
Espazo
[editar | editar a fonte]A obra desenvólvese en diversos lugares do mar Mediterráneo, nunha ruta circular desde a illa natal de Ítaca. Son sempre espazos marítimos e verdes, que recrean a Galiza natal do autor.
Tempo
[editar | editar a fonte]Esta é unha obra atemporal, con elementos de diversos períodos históricos. Amais, mestúrase o pagán co cristián, cunha ruptura do agora que provoca un xogo temporal fundado na acronía dos problemas do ser humano. Refléxase ao tempo a imposibilidade de regresar a unha idade dourada perdida para sempre (ubi sunt?).
Algunhas das actividades dos protagonistas veñen determinadas polo tempo atmosférico e polo ritmo climático anual que determina a agricultura (como na obra de Otero Pedrayo) e as migracións das aves.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ López Mourelle, J. M. (2001): El héroe en la narrativa de Álvaro Cunqueiro. Tese doutoral. Madrid, Universidade Complutense.
- ↑ O primeiro aparecía xa na edición de Herba de aquí e acolá de 1988, e na de 1991 aparece co título de "Penélope perde novelo nove".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arbona Abascal, G. e Navío Castellano, E. (2010): "El mito de Ulises en la literatura española de posguerra: Las mocedades de Ulises de Álvaro Cunqueiro", artigo en El mito y el mundo contemporáneo. La recepción de los mitos antiguos, medievales y modernos en la literatura contemporánea, Levante Editori, Bari.