Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Jean-Jacques Barthélemy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJean-Jacques Barthélemy

Gravado cun retrato de
Jean-Jacques Barthélemy

Biografía
Nacemento20 de xaneiro de 1716
Cassis, Provenza, Francia.
Morte30 de abril de 1795 (79 anos)
París, Francia.
Cargos
Director do
Gabinete de Medallas e Moedas de Francia
Período1754 – 1795
AntecesorClaude Gros de Boze
SucesorAndré Barthélemy de Courcay
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Francesa.
RelixiónCatolicismo.
Q89547790Descifraxe dos alfabetos fenicio e palmireno.
Actividade
Campo de traballoNumismática, arqueoloxía, antropoloxía e relixión.
Ocupaciónantropólogo, numismático, relixioso cristián, arqueólogo, escritor Editar o valor en Wikidata
Membro de
Royal Society.
Académie des inscriptions et belles-lettres.
Academia Francesa.
Orde relixiosaCongregación da Misión Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloAbade.
PaisJoseph Barthélemy. Editar o valor en Wikidata  e Magdeleine Rastit Editar o valor en Wikidata
ParentesFrançois Barthélemy
André Barthélemy de Courcay Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1510629


Jean-Jacques Barthélemy, nado en Cassis o 20 de xaneiro de 1716 e finado en París o 30 de abril de 1795,[1] foi un relixioso e erudito francés que se converteu na primeira persoa en descifrar unha lingua extinta.[2] Descifrou o alfabeto palmireno en 1754 e o fenicio en 1758.

Os ámbitos cultivados por Barthélemy abranguen a numismática, a arqueoloxía, o orientalismo e a filoloxía, entre outros.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Barthélemy naceu en Cassis, unha pequena vila próxima a Marsella, na Provenza, fillo de Magdeleine Rastit e de Joseph Barthélemy. Tivo dúas irmás e un irmán e ficou orfo de nai aos catro anos.

Comezou os seus estudos clásicos no Colexio do Oratorio de Marsella, de tendencia xansenista; logo estudou Filosofía e Teoloxía no Colexio dos Xesuítas e, finalmente, asistiu ao seminario dos Lazaristas. Mentres realizaba os seus estudos encamiñados ao acceso ao sacerdocio, dedicoulles moita atención ás linguas orientais, e un amigo introduciuno no estudo das antigüidades clásicas e, en particular, no campo da numismática.[3]

Carreira como erudito

[editar | editar a fonte]

En 1744, viaxou a París portando unha carta de presentación a Claude Gros de Boze, que era secretario perpetuo da Académie des inscriptions et belles-lettres e conservador responsable da Colección Real de Medallas. Na capital converteuse axiña en axudante de de Boze, e en 1753 sucedeuno na dirección da colección, posto no que permaneceu ata a Revolución.[3] Durante o seu período de mandato, case se duplicou o tamaño da colección.

Barthélemy (dereita) cos duques de Choiseul (ca. 1775).[4]

En 1755, acompañou o embaixador francés, o duque de Choiseul, a Italia, onde pasou tres anos realizando investigacións arqueolóxicas. Choiseul tiña en grande estima a Barthélemy e, ao seu regreso a Francia, este pasou a residir no propio fogar do duque, que exerceu un apreciable patrocinio.[3]

En xuño de 1755, Barthélemy foi elixido membro da Royal Society de Londres. En 1789, logo da publicación da súa obra Voyage du jeune Anacharsis en Grèce, foi elixido así mesmo membro da Academia Francesa.[3][5]

Durante a Revolución, Barthélemy resultou detido en setembro de 1793 pola súa condición de aristócrata, e foi confinado nunha prisión durante uns días. Mais o Comité de Seguridade Pública, ao pouco de ser informado pola duquesa de Choiseul do arresto, deu ordes para a súa inmediata posta en liberdade. No propio 1793 foi nomeado bibliotecario da Bibliothèque Nationale de France, mais el rexeitou o cargo e retomou as súa antigas funcións como conservador do Gabinete de Medallas e Moedas, e enriqueceu a colección nacional con numerosas e valiosas adquisicións.[3]

Despoxado da súa fortuna pola Revolución, Jean-Jacques Barthélemy morreu na pobreza en París o 20 de xaneiro de 1795, aos 79 anos.[1][3][6]

Descifraxe de alfabetos

[editar | editar a fonte]

Barthélemy foi o primeiro erudito que conseguiu descifrar con éxito antigas linguas orientais extinguidas, comezando polo alfabeto palmireno en 1754 e continuando polo alfabeto fenicio en 1758.[7][8]

Alfabeto palmireno

[editar | editar a fonte]

Xa en 1616 se imprimiran os primeiros exemplos de inscricións palmirenas, aínda que non se dispuxo das primeiras copias precisas de inscricións bilingües en palmireno e grego ata 1753, coa publicación de Les Ruines De Palmyre, de Robert Wood e James Dawkins.[9][10] O abade Jean-Jacques Barthélemy descifrou o alfabeto palmireno en 1754, literalmente da noite á mañá, utilizando estas novas e precisas copias das inscricións bilingües. Para iso baseouse esencialmente na transcrición dos nomes propios co fin de identificar o valor de cada letra. Esta descifraxe fíxose pública en 1759 nunha edición das súas "Réflexions sur l'alphabet et sur la langue dont on se servoit autrefois à Palmyre" por parte da Académie des inscriptions et belles-lettres.[11]

Alfabeto fenicio

[editar | editar a fonte]

A descifraxe de Barthélemy do alfabeto fenicio produciuse en 1758 e foi publicada en 1764 pola Académie des inscriptions et belles-lettres co título de "Réflexions sur quelques monumens phéniciens et sur les alphabets qui en résultent (1758)".[14]

Xeróglifos exipcios

[editar | editar a fonte]
Correspondencias identificadas por Caylus e Barthélemy, en Recueil d'antiquités égyptiennes, de 1752.[18]

Jean-Jacques Barthélemy, en colaboración con Anne Claude de Caylus, identificou que as escritas cursivas exipcias non xeroglíficas parecían consistir en letras alfabéticas derivadas graficamente dos xeróglifos, tal como se recolleu en Recueil d'antiquités égyptiennes, de Caylus, en 1752.[18][19][20][21] Esta idea foi publicada tamén en inglés en The Divine Legation of Moses por William Warburton en 1765.[22]

Barthélemy tamén foi o primeiro en suxerir, no volume V do Recueil d'antiquités égyptiennes do conde Caylus, publicado en 1762, que os signos dos cartuchos exipcios representaban probablemente nomes reais.[23][24][25] Esta descuberta de Barthélemy foi recoñecida por Champollion no seu Précis du système hiéroglyphique des anciens égyptiens, en 1827.[26]

Voyage du jeune Anacharsis en Grèce

[editar | editar a fonte]
Portada da edición de 1788 de Voyage du jeune Anacharsis en Grèce.[27]

Barthélemy tamén foi autor de varias obras eruditas sobre temas anticuarios, pero a grande obra, na que se basea a súa sona é Voyage du jeune Anacharsis en Grèce, publicada en catro volumes en 1788. O inicio deste traballo data de 1757 e botou trinta anos traballando nel. O heroe, un rapaz escita descendente do famoso filósofo Anacarsis, suponse que foi a Grecia na súa xuventude para se instruír e, logo de percorrer as súas repúblicas, colonias e illas, regresou ao seu país natal e escribiu este libro na súa ancianidade, despois de que o heroe macedonio derrocase o Imperio Persa.[3][28]

Á maneira dos viaxeiros modernos, o protagonista dá conta dos costumes, o Goberno e as antigüidades do país que se supón que visitou. Unha copiosa introdución suple o que poida faltar canto a detalles históricos, en tanto que varias disertacións sobre a música dos gregos, a literatura dos atenienses e a economía, as actividades, as paixóns dominantes, os modos e os costumes dos estados circundantes achegan unha ampla información acerca dos temas que tratan.[29][28]

A erudición moderna superou a maioría dos detalles da viaxe, mais o propio autor non pensou que o seu libro fose un rexistro de feitos comprobados con precisión; máis ben pretendía ofrecerlles aos seus compatriotas, de xeito interesante, algúns coñecementos sobre a civilización grega. As Charicles, ou Illustrations of the Private Life of the Ancient Greeks, de Wilhelm Adolf Becker, é outro intento nunha dirección similar.[28][30]

Esbozo dun retrato de Jean-Jacques Barthélemy por Pierre-Simon-Benjamin Duvivier.[31]

Barthélemy deixou varios textos sobre as linguas orientais e a arqueoloxía, lidos orixinalmente ante a Académie des inscriptions et belles-lettres. Tamén foi autor dunha novela que ilustra os costumes antigos, Les amours de Caryte et de Polydore (1760), e as memorias da súa vida: Mémoires sur la vie de l'abbé Bartolomé, écrits par lui-même (1824).[6][30]

A correspondencia de Barthélemy con Paolo Paciaudi, sinaladamente sobre temas anticuarios, foi editada xunto coa de Caylus (Correspondance du comte de Caylus) en 1877 por Charles Nisard. As súas cartas ao conde de Caylus foron publicadas por Antoine Serieys en Un voyage en Italie (1801), e as súas cartas a Mme du Deffand, con quen mantiña relacións íntimas, na Correspondance complète de Mme du Deffand avec la duchesse de Choiseul, L'abbe Barthélemy et M. Craufurt (1866), editada polo marqués de Sainte-Aulaire. Ademais, Mathieu-Guillaume-Thérèse Villenave publicou en 1821 as obras completas de Barthélemy en catro volumes.[6][30]

Escolma de publicacións

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Michaud, L. G.; Michaud, J. Fr., eds. (1843).
  2. Pope, M- (1999). The Story of Decipherment: From Egyptian Hieroglyphs to Maya Script. Thames and Hudson. Páxina 97. ISBN 978-0-500-28105-5
    [Nevertheless, Barthelemy's was the first successful decipherment of an ancient script. He followed it up a few years later with work on the Phoenician alphabet...]
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Chisholm, H. ed. (1911). Páxina 448.
  4. "Presumed Portrait of the Duc de Choiseul and Two Companions ". Getty Museum (Getty.edu).
  5. "Jean-Jacques Barthélemy". AcademieFrançaise.fr
  6. 6,0 6,1 6,2 Delamarre, L. N. (1913).
  7. Thomasson, F. (2013). The Life of J. D. Åkerblad: Egyptian Decipherment and Orientalism in Revolutionary Times. BRILL. Páxina 95. ISBN 978-9004211162
  8. Barthélemy, J.-J. (1736). "Réflexions sur quelques monuments Phéniciens, et sur les alphabets qui en résultent". En Mémoires de littérature, tirés des registres de l'académie royale des inscriptions et belles-lettres. 30 [lido o 12 de abril de 1758]. Páxinas 405-427.
  9. David, M.-V. (1961). Op. cit". Páxina 41.
  10. Les ruines de Palmyre. Londres, 1753.
  11. Véxase "(1759)" en "Escolma de publicacións".
  12. Barthélemy, J.-J. (1759). "Réflexions sur l'alphabet et sur la langue dont on se servoit autrefois à Palmyre (1754)". Pl. I.
  13. Barthélemy, J.-J. (1759). "Réflexions sur l'alphabet et sur la langue dont on se servoit autrefois à Palmyre (1754)". Pl. II.
  14. Véxase "(1864)" en "Escolma de publicacións".
  15. Barthélemy, J.-J. (1764). "Réflexions sur quelques monumens phéniciens.... (1758)". Pl. IV.
  16. Barthélemy, J.-J. (1764). "Réflexions sur quelques monumens phéniciens.... (1758)". Pl. III.
  17. Barthélemy, J.-J. (1764). "Réflexions sur quelques monumens phéniciens.... (1758)". Pl. II.
  18. 18,0 18,1 Caylus, A. C. de (1752). Recueil d'antiquités égyptiennes, étrusques, grecques et romaines. Tome 1. Páxinas 65-76. Lámina XXVI.
  19. Callataÿ, F. de (2010). "Le Comte de Caylus et l'étude des monnaies antiques". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 154. Nº 3.. Páxina 1.341.
  20. Fumaroli, M. (1995). "Le comte de Caylus et l'Académie des Inscriptions". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 139. Nº 1. Páxinas 234-235.
  21. David, M-V. (1961). "En marge du mémoire de l'abbé Barthélemy sur les inscriptions phéniciennes (1758)". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 105. Nº 1. Páxina 31.
  22. Warburton, W. (1765). The Divine legation of Moses demonstrated... Millar & Tonson, Londres. Páxinas 100-115.
  23. Caylus (1762). Recueil d'antiquités égyptiennes, étrusques, grecques, romaines et gauloises. Tomo 5. Tilliard, París. Páxinma 79.
  24. Ucko, P. (2003). The Wisdom of Egypt: Changing Visions Through the Ages. CRC Press. Páxina 158. ISBN 978-1-135-39377-9
  25. Rossini, S. (1989). Egyptian Hieroglyphics: How to Read and Write Them. Courier Corporation. Páxina 6. ISBN 978-0-486-26013-6
  26. Champollion, J.-F. (1827). Précis du système hiéroglyphique des anciens égyptiens... Imprimerie royale, París. Páxina 21.
  27. Barthélemy, J.-J. (1788). Voyage du jeune Anacharsis en Grèce, dans le milieu du quatrième siècle avant l'ère vulgaire. Tomo I. De Bure, París.
  28. 28,0 28,1 28,2 Díez Abad, G. (2007). Claves para la lectura del "Voyage du jeune Anacharsis en Grèce" de Jean-Jacques Barthélemy. Universidade de Burgos. ISBN 978-84-96394-56-8
  29. Chisholm, H. ed. (1911). Páxinas 448-449.
  30. 30,0 30,1 30,2 Chisholm, H. ed. (1911). Páxin 449.
  31. "L'Abbé Barthelemi : [dessin] / Duvivier delineavit". Gallica.bnf.fr

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Claude Gros de Boze
Director do
Gabinete de Medallas de París

1754 - 1795
Sucesor:
André Barthélemy de Courcay