Daniel Schlumberger
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Daniel Théodore Schlumberger 19 de decembro de 1904 Mulhouse, Alto Rin, Francia. |
Morte | 21 de outubro de 1972 (67 anos) Princeton, Nova Jersey, EEUU. |
País de nacionalidade | Francesa. |
Educación | Universidade de Estrasburgo. |
Tese académica | Palmyrène du Nord-Ouest (1950). |
Actividade | |
Campo de traballo | Arqueoloxía, numismática, antropoloxía, historia da arte. |
Ocupación | arqueólogo, antropólogo, historiador da arte, profesor universitario |
Empregador | Universidade de Princeton. |
Membro de | Académie des inscriptions et belles-lettres (1958). |
Influencias | Paul Perdrizet. Henri Seyrig. |
Familia | |
Pais | Paul Schlumberger e Elisabeth Schoen. |
Irmáns | Jean Schlumberger. |
Premios | |
Cabaleiro da Lexión de Honra. | |
Daniel Théodore Schlumberger, nado en Mulhouse, Alto Rin, o 19 de decembro de 1904 e finado en Princeton, Nova Jersey, o 21 de outubro de 1972, foi un arqueólogo, numismático e antropólogo francés.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Nado nunha familia da burguesía protestante alsaciana, Daniel Schlumberger era fillo de Elisabeth Schoen e de Paul Schlumberger, e irmán do deseñador de xoias Jean Schlumberger. Cursou o bacharelato en Mulhouse, baixo o dominio alemán, e posteriormente, imbuído desta dobre cultura franco-alemá pola súa educación e o seu bilingüismo, iniciou en 1922 os seus estudos de Historia e Xeografía na Universidade de Estrasburgo.[2][3]
Durante a súa estadía na universidade, sentiu curiosidade por temas moi diversos, e como alumno do arqueólogo e helenista Paul Perdrizet, desenvolveu un interese particular pola historia antiga e a arqueoloxía.[3]
Inicio na arqueoloxía
[editar | editar a fonte]En 1925, Daniel Schlumberger abandonou Francia e incorporouse ao Servizo de Antigüidades de Siria e o Líbano, como parte da misión de Perdrizet. O obxectivo da misión era elaborar un mapa arqueolóxico e un programa de escavacións para a rexión. O equipo estaba formado polos arqueólogos Paul Perdrizet, Henri Seyrig e Daniel Schlumberger,[2] e conseguiu establecer descubertas do período asirio preto do río Éufrates, escavando nos sitios de Til-Barsip e Arslan Tash.[4][5]
Investigación en Palmira (1929-1941)
[editar | editar a fonte]En 1929, Henri Seyrig, o novo director do Servizo de Antigüidades de Siria e o Líbano, pediulle a Daniel Schlumberger que se unise a el como inspector de antigüidades.[2] Comezou entón a súa carreira como arqueólogo investigando a arquitectura das columnas antigas na rexión de Palmira, e conseguiu demostrar a influencia helenística dos capiteis corintios e refutar a idea de que os seus estilos derivaban da arquitectura imperial romana.[5]
A continuación, o arqueólogo concentrouse na cidade de Palmira, onde estudou a súa organización política, económica e relixiosa. Proseguiu as súas investigacións nos arredores, realizando unha serie de prospeccións terrestres e aéreas nun territorio ata daquela descoñecido para os arqueólogos. Baseándose nas pistas reveladas polas fotografías aéreas tomadas pola Aviación Militar do Levante, descubriu aldeas, fortalezas e lugares de culto, o que contribuíu a aclarar pouco a pouco a historia de Palmira. Esta serie de exploracións foi o tema da súa tese titulada Palmyrène du Nord-Ouest, presentada na Sorbona en 1950.[2][6]
En 1936 iniciou as escavacións no sitio arqueolóxico de Kasr al Hayr al-Gharbi (Siria).[7] Documentou a existencia de tres miliarios con dedicatorias ao emperador romano Adriano ou aos seus predecesores.[8] No mesmo sitio acháronse os restos dun castelo califal omeia do século VII. Daniel Schlumberger describiu este importante descubrimento durante unha conferencia na Universidade de Estrasburgo en 1962:[9]
“ | De súpeto soubemos que a arte musulmá máis antiga, a arte de Siria de principios do século VII, a arte do califato omeia, é moi diferente da arte musulmá «clásica», a arte de Mesopotamia de mediados do século IX, a arte do califato abbásida. | ” |
Posteriormente, en outubro de 1938, foi nomeado residente no Instituto Francés de Damasco, e o 24 de xuño de 1941, secretario xeral. No entanto, a súa presenza no Instituto foi escasa, xa que tivo que asumir o cargo de subdirector do Departamento de Antigüidades e continuar cos seus traballos arqueolóxicos, entorpecidos pola segunda guerra mundial.[2]
Segunda Guerra Mundial
[editar | editar a fonte]Ao comezo da guerra, Daniel Schlumberger foi recrutado polo exército francés en Siria. En 1941, uniuse á Francia Libre logo da chegada das tropas británicas e da Francia Libre a Beirut (Campaña de Siria). Foi enviado ao Servizo de Información da Francia Libre no Congo. Durante 18 meses, o seu coñecemento da lingua alemá levouno a servir no Servizo de Información como comentarista político en Radio-Brazzaville (1942-1943). Despois regresou a Beirut, onde dirixiu os servizos de Prensa e Radiodifusión ata a fin da guerra.[2][10][11]
Entre Afganistán, Beirut e Estrasburgo
[editar | editar a fonte]En 1944, o Goberno Provisional, desexoso de asegurar a continuidade da presenza francesa en Afganistán, nomeou a Daniel Schlumberger director da Delegación Arqueolóxica Francesa en Afganistán (DAFA), posto que asumiu o ano seguinte,[2] en substitución de Alfred Foucher (1923-1945), que fora o seu primeiro director.[12] O ano seguinte, a DAFA reconstituíuse baixo a súa dirección:[13]
“ | De acordo co Goberno afgán, M. Schlumberger elaborou un novo programa de investigación que, partindo dun estudo xeral e sen descoidar os períodos grego e greco-budista, se estenderá ás antigüidades gaznévidas que aínda non foran obxecto de estudos metódicos.[14] | ” |
“ | En 1945, cando asumín a dirección da Delegación Arqueolóxica, aceptei a tarefa coa esperanza principal de realizar escavacións gregas. Durante moito tempo, esta esperanza viuse defraudada. —Daniel Schlumberger, 1965.[15] | ” |
A partir de 1955 ocupou unha cátedra na Universidade de Estrasburgo, dividindo o seu tempo entre Francia e Afganistán ata 1965. Foi daquela, logo de vinte anos de traballo en Afganistán, cando se retirou da Delegación. En 1967, sucedeu a Henri Seyrig como director del Instituto Francés de Beirut.[2][16]
En 1958 converteuse en membro libre da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres .[2][3][17]
Falecemento
[editar | editar a fonte]Daniel Schlumberger finou o 20 de outubro de 1972 en Princeton, Nova Jersey,[18] onde realizaba unha estadía de estudos.[2]
Principais campañas de escavación
[editar | editar a fonte]En 1934, Daniel Schlumberger realizou escavacións en Djebel el-Chaar.[19]
Do 1 de xuño ao 12 de xullo de 1936, realizou escavacións en Qasr-el-Heir el Garbi (rexión de Palmira).[20]
Na primavera de 1947, Schlumberger levou a cabo prospeccións no sitio de Bactres (Balkh),[13] un dos primeiros obxectivos da DAFA logo da súa creación en 1922.[21]
Tras as prospeccións realizadas nas ruínas da cidade de Qala-i-Bist en 1948, na primavera de 1949 descubriuse un conxunto de ruínas aparentemente gaznévidas. A primeira campaña de escavación no sitio coñecido como Lashkari Bazar tivo lugar na primavera de 1949.[22] Daniel Schlumberger seguiu a publicar notas ata a quinta campaña de escavación.[23]
Schlumberger participou tamén en numerosas campañas de escavación no sitio arqueolóxico de Surkh Kotal entre 1952 —data da súa primeira publicación sobre este sitio—[24] e 1965 —data da súa derradeira publicación sobre el—)[25] Publicou notas da segunda[26] á duodécima campaña de escavación.[27][28][29]
En 1962, Daniel Schlumberger recoñeceu un capitel corintio nunha fotografía nas beiras do río Oxus. Malia todo, por mor da posición do sitio arqueolóxico na fronteira nordeste de Afganistán, non puido realizar escavacións alí inmediatamente. Só puido visitar o sitio coñecido como Aï-Khanoum en novembro de 1963, onde non permaneceu máis de dúas horas, e novamente en novembro de 1964, cando el e o seu equipo puideron ficar dez días e realizar escavacións de sondaxe.[16] Dada a importancia deste sitio, confioullo a Paul Bernard.[18]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Daniel Schlumberger foi autor dunha boa cantidade de artigos publicados en revistas especializadas ao longo da súa traxectoria académica. Ernest Will recolle minuciosamente esta produción bibliográfica desde 1933 ata 1972 no seu estudo biográfico sobre o arqueólogo publicado en 1973.[30]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Schlumberger, Daniel Théodore". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Gelin, M. (2010). Páxinas 19-21.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Amandry, P. (1978). Páxina 483.
- ↑ Amandry, P. (1978). Páxinas 483-484.
- ↑ 5,0 5,1 Amandry, P. (1978). Páxina 484.
- ↑ Amandry, P. (1978). Páxina 485.
- ↑ Schlumberger, D. (1939). "Bornes frontières de la Palmyrène". En Syria. Archéologie, Art et histoire. Vol. 20. Nº 1. Páxina 43.
- ↑ Schlumberger, D. (1939). "Bornes frontières de la Palmyrène". En Syria. Archéologie, Art et histoire. Vol. 20. Nº 1. Páxina 66.
- ↑ Amandry, P. (1978). Páxina 486.
- ↑ Amandry, P. (1978). Páxinas 487-488.
- ↑ Fussman, G. (1973). Páxina 411.
- ↑ Bernard, P. (2002). "L'œuvre de la Délégation archéologique française en Afghanistan (1922-1982)". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 146. Nº 4. Páxinas 1.287-1.323.
- ↑ 13,0 13,1 Schlumberger, D. (1948). "La prospection archéologique de Balkh (printemps 1947), rapport sommaire". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 92. Nº 1. Páxinas 38-41.
- ↑ Schlumberger, D. (1945). "Nouvelles de la mission en Afghanistan". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 89. No 4. Páxinas 525–525.
- ↑ Schlumberger, D. (1965). "Aï Khanoum, une ville hellénistique en Afghanistan". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 109. No 1. Páxinas 36-46.
- ↑ 16,0 16,1 Robert, L. (1965). Páxinas 7-9.
- ↑ "Académiciens depuis 1663". AIBL.fr
- ↑ 18,0 18,1 Boyancé, P. (1972). Páxinas 574-576.
- ↑ Schlumberger, D. (1935). "Une campagne de fouilles au Djebel-el-Chaar en 1934". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 79. Nº 2.Páxinas 250-256.
- ↑ Schlumberger, D. (1936). "Fouilles de Qasr-el-Heir el Garbi (Palmyrène)". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 80. Nº 3. Páxina 216.
- ↑ Schlumberger, D. (1949). "Prospection archéologique de Bactres (printemps 1947). Rapport sommaire". En Syria. Archéologie, Art et histoire. Vol. 26. Nº 3. Páxinas 173-190.
- ↑ Schlumberger, D. (1949). "Les ruines ghaznévides de Lashkari Bazar (Afghanistan)". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 93. Nº 2. Páxinas 173-175.
- ↑ Schlumberger, D. (1952). "Note sur les quatrième et cinquième campagnes de fouilles de Lashkari Bazar". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 96. Nº 1. Páxinas 66-68.
- ↑ Schlumberger, D. (1952). "Le temple de Surkh Kotal en Bactriane". En Journal Asiatique. CCXL. Páxinas 433-453
- ↑ Schlumberger, D. (1964). "Le temple de Surkh Kotal en Bactriane (IV)". En Journal Asiatique. Páxinas 303-326.
- ↑ Schlumberger, D. (1954). "Note sur la 2e campagne des fouilles de Surkh Kotal en Bactriane". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 98. Nº 1. Páxinas 107-109.
- ↑ Schlumberger, D. (1955). "La 3e campagne des fouilles de Surkh Kotal en Bactriane". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 99. Nº 1. Páxinas 64-71.
- ↑ Schlumberger, D. (1957). "Les fouilles de Surkh Kotal en Bactriane (4e, 5e, 6e campagnes)". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 101. Nº 2. Páxinas 176-184.
- ↑ Schlumberger, D. (1961). "Les fouilles de Surkh-Kotal en Bactriane (VIle-XIIe campagnes)". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 105. Nº 2. Páxinas 205-209.
- ↑ "Bibliographie de Daniel Schlumberger". En Will, E. (1973). Páxinas 270-274.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Amandry, P. (1978). "Notice sur la vie et les travaux de M. Daniel Schlumberger, membre de l'Académie". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 122. Nº 2. Páxinas 482-497.
- Boyancé, P. (1972). "Allocution à l'occasion de la mort de M. Daniel Schlumberger, membre de l'Académie". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 116. Nº 3. Páxinas 574-576.
- Fussman, G. (1973). "Daniel Schlumberger (1904-1972)". En Bulletin de l'École française d'Extrême-Orient. Vol. 60. Nº 1. Páxina 411.
- Gelin, M. (2010). Daniel Schlumberger: L'Occident à la rencontre de l'Orient. Institut Français du Proche-Orient. ISBN 978-2351591611
- Robert, L. (1965). "Nouvelles des fouilles de M. Daniel Schlumberger à Aï Khanoum (Afghanistan), découverte de céramiques et de fragments architecturaux". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. Vol. 109. Nº 1. Páxinas 7-9
- Will, E. (1973). "Daniel Schlumberger (19 décembre 1904-21 octobre 1972)". En Syria. Archéologie, Art et histoire. Vol. 50. Nº 3. Páxinas 266-276.