Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Embriaguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Los Borrachos (Velázquez)

A embriaguez (ebriedade ou, vulgarmente, borracheira e mona) consiste nun estado de alteración das facultades mentais e motrices do corpo a consecuencia dun consumo excesivo de alcohol cuxa presenza en sangue alcanza un determinado nivel que chega a provocar unha intoxicación etílica. A persoa nese estado denomínase ebrio ou borracho (máis tecnicamente, dipsómano), e, se a mesma situación se repite frecuentemente, se cualifica de alcohólico, concepto que xa adquire matices de adicción e conduta patolóxica, con danos para a saúde.

O termo pode empregarse tamén noutros sentidos figurados, cando se trata de expresar uns sentimentos moi exaltados que poden ofusca-la razón, falando, así, de estar embriagado de amor ou pola emoción; tamén pode aplicarse a perfumes ou esencias.

A embriaguez como patoloxía

[editar | editar a fonte]

Considérase un estado patolóxico cando se trata dunha intoxicación aguda, que xera cadros con alteración completa do comportamento. Poden describirse catro tipos básicos: embriaguez violenta, excitomotora, convulsiva e, finalmente, delirante.

Resposta social á embriaguez

[editar | editar a fonte]
A beberaxe amarga Adriaen Brouwer (1630-1640)

En xeral, a consideración social do costume de consumir bebidas alcohólicas é variable segundo o ámbito, as circunstancias etc., e en moitas ocasións existe unha aceptación social que o valora positivamente —e, ó contrario, unha desaprobación ante o rexeitamento do seu consumo—. De feito, en practicamente tódolos actos colectivos nos que forma parte unha comida —formal ou non— acompáñanse de consumo de bebidas alcohólicas. Isto non empece que tamén sexa común a reprobación da embriaguez ante a incapacidade de quen chega a este estado de controla-lo seu comportamento e as molestias que poden causar ós que lle rodean.

Tamén o alcoholismo recibe normalmente unha consideración social pexorativa que soborda o seu carácter de enfermidade.

A relixión católica non condena o consumo de alcohol se se fai con moderación; é dicir, castiga o abuso, como o fai con outras realidades (como a comida). Outras relixións, como a musulmá, si que prohiben as bebidas alcohólicas polos posibles problemas sociais e de saúde que poden traer, así como por desviar do pensamento en Deus. Tamén os budistas rexeitan o consumo de alcohol por obstaculiza-la meditación.

Aspectos legais da embriaguez

[editar | editar a fonte]

A embriaguez, en si mesma, non é delito, e mesmo se pode considerar como atenuante cando se interprete como un trastorno mental transitorio que anula á propia vontade, sempre e cando o estado de embriaguez non sexa habitual.

As Normas de Circulación impoñen determinadas sancións, en forma de multa e retirada de puntos no carné de conducir, se se superan determinados niveis de alcohol en sangue cando se conduce un vehículo. Ademais, obrigaron a unha modificación do Código Penal para considerar delito a condución con niveis superiores a 0,60 miligramos de alcohol en aire expirado, delito penado con penas de prisión de 3 a 6 meses ou traballos en beneficio da comunidade.

No dereito laboral pode ser causa de despedimento procedente.

[editar | editar a fonte]

Os sucesivos estadíos polos que vai pasando quen bebe son comparados por unha lenda árabe cos seguintes animais:

  1. Mono: na fase de excitación o individuo presenta un comportamento inquieto, faladeiro, mesmo gracioso, pero segue sendo consciente dos seus actos e das súas palabras. Móstrase menos inhibido e aumenta a súa locuacidade, elocuencia e sociabilidade.
  2. León: á anterior segue unha fase de confusión, na que o bebedor pode mostrarse agresivo e actuar dunha forma irreflexiva e, ás veces, violenta coas cousas ou as persoas que o rodean.
  3. Porco: na última fase, xa de completa embriaguez, o bébedo perde o control, anda cambaleándose, vomita e mesmo cae ó chan.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]