Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Edificio Aurora Polar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio Aurora Polar
Vista xeral da fachada contra a Rúa Urzáiz de Vigo
Edificio
Nome inicialEdificio Aurora Polar
EstiloRacionalismo
LocalizaciónR/ Rep. Arxentina esq. R/ Urzáiz, Vigo
Coordenadas42°14′08″N 8°43′09″O / 42.23565, -8.7191055555556
Uso(s)Vivenda e sede de compañía de seguros, hoxe local comercial.
Construción
Inicio1958
Remate1959
Dimensións
Plantas12 (p. baixa, 2 entresollados, 7 andares, e 3 áticos)
Equipo
Arquitecto(s)Jenaro de la Fuente Álvarez
PromotorSeguros Aurora Polar
PremiosHomenaxe en 2006 polo COAG
editar datos en Wikidata ]

O edificio Aurora Polar de Vigo é un inmoble obra do arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez encargado pola compañía de seguros Aurora Polar en 1959, que se atopa no centro da cidade no chafrán que forman as rúas Urzáiz e República Arxentina. É un edificio de feitura moderna con formas dinámicas propias do racionalismo, movemento xa iniciado por Xosé Bar Boo en 1957 co edificio Plastibar. Salientan a disposición recuada dos últimos andares, as terrazas voadas de formas curvas no encontro das rúas que achegan sensación de movemento, a disposición inclinada das cristaleiras do primeiro andar, e tamén os materiais: granito con ferro e vidro nos antepeitos dos balcóns, e as faixas lonxitudinais de peciñas de gres azul que contribúen ao enriquecemento plástico do conxunto. Destacan tamén as esculturas, as laterais en relevo, e a principal no chafrán que representa unha familia protexida polo seguro, obra de Camilo Nogueira[1]. Trátase dun dos edificios máis significativos da arquitectura racionalista en Vigo, e un dos pioneiros da introdución na cidade do movemento moderno[2].

Esculturas laterais en relevo.

No ano 1959 a compañía de seguros Aurora Polar encargou ao arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez erguer a que sería a súa derradeira obra (xunto co Instituto Feminino San Tomé de Freixeiro na Gran Vía). Anteriormente o arquitecto, fillo de Jenaro de la Fuente Domínguez, traballara co eclecticismo galego, coa primeira modernidade e mais cos historicismos da posguerra; agora crea unha obra única e dá un paso máis aló da súa obra precedente e tamén xa racionalista, o edificio Candeira ergueito en 1954 (na rúa Pi i Margall 79 de Vigo). A obra foi executada entre as rúas Urzáiz e República Arxentina, con doce andares e unhas formas que lembran o mundo da máquina e a velocidade, coas cores e materiais de transatlánticos, automóbiles e avións, e coa procura do maior aproveitamento do espazo.

O edificio foi restaurado xa no século XXI. En 2006 foi homenaxeado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia co gallo do día internacional da Arquitectura[2].

Trátase dun dos primeiros edificios de estilo racionalista en Galicia, de 12 andares e fachada principalmente en granito. O volume modélase de acordo cos dous obxectivos básicos, a necesidade de aproveitamento máximo do soar e a de dar unha imaxe do principal argumento: as formas dinámicas relacionadas co mundo da máquina e a velocidade (novos ideais estéticos da época), que se manifestan na fachada, na pérgola da cuberta, as cores e as varandas inspiradas en temas náuticos. A entrada principal disponse de xeito que permite salvar a acusada pendente da rúa República Arxentina e así aproveitar todo o espazo para o uso comercial. O entresollado tamén é de uso comercial e salienta polos cerramentos con cristaleiras inclinados cara á rúa formando un zócolo que evidencia a natureza da estrutura reticular de formigón, de xeito que o resto do volume do edificio “flutúa” sobre este feble cerramento. Os sete andares seguintes sobresaen polo movemento que dan as terrazas curvadas co uso de materiais e cores que lembran o mundo náutico e os transatlánticos que parten e chegan á cidade cara ás Américas con varandas de ferro branco, cristal e faixas de gres azulado (tipo piscina). A partir do oitavo andar prodúcese un retranqueo dos tres seguintes andares a xeito de azotea que achegan sensación de movemento ao conxunto. No cume do edificio aparece unha vasta pérgola[2].

No chafrán, por riba da porta principal destacan as esculturas do vigués Camilo Nogueira Martínez, que representan unha familia abeirada polo "seguro". Jenaro de la Fuente separou as formas dinámicas liviás das terrazas do Aurora dos edificios acaroados cunha banda vertical cega na que se incrustan baixorrelevos en granito co nome da compañía de seguros promotora do edificio e unha serie de motivos de inspiración déco. A tipografía empregada e o deseño dos elementos escultóricos confirman a concepción formal da modernidade que caracterizou o derradeiro período da carreira do arquitecto, finado o ano no que os traballos remataron[3].

O edificio ten planta baixa e entresollado destinados a locais comerciais (hoxe unha xoguetaría), sete andares cunha vivenda-despacho por planta de grandes dimensións e tres áticos destinados a despachos[4].

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]