Emily Brontë
Emily Brontë, nada en Thornton (West Yorkshire) o 30 de xullo de 1818[1] e finada en Haworth (Yorkshire) o 19 de decembro de 1848, foi unha escritora inglesa. A súa obra máis importante foi a novela Cumes Torboentos (Wuthering Heights), publicada en 1847 e considerada un clásico da literatura inglesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Emily foi a quinta de seis irmáns (un rapaz e cinco mulleres, entre elas Charlotte e Anne). En 1820 a familia trasladouse a Haworth, onde o seu pai foi nomeado párroco da Igrexa anglicana. A súa nai morreu o 21 de setembro de 1821, e en agosto de 1824 Charlotte e Emily foron enviadas canda as súas irmás máis vellas, Mary e Elizabeth, ao colexio de Clergy Daughters, en Cowan Bridge (Lancashire), onde caeron enfermas de tuberculose. Mary e Elizabeth volveron enfermas a Haworth e morreron en 1825, polo cal a familia sacou a Charlotte e Emily do internado. Neste colexio inspirouse Charlotte Brontë para describir o sinistro centro Lowood que aparece na novela Jane Eyre.
En 1838 Emily comezou a traballar como gobernanta en Law Hill, preto de Halifax. Máis tarde, de novo canda á súa irmá Charlotte, foi a un colexio privado en Bruxelas, até que regresou a Inglaterra trala morte da súa tía. Emily quedou a partir de entón como administradora da casa familiar.
En 1846 Charlotte descubriu por casualidade as poesías que escribía a súa irmá Emily. Xunto a Anne, as tres irmás Brontë decidiron publicar un libro de poesía conxunto. Para evitar os prexuízos sobre as mulleres escritoras, as tres utilizaron pseudónimos masculinos (Currer, Ellis e Acton Bell). As poesías de Emily son as de máis calidade. As de Anne, aínda que non de tan alto nivel, son tamén superiores ás de Charlotte, cuxo talento era esencialmente novelesco. Vendéronse só dous exemplares do libro, que pasou inadvertido; porén, as irmás non se desanimaron e decidiron escribir unha novela cada unha.
En 1846 publicouse Cumes Torboentos, un clásico da literatura inglesa a pesar de que inicialmente, debido á súa innovadora estrutura, desconcertou á crítica. A obra foi levada varias veces ao cinema, se ben a adaptación máis valorada é a dirixida en 1939 por William Wyler, con Laurence Olivier, Merle Oberon e David Niven como actores principais. En 1953 Luis Buñuel fixo unha adaptación máis fiel.
Emily, de saúde fraxil, morreu de tuberculose logo de coller un arresfriado en setembro no funeral do seu irmán. Foi soterrada na igrexa de San Miguel de Todos os Santos en Haworth.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Manrique Sabotal, Winston (30-07-2018). "Emily Brontë, 200 años de desafío y vigencia de una autora clásica". elpais.com. Consultado o 30-07-2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Emily Brontë |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte] Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |