Nothing Special   »   [go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Despotado de Epiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaDespotado de Epiro
Δεσποτάτο της Ηπείρου (el) Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata
CapitalArta (pt) Traducir
Ioannina (1356–1430)
Vonitsa (en) Traducir (1460–1479) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua usadalingua grega
lingua albanesa Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo ortodoxo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación1205 Editar o valor en Wikidata
Disolución1479 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Sucedido porSanjak of Ioannina (en) Traducir e Duchy of Leucas (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernofeudal monarchy (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

O despotado de Epiro (chamado tamén despotado de Arta), xurdiu na rexión de Epiro en 1204 tras a caída de Constantinopla en mans dos cruzados e a creación do Imperio Latino de Constantinopla. Existiu entre 1205 e 1358.

O despotado de Epiro desde a súa fundación ao cénit do seu poder en 1230.

En 1204, os cruzados conquistaron Constantinopla e, logo de vencer na Batalla de Pemaneo (decembro de 1204), entraron en Bitinia. O emperador Constantino Láscaris morreu na loita en xaneiro do 1205 e o seu irmán Teodoro I Láscaris foi proclamado emperador de Nicea. Pero o patriarca de Constantinopla, Camateo (Kamatheos), que fuxira a Tracia, non quixo ir a Nicea para coroalo. Os búlgaros invadiron Tracia en febreiro de 1205 acompañados por continxentes cumanos e, ao mesmo tempo, Teodoro sufriu unha grave derrota fronte aos cruzados, chamados agora latinos, na Batalla de Adrametium. Os latinos ocuparon case toda Tracia e Bitinia, que converteron en ducados por conta de Saint Pol (Ducado de Demótica) e do conde Lois de Blois (Ducado de Bitinia).

Os gregos de Tracia rebeláronse e Demótica e Adrianópolis entregáronse aos búlgaros. Filipópolis, que era cabeceira dun ducado concedido nominalmente a Rainerio de Trith, foi asediada. Nestas condicións, o gobernador bizantino de Nicópolis, Miguel I Anxo Comneno, proclamouse déspota e estendeu os seus dominios establecendo a capital en Arta. A derrota dos latinos capitaneados polo emperador Balduíno IX, conde de Flandres en Adrianópolis (14 de abril de 1205) supuxo un respiro para Miguel. Lois de Blois morreu, Balduíno foi feito prisioneiro e Godofredo de Villehardouin e o duque veneciano Enrique Dandolo (de 97 anos) conseguiron retirarse a Constantinopla salvando unha parte dos exércitos. Pero Filipópolis foi ocupada polos búlgaros e tiveron que fuxir a Bitinia (maio de 1205) que así puido ser ocupada por Teodoro Lascaris deixando aos latinos Constantinopla e arredores, Rodosto e Selimbria.

A rexencia latina pasou a Henrique, conde de Hainaut, irmán de Balduíno, que foi confirmado no mes de xuño. O déspota de Sinope, David Comneno, aliouse con Henrique contra Teodoro Lascaris pero foi derrotado en Nicomedia. O peso da loita pasou entón á parte occidental onde Bonifacio de Montferrato, rei de Tesalónica, tivo que loitar contra o déspota de Grecia León Sguros ao que gañou nas Termópilas asegurándose o dominio de Tesalia. Outros señores latinos avanzaron máis ao sur: Guillerme de Champlitte e Godofredo de Villehardouin entraron en Beocia e ocuparon Tebas sen loita; despois seguiron ata Atenas e a illa de Eubea (tamén chamada Negroponte).

O Peloponeso someteuse ao déspota Miguel de Epiro e Tebas e Atenas constituíronse en baronía dependente do rei de Tesalónica concedida a Odón I de la Roche; a illa de Negroponte (Eubea -ou Évvoia-) foi doada a Xaime de Avesnes. Godofredo de Villehardouin e Guillerme de Champlitte invadiron o Peloponeso e ocuparon Elide e Arcadia, desfacendo as tropas enviadas polo déspota Miguel na Batalla de Kondura. Guillerme foi proclamado príncipe de Acaia, con poder feudal sobre Atenas e Tebas aínda que feudatario do rei de Tesalónica. Godofredo foi proclamado príncipe de Koron e Kalamata.

O ano 1206 foi de calma, con Miguel intentado refacer as súas tropas. Na primavera de 1207 atacou os latinos pero foi derrotado na Batalla de Lakos. Esta derrota e os feitos que se desenvolveron na rexión (o fortalecemento do Emperador que asegurou a submisión do reino de Tesalónica, que non respectaba a soberanía imperial) fixeron que en 1209, no Parlamento de Ravenica, Miguel I se recoñecese como vasalo do Imperio latino: unha filla de Miguel casou con Eustaquio, irmán do emperador, selando así a alianza.

En 1210 a debilidade de Miguel obrigouno a asinar un tratado con Venecia (xuño) polo que recoñecía a soberanía feudal da República. Para contrarrestar, intentou expandirse por Tesalia no mes de decembro, pero o exército imperial impediullo. En 1211 tivo que enviar un continxente para loitar á beira do emperador contra o príncipe búlgaro de Prosec.

No verán de 1212, Miguel ocupou Larisa en Tesalia e, ao ano seguinte, rompeu con Venecia e atacou Durazzo, sen poder ocupar esta cidade, pero si algúns territorios dos arredores. Miguel foi asasinado, seguramente por instigación dos venecianos, e foi sucedido polo seu irmán Teodoro I Anxo-Comneno Ducas, que seguiu coa mesma política. Atacou e ocupou Durazzo (1215) e incorporou as rexións entre o río Drin e o mar Adriático.

Reinado de Teodoro

[editar | editar a fonte]

En 1216, Teodoro asegurouse a fronteira norte cun tratado co duque de Rascia ( no centro-norte de Serbia); cos latinos asinou unha tregua. Atacou os búlgaros e tomou as cidades de Prilep e Ocrida.

En 1217 o emperador latino Pedro I de Courtenay atacou Durazzo pero foi rexeitado ao caer nunha trampa na costa albanesa, caendo prisioneiro. En 1218 Teodoro iniciou unha campaña de catro anos contra o reino de Tesalónica que se desenvolveu basicamente en Tesalia e que trouxo a ocupación de gran parte do reino, desde Platamonia ao sur ata Serres e Drama ao noroeste. Salónica foi asediada e Guido de Pallavicini asumiu a dirección da cidade como rexente o xove Demetrio que marchou a solicitar axuda ao Papa e aos señores italianos. O emperador mandou algunhas tropas ao ano seguinte (1223) pero o ataque de Xoán III de Nicea obrigou a retirar este exército. Teodoro ocupou Adrianópolis e parte de Tracia.

En 1224 chegou a Salónica Guillerme IV de Montferrato para defender a coroa do seu irmán Demetrio, pero as súas tropas foron dezmadas por unha epidemia de peste na que morreu o propio Guillerme. A finais dese ano a cidade capitulou. Teodoro entrou en Salónica e proclamouse emperador (deixando así o título de déspota) mentres os seus soldados se achegaban a Constantinopla. As operacións non seguiron e Teodoro dedicouse a consolidar o seu poder. En 1227 o novo rei de Serbia, Radoslav de Serbia, que acababa de suceder no trono ao seu pai Estevo I de Serbia, declarouse vasalo de Epiro. En 1230 a República de Ragusa recoñeceu a soberanía de Teodoro.

O despotado de Epiro do 1230 ao 1251.

En 1230, na cima do seu poder, Teodoro atacou o territorio búlgaro pero sufriu unha importante derrota na Batalla de Clocónica, na beira do río Maritsa (ou Evros), e foi feito prisioneiro; inicialmente foi tratado con honores pero cando se descubriu que el e o seu fillo Xoán preparaban un complot contra o tsar Iván Asen, foi cegado. Os territorios conquistados por Teodoro aos latinos sometéronse ao tsar búlgaro e estes entraron con pouca resistencia en Albania e Durazzo. Manuel, irmán de Teodoro, casado cunha filla de Iván Asen, conservou o poder de Epiro, Etolia, Acarnania e unha parte de Tesalia. Ragusa (=Dubrovnik) rexeitou a soberanía de Epiro en 1232. Serbia fíxoo en 1233 e aliouse con Bulgaria.

Miguel II e as alianzas

[editar | editar a fonte]

En 1237, Teodoro foi liberado xunto ao seu fillo Xoán, Volveu aos seus dominios e, rapidamente, a nobreza púxose ao seu lado e destituíu a Manuel que fuxiu a Nicea. Teodoro, restablecido, abdicou no seu fillo Xoán I. Unha filla casou co tsar búlgaro Iván Asen, garantindo así a neutralidade deste. Con todos estes disturbios, Miguel II, fillo do déspota Miguel I, proclamouse rei de Epiro, Etolia, Acarnania e Corfú (=Kérkyra), deixando a Xoán unicamente os territorios de Tesalia. O exiliado Manuel retornou con soldados prestados polo emperador de Nicea e desembarcou preto de Salónica. Pero Manuel e Teodoro o Cego chegaron a un acordo e estableceuse un goberno conxunto entre Xoán e Manuel.

Nicea encaixou moi mal este acordo. En 1241 enviou tropas a Salónica e, nas loitas, foi feito prisioneiro Teodoro o Cego. A costa de Tesalia e Macedonia foi ocupada polos soldados de Nicea mentres que o interior estaba ocupado por Miguel II de Epiro. Os venecianos aproveitaron para apoderarse de Volos e Almiro, cidades costeiras. As operacións non continuaron pero o reino de Tesalónica era cada vez menor mentres que o despotado de Epiro volvía rexurdir. En 1247, Miguel II ocupou Albania ata Durazzo e a costa de Macedonia que estaban en poder dos búlgaros desde 1230.

En 1248 Nicea buscou a alianza con Miguel. Xoán Ducas Vatatzés propúxolle o enlace de Nicéforo (fillo de Miguel) coa súa neta, proposta que obtivo o apoio de Teodora Petralifina, esposa de Miguel. O enlace concertouse en 1249 (aínda que non se celebrou ata 1256). Teodoro o Cego, que fora liberado e agora era señor de Vodena, opúxose a esta alianza e conseguiu convencer a Miguel de cambiar as súas alianzas e ocupar os territorios dominados de Nicea e Tesalia. Miguel II invadiu estes territorios e ocupou a costa de Macedonia en 1251.

En 1252, Nicea pasou á ofensiva e recuperou as súas posesións, coa fortaleza de Castoria, e chegaron ata Albania. Miguel II pediu a paz e asinou o Tratado de Larissa polo que renunciaba a favor de Nicea os territorios gregos occidentais que tomara a Bulgaria, e Prilep e Croia a Albania; a cambio recoñecíaselle o título de déspota de Epiro, pero como vasalo do Emperador de Nicea.

Teodoro o Cego foi feito prisioneiro de novo en Nicea, onde morreu. Logo dunha campaña de Nicea contra os búlgaros (1255-1256) Miguel II, prisioneiro, enviou finalmente ao seu fillo Nicéforo a casar con María, filla de Teodoro II Láscaris de Nicea, cumprindo o acordo de 1249. A voda celebrouse en Salónica e Teodoro II esixiu como dote os territorios serbios de Miguel II e a cidade de Durazzo. Miguel non puido negarse ao ter ao seu fillo en mans do emperador. Tralo enlace, Miguel invadiu Macedonia e iniciou unha guerra de tres anos (1257-1259) na que Miguel obtivo o apoio de Manfredo, rexente de Sicilia e de Guillerme de Morea e Oreos que en 1258 casou con Ana Comneno Ducas, filla de Miguel II, aportando como dote o territorio do sur de Tesalia; ao ano seguinte (1259), outra filla de Miguel, Helena Anxo, casou con Manfredo de Sicilia e achegou como dote Albania e Kérkyra.

O despotado de Epiro do 1252 ao 1315.

En 1259 librouse a batalla definitiva: as forzas de Miguel II e os seus aliados enfrontáronse a un exército de Nicea enviado por Miguel VII baixo o mando do seu irmán Xoán Paleólogo; inicialmente, os serbios ocuparon Skopia (Skopje) e Kosovo pero en Pelagonia os exércitos de Epiro foron derrotados. O rei serbio Estevo III Urosh retirouse e buscou aliados para facer fronte ao perigo (tratou con Hungría polo que o seu fillo Dragutí casou coa neta do rei húngaro).

Pasaron uns anos de tranquilidade, e en 1263 houbo unha guerra curta co emperador por territorios fronteirizos ao norte de Grecia. En 1266 morreu Manfredo de Sicilia e Miguel II aproveitou para recuperar as posesións albanesas que lle entregou en 1259, aínda que non podo recuperar Corfú que xa recoñecera a Carlos de Anjou. En 1268, Carlos entrou en Durazzo. Miguel II morreu en 1271 e repartiu os seus dominios: ao seu fillo máis vello Nicéforo Andrónico deixoulle Epiro e Albania; ao segundo, Xoán, a parte sur de Tesalia. En 1272, Nicéforo Andrónico renunciou á maior parte de Albania en favor de Carlos de Anjou, rei de Sicilia, para evitar a guerra e retornoulle os territorios ocupados polo seu pai.

Morte de Miguel e repartición de posesións

[editar | editar a fonte]

En 1274, o emperador bizantino Miguel VII, ameazado por Carlos de Anjou que aspiraba ao imperio latino, atacou Albania. Dirixía a frota bizantina o pirata Licario, que se puxo ao servizo do emperador e que tamén ocupou algunhas illas do mar Exeo. Carlos de Anjou era tamén unha ameaza para Nicéforo Andrónico e en 1279 declarouse vasalo do anxevino. En 1281 os bizantinos atacaron a Carlos nas súas posesións albanesas, concretamente en Berat, e obtiveron unha vitoria parcial. Pero, no verán, Carlos reuniu continxentes de Francia, enviados do Papa, Serbia, Bulgaria, Acaia, Tesalia, Epiro, Atenas e Venecia, e restaurou o control sobre Albania. A morte de Miguel Paleólogo e as vésperas sicilianas puxeron fin ás loitas en 1282. En 1290 morreu o déspota de Tesalia sen sucesión e os seus territorios pasaron á liña de Epiro, representada por Nicéforo Andrónico. Este morreu en 1296 e foi sucedido polo seu fillo Tomé, baixo rexencia da súa curmá Ana.

No ano 1300, Xoán Orsini, fillo do conde de Cefalonia, construíu unha fortaleza nas illa de Leucas que dependía de Epiro pero que reclamaban os de Orsini. Tomé de Epiro casou en 1304 cunha neta do emperador Andróníco II de Bizancio, fortalecendo o partido probizantino, mentres o partido anxevino, representado por Tamara, irmá de Tomé, perdía forza. En 1310 producíronse combates coa compañía catalá dos almogávares que acababan de saír de Tesalia e entraran ao servizo do duque Gualterio de Atenas.

O fin do despotado

[editar | editar a fonte]

Tomé morreu asasinado sen sucesión masculina. Ana Anxo herdou o despotado e, ao estar casada con Giovani de Orsini de Cefalonia, iniciouse a "dinastía Orsini". O fillo de Xoán, Nicolás, casou coa viúva de Tomé.

O despotado de Epiro do 1315 ao 1358.

En xullo de 1315, Fernando de Mallorca desembarcou en Acaia e ocupou algunhas cidades co apoio dalgúns baróns. Aproveitando a confusión, Xoán Orsini tamén invadiu a rexión; algúns dos baróns xuráronlle lealdade. Lois de Borgoña desembarcou en Acaia e derrotou a Fernando de Mallorca en Manolada (5 de xullo de 1316). Os baróns pasáronse ao seu bando pero Lois morreu asasinado no mes de setembro.

Xoán I Orsini morreu en 1317 e foi sucedido polo seu fillo Nicolás. A esposa de Nicolás, Ana Paleólogo, envelenouno en 1323, coa esperanza de someter Epiro e Cefalonia ao Imperio Bizantino, gobernado polo seu pai Andrónico II. Pero o príncipe de Acaia, Xoán de Gravina, ocupou Cefalonia e declarouna feudo de Acaia, instalando no trono como vasalo a Nicéforo I, fillo de Ana e Nicolás; na zona continental, Xoán II Orsini, irmán de Nicolás, foi recoñecido polos señores. Xoán II seguiu a mesma sorte que Nicolás e morreu tamén asasinado pola súa esposa grega.

O fillo menor de idade Nicéforo II foi proclamado e Ana exerceu a rexencia establecendo unha forte alianza co Imperio Bizantino. En 1336, Ana entregou o poder a Bizancio. O xove Nicéforo II foi sacado do país e levado a Nápoles polo partido antibizantino. Cando en 1337 as tropas enviadas polo emperador ían tomar posesión, Nicéforo II, que obtivera a axuda de Catarina de Valois-Courtenai que lle entregou unha frota, presentouse coas naves e librou unha batalla; foi derrotado pero as tribos albanesas non aceptaban a presenza dos bizantinos e rebeláronse. Ocuparon Timorón e asediaron algunhas fortalezas bizantinas. Os bizantinos, mellor armados e coa axuda das tropas do emir de Aidin, pasaron á ofensiva, derrotando aos rebeldes e reconquistando Timorón. Os máis beneficiados foron os serbios que ocuparon algunhas rexións de Albania. Xoán Anxo foi designado gobernador ou déspota vasalo de Bizancio.

En 1340, Nicéforo II volveu presentarse cos restos da súa frota e os barcos obtidos en Nápoles pero foi derrotado polo déspota bizantino de Epiro coa axuda das tropas enviadas polo gobernador de Salónica. Nicéforo II, ao ver que todo estaba perdido, someteuse ao emperador, renunciando aos seus dereitos e contraendo matrimonio con María, filla do influente Xoán Cantacuzeno, establecéndose en Constantinopla. Os anos seguintes, Epiro pasou a mans do rei de Serbia, Estevo Dushan. En 1355, á morte de Dushan, as tribos albanesas sometidas quedaron libres, especialmente os Balsha (ao norte) e os Thopia (ao sur). Nicéforo II regresou a Epiro e foi recoñecido déspota. En 1358 morreu nun combate contra os serbios e o xefe albanés Carlos Thopia fíxose amo da rexión, dando fin ao despotado.

Déspotas de Epiro

[editar | editar a fonte]

Dinastía Comneno Ducas.[1][2][3]

Dinastía Orsini.

Casa de Nemanjić

Dinastía Buondelmonti.

Dinastía Tocco

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]