Orcavella
Orcavella, tamén escrito Orcabella ou Orca Vella, é unha personaxe fantástica da mitoloxía galega con forma de muller con poderes extraordinarios e gran crueldade.[1]
Características
[editar | editar a fonte]Un viaxeiro navarro do século XVI chamado Julián Íñiguez de Medrano, escribiu na súa Silva curiosa (publicada en París por Nicolas Chesneau, en 1583)[2] o relato que lle contou un pastor mentres peregrinaba a Fisterra, quen a describe como "unha muller bárbara, vella e fea, que chegou a Galicia en tempos de guerra cos mouros e os pagáns".[1] Dise que podía matar só coa ollada ou rozando coa man a calquera ser vivo. Devoraba nenos e tamén se podía facer invisible.[1] Viviu 176 anos e deixou medio reino de Galicia despoboado pola súa voracidade.[2]
Cansa de vivir, retirouse a unhas penas (preto de Fisterra) nas que escavou a súa sepultura coa axuda dun pastor que tiña encantado. Antes de cubrir o sartego cunha enorme laxe, espiuse e abrazando o pastor, meteuse na sepultura deitada enriba del. Despois fixo caer a laxe sobre os dous corpos. O pastor pediu con grandes berros que o viñesen valer, pero os seus compañeiros nada puideron cando viron que o sepulcro estaba cuberto coa laxe e arrodeado de serpes.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Hai varias hipóteses sobre o nome de Orcavella. Podería ser que o seu nome derive de arca, "tumba" ou que faga referencia ao seu carácter caníbal, ou sexa unha ogra ou unha orca.[1]
Mitos relacionados
[editar | editar a fonte]É común a outros mitos europeos como a Cailleach Bheur das Highlands de Escocia (unha bruxa horrible que representa o inverno), a Cailleach Bear de Irlanda e a Caillagh ny Groamagh da illa de Man. Todas elas son chamadas tamén "vellas".[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 (Cuba, Miranda & Reigosa 2022, pp. 181-182)
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "A Orca Vella de Fisterra: unha brutal lenda da noite dos tempos". manuelgago.org. 5 de outubro de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, Xoán Ramiro; Miranda, Xosé; Reigosa, Antonio (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4.